Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 187 Venres, 27 de setembro de 2002 Páx. 14.113

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE SANIDADE

DECRETO 278/2002, do 12 de setembro, do mapa farmacéutico e delimitación territorial para a autorización de novas oficinas de farmacia conforme a módulos de poboación.

A Lei 5/1999, do 21 de maio, de ordenación farmacéutica, define a oficina de farmacia coma un establecemento sanitario de interese público integrado na atención primaria. Así mesmo, establece no seu artigo 18 que a planificación destes establecementos se ordenará de acordo coa planificación sanitaria, tomando como fundamento as unidades

básicas de atención primaria, que se corresponden coas demarcacións municipais que compoñen o territorio da Comunidade Autónoma de Galicia, atendendo a zonas farmacéuticas que clasifica en urbanas, semiurbanas e rurais.

De acordo coa dita lei e co disposto no Decreto 146/2001, do 7 de xuño, sobre planificación, apertura, traslado, cerramento e transmisión de oficinas de farmacia, correspóndelle á Consellería de Sanidade publica-lo mapa farmacéutico de Galicia, o que permite dispoñer dun marco de referencia adecuado para racionaliza-lo establecemento de novas oficinas de farmacia nesta Comunidade Autónoma, co fin de que no nivel asistencial de atención primaria, os cidadáns dispoñan do número necesario destes establecementos que garantan un acceso rápido, oportuno e equitativo á atención farmacéutica que precisen.

Co obxecto de que a distribución das zonas farmacéuticas que constituirán o mapa farmacéutico se corresponda coa organización sanitaria existente no nivel de atención primaria, seguiranse os criterios establecidos polo mapa sanitario de Galicia no relativo ás áreas de saúde de atención primaria, tal e como se dispón no Decreto 55/1989, polo que se aproba a revisión do mapa sanitario de Galicia, modificado polo Decreto 352/1998, do 27 de novembro, no Decreto 50/1992, do 19 de febrero, polo que se crea a área de saúde do Barco de Valdeorras e no Decreto 342/1992, do 19 de novembro, polo que se crea a área de saúde do Salnés.

Así mesmo, correspóndelle á Consellería de Sanidade planifica-la autorización de novas oficinas de farmacia en cada unha das zonas farmacéuticas nas que se ordena o territorio desta Comunidade Autónoma, atendendo ós módulos de poboación establecidos para cada clase de zona farmacéutica. Ademais, debe fixa-la delimitación territorial concreta das ditas oficinas de farmacia, a que en aplicación dos criterios establecidos no Decreto 146/2001, do 7 de xuño, sobre planificación, apertura, traslado, cerramento e transmisión de oficinas de farmacia, determinará a situación na que se deberá instala-la nova oficina de farmacia na zona farmacéutica correspondente.

En definitiva, correspóndelle á Consellería de Sanidade a competencia de elabora-la planificación farmacéutica e a delimitación territorial concreta das oficinas de farmacia, en virtude do disposto no artigo 18 da Lei 5/1999, do 21 de maio, nos seus epígrafes 1º e 7º. Non obstante, non hai que esquecer que esta delimitación territorial comprende a totalidade do territorio autonómico e afecta directamente ós administrados, en canto atende ós principios de

cobertura de poboación e accesibilidade ó servicio farmacéutico. Ademais, a disposición adicional deste decreto impón unha limitación necesaria ós traslados de oficinas de farmacia para evita-la alteración da delimitación territorial efectuada. Por todo isto, e en prol dunha maior seguridade xurídica, optouse por regular esta materia por medio de decreto do Consello da Xunta de Galicia e non por orde do conselleiro de Sanidade.

Tendo en conta o anterior e ó abeiro do establecido na disposición derradeira primeira da Lei galega 5/1999, do 21 de maio, de ordenación farmacéutica, e do Decreto 146/2001, do 7 de xuño, sobre planificación, apertura, traslado, cerramento e transmisión de oficinas de farmacia, por proposta do conselleiro de Sanidade, consultados os colexios oficiais de farmacéuticos de Galicia e de acordo co dictame nº 437/02 do Consello Consultivo de Galicia do dezaoito de xullo de dos mil dous e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día doce de setembro de dos mil dous,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

A presente disposición ten por obxecto, en cumprimento do disposto na Lei 5/1999, do 21 de maio, no Decreto 146/2001, do 7 de xuño, publica-lo mapa farmacéutico de Galicia, planifica-la autorización de novas oficinas de farmacia, así como fixa-la delimitación territorial concreta en que poderán establecerse as novas oficinas de farmacia en cada zona farmacéutica.

Artigo 2º.-Mapa farmacéutico.

1. O mapa farmacéutico de Galicia estará integrado polas zonas farmacéuticas urbanas, semiurbanas e rurais nas que a Lei 5/1999, do 21 de maio, no seu artigo 18.2º, clasifica o territorio da Comunidade Autónoma galega, de xeito que se inclúa en cada unha das zonas farmacéuticas, o número de habitantes que consta na última revisión do padrón municipal vixente, o número de oficinas de farmacia autorizadas, así como o número de oficinas de farmacia abertas ó público e o número de centros sanitarios de atención primaria, o dos centros hospitalarios públicos e o dos centros públicos de asistencia social, tal e como se recolle no anexo I do presente decreto.

2. O mapa farmacéutico será revisado cada ano, e introduciranse as modificacións que aconsellen as circunstancias de atención farmacéutica que concorran en cada momento.

Artigo 3º.-Novas oficinas de farmacia.

Como resultado da aplicación, en cada unha das zonas farmacéuticas integrantes do mapa farmacéu

tico de Galicia, dos módulos de poboación para a apertura de novas oficinas de farmacia establecidos no punto 4º do artigo 18 da Lei 5/1999, do 21 de maio, e no punto 2º do artigo 3 do Decreto 146/2001, do 7 de xuño, sobre planificación, apertura, traslado, cerramento e transmisión de oficinas de farmacia, faise pública a relación de zonas farmacéuticas por área de saúde de atención primaria, nas que se autorizará a apertura de novas oficinas de farmacia, así como o número destas en cada zona farmacéutica, as que serán adxudicadas por concurso público seguindo o procedemento establecido no capítulo I do título II do dito decreto. A relación de novas oficinas de farmacia recóllese como anexo II deste decreto.

Artigo 4º.-Delimitación territorial.

1. En aplicación dos principios de cobertura de poboación e accesibilidade ó servicio farmacéutico, de acordo co disposto no artigo 4 do Decreto 146/2001, do 7 de xuño, sobre planificación, apertura, traslado, cerramento e transmisión de oficinas de farmacia, apróbase fixa-la delimitación territorial concreta das novas oficinas de farmacia que resultan da aplicación dos criterios establecidos no artigo anterior, nas parroquias que se especifican no anexo III.

2. Con base nos principios sinalados no punto anterior, fíxase territorialmente a situación dunha nova oficina de farmacia, con carácter preferente, en parroquias que carecen de oficina de farmacia ou naquelas que, contando con oficina de farmacia, a proporción de habitantes por oficina de farmacia incluída a nova, supere nun 25% a poboación existente na parroquia de maior poboación que non a teña.

Disposición adicional

Desde a entrada en vigor deste decreto, non serán admitidas solicitudes de traslado de oficinas de farmacia, no ámbito da delimitación territorial concreta fixada para a autorización de apertura dunha nova oficina de farmacia.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o conselleiro de Sanidade para que dicte as disposicións necesarias para a aplicación deste decreto.

Segunda.-Este decreto entrará en vigor o mes seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, doce de setembro de dos mil dous.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

José Mª Hernández Cochón

Conselleiro de Sanidade