Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 239 Xoves, 12 de decembro de 2002 Páx. 17.104

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

ACADEMIA GALEGA DE SEGURIDADE

RESOLUCIÓN do 29 de novembro de 2002 pola que se convoca un curso sobre a intervención psicolóxica en catástrofes e situacións críticas.

Dentro dos programas de actividades que a Academia Galega de Seguridade ten previsto realizar no ano 2003, e conforme as funcións atribuídas pola Lei 4/1992, do 9 de abril, de creación da Academia Galega de Seguridade, anúnciase a celebración dun curso sobre a intervención psicolóxica en catástrofes e situacións críticas, que deberá desenvolverse de acordo coas seguintes bases:

Primeira.-Obxectivos.

Que os responsables das agrupacións de voluntarios teñan presente que as circunstancias nas que se poden ver moitos voluntarios no desenvolvemento das súas actividades poden ser moi duras e difíciles de afrontar de maneira individual. Polo que é necesario ter uns coñecementos e adquirir unhas técnicas que, aínda que básicas, lle permitan dar respostas axeitadas a tales situacións, podéndoas canalizar de maneira axeitada.

Segunda.-Destinatarios.

O curso vai dirixido ós responsables das A.V.P.C. (presidente, xefe, subxefe e xefe de grupo).

Terceira.-Desenvolvemento.

1. Prazas: o número de prazas ofertadas para este curso é de 27.

2. Duración e data: o curso desenvolveranse durante os días 20, 21, 27 e 28 de febreiro de 2003, en xornada de mañá e tarde, cunha duración de 30 horas.

O horario será o seguinte: de 9.30 a 14 horas e de 17 a 20 horas.

3. Lugar: o curso celebrarase na Academia Galega de Seguridade, sita na avda. da Cultura s/n, 36680 A Estrada (Pontevedra).

Cuarta.-Solicitudes e prazo de inscrición.

1. A inscrición dos participantes será totalmente gratuíta.

2. O persoal que desexe participar neste curso deberá presentar, cuberta a máquina ou con letra moi clara, a instancia que figura no anexo.

3. O prazo para a presentación será de 15 días naturais a partir do día seguinte ó da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

4. As instancias deberán vir asinadas polo presidente da agrupación e seladas, e no caso de haber máis dunha solicitude da mesma agrupación, relacionalas en orde prioritaria. Este será requisito indispensable para ser admitido no curso.

5. As instancias deberán enviarse por correo, fax, etc. á sede da Academia Galega de Seguridade: avenida da Cultura, s/n, 36680 A Estrada, ou ben poden entregarse en calquera dos lugares previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Quinta.-Contido.

Nel trataranse os seguintes temas:

-Presentación, definición de obxectivos de coñecemento e metodoloxía formativa.

-Exposición e análise posterior, de contidos psicolóxicos reflectidos en determinados casos.

-Características psicolóxicas das situacións críticas nas dimensións comunitarias, grupais e individuais.

-Características psicolóxicas das situacións críticas nos roles de damnificado e auxiliador.

-Procedementos e técnicas de intervención psicolóxica con damnificados.

-Procedementos e técnicas de intervención psicolóxica cos equipos de auxilio e os seus compoñentes.

-Adestramento en técnicas de protección psicolóxica para equipos de intervención.

Sexta.-Relación de admitidos.

A relación de participantes admitidos para a realización do curso exporase no taboleiro de anuncios da Academia Galega de Seguridade, sen prexuízo da oportuna notificación ós seleccionados, con antelación á celebración do curso. Tamén poden confirma-la súa admisión chamando ó teléfono 986 59 00 21.

Sétima.-Certificado de asistencia.

Ó remate do curso entregaráselles un certificado de asistencia e aproveitamento a aquelas persoas que acrediten a súa participación continuada, e superen as correspondentes probas de coñecementos.

Oitava.-Modificacións.

A Academia Galega de Seguridade poderá modifica-lo desenvolvemento do curso para adapta-lo ás necesidades da Administración e ás continxencias que poidan xurdir.

A Estrada, 29 de novembro de 2002.

Juan José Fariñas-Ferro Rodríguez

Director xeral da Academia Galega de Seguridade