Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 3 Martes, 07 de xaneiro de 2003 Páx. 152

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

CONSELLERÍA DE INDUSTRIA E COMERCIO

RESOLUCIÓN do 22 de novembro de 2002, da Delegación Provincial de Lugo, pola que se aproba o proxecto de execución, se autoriza e se declara, en concreto, de utilidade pública, para os efectos da urxente ocupación, a L.M.T., C.T. e R.B.T. de Pacio, Carballo e Zanfoga, nos concellos de Láncara e Sarria. (Expediente 27/2001 A.T.).

Visto o expediente incoado nesta delegación provincial por petición de Unión Fenosa Distribución, S.A. con domicilio para os efectos de notificación na avda. Finisterre 171, A Coruña, que solicita aprobación do proxecto, autorización administrativa e declaración da utilidade pública da instalación elécgrica de referencia.

Cumpridos os trámites sinalados no artigo 53 da Lei 54/1997, do 27 de novembro, do sector eléctrico, e os ordienados no título VII do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro.

Visto que durante o período no que se someteu o expediente ó trámite de información pública se presentou a seguinte alegación:

1. Antonio López Seijido, quen nun primeiro escrito de alegacións solicita que se modifique o trazado proxectado de xeito que a súa parcela non se vexa afectada da forma que se pretende no proxecto que nos ocupa xa que suporía un prexuízo enorme para ela, deixándoa completamente inservible ó atravesala polo medio e afectando a unha superficie de 870 m.

Nun segundo escrito de alegacións, Antonio López Seijido manifesta que a descrición da parcela é incompleta xa que, ademais de ter unha parte destinada a prado, tamen existe outra parte de horto e outra de labradío.

Considerando que tal alegación, vista a contestación dada a ela por parte da empresa promotora e o resto de documentación que figura no expediente, non impiden continuar coa tramitación do expediente polas seguintes razóns:

1. Porque, segundo establece o artigo 4º do Regulamento de liñas eléctricas aéreas de alta tensión, as liñas eléctricas estudiaranse seguindo o trazado que considere máis conveniente o autor do proxecto no seu intento de logra-la solución óptima para o conxunto da instalación, ademais, o novo trazado proxectado, segundo manifesta a empresa Unión Fenosa, supón unha menor afección dos predios no tramo que se modifica e unha diminución do número de afectados sometidos a expropiación.

2. Porque o alegante, aínda que solicita unha variación do trazado, non fai unha proposta concreta sobre plano, que poida ser obxecto de estudio para os efectos de comprobar se se axustaría ou non ó establecido no artigo 161 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan os procedementos de autorización de instalación de enerxía eléctrica. Non obstante, modifica-lo proxecto, de xeito que

afecte á parcela do alegante, como éste solicita, por un extremo dela, suporía unha variación do trazado da liña superior en lonxitude ó dez por cento da parte da liña afectada pola variación que, segundo o proxecto, discorre pola propiedade de Antonio López Seijido polo que non se cumprirían os requisitos establecidos no referido artigo 161 do devandito real decreto.

3. Porque, polo que respecta os prexuízos que o trazado da liña lle ocasione ó afectado, estes serán obxecto da correspondente indemnización, para o que se tramitará o pertinente expediente de prezo xusto segundo o procedemento establecido nos artigos 24 e seguintes da Lei de expropiación forzosa.

4. Por último, no que respecta á definición da parcela, porque a empresa rectificou a descrición dela asumindo a existencia de horto e labradío afectados polo trazado.

Nembargantes, será no momento do levantamento da acta previa á ocupación da parcela, acto para o cal será convenientemente convocado o alegante, (que poderá ir acompañado dun perito ou dun notario á súa custa) e no que estará presente un representante da Administración, cando se defina de forma exacta a afección que se lle ocasiona ó predio, así como as características do cultivo que se vexa afectado para os efectos de que o Xurado Provincial de Expropiación determine, unha fase posterior, a indemnización que corresponda.

Vista sobre o terreo a traza da liña eléctrica proxectada, observáse que na liña, ó seu paso polos predios relacionados na información pública, non se dá ningunha limitación sobre os predios en expropiación, ós que se refire o artigo 161 do Real decreto 1955/2000, en relación co artigo 57 da Lei 54/1997.

Sendo competente este organismo, con base no Estatuto de autonomía de Galicia, no Real decreto 2563/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servicios da Administración do Estado á Comunidade Autónoma galega en materia de industria, enerxía e minas, e vista a Lei 54/1999, do 27 de novembro, e o Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro.

RESOLVO:

Primeiro.-Autorizarlle a Unión Fenosa Distribución, S.A. o establecemento da dita instalación eléctrica, coas seguintes características principais:

1. Liña de media tensión aérea con orixe na L.M.T. Gomeán-Sarria e remate no C.T. proxectado de Carballo de 1.960 m de lonxitude a 20 kV sobre apoios de formigón en conductor LA-56.

2. Liña de media tensión aérea con orixe na L.M.T. ó C.T. proxectado de Carballo e remate no C.T. proxectado de Pacio de 1.520 m de lonxitude a 20 kV sobre apoios de formigón en conductor LA-56.

3. Centro de transformación aéreo de intemperie de Carballo de 100 kVA de potencia e relación de transformación 20.000/380-220 V.

4. Centro de transformación aéreo de intemperie de Pacio de 50 kVA de potencia e relación de transformación 20.000/380-220 V.

5. Rede de baixa tensión aérea de Carballo de 2.180 metros de lonxitude a 380/220 V sobre apoios de formigón e madeira en conductor R.Z.

6. Rede de baixa tensión aérea de Pacio de 2.480 metros de lonxitude a 380/220 V sobre apoios de formigón e madeira en conductor R.Z.

7. Rede de baixa tensión soterrada de Pacio de 40 metros de lonxitude a 380/220 V directamente soterrada en conductor R.V.

Segundo.-Declara-la utilidade pública da instalación eléctrica autorizada, coas consecuencias establecidas no artigo 54 da Lei 54/1997, do 27 de novembro, do sistema eléctrico, da necesidade de ocupación dos bens ou de adquisición dos dereitos afectados e de urxente ocupación para os efectos do artigo 52 da Lei de expropiación forzosa. Igualmente, levará implícita a autorización para o establecemento ou paso da instalación eléctrica sobre terreos de dominio, uso ou servicio público, ou patrimoniais do Estado, ou das comunidades autónomas, ou de uso público, propios ou comunais da provincia ou municipio, obras e servicios destes e zonas de servidume pública.

Terceiro.-Prestar aprobación ó proxecto de execución denominado L.M.T., C.T. e R.B.T. Pacio, Carballo e Zanfoga e o seu anexo, asinado polo enxeñeiro técnico industrial José María Fernández Rey, e visado polo COETI na Coruña co número 014780 en data 24-2-2000 e 25-4-2002, unha vez cumpridos os trámites que se sinalan no capítulo II, título VII do citado Real decreto 1955/2000, e visto o contido dos informes técnicos do 2 de xullo de 2002.

Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licencias ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios en relación coas instalacións autorizadas.

Cuarto.-En cumprimento do disposto nos artigos 52 da Lei de expropiación forzosa, do 16 de decembro de 1954, acordo que o representante da Administración dea comezo, en data e hora que a cada interesado se lle notificará individualmente, ó levantamento das actas previas á ocupación dos predios contidos nas relacións publicadas no diario El Progreso do 26 de xullo de 2002, Diario Oficial de Galicia do 16 de agosto de 2002, e no BOP de Lugo do 3 de agosto de 2002, e expostas no taboleiro oficial desta delegación provincial e no taboleiro de edictos do Concello de Sarria. Ata o momento do levantamento das actas previas, poderanse formula-las alegacións, por escrito, que se consideren pertinentes para os efectos de rectificar posibles erros na relación de bens afectados, ante esta delegación provincial.

Esta publicación realízase igualmente para os efectos do artigo 59.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, cando os titulares dos predios propostos sexan descoñecidos ou se ignore o lugar de notificación e, así dirixirlle ó Ministerio Fiscal as dilixencias que se produzan, de conformidade co artigo 5 da Lei de expropiación forzosa, do 16 de decembro de 1954.

Esta resolución non é definitiva na vía administrativa e contra ela poderase interpoñer recurso de alzada perante o conselleiro de Industria e Comercio no prazo dun mes, contado desde o día seguinte ó da súa notificación/publicación. Tamén se poderá interpoñer calquera outro recurso que se considere oportuno para a defensa dos dereitos e intereses por parte dos interesados.

Lugo, 22 de novembro de 2002.

Jesús Bendaña Suárez

Delegado provincial de Lugo