Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 233 Martes, 03 de decembro de 2002 Páx. 16.766

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE ASUNTOS SOCIAIS

ORDE do 19 de novembro de 2002 pola que se regula o procedemento de recoñecemento de actividades de carácter formativo como actos de interese no eido dos servicios sociais.

O Estatuto de autonomía de Galicia, no seu artigo 27.23º en relación co artigo 148.1º 20 da Constitución española, asígnalle á Comunidade Autónoma a competencia exclusiva en materia de acción social.

A Lei 4/1993, do 14 de abril, de servicios sociais de Galicia, no seu artigo 3 recolle como un dos principios inspiradores do sistema de servicios sociais, a promoción e incorporación dos cidadáns á programación e prestación dos servicios sociais.

A participación dos cidadáns na programación dos servicios sociais, pode artellarse a través do desenvolvemento de actividades formativas, educativas e de investigación que se configuren como elementos

dinamizadores cara á mellora dos sistemas de protección social, así como instrumentos de planificación de ambientes sociais destinados ás persoas que sofren algún tipo de carencia ou necesidade.

Correspóndelle á Consellería de Asuntos Sociais, en virtude do establecido no Decreto 402/2001, do 28 de decembro, o exercicio das competencias e funcións en materia de política social, sen prexuízo das atribucións conferidas á Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude.

Na súa virtude, segundo o establecido no artigo 38 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, modificada pola Lei 11/1988, do 20 de outubro,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

Esta orde ten por obxecto proporcionar un apoio institucional ás actividades e actos de carácter for

mativo que no ámbito dos servicios sociais se desenvolvan na Comunidade Autónoma de Galicia, mediante o seu recoñecemento como actos de interese no eido dos servicios sociais.

Artigo 2º.-Contido.

Poderán solicita-lo recoñecemento como actividade ou acto de interese as persoas físicas ou xurídicas de natureza pública ou privada que acrediten estar legalmente constituídas e que pretendan organizar:

a) Cursos ou ciclos, cunha duración mínima de corenta horas coa finalidade de promove-lo estudio, difusión, formación ou especialización nas materias de atención ás persoas maiores e persoas con discapacidade, servicios comunitarios, voluntariado social, inclusión social, sector sociosanitario e aqueloutras materias que sexan competencia da consellería.

b) Xornadas e congresos, calquera que sexa a súa duración e co mesmo contido sinalado no punto anterior.

Artigo 3º.-Solicitudes.

As solicitudes asinadas polo organizador ou polo seu representante legal formalizaranse mediante instancia segundo o modelo oficial que se xunta como anexo desta orde, dirixida ó secretario xeral da Consellería de Asuntos Sociais por calquera das canles previstas no artigo 38 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, alomenos con dous meses de antelación ó comezo da actividade ou acto.

Artigo 4º.-Documentación.

A solicitude deberá vir acompañada da seguinte documentación:

a) Acreditación da personalidade e representación do solicitante.

b) Actos científicos, divulgativos ou educativos que celebraron nos últimos dous anos e os anteriores que se consideren convenientes.

c) Memoria-resumo da actividade que se vai desenvolver e obxectivos que se perseguen.

d) Persoas ás que se dirixe a actividade e número previsto de participantes.

e) Programa con mención do profesorado ou conferenciantes, materias concretas que vai desenvolver cada un deles e, se é o caso, breve currículo.

f) Orzamento económico e, se é o caso, con expresión da cota establecida para os asistentes e medios de financiamento da actividade ou acto.

Artigo 5º.-Comisión de valoración.

1. As solicitudes, xunto coa documentación presentada, serán avaliadas por un comisión de valoración constituída para o efecto que terá a función de propoñe-la aprobación ou denegación da declaración de interese.

2. A comisión estará composta por:

-Un representante da Secretaría Xeral da Consellería de Asuntos Sociais.

-Un representante da Dirección Xeral do Maior e de Persoas con Discapacidade.

-Un representante da Dirección Xeral de Servicios Comunitarios e Inclusión Social.

3. A comisión poderá contar cos asesores que se consideren convenientes a criterio do secretario xeral da consellería.

Artigo 6º.-Resolución.

1. Á vista da proposta da comisión de valoración, o secretario xeral dictará a resolución que corresponda sobre o recoñecemento da actividade como de interese no ámbito dos servicios sociais.

2. O recoñecemento terá como consecuencia a posibilidade de utilización da declaración na difusión e documentación do acto.

Artigo 7º.-Obrigas dos promotores

Os organizadores ou promotores remitirán as conclusións, acordos ou documentación obxecto da actividade á Secretaría Xeral da Consellería de Asuntos Sociais no prazo de dous meses desde a súa finalización.

Artigo 8º.-Rexistro.

A consellería elaborará e manterá un rexistro de cursos, ciclos, xornadas e congresos ós que se lles concedeu o recoñecemento de interese no ámbito dos servicios sociais.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o secretario xeral da Consellería de Asuntos Socias para adopta-las medidas necesarias para o desenvolvemento e execución do establecido nesta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 19 de novembro de 2002.

Corina Porro Martínez

Conselleira de Asuntos Sociais

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA, RELACIÓNS INSTITUCIONAIS

E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA