Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 201 Xoves, 17 de outubro de 2002 Páx. 14.826

VI. ANUNCIOS

OUTROS ANUNCIOS

FUNDACIÓN GALICIA-EUROPA

ANUNCIO do 25 de setembro de 2002 polo que se convocan bolsas de formación en prácticas ou especialización na Fundación Galicia Europa.

A Fundación Galicia Europa ten entre os seus fins estatutarios fomenta-lo achegamento da realidade galega á europea, para o cal, e entre outras actividades, poderá impulsa-la formación en temas comunitarios.

Para cumprir este mandato e tendo en conta a importancia de facilita-lo profundamento no coñecemento real das regras prácticas de actuación da Unión Europea, faise necesario mante-la liña establecida de concesión de bolsas para titulados superiores que a Fundación vén concedendo para contribuír á súa especialización neste ámbito.

En consecuencia, e no uso das atribucións que lle confire o estatuto, a Fundación Galicia Europa convoca as bolsas que se especifican, con suxeición ás seguintes bases:

1. Obxecto:

A Fundación Galicia Europa oferta seis bolsas de formación en prácticas ou especialización para a súa realización nas sedes de Santiago de Compostela e Bruxelas.

As bolsas rexeranse polas presentes bases complementadas co prego de condicións particulares que será entregado ós beneficiarios resultantes da adxudicación das bolsas, para os efectos da súa aceptación.

O desenvolvemento de dúas destas bolsas terá lugar na sede de Santiago de Compostela, concedéndose as outras catro para a súa realización na oficina que a Fundación ten en Bruxelas.

2. Duración e contía das bolsas:

O período de desfrute das bolsas será de once meses naturais contados desde o día 15 de xaneiro de 2003.

A contía bruta individual das axudas para todo o período será de 11.126,54 euros.

No suposto de non terse concedidas tódalas axudas, o remanente orzamentario existente podería ser incorporado a calquera das modalidades do programa de actuacións que, con carácter xeral, convoca a Fundación Galicia Europa.

3. Requisitos:

Poderán solicitar estas bolsas aqueles titulados superiores que na data da publicación deste anuncio reúnan as seguintes condicións e requisitos:

-Titulación universitaria superior, preferentemente cursada nunha universidade galega, en dereito, economía, administración de empresas ou ciencias políticas.

-Ter un bo expediente académico.

-Posuír veciñanza civil galega.

-Domina-los idiomas galego e castelán.

-Acreditar un bo coñecemento de inglés e/ou francés.

-Ser menor de trinta anos.

-Posuí-la nacionalidade dun dos Estados membros da Unión Europea.

Os bolseiros seleccionados quedarán obrigados ó estricto cumprimento dos requisitos complementarios recollidos no prego de condicións particulares, que para tódolos efectos forma parte integrante da concesión.

4. Prazo e forma de presentación de solicitudes:

As solicitudes presentaranse segundo modelo normalizado anexo e dirixiranse ó director da Fundación Galicia Europa.

Á dita solicitude xuntarase a seguinte documentación:

-Unha fotografía recente de tamaño carné coa súa identificación no reverso.

-Copia simple do expediente académico.

-Copia simple do DNI, tarxeta de residencia, pasaporte ou outro documento oficial identificativo.

-Curriculum vitae e demais documentación acreditativa do cumprimento dos requisitos.

-Declaración responsable de non estar desfrutando doutra bolsa ou axuda coa mesma finalidade e durante o mesmo período de desfrute.

A solicitude, debidamente cuberta, xunto coa documentación devandita, remitirase por correo certificado con xustificante de recepción ou presentarase no rexistro da Fundación Galicia Europa (rúa Feáns, 3-5-baixo, 15706 Santiago de Compostela), no prazo de 15 días naturais contados a partir do seguinte ó da publicación deste anuncio no Diario Oficial de Galicia.

O impreso de solicitude, así como outra información relacionada, poderán ser facilitadas pola oficina da Fundación en Santiago de Compostela, ou encontrarse na súa páxina web: http:// www.fundaciongaliciaeuropa.org.

5. Procedemento de selección:

Será competente neste procedemento unha comisión nomeada e presidida polo director da Fundación Galicia Europa, ou persoa na que delegue, composta por un número impar de membros. A adxudicación das bolsas realizarase ás seis mellores puntuacións obtidas entre 0 e 20, fixándose como criterios de valoración os seguintes:

a) Cualificación e experiencia, ata un máximo de 10 puntos.

Para os efectos da súa consideración atenderase ó seguinte baremo:

-Expediente académico: ata 4 puntos.

-Tese de doutoramento sobre temas europeos: ata 2,25 puntos.

-Masters universitarios ou cursos de doutoramento relacionados con asuntos europeos: ata 1,25 puntos.

-Idiomas: ata 1,30 puntos.

-Prácticas na Fundación Galicia Europa: 0,10 puntos por mes de práctica, ata un máximo de 1,20 puntos.

b) Proba práctica, ata un máximo de 10 puntos.

Para verifica-los coñecementos mínimos esixibles os solicitantes realizarán unha proba práctica cos exercicios que a comisión coide necesarios en relación coa materia.

A comisión elaborará un informe-proposta de selección de adxudicatarios que, con carácter vinculante, elevará ó director para resolución definitiva.

No informe constarán as causas determinantes da non concesión de bolsas, de se-lo caso. Así mesmo establecerá unha lista de reserva nutrida cos candidatos non seleccionados, atendendo ás puntuacións obtidas por eles.

Non serán computables os méritos que non veñan acreditados documentalmente polos solicitantes.

Do mesmo modo comprobarase a veracidade da documentación achegada en copia simple logo da presentación de orixinais ou copias debidamente compulsadas.

6. Vixencia das bolsas:

Con carácter excepcional e por unha soa vez poderán resultar adxudicatarios destas bolsas aqueles beneficiarios da convocatoria anterior que, reunindo os requisitos esixidos, presenten a súa solicitude en forma e prazo.

7. Causas de resolución e certificado final:

Os bolseiros que non demostrasen a debida aplicación ou dedicación durante o período de prácticas poderán ver resolta a súa relación coa Fundación trala audiencia de parte, coas penalizacións ás que houbese lugar. Aqueles que concluísen satisfacto

riamente o seu período formativo recibirán a correspondente certificación acreditativa, na que constarán tódolos termos atribuíbles á bolsa así como ó seu aproveitamento.

8. Interpretación e foro:

A presente convocatoria será integrada para a súa interpretación coas condicións particulares que han de asina-los seleccionados antes da súa incorporación.

Calquera desavinza dos peticionarios ou bolseiros coa Fundación será formulada por escrito e presentada no rexistro dela, resolvendo motivadamente a dirección, para o cal poderá pedi-los informes xurídicos e técnicos que estimase procedentes. No caso de persisti-la desavinza o interpelante poderá presenta-la oportuna demanda xurisdiccional na orde civil ante os xulgados de Santiago de Compostela ou exercer calquera outra acción que estimase admisible en dereito.

Santiago de Compostela, 25 de setembro de 2002.

Jaime Pita Varela

Secretario xeral da Fundación Galicia Europa