Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 231 Venres, 29 de novembro de 2002 Páx. 16.686

VI. ANUNCIOS

OUTROS ANUNCIOS

FUNDACIÓN PÚBLICA ESCOLA GALEGA DE ADMINISTRACIÓN SANITARIA

ACORDO do 12 de novembro de 2002 polo que se convoca un curso de diplomado en enfermería de empresa.

A Fundación Pública Escola Galega de Administración Sanitaria (Fegas) é una entidade sen ánimo de lucro, adscrita á Consellería de Sanidade da Xunta de Galicia, que exerce as funcións propias do seu protectorado.

Entre os fins da fundación atópase a formación continua e reciclaxe profesional de tódalas persoas que dun modo ou outro traballan ó servicio da sanidade en Galicia ou que estean interesadas en recibi-la dita formación, podendo levar a cabo os ditos fins, ben directamente, ou ben a través de convenios, acordos ou contratos con outras institucións públicas e privadas.

Neste sentido, a Fegas asinou un acordo de colaboración co Hospital Miguel Domínguez de Pontevedra para organizar en Pontevedra un curso de diplomado en enfermería de empresa promovido conxuntamente pola Fegas e a dita institución sanitaria.

Esta iniciativa de ofertar, no ámbito da Comunidad Autónoma de Galicia, un curso de diplomado en enfermería de empresa xustifícase pola forte demanda de formación existente nesta materia do colectivo profesional de ATS/DUE, percibida tanto pola Fegas como polo Hospital Miguel Domínguez de Pontevedra.

O curso conta coa autorización expresa da Escola Nacional de Medicina do Traballo, por adaptarse os seus contidos ás súas directrices; os diplomas acreditativos, que lles serán expedidos por esta ós participantes, teñen validez en todo o territorio nacional, e rexerase conforme as seguintes bases:

I. Normas xerais.

1. Convócase un curso de diplomado en enfermería de empresa organizado pola Fegas e o Hospital Miguel Domínguez de Pontevedra. O curso realizarase na sede do citado hospital en Pontevedra entre os meses de febreiro a xuño do ano 2003, xeralmente os venres pola mañá e pola tarde e os sábados pola mañá.

2. O número de prazas convocadas para o curso é de 40 como máximo, que se cubrirán por concurso de méritos se o número de aspirantes excede da citada cifra; sen prexuízo do anterior, o curso non se realizará no caso de que non se alcance un mínimo de 30 participantes. Terá unha duración de 300 horas, 200 teóricas e 100 prácticas que se realizarán en empresas.

3. Os méritos valorables no concurso serán os que se establecen no baremo que figura como anexo I desta convocatoria.

4. Non serán valorables os méritos alegados que non se xustifiquen ou acrediten da forma prevista neste acordo. Ademais, a presentación da súa documentación acreditativa deberase achegar, inescusablemente, no prazo e xunto coa solicitude e demais documentación esixida para participar no curso, sen que sexa posible utiliza-lo prazo previsto na base V.4 deste acordo para achegar calquera tipo de documentación relativa ós ditos méritos alegados.

II. Requisitos.

1. Será requisito común para tódolos aspirantes posuí-lo o título de ATS/DUE, que se acreditará mediante a presentación de fotocopia compulsada do correspondente título ou do certificado de depósito de ter satisfeitos os dereitos.

2. Os aspirantes ás prazas deberán posuí-la a nacionalidade da Unión Europea, o que se acreditará coa presentación da fotocopia do documento nacional de identidade do país comunitario que corresponda.

3. Os dous requisitos anteriores deberán ser cumpridos polos aspirantes no momento de finaliza-lo prazo de presentación de instancias.

III. Solicitude.

1. A solicitude para participar no curso constará dunha instancia, segundo modelo oficial, e dun modelo de autobaremación de méritos académicos e profesionais, que poderá ser recollida polo aspirante nos seguintes lugares:

a) Na sede da Fegas en Santiago de Compostela.

b) Na sede do Hospital Miguel Domínguez de Pontevedra.

2. Xunto coa solicitude, os aspirantes presentarán a documentación que acredite o cumprimento dos requisitos específicos da base II, así como a documentación acreditativa dos méritos alegados.

3. Os interesados en ser admitidos dirixirán a solicitude á Fegas, situada no polígono das Fontiñas; rúa de Madrid 2-4, 2ª planta, CP 15707, Santiago de Compostela (A Coruña), mediante a entrega na súa sede ou mediante correo certificado dirixido á Fegas nun sobre cerrado, sempre que na solicitude conste a data de envío debidamente cuberta pola correspondente oficina de correos.

4. O prazo de presentación de solicitudes será de 20 días hábiles contado a partir do día seguinte ó da publicación deste anuncio no DOG.

5. Rematado o prazo de presentación de instancias, a dirección da Fegas fará pública a lista provisional de admitidos e excluídos ó curso, que se publicará nos taboleiros de anuncios da Fegas e do Hospital Miguel Domínguez de Pontevedra, con indicación das causas de exclusión.

Coa dita lista preténdese que tódolos aspirantes que van participar no curso teñan acreditados os requisitos esixidos na base II e nos puntos 1, 3 e 4 da base III.

6. Os aspirantes excluídos disporán dun prazo de dez días naturais, contados a partir do seguinte ó da publicación da lista, para emenda-lo defecto que motivase a súa exclusión. Transcorrido o dito prazo e á vista das alegacións dos interesados, a dirección da Fegas acordará a lista definitiva de aspirantes admitidos e excluídos, que se publicará nos mesmos lugares establecidos no punto anterior. Neste sentido, a estimación ou, se é o caso, desestimación das ditas alegacións, entenderanse implícitas no acordo que publique a dita lista definitiva.

IV. Comisión de selección.

1. A selección dos aspirantes ó curso convocado faraa unha comisión de selección paritaria formada por representantes da Fegas e do Hospital Miguel Domínguez de Pontevedra.

2. A composición da comisión de selección, que presidirá o director da Fegas, publicarase nos taboleiros de anuncios da Fegas e do Hospital Miguel Domínguez de Pontevedra.

V. Proceso de selección.

1. A comisión de selección procederá a valora-los méritos que, debidamente acreditados, sexan achegados polos solicitantes, na forma prevista no punto 4 da base I deste acordo, aplicando o baremo que figura como anexo I desta convocatoria.

2. En caso de empate, terá prioridade o aspirante que conte con maior puntuación no capítulo 2 do baremo establecido que figura como anexo I: Méritos profesionais en saúde laboral, e, no caso de novo empate, o aspirante decidirase ó chou.

3. Rematado o proceso de valoración, a comisión de selección elaborará unha lista provisional dos aspirantes por orde correlativa da puntuación obtida por cada un deles no curso convocado.

4. A dita comisión de selección publicará a lista provisional de admitidos e excluídos ó curso. A dita publicación farase nos taboleiros de anuncios da Fegas e do Hospital Miguel Domínguez de Pontevedra, podendo reclamar contra ela os interesados a partir do día seguinte ó da súa publicación ou exposición ó público nos taboleiros mencionados no prazo de 10 días hábiles, mediante escrito dirixido á propia comisión.

5. Transcorrido o dito prazo e resoltas as reclamacións presentadas, a comisión de selección acordará a lista definitiva de profesionais admitidos e excluídos ó curso, que se publicará nos lugares descritos no parágrafo anterior.

6. O custo dos dereitos de inscrición no curso ascenderá á cantidade de 1.500 euros por participante, que deberá ingresarse a favor da Escola Galega de Administración Sanitaria na forma e prazo que se lles comunique individualmente ós aspirantes admitidos.

7. Se algún dos aspirantes inicialmente seleccionados non satisfai no prazo que se lle indique os dereitos de inscrición, a comisión de selección, de

xeito automático, ofertarálle-la participación no curso que corresponda ós aspirantes non seleccionados, utilizando para iso o criterio sinalado no baremo do anexo I deste acordo.

VI. Desenvolvemento do curso.

1. O curso desenvolverase por medio de ensinanzas teóricas e prácticas de trescentas horas e nas materias establecidas no anexo II.

2. Os alumnos matriculados estarán obrigados a asistir ás clases teóricas e prácticas. A ausencia superior ó 10% das horas lectivas dará lugar á perda de tódolos dereitos do alumno, incluíndo o importe da matrícula.

3. A Fegas e o Hospital Miguel Domínguez de Pontevedra, de acordo coa comisión de seguimento, determinarán o tipo de probas que deberán supera-los aspirantes ó diploma, que será expedido pola Escola Nacional de Medicina do Traballo.

VII. Comisión de seguimento.

1. Co fin de establece-la necesaria coordinación, vixilancia e arbitraxe da convocatoria e determina-los criterios para o desenvolvemento e avaliación do curso, crearase unha comisión de seguimento.

2. A comisión de seguimento constituirase no Hospital Miguel Domínguez de Pontevedra, e será presidida polo director do curso, e dela formarán parte os coordinadores dos módulos correspondentes ó seu programa.

Santiago de Compostela, 12 de novembro de 2002.

Javier Bouzada Romero

Director da Escola Galega de Administración Sanitaria

ANEXO I

Baremo de méritos académicos e profesionais

1. Méritos académicos correspondentes ós estudios de diplomado en enfermería ou axudante técnico sanitario ou practicante ou enfermeira.

Cualificación por curso, nota media:

Puntuación

Sobresaliente con matrícula de honra: 2.

Sobresaliente: 1.

Para a obtención da nota media non se terán en conta as cualificacións obtidas nas materias de relixión, moral profesional, deontoloxía e ética, educación física, formación política, ensino de fogar e idiomas.

Estes méritos acreditaranse coa certificación académica oficial orixinal ou fotocopia, debidamente legalizada ou compulsada.

2. Méritos profesionais en saúde laboral.

2.1. Cursos de saúde laboral: valoraranse os desenvoltos na Escola Nacional de Medicina do Traballo, Instituto Nacional de Seguridade e Hixiene no Traballo, escolas profesionais de Medicina do Traballo da Universidade e da Escola Nacional de Sanidade, así como aqueles organizados por institucións pri

vadas acreditadas pola Consellería de Sanidade e Servicios Sociais da Xunta de Galicia.

Valoraranse as horas lectivas acreditadas por diploma ou certificado orixinal ou fotocopia debidamente legalizada ou compulsada (especificando a duración total do curso), con 0,2 puntos cada dez horas, ata un máximo de 3 puntos.

2.2. Traballos científicos en saúde laboral: valoraranse os traballos científicos sobre saúde laboral publicados en revistas científicas españolas ou estranxeiras, así como comunicacións sobre saúde laboral aceptadas e presentadas en congresos. Para a súa valoración deberanse presentar separatas ou fotocopias legalizadas ou compulsadas dos traballos xa publicados.

Concederase unha puntuación de 0 a 1 punto por traballo publicado, segundo criterio da comisión de selección, ata un máximo de 3 puntos.

2.3. Servicios prestados en servicios de prevención das empresas, como ATS, diplomado en enfermería ou pertenza ó corpo de ATS-visitador da Seguridade Social, sistemas autonómicos de Saúde ou do Instituto Social da Mariña.

Valoraranse os servicios prestados en servicios médicos de empresa, ou en actividades de prevención de mutuas de accidentes de traballo e enfermidades profesionais con carácter interino, eventual ou contratado, que se desempeñasen na data en que se publica esta convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Os devanditos servicios acreditaranse con certificación oficial, na que consten de xeito expreso os anteriores requisitos, ou coa demostración dun vínculo laboral fidedigno (TC2, nómina oficial, etc.), e a súa validez será determinada pola comisión de selección.

Os aspirantes que pertenzan ó corpo de ATS-visitadores da Seguridade Social (Insalud ou Instituto Social da Mariña ou sistemas autonómicos de Saúde), deberán atoparse en activo no desempeño da súa praza e realizando funcións relacionadas coa saúde laboral, o que se acreditará coa presentación de certificacións expedidas pola autoridade correspondente, que asuma as competencias en materia de saúde laboral en cada ámbito territorial.

Valorarase con 0,1 punto por mes traballado, ata un máximo de 4 puntos.

ANEXO II

Temario do curso

(300 horas lectivas)

1. Módulo 1.-Normativa xeral de aplicación en saúde laboral.

1.1. Fundamentos legais e organismos implicados.

1.2. Ley de prevención de riscos laborais.

1.3. Regulamento e normativas asociadas dos servicios de prevención.

1.4. Actuacións da Comunidade Autónoma galega. Normativa nacional e europea.

1.5. A incapacidade temporal e a incapacidade permanente.

1.6. O accidente de traballo e a enfermidade profesional.

1.7. Medicina legal e saúde laboral.

2. Módulo 2.-Saúde laboral, conceptos xerais e ámbito de actuación.

2.1. Saúde e traballo: risco laboral, dano e prevención.

2.2. A seguridade no traballo.

2.3. A hixiene industrial.

2.4. Ergonomía e a psicosocioloxía do traballo.

2.5. A enfermería do traballo.

2.6. A saúde laboral no Sergas e no Sistema Nacional de Saúde.

Módulo 3.-Patoloxía relacionada coa actividade laboral.

3.1. Psicopatoloxía do traballo.

3.2. Toxicoloxía laboral.

3.3. Traumatoloxía laboral.

3.4. Oftalmoloxía laboral.

3.5. Otorrinolaringoloxía laboral.

3.6. Enfermidades respiratorias no eido laboral.

3.7. Dermatoloxía laboral.

3.8. Enfermidades infecciosas no eido laboral.

3.9. O cancro e a actividade laboral.

3.10. Trastornos cardiovasculares e a actividade laboral.

Módulo 4.-Métodos de intervención en prevención de riscos laborais.

4.1. A emerxencia no medio laboral.

4.2. Emerxencias médicas e reanimación cardiopulmonar.

4.3. A vixilancia médica e epidemioloxía da saúde.

4.4. A educación sanitaria e a promoción da saúde.

4.5. A prevención postural e cinética no eido laboral.

4.6. A rehabilitación e readaptación no eido laboral.

4.7. A investigación en saúde laboral.

4.8. A informatización en saúde laboral.

4.9. Riscos laborais no persoal sanitario.

4.10. Estudio e prevención do absentismo laboral.

4.11. A historia clínica en saúde laboral.

Módulo 5.-Prácticas que se realizarán en diversas empresas.