Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 225 Xoves, 21 de novembro de 2002 Páx. 16.282

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

CONSELLERÍA DE INDUSTRIA E COMERCIO

RESOLUCIÓN do 11 de novembro de 2002, da Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas, pola que se autorizan as instalacións electromecánicas, se aproba o proxecto de execución e se declara a utilidade pública do proxecto modificado do parque eólico denominado Tea, sito nos concellos de Covelo (Pontevedra) e Avión, Melón e Carballeda de Avia (Ourense). (Expediente 00/1-0 EOL-Modificado).

Examinado o expediente instruído a pedimento de Eurovento, S.L. Unipersonal con enderezo para efectos de notificacións en rúa Varsovia 4-C, 5ª planta. Área Central-As Fontiñas, 15707 Santiago de Compostela, sobre autorización administrativa, aprobación do proxecto de execución e declaración de utilidade pública das instalacións do parque eólico denominado Tea; resultan os seguintes

Antecedentes de feito.

Primeiro.-O 21 de xaneiro de 2000, José Manuel Pazo Paniagua, en nome e representación de Eurovento, S.L. Unipersonal, solicitou a autorización administrativa e aprobación do proxecto de execución e, posteriormente con data do 2 de febreiro do mesmo ano, o recoñecemento da condición de instalación acollida ó réxime especial de producción eléctrica do parque eólico denominado Tea, de 49,2 MW, achegando a documentación establecida para o efecto polo Decreto 2617/1966, do 20 de outubro, sobre autorización de instalacións eléctricas e 2619/1966, do 20 de outubro, sobre expropiación forzosa e sancións en materia de instalacións eléctricas, ambos de aplicación ó expediente en virtude do disposto na disposición transitoria décimo primeira do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e

procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica e o Decreto 205/1995, do 6 de xullo, polo que se regula o aproveitamento da enerxía eólica na Comunidade Autónoma de Galicia, de aplicación ó expediente en virtude do disposto na disposición transitoria segunda do Decreto 302/2001, do 25 de outubro, polo que se regula o aproveitamento da enerxía eólica na Comunidade Autónoma de Galicia, e o Real decreto 2818/1988, do 23 de decembro, sobre producción de enerxía eléctrica por instalacións abastecidas por recursos ou fontes de enerxía renovables, residuos e coxeración.

Segundo.-O 2 de abril de 2001, a Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental resolveu aproba-la declaración de efectos ambientais do citado parque eólico.

Terceiro.-O 22 de agosto de 2001, o promotor presenta escrito no que solicita un cambio dos aeroxeradores, por resultar ampliamente beneficioso para a afección ambiental do proxecto, polo que as características máis significativas do troco son as seguintes:

-Substitución de 82 máquinas de 600 kW por 37 máquinas de 1.300 kW.

-Substitución de 30 centros de transformación de 2.000 kVA por 37 centros de transformación de 1.600 kVA instalados na torre do aeroxerador.

-A potencia do parque pasa de 49,2 MW a 48,1 MW.

Cuarto.-O 25 de outubro de 2001, a Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental resolve modifica-la declaración de efectos ambientais, concretando a posición dos 37 aeroxeradores que se van instalar.

Quinto.-O 27 de novembro de 2001, o promotor presenta escrito no que se reflicte que debido a problemas técnicos administrativos non pode levar a cabo a instalación das máquinas de maior potencia, polo que solicita a autorización administrativa e aprobación do proxecto de execución das instalacións electromecánicas do parque eólico de Tea, de acordo cos termos do proxecto exposto á información pública.

Sexto.-Por Resolución do 17 de decembro de 2001, publicada no DOG do 15 de xaneiro de 2002, a Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas autorizou as instalacións electromecánicas, aprobou o proxecto de execución e recoñeceulle a condición de instalación acollida ó réxime especial de producción de enerxía eléctrica ó parque eólico de Tea.

Sétimo.-O 12 de abril de 2002, José Manuel Pazo Paniagua, en nome da sociedade Eurovento, S.L. Unipersonal, solicitou a autorización administrativa das instalacións electromecánicas, a aprobación do proxecto de execución e a declaración de utilidade pública do proxecto modificado do parque eólico de Tea, sito nos concellos de Covelo (Pontevedra) e Avión, Melón e Carballeda de Avia (Ourense).

Oitavo.-O proxecto someteuse a información pública para os efectos previstos no Real decreto 1955/2000, xa dito, artigos 53 e 54 da Lei 54/1997, do 27 de novembro, do sector eléctrico, artigo 25 da Lei 10/1995, de ordenación do territorio de Galicia e Decreto 302/2001, do 25 de outubro, polo que se regula o aproveitamento da enerxía eólica na Comunidade Autónoma de Galicia, mediante resolución da Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas do 8 de maio de 2002, publicada no DOG do 30 de maio de 2002, no BOP de Pontevedra do 6 de xuño de 2002, no BOP de Ourense do 10 de xuño de 2002 e nos diarios El Faro de Vigo e La Región do 16 e 17 de maio de 2002, respectivamente.

Durante o período de información pública presentáronse as seguintes alegacións:

1. Óscar Rodríguez Rodríguez, veciño da Ibia, concello de Melón, presidente da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Melón e Quins, propietaria do monte Serra do Faro alega, no seu escrito do 19 de xuño de 2002, que:

-Considera innecesaria a modificación do proxecto, xa que este supón unha ampliación do inicial, sendo o seu impacto ambiental moi superior ó do proxecto inicial e afectará a unha zona de indubidable interese ecolóxico e paisaxístico. Ademais considera que o sentir xeral dos habitantes do termo municipal de Melón é contrario á instalación de devandito parque.

-Ademais, expón que consta solicitado, e cre que concedido, un permiso de investigación mineiro, e incluso cre que existe unha concesión de explotación con declaración de utilidade pública a favor da entidade Minera de Rocas, S.L. que é incompatible co presente parque, e argumenta que a concesión de explotación mineira reverterá favorablemente na comunidade de montes ó existi-la posibilidade de cede-los terreos en arrendamento ou por calquera outro título que estableza a obriga de lle pagar un canon á referida comunidade.

-Por último, no seu escrito considera que a relación de bens e dereitos afectados non é suficiente para a viabilidade da explotación xa que, para o correcto desenvolvemento do parque, sería necesario establecer unha servidume maior á establecida para asegurar así un correcto funcionamento das instalacións, para o cal cita o artigo 19, parágrafo 1º, da Lei de expropiación forzosa.

2. Alfredo Estévez Cal, na súa condición de presidente da Comunidade de Montes en Man Común (CMVMC) do monte Foral de Vilar e Cortegazas, no concello de Avión, e interesada no expediente por ser propietaria de terreos obxecto de futura expropiación para o proxecto do parque en cuestión, expón que:

-No proxecto reformado se cambia o número e a potencia dos aeroxeradores.

-Existe un erro na propiedade dos terreos nos que se situarán os aeroxeradores número 12 e 13, que se sitúan no concello de Carballeda de Avia en lugar de no municipio de Avión, terreos que pertencen á CMVMC alegante. Isto é debido, segundo o exposto no seu escrito, a un erro na grafía do deslinde entre os concellos de Avión e Carballeda de Avia recollida no plano a escala 1:25.000 do Instituto Xeográfico Nacional. Por iso, a comunidade solicitou á Consellería de Medio Ambiente a tramitación do deslinde administrativo previsto na lexislación de montes, co obxecto de remata-lo problema, estando o expediente pendente de resolución. Por todo iso, e mentres non se resolva o deslinde, a comunidade de montes expón que procede considera-lo terreo afectado polos devanditos aeroxeradores como litixioso e consigna-lo seu prezo xusto na forma prevista na lexislación expropiadora.

3. O Concello de Avión e no seu nome Francisco Gil Zamora, alcalde-presidente do Concello de Avión, alega, ó igual que a CMVMC do monte Foral de Vilar e Cortegazas, que os aeroxeradores números 12 e 13 do presente proxecto se encontran encadrados dentro do termo municipal de Carballeda de Avia, cando en realidade se encontran en terreos do concello de Avión, debido a que os datos que se toman como referencia nos planos e documentación para establece-los límites dos termos municipais non coinciden co amolloamento descrito na acta, aprobado en 1934 polo Instituto Xeográfico Catastral, que ratifica o deslinde realizado por ambos concellos en 1889 e ratificado en 1929. Ademais, achega un informe técnico realizado polo enxeñeiro técnico agrícola Enrique Alonso Díaz, de comprobación do amolloamento da liña de deslinde entre os concellos de Avión e Carballeda de Avia no treito Portela de Pao-Outeiro de Chaos, que inclúe as copias da certificación do secretario do Concello de Carballeda de

Avia do 28 de febreiro de 1951, que transcribe a acta de deslinde entre os concellos en cuestión do 8 de xullo de 1929, acta do deslinde e amolloamento do Instituto Xeográfico Catastral de 1934, caderno de campo de topografía do Instituto Xeográfico e Catastral do 5 de agosto de 1940, fotografías e mapas a escala 1:25.000 do Instituto Xeográfico de 1989.

Noveno.-As características básicas do dito proxecto son:

Localización e coordenadas poligonais:

NomeMunicipioVértices

XY

TeaCovelo (Pontevedra)0.559.0004.687.000
Avión, Melón e Carballeda0.559.0004.682.000
de Avia (Ourense)0.560.0004.682.000
0.562.0004.681.000
0.562.0004.687.000

Nº de aeroxeradores37

Potencia unitaria por aeroxerador1.300 kW

Xeradores Bazán-Bonus1.300 kW

Potencia total instalada48,1 MW

Nº de horas estimadas de funcionamento2.508 h./ano

Producción anual estimada120,6 GWh

Investimento previsto34.650.391,44 euros

Características técnicas da infraestructura eléctrica de transformación e interconexión:

-37 centros de transformación (un no interior de cada aeroxerador) de 0.69/30 kV de 1.600 kVA de potencia unitaria, coa súa correspondente paramenta de seccionamento, manobra e protección.

-Liñas de baixa tensión a 0,6/1 kV, de interconexión entre os xeradores e os centros de transformación.

-Liñas de media tensión subterráneas para evacuación de enerxía de 18/30 kV, de interconexión entre os centros de transformación e a subestación transformadora 30/220 kV, prevista no parque eólico de Deva.

A subestación transformadora de 30/220 kV de 100 MVA de potencia para evacuación de enerxía producida nos parques eólicos de Tea e Deva queda incluída no proxecto de parque eólico de Deva.

Décimo.-O 6 de setembro de 2002 e o 21 de agosto de 2002, as delegacións provinciais da Consellería de Industria e Comercio de Ourense e Pontevedra emitiron respectivamente informe favorable sobre o devandito proxecto.

Décimo primeiro.-Mediante escritos remitidos a esta dirección xeral, con data de entrada do 23 de setembro e do 25 de outubro de 2002, manifestouse o feito de que a empresa promotora chegou a acordos coas comunidades de Montes Veciñais en Man Común de Vilar e Cortegazas e de Melón Quins respectivamente.

Fundamentos de dereito.

Primeiro.-A Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas é competente para resolver este expediente con fundamento no Estatuto de autonomía de Galicia, Real decreto 2563/1982, do 24 de xullo, o Decreto 132/1982, do 4 de novembro e o Decreto 15/2002, do 24 de xaneiro, polo que se establece a estructura orgánica da Consellería de Industria e Comercio, en relación co Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedemento de autorización de instalacións de enerxía eléctrica e o Decreto 302/2001, do 25 de outubro, xa citado.

Segundo.-Á vista das alegacións presentadas, da contestación dada a elas por parte da empresa promotora e do resto de documentación que consta no expediente, queda de manifesto que:

a) En resposta ás alegacións realizadas por Óscar Rodríguez Rodríguez e Alfredo Estévez Cal, presidentes da CMVMC de Melón e Quins, propietaria

do monte Serra do Faro, e da CMVMC do monte Foral de Vilar e Cortegazas, no municipio de Avión, respectivamente, cabe dicir que a empresa promotora alcanzou acordo e asinou escritura de constitución de dereito de superficie cos propietarios.

b) En función do exposto por Francisco Gil Zamora na súa condición de alcalde-presidente do Concello de Avión, cabe dicir que os límites municipais que afectan ó parque eólico se estableceron sobre a base da información oficial que figura no Instituto Xeográfico Nacional, no Rexistro de Montes Veciñais en Man Común da Consellería de Medio Ambiente e na topografía oficial da Xunta de Galicia. Non obstante, tódalas alegacións referidas a posibles erros na situación dos terreos afectados onde se situarán os aeroxeradores 12 e 13 tomaranse en consideración cando se proceda ó levantamento de actas de ocupación incluíndose na correspondente folla de aprecio.

Terceiro.-No expediente instruído para o efecto cumpríronse os trámites procedementais sinalados no Real decreto 1955/2000 sobre autorización de instalacións eléctricas e no Decreto 302/2001. Así mesmo, a instalación e o seu proxecto de execución reúnen tódolos requisitos técnicos esixibles.

Esta dirección xeral, de acordo co que antecede e no exercicio das competencias que ten atribuídas,

RESOLVE:

-Autorizarlle a Eurovento, S.L., Unipersonal, a instalación dos equipos electromecánicos do modificado do parque eólico denominado Tea, para unha potencia de 48,1 MW, que se construirá nos concellos de Covelo (Pontevedra), Melón, Avión e Carballeda de Avia (Ourense).

-Aproba-lo proxecto de execución da dita instalación.

-Declara-la utilidade pública das instalacións do modificado do parque eólico denominado Tea, o que leva implícita a necesidade de ocupación dos bens e dereitos afectados e implica a urxente ocupación para os efectos do artigo 52 da Lei de expropiación forzosa.

Todo iso de acordo coas condicións seguintes:

Primeira.-Eurovento, S.L. Unipersonal, para os efectos de garanti-lo cumprimento das súas obrigas, deberá constituír, no prazo dun mes contado desde o outorgamento da presente autorización, unha fianza de 693.007,82 euros, importe do 2% do orzamento que figura no expediente para garanti-lo cumprimento das súas obrigas, conforme o disposto no artigo 19 do devandito Decreto 302/2001, do 25 de outubro.

A citada fianza constituirase na caixa xeral de depósitos da Consellería de Economía e Facenda da Xunta de Galicia, en calquera das formas sinaladas no artigo 1.1º, número 39 do Decreto

1775/1967, do 22 de xullo, e será devolta unha vez se formalice o acta de posta en marcha das instalacións.

Segunda.-As instalacións que se autorizan realizaranse de acordo coas especificacións e planos que figuran no proxecto presentado pola empresa, cun orzamento de 34.650.391,44 euros.

Terceira.-Para introducir modificacións nas instalacións que afecten a datos básicos do proxecto, será necesaria a previa autorización desta Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas. Así mesmo, as delegacións provinciais da Consellería de Industria e Comercio de Pontevedra e Ourense poderán autoriza-las modificacións de detalle do proxecto que resulten procedentes, debendo comunicar a esta dirección xeral tódalas resolucións que dicte en aplicación da dita facultade.

Cuarta.-O prazo para a posta en marcha das instalacións que se autorizan será de dezaoito meses, contados a partir da data de ocupación dos terreos.

Unha vez construídas as instalacións autorizadas, as delegacións provinciais de Industria e Comercio de Pontevedra e Ourense inspeccionarán a totalidade das obras e montaxes efectuadas e verificarán o cumprimento dos compromisos contraídos por Eurovento, S.L., Unipersonal no seu plan eólico.

Quinta.-Con carácter previo á posta en marcha das instalacións, o órgano competente verificará o cumprimento dos condicionados impostos nesta resolución e na declaración de efectos ambientais do 25 de outubro de 2002, así como aquelas que no seu día se emitan conforme o disposto no artigo 3.2º do Decreto 327/1991, do 4 de outubro, de avaliación de efectos ambientais para Galicia.

Sexta.-A Administración resérvase o dereito de deixar sen efecto a presente autorización por calquera das causas establecidas no artigo 34 do Decreto 1775/1967, do 22 de xullo, por incumprimento das condicións impostas ou por calquera outra causa excepcional que o xustifique.

Sétima.-Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licencias o permisos de competencia municipal, provincialu ou outros necesarios para a realización das obras das instalacións autorizadas.

Contra a presente resolución, que non é definitiva en vía administrativa, cabe interpoñer recurso de alzada ante conselleiro de Industria e Comercio, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ó da notificación desta resolución, sen prexuízo de que os interesados poidan interpoñer calquera outro recurso que estimen pertinente.

Santiago de Compostela, 11 de novembro de 2002.

Ramón Ordás Badía

Director xeral de Industria, Enerxía e Minas