Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 193 Luns, 07 de outubro de 2002 Páx. 14.418

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA, RELACIÓNS INSTITUCIONAIS E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

ORDE do 26 de setembro de 2002 pola que se clasifica como de interese sanitario a Fundación para la Investigación, Desarrollo e Innovación del Complejo Hospitalario Universitario Xeral-Cíes de Vigo (Fichuvi).

Visto o expediente de clasificación da Fundación para la Investigación, Desarrollo e Innovación del Complejo Hospitalario Universitario Xeral-Cíes de Vigo (Fichuvi), con domicilio en Vigo.

Supostos de feito.

1. A fundación, en escrito do catorce de agosto de 2002 formulou solicitude de clasificación para efectos da súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

2. A fundación foi constituída en escritura pública outorgada en Vigo, o día 23 de xullo de 2002, ante o notario Mariano Vaqueiro Rumbao, co número mil catrocentos corenta e catro do seu protocolo por Manuel Sánchez Delgado, Ricardo García-Mayor García, Maximiliano Álvarez Fernández, Mercedes Butrón Vila, Javier de la Fuente Aguado e Ángel Javier Pérez Pérez; interveñen no seu propio nome e dereito.

3. Segundo consta no artigo 3 dos seus estatutos o obxecto da fundación é xestionar programas e proxectos de investigación científica relacionados coa medicina e ciencias afíns, así como promover, desenvolver e prestar servicios de docencia e formación en investigación para contribuir á promoción e protección da saúde da poboación e ó progreso e mellora do Sergas.

4. O padroado da fundación estará integrado polas persoas indicadas no artigo 8 dos estatutos.

5. A comisión integrada polos secretarios xerais de tódalas consellerías elevoulle ó conselleiro da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública proposta de clasificación como de interese sanitario da Fundación para la Investigación, Desarrollo e Innovación del Complejo Hospitalario Universitario Xeral-Cíes de Vigo (Fichuvi), dado o seu obxecto e finalidade, polo que, cumpríndose os requisitos esixidos na Lei 7/1983, do 22 de xuño, e na Lei 11/1991, do 8 de novembro, de reforma da lei anterior, de réxime das fundacións de interese galego, e segundo establece o artigo 32.1º e 2º do Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, procede a súa clasificación como de interese sanitario e a súa adscrición á Consellería de Sanidade.

Fundamentos de dereito.

1. O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral

de acordo coa lei, e o artigo 27.26º do Estatuto de autonomía para Galicia outórgalle competencia exclusiva sobre o réxime das fundacións de interese galego.

2. De acordo co disposto no artigo 32.2º c) do Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, correspóndelle a esta consellería a clasificación da fundación e a adscrición á consellería correspondente, que exercerá plenamente o protectorado sobre ela.

3. Á vista do que antecede, pódense considerar cumpridas as finalidades tanto legais como regulamentarias establecidas para o caso, de acordo coa proposta realizada pola Comisión de Secretarios Xerais na súa reunión do día 24 de setembro de 2002.

Vista a Constitución española de 1978, o Estatuto de autonomía de Galicia (Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril); a Lei 7/1983, do 22 de xuño, e a Lei 11/1991, do 8 de novembro, de reforma da anterior, de réxime das fundacións de interese galego, así como as demais normas de desenvolvemento e de xeral aplicación.

Na súa virtude,

DISPOÑO:

Clasificar como de interese sanitario a Fundación para la Investigación, Desarrollo e Innovación del Complejo Hospitalario Universitario Xeral-Cíes de Vigo (Fichuvi) e adscribila á Consellería de Sanidade, que exercerá plenamente o protectorado sobre ela.

Santiago de Compostela, 26 de setembro de 2002.

Jaime Pita Varela

Conselleiro da Presidencia, Relacións

Institucionais e Administración Pública