Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 201 Xoves, 17 de outubro de 2002 Páx. 14.830

VI. ANUNCIOS

OUTROS ANUNCIOS

FUNDACIÓN GALICIA-EUROPA

ANUNCIO do 25 de setembro de 2002 polo que se convocan bolsas para a realización de estudios de integración europea en centros universitarios belgas.

A Fundación Galicia Europa convoca seis bolsas para a realización de estudios de integración europea durante o curso académico 2003-2004 nos seguintes centros:

-Colexio de Europa de Bruxes.

-Instituto de Estudios Europeos da Universidade Libre de Bruxelas.

-Universidade Católica de Lovaina (UCL-KUL).

1. Requisitos:

1. Ter realizados estudios universitarios completos de segundo ciclo, cursados en centros universitarios galegos.

Non obstante, poderán optar ás bolsas aqueles candidatos que, atopándose no último ano de carreira, poidan acreditar con anterioridade á aceptación estar en posesión do título que os capacite para isto.

2. Dispor dun bo expediente académico. A súa avaliación será realizada polo centro universitario elixido polo candidato, sen prexuízo da súa consideración pola fundación en caso necesario.

3. Domina-la lingua ou linguas de traballo do centro que escolla o candidato.

4. Ser menor de trinta anos.

5. Posuí-la veciñanza civil galega no momento da publicación deste anuncio.

6. Posuí-la nacionalidade dalgún dos estados membros da Unión Europea.

2. Importe e aboamento das bolsas:

As bolsas dotaranse coas seguintes contías brutas, suxeitas ás retencións fiscais determinadas pola normativa fiscal de aplicación:

* Colexio de Europa de Bruxes: 20.000 A.

* Instituto de Estudios Europeos da Universidade Libre de Bruxelas e Universidade Católica de Lovaina (UCL-KUL): 12.020,24 A.

Estas contías satisfaranse por bolsa completa nun único aboamento, en concepto de gastos de matrícula, desprazamentos e varios, e realizarase mediante transferencia bancaria á conta domiciliada en Galicia que indique o bolseiro.

No suposto de non terse concedidas tódalas axudas, o remanente orzamentario existente podería ser incorporado a cualquera das modalidades do programa de actuacións que, con carácter xeral, convoca a Fundación Galicia Europa.

3. Información e presentación de solicitudes:

Xunto coa solicitude de bolsa, segundo o modelo do anexo I, deberá presentarse currículum vitae, copia do expediente académico e demais documentación acreditativa do cumprimento dos requisitos esixidos e méritos alegados.

As solicitudes deberán presentarse ou remitirse por correo certificado con xustificante de recepción á Fundación Galicia Europa, rúa dos Feáns, 3-5, baixo, 15706 Santiago de Compostela.

Poderá solicitarse información adicional de luns a venres, de 9 a 14 horas, polos seguintes medios:

-Teléfono: 981 54 10 12

- Fax: 981 54 10 13.

-Correo electrónico: santiago*fundaciongaliciaeuropa.org.

-Páxina Web: http://www.fundaciongaliciaeuropa.org.

4. Data límite de presentación das solicitudes:

A data límite de presentación de solicitudes será o 25 de xaneiro de 2003 para o Colexio de Europa de Bruxes e o 1 de abril de 2003 para o resto dos centros.

5. Selección:

Dependendo do centro elixido, o proceso de selección será diferente:

a) Colexio de Europa de Bruxes.

Neste caso, a Fundación Galicia Europa fará unha preselección entre os solicitantes de acordo cos requisitos esixidos polo centro. As candidaturas seleccionadas enviaranse pola fundación ó dito colexio ó que corresponderá a selección definitiva.

b) Universidade Libre de Bruxelas e Universidade Católica de Lovaina (UCL-KUL).

Os candidatos que opten a un destes centros deberán proceder do seguinte modo:

Será necesario que, de xeito simultáneo, os candidatos soliciten a bolsa á Fundación Galicia Europa e fagan a preinscrición no centro desexado.

No suposto de aceptación por algún dos centros, os interesados deberán remitir inmediatamente á Fundación Galicia Europa a comunicación positiva, así como informa-la fundación no suposto de obter unha admisión condicionada (baixo reserva).

Se o número de admitidos excedese do de bolsas convocadas, a fundación realizará unha selección entre os candidatos atendendo ós méritos acreditados e de acordo co seguinte baremo:

-Expediente académico: ata 4 puntos.

-Tese de doutoramento sobre temas europeos: ata 3 puntos.

-Masters universitarios ou cursos de doutoramento sobre asuntos de integración europea: ata 1 punto.

-Idiomas: ata 2 puntos.

O procedemento de selección rematará o 1 de setembro de 2003 coa resolución de adxudicación das bolsas, distribuídas entre os distintos centros en función das admisións e seleccións efectuadas pola Fundación Galicia Europa.

Santiago de Compostela, 25 de setembro de 2002.

Jaime Pita Varela

Secretario xeral da Fundación Galicia Europa