Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 178 Luns, 16 de setembro de 2002 Páx. 13.669

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 11 de xullo de 2002, da Delegación Provincial de Pontevedra, pola que se dispón o rexistro, o depósito e a publicación, no Diario Oficial de Galicia, do convenio colectivo da Empresa Ojea, S.A.

Visto o texto do convenio colectivo da Empresa Ojea, S.A., con nº de código 3601722, que tivo entrada nesta delegación provincial o día 27-6-2002, subscrito en representación da parte económica pola representación da empresa, e da parte social, polo delegado de persoal, con data do 10-5-2002. De conformidade co disposto no artigo 90.2º e 3º, do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, Real decreto 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo e Real decreto 2412/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servicios da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia, en materia de traballo, esta delegación provincial

ACORDA:

Primeiro.-Ordena-la súa inscrición no libro de rexistro de convenios colectivos de traballo, que consta nesta delegación provincial, e a notificación ás representacións económica e social da comisión negociadora.

Segundo.-Ordena-lo seu depósito no Servicio de Relacións Laborais, Sección de Mediación, Arbitraxe e Conciliación.

Terceiro.-Dispoñe-la súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Vigo, 11 de xullo de 2002.

Antonio Coello Bufill

Delegado provincial de Pontevedra

Convenio colectivo da

Empresa Ojea, S.A.

Artigo 1º.-Unidades de negociación.

A representación das partes que negociaron, aprobaron e subscribiron o texto deste convenio estivo constituída da seguinte forma:

Pola parte económica: Carlos Enrique Pino González, como xerente da empresa.

Pola parte social: Moisés Legerén Salgado, delegado de persoal.

Artigo 2º.-Ámbito de aplicación.

O presente convenio regulará as relacións laborais da Empresa Ojea, S.A., afectando a todo o persoal pertencente actualmente ó cadro de persoal, así como ós traballadores que ingresen durante a súa vixencia.

Artigo 3º.-Vixencia.

O presente convenio entrará en vigor o día da súa publicación no diario oficial correspondente, aínda que os seus efectos económicos se retrotraerán ó 1 de abril de 2002. Afectará ó persoal que se encontre en alta na empresa na data da súa aprobación.

Artigo 4º.-Duración.

A duración deste convenio será de dous anos, é dicir, ata o 31 de marzo de 2004, prorrogándose tacitamente por períodos anuais, salvo denuncia de calquera das partes, con tres meses de antelación, alomenos, á data da súa terminación. A dita denuncia farase por escrito dirixida á outra parte afectada polo convenio.

Transcorrido un ano de vixencia da táboa salarial, procederase á súa revisión, establecendo os salarios para 2003 (ata o 31 de marzo de 2004), de acordo co incremento do IPC previsto polo Goberno máis 0,75%.

Artigo 5º.-Compensación e absorción.

As melloras contidas neste convenio unicamente poderán absorberse ou compensarse por aquelas melloras legais ou regulamentarias que no futuro se establezan, consideradas en cómputo global e anual.

Artigo 6º.-Soldos e salarios.

O persoal afectado por este convenio, segundo as categorías, rexerase, para o período do 1 de abril de 2002 ó 31 de marzo de 2003, pola táboa salarial anexa, obtida de incrementar nun 3,7% os salarios vixentes para os conductores e nun 4,25% para o restante persoal (oficinas e taller).

Para o segundo ano de vixencia do convenio, aplicarase o especificado no artigo 4º.

Artigo 7º.-Gratificacións extraordinarias.

As gratificacións extraordinarias do ano aboaranse na contía de trinta días e serán calculadas sobre a táboa salarial que corresponda, máis antigüidade, de se-lo caso. Denominaranse 25 de xullo, Nadal e beneficios, e faranse efectivas antes do 22 de xullo, 22 de decembro e 15 de marzo, respectivamente.

Artigo 8º.-Traballos nocturnos.

As horas traballadas durante o período comprendido entre as dez da noite e as seis da mañá terán unha retribución específica incrementada nun 25% sobre o salario base.

Exclúese do cobramento do expresado suplemento o persoal que realice a súa función durante a noite e que fose contratado para esta clase de traballo.

Artigo 9º.-Conductores perceptores.

O conductor perceptor, cando desempeña simultaneamente as funcións de conductor e cobrador, percibirá, ademais da remuneración correspondente

á súa categoría, un complemento salarial por posto de traballo igual ó 20% do seu salario base por cada día en que se realicen ambas funcións, salvo que estas funcións se leven a cabo por tempo inferior ou igual a tres horas, caso no que se percibirá ese complemento alomenos en proporción a elas.

Artigo 10º.-Complemento de domingos e festivos.

O persoal que por necesidades da empresa deba traballar en domingos e festivos durante máis de catro horas percibirá un complemento de 24 euros por xornada completa, con independencia do descanso compensatorio. Polo contrario, non terán dereito a este complemento establecido neste artigo aqueles traballadores que non realicen máis das catro horas sinaladas.

Artigo 11º.-Axudas de custo.

O persoal que saia da súa residencia por causas do servicio terá dereito ó percibo dunha indemnización polos gastos que se lle orixinen, que recibirá o nome de axuda de custo.

No caso de que non se traslade en vehículo da empresa, terá dereito a que se lle aboe o importe de segunda clase, con dereito a liteira, se a viaxe fose nocturna.

O importe das axudas de custo para o primeiro e segundo ano será o que a continuación se reflicte:

1. Galicia: 29,30 euros axuda de custo completa, repartidas en 8 euros a comida, 8 euros a cea e 13,30 a pernoita.

2. Territorio nacional e Portugal: 35,22 euros axuda de custo completa, repartidas en 9,62 euros a comida, 9,62 euros a cea e 15,98 euros a pernoita.

3. Restantes países europeos: 64,61 euros axuda de custo completa, repartidas en 17,61 euros a comida, 17,61 euros a cea e 29,39 euros a pernoita.

A empresa terá a facultade de asumi-lo pagamento de aloxamento e comida do traballador en substitución de axuda de custo.

Artigo 12º.- Xornada de traballo.

A xornada semanal ordinaria de traballo será de 40 horas efectivas para todo o persoal, de acordo co Estatuto dos traballadores, Real decreto 1561/1995. A xornada anual ordinaria será de 1.826 horas e 27 minutos de traballo efectivo. Cando a súa distribución supoña a superación das 40 horas semanais, o control e cómputo da xornada verificarase trimestralmente en termos de media. Cando por razóns obxectivas sexa necesario, as partes negociarán outros sistemas de cómputo e control, respectándose en todo caso o tempo máximo de xornada ordinaria anual mencionada anteriormente.

Para efectos de xornada, será de aplicación o disposto no Real decreto 1561/1995, do 21 de setembro, e demais normas específicas para o sector do transporte.

Artigo 13º.-Vacacións.

O período anual de vacacións será de 30 días naturais, que se desfrutarán en dous períodos de 15 días, nas datas que acorden empresario e traballador, segundo as necesidades da empresa, un dos cales se desfrutará preferentemente nos meses de verán.

Artigo 14º.-Traballos en domingos e festivos.

Os domingos e festivos se, por excepcional necesidade da empresa, o traballador non puidese desfrutar do seu descanso neses días, farao dentro da semana seguinte, sinalándose o día con anterioridade, ou cobrarao co incremento establecido na lexislación vixente.

Artigo 15º.-Horas extraordinarias estructurais.

Consideraranse horas extraordinarias estructurais as que se realicen con ocasión de accidentes ou para solucionar necesidades urxentes e prementes que veñan esixidas de inmediato polo servicio, as que obedecen a períodos punta de producción, ausencias imprevistas, cambios de quenda e outras circunstancias de carácter estructural derivadas da propia natureza da actividade de transportes.

Artigo 16º.-Cadernos de control.

Todo o persoal, traballe ou non horas extraordinarias, será provisto dun caderno individual ou de ficha de control, na cal se irán anotando aquelas, así como as sucesivas liquidacións que se fagan.

Artigo 17º.-Licencias e permisos.

O traballador, logo de aviso e xustificación, poderá ausentarse do traballo, con dereito a remuneración, por algún dos motivos e polo tempo seguinte:

a) Quince días naturais no caso de matrimonio.

b) Dous días nos casos de nacemento de fillo ou enfermidade grave ou falecemento de parentes ata segundo grao de consanguinidade ou afinidade. Cando, con tal motivo, o traballador necesite facer un desprazamento para o efecto, o prazo será de catro días.

c) Un día por traslado do domicilio habitual.

d) Polo tempo indispensable para o cumprimento dun deber inescusable de carácter público e persoal. Cando conste nunha norma legal ou convencional un período determinado, observarase o que esta dispón en canto á duración da ausencia e á súa compensación económica.

Cando o cumprimento do deber antes referido supoña a imposibilidade da prestación do traballo debido en máis do vinte por cento das horas laborables nun período de tres meses, poderá a empresa pasa-lo traballador afectado á situación de excedencia regulada no punto 1º do artigo 46 do Estatuto dos traballadores.

No suposto de que o traballador por cumprimento do deber ou desempeño do cargo perciba unha indemnización, descontarase o importe desta do salario a que tivera dereito na empresa.

e) Para realizar funcións sindicais ou de representación do persoal nos termos establecidos legal ou convencionalmente.

Artigo 18º.-Cesamentos.

Todo empregado terá dereito a rescindi-lo seu contrato de traballo, sen estar obrigado a alega-las causas da súa determinación.

Para iso, o persoal comunicará á dirección da empresa a data do seu cesamento cunha antelación mínima de quince días, excepto para o persoal non cualificado, para o cal o aviso previo será de oito días.

Cando un traballador pretenda a rescisión do contrato, deberá seguir prestando os seus servicios mentres non transcorran os prazos sinalados no presente artigo.

O abandono do posto de traballo, sen que transcorresen os prazos sinalados, penalizarase cunha sanción económica equivalente ó salario base dos días que falten desde o abandono do servicio ata a data en que, cumprido o trámite de aviso previo, correspondese o cesamento.

Artigo 19º.-Excedencias.

A excedencia poderá ser voluntaria ou forzosa. A forzosa, que dará dereito á conservación do posto de traballo e ó cómputo da antigüidade da súa vixencia, concederase pola designación ou elección para un cargo público que imposibilite a asistencia ó traballo. O reingreso deberá solicitarse dentro do mes seguinte ó cesamento no cargo público.

O traballador, con alomenos unha antigüidade na empresa dun ano, ten dereito a que se lle recoñeza a posibilidade de situarse en excedencia voluntaria por un prazo non menor de dous anos e non maior de cinco. Este dereito só poderá exercelo outra vez o traballador, se transcorresen catro anos desde o final da anterior excedencia.

Así mesmo, poderán solicita-lo seu paso á situación de excedencia na empresa os traballadores que exerzan funcións sindicais de ámbito provincial ou superior mentres dure o exercicio do seu cargo representativo.

O traballador excedente conservará só o seu dereito preferente ó reingreso nas vacantes de igual ou similar categoría á súa que houbese ou se producisen na empresa.

Artigo 20º.-Uniformes.

Cumprirase pola empresa e o traballador canto se refire á uniformidade, de acordo co que se determinaba na ordenanza laboral para as empresas de transporte por estrada.

Artigo 21º.-Seguro de accidente laboral.

A empresa contratará, totalmente ó seu cargo, un seguro colectivo a favor dos seus traballadores, de 16.828,34 euros (2.800.000 pesetas) por cada un,

de forma que no caso de falecemento por accidente laboral ó servicio da empresa, a citada cantidade sexa cobrada polo cónxuxe supérstite e, no seu defecto, polos seus herdeiros legais.

Este seguro non constitúe unha substitución das obrigas da empresa en materia de Seguridade Social, senón un complemento dela.

Con efectos do 1 de agosto de 2002 amplíase a cobertura do dito seguro, de forma que a empresa contratará un seguro a favor dos seus traballadores, por un capital asegurado de 21.035,42 euros (3.500.000 de pesetas), que cubra os riscos de morte, invalidez total, absoluta e gran invalidez, de acordo coa normativa da Seguridade Social, que deriven de accidente de traballo ó servicio da empresa.

Artigo 22º.-Retirada de carné de conducir.

No caso de que por resolución administrativa ou resolución xudicial firme se produza a retirada do carné de conducir a un conductor por un período non superior a 90 días, durante a vixencia do convenio e conducindo un vehículo da empresa para a que preste os seus servicios, esta comprométese a lle facilitar ó productor afectado o posto de traballo máis idóneo, de acordo coa súa categoría profesional.

Artigo 23º.-Pagamento de multas.

As multas por infracción de tráfico imputables á culpa ou imprudencia do traballador serán aboadas por este. No caso contrario, serán aboadas pola empresa.

Artigo 24º.-Acción sindical.

Neste punto observarase o que dispón o Estatuto dos traballadores e a Lei de liberdade sindical.

Artigo 25º.-Comisión paritaria.

Para a interpretación e cumprimento das cláusulas deste convenio e en xeral para entender en cantas cuestións deriven da súa aplicación, establécese unha comisión paritaria, integrada polo representante dos traballadores, signatario do convenio e polo representante da empresa.

Artigo 26º.-Indivisibilidade.

As condicións pactadas neste convenio forman un todo orgánico e indivisible e, para efectos da súa aplicación práctica, serán consideradas na súa totalidade.

Artigo 27º.-Lexislación subsidiaria.

En todo o non expresamente previsto neste convenio observarase o disposto na lexislación vixente para as empresas de transporte por estrada.

Ponteareas, 15 de maio de 2002.

ANEXO

Táboa de salarios do primeiro ano de vixencia

(1-4-2002 ó 31-3-2003)

CategoríasEuros

Xefe administrativo (de sección)764,44

Oficial primeira administrativo655,26

Oficial segunda administrativo592,72

Auxiliar administrativo562,30

Oficial primeira de taller22,73

Oficial segunda de taller21,61

Conductor21,75

Conductor-perceptor21,75

Cobrador18,87

Inspector22,25