Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 9 Mércores, 15 de xaneiro de 2003 Páx. 461

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA, RELACIÓNS INSTITUCIONAIS E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

ORDE do 27 de decembro de 2002, conxunta da Consellería de Sanidade e a Consellería de Asuntos Sociais, pola que se regula o establecemento de subvencións para a realización de programas destinados a prestarlles atención ós enfermos con trastornos mentais persistentes nos dispositivos de apoio comunitario dependentes das asociacións de familiares de enfermos psíquicos e outras entidades sen ánimo de lucro.

O Estatuto de autonomía de Galicia, no seu artigo 27.23º, asígnalle á Comunidade Autónoma competencia exclusiva en materia de asistencia social. Así mesmo, no artigo 33.2º establécese que lle corresponde o desenvolvemento lexislativo e a execución da lexislación básica do estado en materia de Seguridade Social, salvo as normas que configuran o seu réxime económico.

De conformidade co Decreto 44/2002, do 8 de febreiro, polo que se establece a estructura orgánica da Consellería de Sanidade, esta consellería é a responsable da dirección e coordinación das políticas sanitarias e sociosanitarias coa protección sanitaria dos sectores sociais máis desfavorecidos ou máis vulnerables.

Así mesmo, de conformidade co Decreto 402/2001, do 28 de decembro, polo que se establece a estructura orgánica da Consellería de Asuntos Sociais, correspóndelle a esta consellería o exercicio das competencias e funcións en materia de política de servicios sociais.

O Decreto 306/2001, do 15 de decembro, conforme o disposto nos artigos 15 e 18 da Lei de Galicia 1/1983, do 22 de febreiro, da Xunta e do seu presidente, modificada pola Lei 11/1988, do 20 de outubro, estableceu unha nova estructura orgánica do Goberno de Galicia. Posteriormente, o Decreto 310/2001, do 17 de decembro, procedeu a fixa-la a estructura orgánica dos departamentos da Xunta de Galicia e sinala no seu artigo 8.B) a adscrición do Servicio Galego de Saúde, como organismo autónomo de carácter administrativo, á Consellería de Sanidade. Entre as súas competencias correspóndelle a promoción da saúde mental, a proposta e xestión dos plans e programas no ámbito da Comunidade Autónoma e a coordinación dos dispositivos dedicados á saúde mental.

A orde da Consellería de Economía e Facenda do 11 de febreiro de 1998, modificada polas ordes do 24 de novembro de 2000 e do 25 de outubro de 2001, posibilita a tramitación anticipada dos expedientes de gasto imputables ós capítulos IV e VII dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma, no exercicio inmediatamente anterior ó dos orzamentos con cargo ós que se vaian imputa-los correspondentes gastos.

No Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, modificado pola Lei 8/1999, do 30 de decembro, de medidas fiscais, orzamentarias e de función pública e actuación administrativa, establécense os requisitos xerais aplicables ás subvencións concedidas pola Administración autonómica, normativa á que, en consecuencia, se adaptará a presente orde, tendo en conta, en todo caso, os principios de publicidade, obxectividade e concorrencia.

Por todo o antedito, facendo uso das facultades que me confiren os artigos 34.6º e 38 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, modificada pola Lei 11/1988, do 20 de outubro, e de acordo co establecido nos artigos 78.3º e 78.6º do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, modificado pola Lei 8/1999, do 30 de decembro, de medidas fiscais e orzamentarias de función pública e de actuación administrativa, e para a debida aplicación dos créditos orzamentarios para o fin ó que foron establecidos,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

A presente orde ten por obxecto o establecemento de subvencións económicas ás entidades sen ánimo de lucro que lles prestan atención ós enfermos con trastornos mentais persistentes nos dispositivos de apoio comunitario, ben sexan centros de rehabilitación psicosocial e laboral, pisos protexidos ou vivendas de transición.

A solicitude, tramitación e concesión das subvencións obxecto da presente orde axustarase ó disposto no Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, modificado pola Lei 8/1999, do 30 de decembro, de medidas fiscais e orzamentarias e da función pública e actuación administrativa e a orde da Consellería de Economía e Facenda do 11 de febreiro de 1998.

Artigo 2º.-Destinatarios.

1. Poderán solicita-las subvencións contidas nesta orde as asociacións, federacións ou calquera outra entidade de iniciativa social que sexan titulares dos centros de rehabilitación psicosocial e laboral, pisos protexidos, vivendas de transición e unidades residenciais, situados na Comunidade Autónoma galega e que realicen actividades destinadas á rehabilitación das persoas con trastornos mentais persistentes, sempre que se atopen inscritas no Rexistro de Entidades Prestadoras de Servicios Sociais da Consellería de Asuntos Sociais e no Rexistro de Centros, Servicios e Establecementos Sanitarios da Consellería de Sanidade no caso dos centros de rehabilitación psicosocial e laboral, ou que teñan presentado a correspondente solicitude de inscrición.

2. Para os efectos desta orde, enténdese por enfermo con trastorno mental persistente aquel doente con autonomía de conducta pero sen posibilidades

de convivencia familiar e que requira axuda psicosocial para o seu desenvolvemento e integración social na comunidade.

Artigo 3º.-Tipos de axudas.

Os tipos de axudas que se poderán solicitar son os seguintes:

a) De contratación de persoal para a realización de actividades e programas específicos para a rehabilitación dos trastornos mentais persistentes, así como para o mantemento dos centros de rehabilitación psicosocial e laboral.

b) Para a atención, mantemento e xestión do piso protexido, vivenda de transición e unidade residencial dirixido a prestar atención a estes colectivos.

Artigo 4º.-Normas xerais sobre as subvencións.

1. A axuda necesaria para a realización das actividades poderá acorda-lo financiamento total ou parcial do gasto, sen que en ningún caso implique duplicidade, de tal xeito que a suma das subvencións concedidas por todo tipo de organismos públicos, percibidas coa mesma finalidade, non supere o 100% do importe total do gasto efectuado.

2. Para a concesión das axudas reguladas nesta orde destinaranse 1.597.361 euros, con cargo ás aplicacións orzamentarias 11.01.311A.480.0, 16.02.212D.484.1 e 5001.2223.480.1 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para o ano 2003. A citada cantidade poderase incrementar en función das peticións presentadas e de acordo coas dispoñibilidades de crédito.

3. As actuacións polas que se conceden as axudas deberán realizarse dentro do exercicio do ano 2003.

4. As delegacións provinciais ou, se é o caso, os servicios centrais das consellerías de Sanidade e de Asuntos Sociais poderán efectua-las comprobacións que consideren oportunas en canto ó cumprimento dos requisitos esixidos pola lei.

Artigo 5º.-Solicitudes.

As solicitudes formularanse nos modelos oficiais que se facilitarán nas delegacións provinciais, servicios centrais das consellerías de Sanidade ou Asuntos Sociais ou no Sergas, así como en calquera das oficinas da Información Administrativa de Atención ó Cidadán da Xunta de Galicia, segundo o modelo normalizado que figura no anexo I da presente orde, á que se lle xuntarán os seguintes documentos:

1. Documentos comúns.

a) Memoria descritiva da institución segundo o modelo oficial (anexo II).

b) Ficha de solicitude de transferencia bancaria segundo o modelo oficial (anexo III).

c) Certificación bancaria das contas correntes nas que se ingresará, se é o caso, o importe efectivo da subvención concedida.

d) Acreditación da personalidade e representación do solicitante.

e) Fotocopia debidamente cotexada da tarxeta de identificación fiscal.

f) Declaración das contías concedidas no ano 2002 para a mesma finalidade procedentes de calquera Administración ou entes públicos nacionais ou estranxeiros, ou negativa, se é o caso.

g) Documentación estatística relativa á institución e ós distintos centros ou servicios xestionados, debidamente cuberta nos modelos oficiais conforme o anexo VIII da presente orde.

h) Compromiso expreso de ceder a favor da Xunta de Galicia os dereitos dos resultados obtidos no caso de congresos, reunións científicas, estudios e publicacións, así como de presentar un informe destes.

2. Documentos específicos para cada tipo de axuda.

2.1. De contratación de persoal para a realización de actividades e programas específicos para a rehabilitación dos trastornos mentais persistentes, así como para o mantemento dos centros de rehabilitación psicosocial e laboral.

a) Documento no que conste a identificación do centro, cadro do persoal coa súa titulación debidamente acreditada mediante fotocopia da titulación cotexada así como a tarefa específica que realizar no centro (anexo IV).

b) Orzamento desagregado dos gastos previstos, de acordo cos epígrafes de «programa» e «xestión» (anexo V).

c) Memoria explicativa do programa específico onde consten os motivos para a súa realización así como os fins que se perseguen e os posibles usuarios que se beneficiarían del (anexo VI).

2.2. Para a atención, mantemento e xestión do piso protexido, vivenda de transición e unidade residencial dirixida a prestar atención a estes colectivos.

a) Memoria explicativa do programa, gastos derivados da xestión e mantemento do recurso, así como da necesidade de persoal (anexo VII)

Artigo 6º.-Lugar e prazo de presentación das solicitudes e documentación.

As solicitudes presentaranse, no prazo de vinte días hábiles contados a partir do día seguinte ó da publicación da presente orde, nas delegacións provinciais ou servicios centrais das consellerías de Sanidade ou Asuntos Sociais e do Sergas, ou en calquera dos lugares a que fai referencia o artigo 38.4º da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro e pola Lei 24/2001, do 27 de decembro.

Artigo 7º.-Tramitación dos expedientes.

Rematado o prazo de presentación de solicitudes, a Subdirección Xeral do Programa de Atención Sociosanitaria da Consellería de Sanidade examinará

os expedientes para comprobar que reúnen os requisitos esixidos pola presente orde, reclamándolle por escrito ós interesados os datos, documentos e aclaracións que considere necesarios para completa-lo expediente, con apercibimento de que, se non o fixesen nun prazo de dez días, consideraranse desistidos da súa petición, segundo o disposto no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, na redacción deste artigo dada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

Artigo 8º.-Comisión de valoración.

1. Completados os expedientes, serán remitidos para o seu informe preceptivo á comisión de valoración, a cal efectuará a proposta de resolución que remitirá ás secretarías xerais das consellerías de Sanidade e Asuntos Sociais.

2. Para tal efecto constituirase unha comisión composta polos seguintes membros:

a) Presidente: subdirector xeral do Programa de Atención Sociosanitaria ou persoa en quen delegue.

b) Vocais:

-Subdirector xeral de Atención a Persoas con Discapacidade ou persoa en quen delegue.

-Xefe do Servicio de Programas para Discapacitados ou persoa en quen delegue.

-Xefe do Servicio de Saúde Mental do Sergas ou persoa en quen delegue.

-Secretario: o xefe de área do Programa de Atención Sociosanitaria na área social ou persoa en quen delegue.

Artigo 9º.-Criterios de prioridade na concesión das subvencións.

As axudas previstas nesta orde atenderán á seguinte prioridade:

a) A contratación de persoal necesario para a realización de actividades tendo en conta a súa cualificación profesional e o número de horas efectivas de traballo á semana.

b) As necesidades económicas para a xestión e mantemento dos centros de rehabilitación psicosocial e laboral, piso protexido, vivenda de transición ou unidade residencial.

c) A área sanitaria e poboación de referencia do lugar no que a asociación realiza as súas actividades, así como a súa dispersión xeográfica.

d) Número de usuarios que acoden regularmente ó centro e ás actividades que se realizan nel, así como a súa continuidade no tempo.

e) Número de persoas acollidas nos pisos protexidos, vivendas de transición ou unidades residenciais.

f) A existencia ou non doutro dispositivo complementario de atención á saúde mental na mesma área sanitaria.

g) A coordinación efectiva cos diferentes dispositivos de saúde mental expresado nun informe do coordinador da área de saúde mental do Sergas.

h) Axuste, se é o caso, da memoria económica co orzamento presentado o ano anterior.

Artigo 10º.-Resolución e formalización das subvencións.

1. Realizado o expediente, o secretario xeral da Consellería de Sanidade e o secretario xeral da Consellería de Asuntos Sociais, por delegación, procederán á súa resolución no prazo de seis meses contados a partir do día seguinte ó da publicación desta convocatoria, trala proposta da comisión, e logo da súa fiscalización pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma.

2. Transcorrido o prazo máximo para resolve-lo procedemento sen que recaese resolución expresa, poderase entender desestimada a concesión da subvención.

3. Delégase nos secretarios xerais destas consellerías a facultade para autorizar e dispoñer dos gastos previstos por esta orde, así como para propoñe-la ordenación dos pagamentos correspondentes.

4. As resolucións recaídas serán motivadas e notificaránselle ós interesados para a execución da subvención outorgada.

5. Poderán ser modificadas as devanditas resolucións no caso de alteración das circunstancias que serviron de base para o seu outorgamento. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvención ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

6. O importe das subvencións outorgadas en ningún caso poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con subvencións ou axudas doutras administracións públicas ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, supere o custo da actividade que vai desenvolve-lo beneficiario ou, se é o caso, a porcentaxe máxima do investimento subvencionable que legalmente se estableza.

7. As resolucións recaídas poñerán fin á vía administrativa e poderán ser impugnadas potestativamente en reposición, ante o mesmo órgano que as dictou, no prazo dun mes, se o acto é expreso, ou tres meses se non o é, ou ser impugnadas directamente ante a orde xurisdiccional contencioso-administrativa, de acordo co previsto no artigo 116 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, segundo redacción dada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

Artigo 11º.-Pagamento e xustificación das subvencións.

1. Dictada a resolución pola que se concede a subvención, procederase ó pagamento da forma que

se indica nos parágrafos seguintes, en función da contía concedida:

a) O primeiro 50% da totalidade da subvención, con carácter de anticipo á conta da liquidación.

Para facer efectivo este primeiro pagamento deberase acreditar, mediante declaración xurada, que non se ten pendente de pagamento ningunha débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma e, así mesmo, acreditar encontrarse ó día das obrigas tributarias e sociais. Ademais, deberase remitir á Subdirección Xeral do Programa de Atención Sociosanitaria os seguintes documentos:

-Copia cotexada da contratación do/s traballador/es.

-Copia da alta na Seguridade Social, se é o caso.

-No caso de traballadores por conta propia, copia cotexada do NIF ou alta fiscal, así como previsión do número de horas nas que efectuará o seu traballo e a contía anual.

b) Poderán acordarse pagamentos parciais á conta da liquidación definitiva, á medida que o beneficiario xustifique os gastos, que nunca serán superiores ó 80% da subvención concedida.

c) O 20% restante farase efectivo unha vez que o beneficiario xustifique a totalidade da subvención concedida mediante orixinais ou fotocopia cotexada e por ese concepto.

As certificacións e xustificantes dos gastos remitiranse á Subdirección Xeral do Programa de Atención Sociosanitaria da Consellería de Sanidade, quen os conformará.

2. No momento da xustificación da execución total do proxecto e, en calquera caso, antes do derradeiro pagamento, o peticionario presentará unha declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas, tanto das aprobadas ou concedidas como das pendentes de resolución, para un mesmo proxecto, das distintas administracións públicas ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades.

3. Así mesmo, a entidade obxecto da subvención deberá presentar, antes do 31 de xaneiro do exercicio seguinte, ante a delegación provincial respectiva ou nos servicios centrais, e dirixida á Subdirección Xeral do Programa de Atención Sociosanitaria, un balance de ingresos e gastos comprensivo de todo o ano natural, así como unha memoria das actividades realizadas no exercicio. Cumprir este trámite considérase requisito previo para a concesión de subvencións nos exercicios seguintes.

Artigo 12º.-Outras obrigas das entidades subvencionadas.

Ademais do xa establecido nesta orde, e tendo en conta o disposto no artigo 78.4º do texto refundido da Lei de réxime administrativo financeiro e orzamentario, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, segundo a redacción dada pola Lei 8/1999, do 30 de decembro, de medidas fiscais

e orzamentarias e da función pública e actuación administrativa, os beneficiarios destas subvencións deberán:

a) Facer constar en todo tipo de publicidade e información a condición de subvencionada pola Consellería de Sanidade e a Consellería de Asuntos Sociais.

b) Remiti-los informes e demais documentación que reclamen os órganos competentes das consellerías.

c) Autoriza-la inspección dos órganos competentes da Consellería de Sanidade sobre os seus centros e actividades.

d) Acreditar ante a entidade concedente a realización da actividade e o cumprimento dos requisitos e das condicións que se determine na concesión da subvención.

e) Facilitar toda a información que sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no exercicio das funcións de fiscalización e control do destino das axudas.

Artigo 13º.-Revogación e reintegro.

O incumprimento total ou parcial de calquera das condicións establecidas na presente orde, así como a duplicidade de axudas con cargo a outros créditos dos orzamentos xerais do Estado, da Seguridade Social, Administración institucional, autonómica ou local, constituirá causa determinante de revogación da axuda ou do seu reintegro polo beneficiario ou solicitante, xunto cos xuros de demora, segundo o previsto no artigo 78.9º do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, modificado pola Lei 8/1999, do 30 de decembro, de medidas fiscais e orzamentarias e de función pública e actuación administrativa.

Artigo 14º.-Infraccións e sancións.

No relativo a esta materia rexerá o disposto no artigo 79 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, modificado pola Lei 8/1999, do 30 de decembro, de medidas fiscais e orzamentarias e de función pública e actuación administrativa.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Autorízase os secretarios xerais das consellerías de Sanidade e Asuntos Sociais para dictaren as normas necesarias para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-A presente orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 27 de decembro de 2002.

José Mª Hernández CochónCorina Porro Martínez

Conselleiro de SanidadeConselleira de Asuntos Sociais