Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 248 Martes, 24 de decembro de 2002 Páx. 17.672

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE FAMILIA E PROMOCIÓN DO EMPREGO, MULLER E XUVENTUDE

ORDE do 16 de decembro de 2002 pola que se declara de interese galego e se ordena a inscrición da Fundación Milenio no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

Visto o expediente de recoñecemento de interese galego e a inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Fundación Milenio en Santiago de Compostela (A Coruña).

Supostos de feito.

Primeiro.-O Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día 6 de setembro de 2002, acordou aproba-los estatutos da Fundación Milenio e autoriza-la Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude para o outorgamento da carga fundacional e para a realización de tódolos trámites necesarios para a constitución da dita fundación.

Segundo.-A fundación constituíuse en escritura pública outorgada o 20 de setembro de 2002 en Santiago de Compostela, ante o notario Carlos de la Torre Deza, co número 148 do seu protocolo.

Terceiro.-A conselleira de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, na súa calidade de representante da fundación, en escrito do 7 de novembro de 2002, solicitou a clasificación e inscrición da fundación no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

Cuarto.-A comisión integrada por tódolos secretarios xerais, na reunión que tivo lugar o día 12 de novembro de 2002, elevou ó conselleiro da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Publica proposta de clasificación como de interese galego da Fundación Milenio.

Quinto.-Á vista da proposta da Comisión de Secretarios Xerais, pola orde da Consellería da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública do 13 de novembro de 2002 (Diario Oficial de Galicia nº 227, do 25 de novembro), clasificouse como de interese social a Fundación Milenio, tendo en conta o disposto no artigo 32.2º c) do Regulamento de organización e funcionamento do protectorado de fundacións de interese galego, e dado o seu obxecto, adscribiuse á Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude.

Sexto.-Segundo consta no artigo 5 dos seus estatutos, é obxecto e finalidade da fundación a realización das actividades, legalmente posibles, tendentes á articulación dun enfoque na creación de emprego e no mantemento dun crecemento económico sostido e da mellora das condicións de vida dos cidadáns e, en particular dos mozos, así como á coordinación dos diferentes axentes interadministrativos intervenientes na súa consecución, para o que poderá realizar, entre outras, as seguintes actuacións:

a) Desenvolver actividades en coordinación cos diferentes axentes dependentes das distintas institucións representadas na fundación, e que participan na implantación das políticas de emprego e de mellora das condicións de vida e na información dos cidadáns e, en particular, dos mozos.

b) A realización de todo tipo de estudios, análises e prospectivas, así como a prestación de servicios

relacionados e que redunden no cumprimento dos fins fundacionais e na aproximación dos servicios ós cidadáns.

c) Promover e realizar toda clase de actividades e servicios de formación, orientación e asesoramento en materia laboral e de emprego.

d) Calquera outra actividade que conduza ó cumprimento dos fins fundacionais que poida determina-lo padroado.

Sétimo.-Na escritura pública pola que se constitúe a fundación, nos estatutos e na demais documentación que figura no expediente constan, entre outros, os seguintes extremos: acreditación da personalidade do fundador, dotación inicial da fundación, estatutos nos que consta a denominación (Fundación Milenio), a composición do órgano de goberno e o réxime de adopción de acordos, o obxecto e o enderezo.

O padroado da fundación está integrado polos membros que se designen no artigo 8 dos seus estatutos.

Oitavo.-A Secretaría Xeral da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, solicitou informe da asesoría xurídica, conforme o disposto no artigo 32.3º a) do Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, aprobado polo Decreto 248/1992, do 18 de xuño, que aquela emitiu favorablemente o 27 de novembro de 2002.

Fundamentos de dereito.

Primeiro.-O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral, de acordo coa lei. O artigo 27.26º do Estatuto de autonomía para Galicia atribúelle a esta Comunidade Autónoma competencia exclusiva sobre o réxime das fundacións de interese galego.

Segundo.-Conforme o artigo 32.3º a) do Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, así como o artigo 1 do Decreto 250/2002, do 18 de xullo, polo que se establece a estructura orgánica da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, é competencia desta consellería a declaración de interese galego e a inscrición no Rexistro de Fundacións, da Fundación Milenio, dado o seu obxecto coincidente coas competencias desenvolvidas por aquela, asumindo as funcións que como protectorado lle corresponden á Xunta de Galicia.

Terceiro.-Ó abeiro do disposto no artigo 7.5º da Lei 7/1983, do 22 de xuño, á realización da finalidade fundacional débese destinar, cando menos, o oitenta por cento das rendas que obteña a fundación e dos outros ingresos que non formen parte da dotación da fundación.

Cuarto.-A Lei 11/1991, do 8 de novembro, dá nova redacción ó artigo 21.2º da Lei 7/1983, establecendo a obriga de, por unha banda, formular e presenta-lo orzamento de ingresos e gastos ó protectorado con anterioridade ó inicio do exercicio económico e, por outra banda, a de efectuar un inventario-balance, pechado na data do remate do exercicio, unha memoria das actividades realizadas durante o ano e da xestión

económica do patrimonio, así como a liquidación do orzamento de ingresos e gastos do ano anterior, que deberán presentarse ó protectorado no prazo de seis meses desde a data de peche do exercicio.

Este conxunto de obrigas débese entender asumidos pola fundación aínda que non se recolla expresamente nos seus estatutos.

Quinta.-Á vista do exposto, pódense entender substancialmente cumpridos os requisitos legais e regulamentarios para a declaración de interese galego e a súa inscrición no Rexistro de Fundacións, sección da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude.

Así, en virtude do artigo 34 da Constitución española de 1978, o artigo 27.26º do Estatuto de autonomía de Galicia, a Lei 30/1994, do 24 de novembro, de fundacións e incentivos fiscais á participación privada en actividades de interese xeral, a Lei 7/1983, do 22 de xuño, de réxime das fundacións de interese galego, modificada pola Lei 11/1991, do 8 de novembro, o Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, o Decreto 250/2002, do 18 de xullo, polo que se establece a estructura orgánica da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, e a Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificado pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, así como as demais normativas de desenvolvemento e de xeral aplicación,

DISPOÑO:

Primeiro.-Recoñecer e declarar de interese galego a Fundación Milenio.

Segundo.-Ordena-la súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego, sección da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude.

Terceiro.-A dita fundación queda sometida ó disposto na normativa de xeral aplicación citada, en especial á obriga de lles dar publicidade suficiente ás súas actividades e á ausencia de ánimo de lucro na prestación dos seus servicios, quedando obrigada a lle dar contas anualmente ó protectorado e a xustificar, a través dunha memoria anual, o cumprimento das cargas fundacionais, así como a presenta-lo proxecto de orzamento con anterioridade ó inicio do exercicio económico para o que se formula, debendo solicita-las preceptivas autorizacións do protectorado cando sexan necesarias.

Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, poderá interpoñer recurso de reposición ante este mesmo órgano, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ó da notificación desta resolución, ou recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contado a partir do día seguinte ó da notificación desta resolución. En todo caso, non se poderá interpoñer recurso contencioso-administrativo ata que sexa resolto expre

samente ou se produza a desestimación presunta do recurso de reposición interposto.

Santiago de Compostela, 16 de decembro de 2002.

Manuela López Besteiro

Consellería de Familia e Promoción do Emprego,

Muller e Xuventude