Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 216 Venres, 08 de novembro de 2002 Páx. 15.726

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

ESCOLA GALEGA DE ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

RESOLUCIÓN do 31 de outubro de 2002 pola que se convocan unhas xornadas sobre o novo réxime xurídico das autorizacións ambientais.

Dentro do Plan de actividades da Escola Galega de Administración Pública para o 2002 e de acordo coas funcións atribuídas pola Lei 4/1987, do 27 de maio, de creación da escola, e pola Lei 10/1989, do 10 de xullo, de modificación da anterior, convócanse, en colaboración coa Consellería de Medio Ambiente e coa Revista de Derecho Urbanístico y Medio Ambiente, unhas xornadas sobre o novo réxime xurídico das autorizacións ambientais, convocatoria que se desenvolverá conforme as seguintes bases:

Primeira.-Obxectivos.

Desde hai algunhas décadas, o ser humano está contemplando e estudiando o territorio no que vive dunha manera diferente. Tomou conciencia da importancia de coida-lo seu contorno e manter un mínimo de normas para non caer no esgotamento, tanto dos seus recursos como da propia vida existente. Nembargantes, a tarefa non é sinxela xa que hai que loitar con innumerables condicionantes, naturais uns, normativos outros, que ás veces voluntaria e outras involuntariamente e, nalgúns casos, de maneira forzada e delictuosa vulneran unha e outra vez os preceptos normativos existentes en proveito dun mal chamado progreso. De aí os esforzos, case nunca fáciles, para compaxinar uns e outros.

Estas xornadas pretenden dar unha visión ampla do panorama ambiental español, en xeral, e galego, en particular. Nelas estúdianse as máis recentes disposicións que veñen a enche-los ocos existentes, achegando novas visións xurídico-prácticas do modo e maneira de controla-los diferentes procesos, a fin de lograr un desenvolvemento controlado que facilite a súa práctica, pero que non dane nin vulnere os principios ambientais.

Segunda.-Contido.

Trataranse estes temas:

-O ordenamento ambiental: confluencia da normativa comunitaria, estatal, autonómica e local. As autorizacións ambientais: normativa reguladora. Lexislación ambiental e lexislación sectorial.

-A Lei 16/2002, do 1 de xullo, de control integrado da contaminación: a autorización ambiental única.

-Autorizacións en razón dos efectos ambientais na lexislación sectorial: augas, minas, solo, residuos.

-As autorizacións ambientais: réxime xurídico. Suxeición a normas xurídicas e técnicas. Homologacións e certificacións.

-As autorizacións ambientais en Galicia (I): a nova articulación competencial derivada da Lei 16/2002, de control integrado da contaminación.

-As autorizacións ambientais en Galicia (II): a integración das autorizacións sectoriais no marco dos instrumentos de protección ambiental galegos.

Terceira.-Destinatarios.

Persoal ó servicio da Xunta de Galicia e da Administración local galega e interesados en xeral.

Cuarta.-Desenvolvemento.

-Horario: mañá e tarde.

-Lugar e datas: as xornadas convocadas desenvolveranse no salón de actos da Delegación Provincial da Consellería da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública na Coruña (praza de Pontevedra, s/n, da citada cidade), os días 10 e 11 de decembro de 2002.

Quinta.-Inscrición.

-Prazo: remata o xoves, día 5 de decembro de 2002.

-Tramitación de solicitudes: as solicitudes irán dirixidas ó director da Escola Galega de Administración Pública, Polígono das Fontiñas, rúa de Madrid, 2-4, 15707 Santiago de Compostela, segundo o modelo que figura como anexo a esta convocatoria, e presentaranse no rexistro xeral da EGAP ou por calquera das formas previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Admitiranse tamén inscricións por telefax: 981 54 63 30.

-Número de prazas: limitado á capacidade do local.

-Inscrición fóra de prazo: só se admitirán, de quedaren prazas baleiras, coa condición de que se cumpran os requisitos xerais antes indicados.

Os peticionarios poderán obter confirmación da súa posible admisión, chamando por teléfono, o día 9 de decembro, de 8.30 a 14.30 horas, ós seguintes números: 981 54 62 39/44 ou 981 54 60 40.

Sexta.-Modificacións.

A EGAP reserva para si a facultade de interpretar e de resolve-las incidencias que puidesen xurdir no desenvolvemento das xornadas, así como a de cancelalas, se o escaso número de solicitudes non xustificase a súa realización.

Sétima.-Certificación de asistencia.

Entregaráselles, ó remate destas xornadas, a aquelas persoas inscritas que concorresen asiduamente a elas, cando a súa asistencia sexa igual ou superior ó 85% das horas lectivas programadas, e expresarase, neste documento, a natureza da actividade e as datas da súa realización.

Santiago de Compostela, 31 de outubro de 2002.

Domingo Bello Janeiro

Director da Escola Galega de Administración

Pública

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA, RELACIÓNS INSTITUCIONAIS

E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA