Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 249 Xoves, 26 de decembro de 2002 Páx. 17.693

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

INSTITUTO GALEGO DE PROMOCIÓN ECONÓMICA

RESOLUCIÓN do 13 de decembro de 2002 pola que se lle dá publicidade ó acordo do Consello de Dirección do Instituto Galego de Promoción Económica, polo que se aproba a modificación das bases reguladoras dos apoios do Instituto Galego de Promoción Económica ós proxectos empresariais de investimento.

O punto 1 da base 6ª das reguladoras dos apoios do Igape ós proxectos empresariais de investimentos (DOG nº 142, do 23 de xullo de 2002), prevé que a concesión das axudas sexan, con carácter xeral, de ata un máximo do 15% dos gastos subvencionables.

Mediante Resolución do 1 de agosto de 2002 (DOG nº 153, do 9 de agosto), modificáronse as bases no sentido de conceder unha subvención do 50% do prezo de adquisición dos terreos localizados en polígonos de promoción pública, no caso da súa adquisición directamente ó organismo público promotor. Esta subvención atópase limitada pola porcentaxe xeral do 15% para o conxunto de gastos subvencionables.

Considérase oportuno primar aqueles proxectos de investimento promovidos por empresas xa establecidas en Galicia e que teñan como finalidade a incorporación na cadea productiva dun novo producto con alto valor engadido.

Na súa virtude e de conformidade coas facultades que teño conferidas,

RESOLVO:

Único.-Publica-la seguinte modificación das bases reguladoras dos apoios do Igape ós proxectos empresariais de investimento, acordada polo Consello de Dirección do instituto na súa reunión do 28 de novembro de 2002:

Engádese un punto 3 á base 6ª co seguinte texto:

«6.3. Naqueles proxectos de ampliación acometidos por empresas xa establecidas en Galicia coa finalidade de incorporar un novo producto con alto valor engadido na súa cadea productiva, a subvención que de se-lo

caso lle correspondese polo 50% do prezo de adquisición dos terreos localizados en polígonos de promoción pública, de conformidade co punto 5.1.A) a) I) destas bases, acumularase á subvención xeral de ata o 15% sobre os restantes gastos subvencionables».

A presente resolución entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, estendendo a súa eficacia a aqueles expedientes en tramitación, pendentes de resolución.

Santiago de Compostela, 13 de decembro de 2002.

Margarita Rodríguez Rama

Directora xeral do Instituto Galego

de Promoción Económica