Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 6 Venres, 10 de xaneiro de 2003 Páx. 333

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

DECRETO 359/2002, do 19 de decembro, polo que se declara a urxente ocupación, para efectos de expropiación forzosa, polo Concello de Leiro (Ourense), dos bens e dereitos necesarios para a realización das obras do proxecto de construcción dunha vía de acceso público ó Balneario de Berán.

O Concello de Leiro, en sesión celebrada o día vintecinco de abril de dous mil dous, aprobou o proxecto de construcción dun vial de acceso público ó Balneario de Berán, e na mesma sesión, acordou solicitar da Xunta de Galicia a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos afectados pola expropiación forzosa ó abeiro do disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa.

Por parte do concello foi remitida a documentación complementaria para a correcta tramitación do expediente con data de entrada no rexistro xeral da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais o día once de decembro de dous mil dous.

Os bens nos que se concreta a declaración de urxente ocupación están determinados no expediente que se someteu a información pública.

A Dirección Xeral de Urbanismo da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda emitiu informe favorable. O dito informe tivo entrada

no rexistro xeral da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais o día nove de decembro de dous mil dous.

Considérase necesaria a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos precisos para a realización das obras do proxecto técnico sinalado, xa que segundo sinala o concello, a actuación é necesaria e imprescindible para elimina-lo grave problema de seguridade vial existente nesa zona, debido ó estreitamento do acceso actual, cun firme en moi mal estado, ó que se engade o perigo actual de derruba do muro de contención do camiño, debido á circulación de cargas na zona, que o deixaron sen estabilidade, provocando que o acceso actual sexa moi perigoso, e non exista ata o edificio, entroncando ademais coa estrada Caldelas-Berán, punto de nula visibilidade, que xa provocou varios accidentes, sendo de grande perigosidade para os usuarios da vía, tanto para peonís como para o tráfico rodado.

Cómpre destacar tamén que o Balneario de Berán é frecuentado sobre todo por persoas da terceira idade, moitas delas con minusvalidez, que teñen que acceder ó balneario salvando un gran desnivel do terreo, provocando tódolos anos accidentes entre os moitos usuarios das instalacións, e que unha vez executadas as obras, contarán cun acceso rodado ata o mesmo balneario, eliminándose a perigosa entrada actual, as zonas de visibilidade reducida e facendo posible o tránsito de vehículos e persoas con plenas garantías de seguridade vial.

A competencia para a declaración da urxente ocupación correspóndelle ó Consello da Xunta de Galicia segundo o disposto nos artigos 27.2º e 28.2º do Estatuto de autonomía de Galicia.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día dezanove de decembro de dous mil dous,

DISPOÑO:

Artigo único.-De conformidade co disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa, declárase a urxente ocupación, polo Concello de Leiro, para efectos de expropiación forzosa, dos bens e dereitos concretados no expediente administrativo instruído para o efecto e necesarios para a execución das obras do proxecto de construcción dun vial de acceso público ó Balneario de Berán.

Santiago de Compostela, dezanove de decembro de dous mil dous.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Antonio Pillado Montero

Conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA, RELACIÓNS INSTITUCIONAIS

E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA