Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 185 Mércores, 25 de setembro de 2002 Páx. 14.021

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E FACENDA

DECRETO 273/2002, do 6 de setembro, polo que se modifican os estatutos da Sociedade Anónima de Xestión do Centro de Supercomputación de Galicia.

A Sociedade Anónima de Xestión do Centro de Supercomputación de Galicia (Cesga) foi constituída o día 10 de maio de 1993, como institución que promove a innovación tecnolóxica e presta servicios ós investigadores universitarios e científicos galegos, en xeral.

Ante os retos actuais e futuros que presenta a denominada sociedade do coñecemento e sendo o Cesga unha entidade de interese para a procura desa innovación tecnolóxica é preciso modifica-los estatutos da Sociedade Anónima de Xestión do Centro de Supercomputación de Galicia, aprobados polo Decreto 90/1993, do 16 de abril.

Polo que, de conformidade co disposto nos artigos 47 e seguintes da Lei 3/1985, do 12 de abril, do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia, e no artigo 111 do Decreto 50/1989, do 9 de marzo, polo que se aproba o regulamento que a desenvolve, por proposta do conselleiro de Economía e Facenda e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día seis de setembro de dous mil dous,

DISPOÑO:

Artigo único.-O artigo 2º dos estatutos da Sociedade Anónima de Xestión do Centro de Supercomputación de Galicia, aprobados polo Decreto 90/1993, do 16 de abril, queda redactado nos seguintes termos:

«Artigo 2º.-Obxecto.

O Centro de Supercomputación de Galicia (Cesga) terá como obxecto promover servicios comúns de apoio á investigación, desenvolvemento e innovación no ámbito das tecnoloxías da información e das comunicacións, en Galicia e na comunidade investigadora do CSIC.

Para iso o Cesga promoverá accións tendentes á innovación e mellora na prestación de servicios de cálculo intensivo e comunicacións avanzadas así como actividades encamiñadas a promover solucións innovadoras no eido da sociedade do coñecemento».

Disposición derradeira

Este decreto entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, seis de setembro de dous mil dous.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

José Antonio Orza Fernández

Conselleiro de Economía e Facenda