Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 184 Martes, 24 de setembro de 2002 Páx. 13.977

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

RESOLUCIÓN do 16 de setembro de 2002, da Dirección Xeral de Centros e Inspección Educativa, pola que se establece o calendario para a celebración de eleccións de membros dos consellos escolares de centros de educación non universitaria.

O Decreto 92/1988, do 28 de abril, polo que se regulan os órganos de goberno dos centros públicos de ensino non universitario, modificado polo Decreto 279/1990, do 27 de abril, establece no seu artigo 29 que o procedemento de elección dos membros do consello escolar dos centros públicos se desenvolverá no primeiro trimestre do curso académico que corresponda e dentro do período lectivo, e que a data de celebración das eleccións será fixada, cun mes de antelación, pola Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

Os artigos 49 do Regulamento orgánico das escolas de educación infantil e dos colexios de educación primaria e do Regulamento orgánico dos institutos de educación secundaria, aprobados polos decretos 374/1996, do 17 de outubro, e 324/1996, do 26 de xullo, respectivamente, e o artigo 11 do Regulamento orgánico dos centros públicos integrados de ensinanzas non universitarias, aprobado polo Decreto 7/1999, do 7 de xaneiro, establecen que a elección do consello escolar e a súa constitución nos centros de nova creación se efectuará no mes de outubro, e que a primeira renovación do consello escolar se producirá ó cabo dun ano ou dous de maneira que coincida coa renovación do resto dos consellos escolares no ámbito da Comunidade Autónoma.

Por outra parte, a Orde do 21 de outubro de 1996 (DOG do 22), pola que se determinan aspectos para a elección dos membros do consello escolar nos centros docentes non universitarios sostidos con fondos públicos, establece o procedemento de integración no consello escolar dos profesores, dos alumnos e dos pais dos alumnos do primeiro ciclo da educación secundaria obrigatoria que cursen estudios nun centro de primaria, e determina a composición dos consellos escolares dos institutos de educación secundaria con menos de oito unidades.

Por corresponderlle no curso 2002-2003 a renovación dos consellos escolares dos centros docentes non universitarios sostidos con fondos públicos, esta dirección xeral, en uso das atribucións expresadas no artigo 29 do Decreto 92/1988, do 28 de abril,

RESOLVE:

Artigo 1º

O obxecto desta disposición é fixa-las datas para a elección dos representantes dos distintos sectores da comunidade educativa no consello escolar dos centros docentes non universitarios sostidos con fondos públicos.

Artigo 2º

1. As eleccións dos representantes dos distintos sectores da comunidade educativa no consello escolar celebraranse entre os días 21 e 29 de novembro de 2002, ámbolos dous incluídos.

2. A xunta electoral regulada no artigo 30 do Decreto 92/1988, do 28 de abril, segundo a nova redacción dada polo Decreto 324/1996, do 26 de xullo, polo que se aproba o Regulamento orgánico dos institutos de educación secundaria, constituirase entre os días 4 e 8 de novembro de 2002, ámbolos dous incluídos.

3. De conformidade co establecido no artigo 31 b) do Decreto 92/1998, do 28 de abril, é competencia da xunta electoral concreta-lo calendario electoral. As xuntas electorais terán presente, en todo caso, que o prazo de admisión de candidatos non deberá ser inferior a sete días naturais.

Artigo 3º

Os centros que comezaron o seu funcionamento no curso 2001-2002 levarán a cabo a primeira renovación do consello escolar prevista nos artigos 49 dos regulamentos aprobados polos decretos 374/1996 e 324/1996 e no artigo 11 do regulamento aprobado polo Decreto 7/1999, de acordo co calendario xeral previsto no artigo 2 desta resolución.

Artigo 4º

Para determina-los membros do consello escolar que deben ser renovados nos centros regulados polos decretos 374/1996 e 324/1996 terase en conta o establecido no punto 1 da disposición adicional terceira do Decreto 7/1999, do 7 de xaneiro, polo que se implantan e regulan os centros públicos integrados de ensinanzas non universitarias, que modifica o artigo 40 do Regulamento orgánico dos institutos de educación secundaria e o artigo 41 do Regulamento orgánico das escolas de educación infantil e dos colexios de educación primaria.

Artigo 5º

1. As eleccións para a primeira constitución do consello escolar nos centros que iniciaron o seu funcionamento no curso 2002-2003 celebraranse entre os días 23 e 31 de outubro de 2002:

a) Para os centros de educación infantil, primaria e secundaria, de acordo coa o orde desta consellería do 21 de outubro de 1996 (DOG do 22).

b) Para os centros públicos de ensino non universitario de características singulares, de educación especial e de educación de adultos, de acordo coa orde desta consellería do 29 de outubro de 1996 (DOG do 4 de novembro), corrección de erros no DOG do 15 de novembro de 1996.

2. Nos centros ós que se refire o punto anterior, a xunta electoral regulada no artigo 30 do Decreto 92/1988, do 28 de abril, segundo a nova redacción

dada polo Decreto 324/1996, do 26 de xullo, polo que se aproba o Regulamento orgánico dos institutos de educación secundaria, constituirase entre os días 1 e 4 de outubro de 2002, ámbolos dous incluídos.

Artigo 6º

Os centros en cada renovación parcial modificarán o número de membros do consello escolar en función do número de unidades que teñan nese momento.

Artigo 7º

Ós membros integrantes da xunta electoral, das mesas electorais e ós electores que necesiten permiso laboral para o desempeño das súas obrigas seralles de aplicación o artigo 70.2º da Lei 4/1988, do 26 de maio (DOG do 1 de xuño), da función pública de Galicia. Non obstante, os días en que se celebren as eleccións de representantes dos distintos sectores da comunidade educativa non poderán ser declarados non lectivos.

Artigo 8º

1. A acta do escrutinio da votación de cada mesa electoral, á que se refire o artigo 50 do Decreto 92/1988, do 28 de abril, na súa redacción dada

polo Decreto 324/1996, do 26 de xullo, farase segundo o modelo que se publica como anexo I a esta resolución.

2. De conformidade co establecido no artigo 51 do Decreto 92/1988, do 28 de abril, o director do centro, como presidente da xunta electoral, unha vez proclamados os candidatos elixidos, dará traslado das copias das actas de cada mesa electoral ó delegado provincial da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

3. Logo da constitución do Consello Escolar, á que se refire o artigo 52 do Decreto 92/1988, do 28 de abril, o director do centro remitirá ó delegado provincial, antes do 20 de decembro de 2002, o formulario que se publica como anexo II a esta resolución.

Artigo 9º

Esta resolución entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 16 de setembro de 2002.

Alberto González Armesto

Director xeral de Centros e Inspección Educativa