Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 220 Xoves, 14 de novembro de 2002 Páx. 15.962

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 14 de outubro de 2002, da Delegación Provincial de Pontevedra, pola que se dispón o rexistro, o depósito e a publicación, no Diario Oficial de Galicia, do convenio colectivo da empresa Frinova, S.A.

Visto o texto do convenio colectivo da empresa Frinova, S.A., con nº de código 3601542, que tivo entrada nesta delegación provincial o día 2-10-2002, subscrito en representación da parte económica pola representación da empresa, e da parte social polo comité de empresa, con data do 10-7-2002. De conformidade co disposto no artigo 90.2º e 3º, do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, Real decreto 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo, e Real decreto 2412/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servicios da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia, en materia de traballo, esta delegación provincial

ACORDA:

Primeiro.-Ordena-la súa inscrición no libro de rexistro de convenios colectivos de traballo, existente nesta delegación provincial, e a notificación ás representacións económica e social da comisión negociadora.

Segundo.-Ordena-lo seu depósito no Servicio de Relacións Laborais, Sección de Mediación, Arbitraxe e Conciliación.

Terceiro.-Dispoñe-la súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Vigo, 14 de outubro de 2002.

Antonio Coello Bufill

Delegado provincial de Pontevedra

Convenio colectivo de Frinova, S.A. para 2002

Artigo 1º.-Ámbito territorial.

Este convenio terá aplicación no centro de traballo de Frinova, S.A., sito no polígono industrial das Gándaras, parcela número 9, O Porriño-Pontevedra.

Artigo 2º.-Ámbito persoal.

Este convenio afecta a totalidade do persoal de Frinova, S.A., sito no polígono industrial das Gándaras, parcela número 9, O Porriño-Pontevedra, existente no momento da súa sinatura, así como o que ingrese posteriormente na empresa.

Artigo 3º.-Vixencia.

O convenio entrará en vigor o 1 de xaneiro de 2002 e cun período de vixencia ata o 31 de decembro de 2002, e será denunciado por escrito polo menos cun mes de antelación á data do seu vencemento;

en caso contrario prorrogarase por períodos anuais sucesivos.

Artigo 4º.-Condicións máis beneficiosas.

Tódalas condicións económicas establecidas neste convenio teñen carácter de mínimas e figurarán nas táboas salariais anexas.

Terán carácter de absorbibles aquelas melloras que durante a súa vixencia e por disposicións legais puidesen establecerse.

Agás o especificado nos artigos 22º e 23º do presente convenio, quen viñese desfrutando dalgunha ou algunhas das condicións máis beneficiosas cás que aquí se establecen, deberá conservalas.

O disposto neste artigo non afecta o disposto na regulación do complemento de presencia, que só se percibirá nos supostos previstos no artigo 29º.

Artigo 5º.-Comisión paritaria.

Para a interpretación e vixilancia das condicións pactadas neste convenio, crearase unha comisión paritaria composta por tres membros de cada unha das partes, social e económica. Pola parte social comporase do presidente do comité e dun representante de cada central sindical con representación.

Cando para a resolución de calquera asunto non exista acordo, será a maxistratura de traballo competente a que decida.

Artigo 6º.-Clasificación do persoal atendendo á duración do contrato.

O persoal que presta os seus servicios no centro de traballo afectado polo convenio clasificarase, segundo a súa permanencia e de acordo co seu contrato, en fixo e eventual.

Artigo 7º.-Persoal fixo.

Terá carácter de fixo o persoal que se precisa con carácter continuo para as actividades da empresa e ocupa o seu posto de traballo permanente no seu cadro de persoal.

O persoal eventual de factoría e cámaras con categoría de mozo ou aprendiz que pase á situación de persoal fixo, ascenderá automaticamente á categoría de operario de 2ª; transcorrido un ano desde o seu paso á situación de fixo ascenderá á categoría de operario.

O persoal eventual do taller mecánico con categoría de aspirante que pase á situación de persoal fixo ascenderá automaticamente á categoría de oficial de 3ª; transcorrido un ano desde o seu paso á situación ascenderá a oficial de 2ª.

Artigo 8º.-Persoal eventual.

É o que en situacións extraordinarias se contrata por tempo fixo e para un traballo temporal e determinado.

A duración do contrato estará en función da duración do traballo para o que foi contratado, observando sempre na súa contratación o disposto no Estatuto dos traballadores e no real decreto baixo o acolle-

mento do cal fosen contratados e o seu contrato individual asinado e selado pola correspondente oficina de emprego, a copia básica do cal lle será entregada puntualmente á representación dos traballadores.

Artigo 9º.-Clasificación do persoal atendendo ó grupo profesional.

O persoal ó servicio da empresa, incluído no ámbito de aplicación deste convenio, queda encadrado nalgún dos seguintes grupos profesionais:

I. Persoal técnico.

II. Persoal administrativo.

III. Persoal obreiro e actividades auxiliares.

Artigo 10º.-Definición de grupos profesionais.

I. Técnicos: clasifícanse neste grupo os que realizan traballos que esixan, con titulación ou sen ela, unha adecuada competencia ou práctica, exercendo funcións de tipo facultativo, técnico ou dirección especializada.

O dito grupo, pola súa vez, clasifícase nos seguintes subgrupos:

1. Técnicos con título superior.

2. Técnicos con título non superior.

3. Técnicos non titulados.

II. Administrativos: neste concepto quedan abranguidos os que realicen traballos de mecánica administrativa, contable e outros análogos non incluídos no grupo anterior.

III. Obreiros e actividades auxiliares: inclúe este grupo o persoal que exerce fundamentalmente traballos de índole material ou mecánica, e engloba o persoal de fabricación, cámaras e oficios varios, así como o persoal subalterno.

Artigo 11º.-Vacantes e postos de nova creación.

Na creación de novos postos de traballo ou na provisión de vacantes, cando se requira persoal de novo ingreso, a empresa terá en conta, en primeiro lugar o persoal de Frinova, S.A., en segundo lugar os fillos dos traballadores en activo, falecidos, xubilados ou pensionistas, concedéndolle-lo emprego, en calquera caso, se superan as probas de aptitude que correspondan. Para postos de certa responsabilidade que precise a empresa, será necesario que as súas condicións non sexan inferiores ás doutro candidato.

A empresa fará pública a existencia de vacantes ou novos postos mediante nota para tal efecto no taboleiro de anuncios con 15 días de antelación á data prevista para cubrilos.

O comité participará co mesmo número de vocais cá empresa para o control da cualificación nas probas que fosen necesarias para a selección do persoal, aínda que non exercerá veto sobre a decisión do empresario, limitándose a súa acción ó prescrito pola lexislación vixente.

Artigo 12º.-Horarios de traballo.

A xornada de traballo especifícase nos horarios que se detallan a seguir, tendo en conta que só será

esixible o traballo en período nocturno ós que están adscritos á referida quenda na actualidade, ós que no futuro se adscriban voluntariamente e a aqueles en que así conste no seu contrato.

* Factoría.

-Quenda de mañá: de luns a venres das 6 ás 14 horas, con descanso de quince minutos por conta da empresa.

-Quenda de tarde: de luns a venres das 14 ás 22 horas, con descanso de quince minutos por conta da empresa.

-Quenda de noite: de luns a venres das 22 ás 6 horas, con descanso de quince minutos por conta da empresa.

* Técnicos e administrativos.

-Primeira quenda:

Inverno: de luns a venres, mañá das 8 ás 14 horas e tarde das 15 ás 17.05 horas.

Verán: de luns a venres, das 8 ás 14.30 horas.

-Segunda quenda:

De luns a venres, mañá das 9 ás 13.30 horas e tarde das 14.45 ás 18 horas todo o ano.

-Terceira quenda:

De luns a venres, mañá das 8 ás 14 horas e tarde das 15.30 ás 17.15 horas todo o ano.

* Almacéns.

-Primeira quenda:

De luns a venres das 6 ás 14 horas e das 14 ás 22 horas con descanso de 15 minutos por quenda por conta da empresa.

-Segunda quenda:

De luns a venres, mañá das 8 ás 14 horas e tarde das 15.30 ás 17.15 horas todo o ano.

* Cámaras.

-Quenda de mañá: das 8 ás 16 horas.

-Quenda de tarde: das 16 ás 24 horas.

-Quenda de noite: das 24 ás 8 horas.

Tódalas quendas descansarán 15 minutos por conta da empresa.

Artigo 13º.-Organización do traballo.

De acordo coas disposicións vixentes sobre convenios colectivos, é obxecto destes o incremento de productividade nas empresas. Durante 2002, cando as circunstancias o aconsellen, a empresa poderá implanta-lo sistema de remuneración por primas de producción, con carácter xeral, por seccións ou quendas de traballo, de acordo coas circunstancias e as posibilidades perseguidas, que poderá ser suspendido con carácter xeral, por seccións ou quendas de traballo, cando as circunstancias o aconsellen, logo de acordo co comité de empresa.

Artigo 14º.-Vacacións.

Todo o persoal afectado por este convenio, incluídos traballadores eventuais con contratos para a formación, terá 30 días naturais de vacacións; estas aboaranse coa retribución do salario da táboa anexa e maila antigüidade.

O 24 e o 31 de decembro considéranse non laborables para todo o persoal.

Outórgase un día laborable, que se desfrutará nunha das pontes do ano pactadas no calendario anual.

A forma de desfrute das vacacións para o persoal da sección industrial fixarase nun plan de quendas que elaborará a dirección de acordo co comité e que se publicará debidamente.

Se por dificultades imprevistas fose preciso efectuar un reaxuste de vacacións, estableceranse de mutuo acordo, de modo que se salven os inconvenientes que poidan afecta-lo normal desenvolvemento do programa da empresa.

En canto ás vacacións do persoal que polo seu traballo debe cubrir postos de mantemento, sala de máquinas e resto do persoal, serán de forma rotativa, de tal xeito que ós que por sorteo lles corresponda unha das datas que elixan, ó ano seguinte corresponderánlle-las datas alternativas.

O persoal de oficinas desfrutará as vacacións de acordo cos seus xefes respectivos.

Persoal en xeral: do 15 de xuño ó 15 de setembro.

Períodos oficiais de vacacións para 2002:

Todo o persoal, os días 25, 26 e 27 de marzo; 16 de agosto e 23, 26, 27 e 30 de decembro de 2002.

Dúas quendas de vacacións no verán:

Primeira quenda: do 15 de xullo ó 4 de agosto, incorporándose o 5 de agosto.

Segunda quenda: do 5 de agosto ó 25 de agosto, incorporándose o 26 de agosto.

Ponte non laborable: 1 día que se determinará mediante acordo entre comité e empresa.

Dous días non laborables: 24 e 31 de decembro, todo o persoal.

Teranse en conta as normas fixadas no ET e demais vixentes á hora de fixa-los calendarios de vacacións por quendas.

Ó persoal que por necesidades da empresa non desfrute das súas vacacións nos períodos oficiais fixados, retribuiráselle un complemento de 120,20 euros.

O persoal que no período oficial se encontrase en situación de IT poderá desfrutar das súas vacacións durante o resto do ano.

Artigo 15º.-Bolsa de vacacións.

A todo o persoal afectado por este convenio, coa excepción dos traballadores da sección industrial baixo contratos temporais, a empresa retribuiralle

unha bolsa de vacacións de 871,42 euros para o ano 2002, que se aboará o 31 de agosto.

Artigo 16º.-Traballo en cámaras.

A dirección da empresa coidará de que se distribúa o traballo de forma tal que non se prolonguen os períodos de estadía ininterrompida do persoal no interior das cámaras de conservación de productos conxelados por máis dunha hora, debendo permanecer fóra delas por igual período de tempo exercendo outra actividade.

O persoal que realice o seu traballo a temperaturas entre 0 e 10 graos centígrados cobrará un complemento equivalente ó 10% do salario base.

O persoal que traballe no interior das cámaras frigoríficas cobrará un complemento equivalente ó 25% do salario base.

Artigo 17º.-Licencias retribuídas.

O persoal afectado polo presente convenio, con igual tratamento para matrimonios que para parellas estables, terá dereito a solicitar licencias retribuídas nos casos seguintes:

a) Casamento: quince días naturais.

b) Parto da esposa: tres días naturais.

c) Enfermidade con internamento ou intervención cirúrxica, tamén con internamento do cónxuxe, pais, fillos: cinco días naturais. Pais políticos: tres días naturais (deben presentar certificado médico).

d) Falecemento do cónxuxe, pais, fillos: tres días retribuídos e dous sen retribuír, se residen na provincia de Pontevedra; catro días retribuídos e un día sen retribuír se é no resto de Galicia e cinco días retribuídos no resto de España.

e) Falecemento de irmáns políticos, avós políticos, tías, tíos, tías e tíos políticos e sobriños en primeiro grao: un día.

f) Falecemento de avós, netos, pais políticos e irmáns: dous días.

g) Por intervención cirúrxica, sen internamento ou recoñecemento médico de pais, cónxuxe e fillos: un día.

h) Por cambio de domicilio: un día.

i) Cando haxa que acudir a probas ou recoñecementos médicos en centros sanitarios, con xustificante médico: un día.

Nos casos en que se teña que acompaña-lo cónxuxe e fillos a recoñecemento médico a calquera parte de Galicia, fóra da provincia de Pontevedra, por enfermidade: un día retribuído; a Madrid e outras cidades fóra da Comunidade Autónoma de Galicia: tres días, e cando esta saída fose fóra da Comunidade Autónoma de Galicia como consecuencia de intervención cirúrxica ou internamento: cinco días, acreditándose, en todo caso, con certificado médico.

Os casos non incluídos nos puntos anteriores serán estudiados pola dirección da empresa para resolvelos adecuadamente.

Para consultas médicas: catro horas para todo o persoal, sempre e cando acudan o resto da xornada á empresa se lles é posible, excepto para o persoal ó que polo seu afastamento lle é máis difícil, Moaña, Cangas e Domaio, que terá todo o tempo que lle dure a consulta, debidamente acreditado.

Artigo 18º.-Licencias non retribuídas.

Sobre licencias non retribuídas aplicarase o disposto polas leis respectivas.

Artigo 19º.-Excedencias.

Terá dereito á situación de excedencia todo o persoal afectado por este convenio, de acordo coas normas reguladas no Estatuto dos traballadores.

A empresa está obrigada para o persoal do taller mecánico, factoría e cámaras oficios varios, así como sección industrial, á readmisión dos solicitantes, cando estes a cursasen, polo menos con dous meses de antelación, sempre e cando a excedencia sexa igual ou superior a un ano.

Artigo 20º.-Vestiario.

Polas circunstancias do traballo, cumprirá que certo persoal utilice vestiario adecuado ó traballo que realiza.

En tal caso a empresa proverá o vestiario correspondente.

A definición de tal vestiario e a súa calidade, así como os prazos de entrega, serán consecuencia das disposicións vixentes, dos requirimentos especiais do traballo e do estudio técnico-sanitario deste así como do informe que en cada caso emita o comité de seguridade e hixiene.

O dito vestiario será de dous equipos anuais e un par de calzado. A aqueles que por necesidades do posto de traballo o necesiten, facilitaráselles un par adicional.

Ó persoal de mantemento facilitaránselle dúas fundas, dous traxes de frío e un par de botas, distribuídos segundo as súas necesidades.

O persoal de nova incorporación será dotado do vestiario preciso unha vez superado o período de proba.

Inclúese unha peza de abrigo, consistente nun xersei, que se distribuirá a principios da temporada de inverno, para todo o persoal da sección industrial e actividades relacionadas con ela, que deberá ser usado por debaixo do uniforme.

O vestiario distribuirase antes do 31 de maio.

Artigo 21º.-Salarios.

A partir do 1 de xaneiro de 2002 incrementaranse tódolos conceptos salariais nun 2,80%, excepto bolsa de vacacións, e incluído o fondo social e as axudas de custo.

Artigo 22º.-Traballos penosos, insalubres, perigosos e nocivos.

A todo o persoal que polas súas condicións de traballo se lle recoñeza actualmente unha prima

polos ditos traballos, seguiráselle recoñecendo este dereito na contía que figura na táboa salarial anexa. Os ditos traballos pagaranse proporcionalmente ó tempo traballado.

As primas por serra, primas porcionadora, primas producción, primas maquinista caprichos e as primas de rebozado incrementaranse a 0,42 euros/hora.

Artigo 23º.-Complemento de tarde.

Incrementarase o complemento de tarde na mesma porcentaxe cós salarios.

Artigo 24º.-Complemento de noite.

O persoal que traballe na dita quenda recibirá unha prima do 25% sobre o salario base, por día traballado.

Artigo 25º.-Antigüidade.

Tódolos traballadores afectados por este convenio desfrutarán de trienios do 6% sobre salario base, tendo como mínimo por este concepto o salario mínimo interprofesional.

A dita antigüidade contarase a partir do 1 de xaneiro do ano en que se cumpre o trienio.

Artigo 26º.-Horas extras.

Durante a vixencia deste convenio aboaranse as horas extras incrementándoas nun 2,80% o valor que tiña o 31 de decembro de 2002.

As horas extras que se efectúan a partir das 22 horas serán aboadas como segundas horas.

A empresa facilitaralle ó comité mensualmente un resumo co número de horas extras realizadas por escala e a súa retribución.

Artigo 27º.-Pagas extraordinarias.

Todo o persoal afectado por este convenio, incluídos os traballadores baixo contratos para a formación, desfrutará de catro pagas extraordinarias aboadas a razón dunha mensualidade mailos complementos salariais que correspondan, como se vén facendo ata a data.

As ditas pagas corresponden a:

a) O día 15 de marzo. O período de devengo é do 1 de xaneiro ó 31 de decembro do ano en que se paga.

b) O día 15 de xullo. O período de devengo é do 1 de xaneiro ó 30 de xuño do ano en que se paga.

c) O día 15 de outubro. O período de devengo é do 1 de outubro do ano anterior ó da paga ata o 30 de setembro do ano en que se paga.

d) O día 15 de decembro. O período de devengo é do 1 de xullo ó 31 de decembro do ano en que se paga.

As ditas pagas faranse efectivas o día laboral inmediatamente anterior á data sinalada neste artigo.

As pagas correspondentes ós días 15 de xullo e 15 de decembro serán aboadas por semestres.

A paga correspondente ó 15 de marzo para o persoal que ingrese durante o ano farase efectiva o día 31 de decembro, aboándose en parte proporcional. A paga correspondente ó 15 de outubro seguirase devengando de acordo coa normativa da empresa, de considerala como paga de asistencia ó traballo, e proporcionalmente ó tempo traballado, tendo tal consideración a situación de incapacidade temporal derivada de accidente laboral, maternidade, ou cando se produza como consecuencia de intervención cirúrxica ou de hospitalización.

Artigo 28º.-Complemento de distancia.

Todo o persoal afectado por este convenio percibirá en concepto de complemento de distancia a cantidade que figura na táboa anexa.

Artigo 29º.-Complemento de presencia.

Todo o persoal, como premio por asistencia ó traballo, percibirá, exclusivamente, por día de traballo efectivamente traballado, en situacións de IT derivadas de accidente de traballo, enfermidade profesional e nas horas sindicais reguladas no artigo 68.c) do Estatuto dos traballadores, o complemento de presencia.

A contía deste complemento será de 1,276 euros por día de traballo efectivo.

Se se producise unha ausencia do traballo por tempo igual ou inferior a media xornada, percibirase a metade deste complemento.

O pagamento deste complemento será en pagas mensuais.

Artigo 30º.-Axudas de custo.

Cando, por necesidades da actividade da empresa, se considere precisa a continuidade da xornada laboral habitual de traballo en máis de 4 horas, a empresa facilitará unha axuda de custo de comida de 12,76 euros. Deberá entón partirse a xornada laboral considerándose un tempo entre 30 e 60 minutos segundo as circunstancias, para poder realiza-la dita comida. Se esta continuidade da xornada laboral corresponde á segunda quenda de traballo, aplicarase cando se realicen máis de dúas horas extraordinarias despois da dita xornada, en concepto de cea.

O persoal que realice xornada partida cobrará unha axuda de custo de 12,76 euros/día.

Os sábados que se precise realizar horas extras por máis de seis horas establecerase un descanso para comer de 30 a 60 minutos e aboarase a axuda de custo de comida cando se continúe por dúas horas ou máis.

Artigo 31º.-Accidentes.

Percibirase a totalidade do salario como se estivese traballando.

Artigo 32º.-Anticipos.

Para casos de necesidade, de acordo entre o comité e a dirección da empresa, adiantarase un máximo de dúas mensualidades, que se deducirán en partes iguais nas catro pagas extras seguintes.

A empresa fixa un tope de 12.020 euros para o montante total de anticipos concedidos e non recuperados. Isto quere dicir que non se concederán novos anticipos mentres non se lle reembolsase á empresa a cantidade necesaria para a concesión solicitada, debendo espera-lo traballador a que se dispoña destes fondos para desfrutar do anticipo solicitado.

Artigo 33º.-Traslados ó Porriño.

A empresa aboará os desprazamentos de Frinova, S.A. ó Porriño e viceversa para saídas xustificadas e necesarias. En caso de urxencia, a empresa aboará taxis, ambulancias ou o que fose necesario, desde a factoría ó centro médico.

Artigo 34º.-Fondo social.

A empresa destinará 26.969,07 euros para o ano de vixencia do convenio ó fondo social, que será distribuído polo comité de empresa para bolsas de estudio e outros fins sociais. A dita cantidade, acumulada ós restos que puidesen quedar do ano anterior, será distribuída durante o presente ano entre todo o persoal afectado por este convenio.

Artigo 35º.-Xubilación.

Queda establecida a xubilación, con carácter obrigatorio, ós 65 anos para todo o persoal da empresa, sempre que reúna os requisitos necesarios para ter dereito á pensión de xubilación do sistema de Seguridade Social español. Non obstante, a comisión paritaria do convenio realizará os trámites precisos co obxecto de xestionar ante a Administración a posibilidade de xubilar anticipada e voluntariamente, co 100% do seu salario de cotización a tódolos traballadores maiores de 60 anos. Se a empresa decidise cubrir esas baixas, terá en conta o disposto no artigo 11º.

Artigo 36º.-Premio de xubilación.

Ó se produci-la xubilación, no mínimo que dispón a lei, e que leve máis de 20 anos na empresa, esta concederalle un premio de 2 mensualidades. Se a dita xubilación se anticipa ó mencionado mínimo, gratificáraselle con 15 días por ano de anticipación.

Artigo 37º.-Seguro de accidentes.

Con independencia das indemnizacións obrigatorias da Seguridade Social, mediante a concertación de póliza de cobertura cunha entidade aseguradora, a empresa garantiralles ós seus traballadores ou, se é o caso, ós seus herdeiros, e nos supostos que se especifican, as seguintes indemnizacións:

1.1. Por accidente non laboral.

1.1.1. Morte do traballador.

Os herdeiros do traballador, ou no seu defecto a persoa que el mesmo designase, percibirán a cantidade de 52.591,08 euros.

1.1.2. Invalidez permanente total ou invalidez absoluta do traballador e grande invalidez.

O traballador percibirá a cantidade de 52.591,08 euros para os primeiros casos, 105.182,15 euros para os segundos e 210.364,32 euros para os terceiros.

1.2. Por accidente laboral.

1.2.1. Morte do traballador.

Os herdeiros do traballador, ou no seu defecto a persoa que el mesmo designase, percibirán a cantidade de 52.591,08 euros.

1.2.2. Invalidez permanente total, invalidez permanente absoluta e grande invalidez.

O traballador percibirá a cantidade de 52.591,08 euros para os primeiros casos, 105.182,15 euros para os segundos e 210.364,32 euros para os terceiros.

Entenderase por invalidez permanente total a incapacidade que inhabilite o traballador de modo permanente, para realizar todas ou as fundamentais tarefas da súa profesión habitual, aínda que poida dedicarse a outra distinta.

Entenderase por invalidez permanente absoluta, a incapacidade que inhabilite o traballador de modo permanente para toda profesión ou oficio.

Entenderase por grande invalidez a situación do traballador para efectos de incapacidade permanente absoluta e que, por consecuencia de perdas anatómicas ou funcionais, necesite a asistencia doutra persoa para realiza-los actos máis esenciais da vida, como vestirse, desprazarse, comer ou análogos.

As condicións quedan establecidas na póliza de seguros e a súa copia oficial entregaráselle ó comité de empresa.

Artigo 38º.-Garantías dos representantes dos traballadores.

A empresa garantirá tódolos dereitos dos representantes legais dos traballadores recoñecidos no Estatuto dos traballadores, texto refundido (Real decreto lei 1/1995, do 24 de marzo).

Non serán contabilizadas no cómputo de horas sindicais as destinadas a reunións coa empresa.

O crédito horario poderase acumular nun ou varios traballadores trimestralmente, logo de aviso e negociación coa empresa.

O crédito horario non se computará para efectos de cálculo do índice de absentismo.

Artigo 39º.-Mobilidade funcional dentro da empresa Frinova, S.A.

1. Cada traballador quedará encadrado dentro dun grupo profesional.

2. A prestación debida por cada traballador quedará delimitada polo seu grupo profesional e, se é o caso, polos grupos profesionais equivalentes.

3. A mobilidade funcional prevese dentro do grupo profesional sen mingua da dignidade do traballador e sen prexuízo da súa formación e promoción. Pódese dar excepcionalmente mobilidade funcional con outro grupo profesional equivalente, de acordo coa formación e experiencia profesional do traballador, logo de acordo do comité de empresa para valorar que as causas que o producen son o suficientemente xustificables.

Artigo 40º.-Formación do persoal.

A empresa concédelle prioridade de elección de horario e quenda entre os traballadores da súa categoría para os que compatibilicen estudios regrados, conforme o que se expresa nos artigos 22º, 23º, 24º e 25º do Estatuto dos traballadores.

Artigo 41º.-Regulamento de réxime interno.

Segundo o acordo entre empresa e comité do 19 de febreiro de 1991, aquela comprométese a elaborar un proxecto de Regulamento de réxime interno que lle entregará ó comité para o seu estudio, co fin de chegar a un documento final consensuado, que se lle presentará á asemblea dos traballadores, e que conterá tódolos detalles posibles relativos a organización do traballo, responsabilidades, categorías, faltas, sancións e todo o que poida resultar de común interese para as relacións entre o traballador e a empresa. Este documento revisaríase anualmente.

Artigo 42º.-Transporte.

Todo o persoal ten dereito a desfrutar dos servicios de autobús nos percorridos e condicións actuais.

Artigo 43º.-Complemento por IT.

Cando o persoal da empresa estea en situación de IT, calquera que sexa a súa causa, percibirá da empresa un complemento ata o 100% do salario real, é dicir, percibirá a totalidade do salario como se estivese traballando. O complemento previsto neste artigo non comprenderá o complemento de presencia, salvo que a IT se derive de accidente de traballo ou enfermidade profesional.

Cláusulas adicionais

Primeira.-Coa creación do complemento de presencia neste convenio, a partir do 1 de xullo desaparece o complemento de asistencia, de forma que as cantidades que actualmente se perciben por este concepto se incorporen ó complemento de convenio.

Segunda.-Este convenio está subscrito pola comisión negociadora, formada por parte da empresa por Fernando Ilarri, director de persoal e recursos humanos do grupo Pescanova; Santiago Gómara Millán, director xerente, e Alberto Durán Iglesias, xefe de persoal de Frinova, S.A.

Por parte do comité de empresa: Dolores Fernández Lorenzo e Alicia Blanco Blanco, de Comisións Obreiras (CC.OO.); Rosa Domínguez Rubianes e Amalia Abalo Carrera, de Unión Xeral de Traballadores (UGT); José Ferreira Vidal, Dolores López Iglesias e Amelia Lago Lago, de Confederación Intersindical Galega (CIG) e Fernando Rodríguez López e José Benito Alonso González como independentes/UGT.

Subscriben este convenio os abaixos asinantes, como integrantes da comisión negociadora.

Polo comitéPola empresa

RubricadoRubricado