Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 176 Xoves, 12 de setembro de 2002 Páx. 13.533

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA, RELACIÓNS INSTITUCIONAIS E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

ORDE do 11 de setembro de 2002 pola que se clasifica como benéfico-social a Fundación Galicia Saúde.

Visto o expediente de clasificación da Fundación Galicia Saúde con domicilio en Santiago de Compostela.

Suposto de feito.

1. José María Hernández Cochón, na súa calidade de presidente da fundación, en escrito do vintetrés de xullo de 2002, formulou solicitude de clasificación para os efectos da súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

2. A fundación foi constituída en escritura pública outorgada en Santiago de Compostela, o día 24 de xuño de 2002, ante o notario Manuel Julio Reigada Montoto, co número dous mil do seu protocolo, por José María Hernández Cochón, que intervén no exercicio do seu cargo en nome e representación da Xunta de Galicia.

3. Segundo consta no artigo 4 dos seus estatutos, o obxecto da fundación é a xestión e administración da área hospitalaria da Mutual do Centro Galego de Bos Aires, co compromiso de dar cobertura a tódolos asociados presentes e futuros de conformidade coas previsións estatutarias da mutual, segundo o acordo que se subscriba entre a Fundación e o Centro Galego de Bos Aires-Mutualidade-Cultura-Acción Social.

4. O padroado da fundación estará integrado polas persoas indicadas no artigo 9 dos estatutos.

5. A comisión integrada polos secretarios xerais de tódolas consellerías eleva ó conselleiro da Presidencia, Relacións Instutucionais e Administración Pública proposta de clasificación como benéfico-social da Fundación Galicia Saúde, dado o seu obxecto e finalidade, polo que, véndose cumpridos os requisitos esixidos na Lei 7/1983, do 22 de xuño, e na Lei 11/1991, do 8 de novembro, de reforma da lei anterior, de réxime das fundacións de interese galego, e segundo establece o artigo 32.1º e 2º do Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, procede a súa clasificación como benéfico-social e a súa adscrición á Consellería de Sanidade.

Fundamentos de dereito.

1. O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral de acordo coa lei, e o artigo 27.26º do Estatuto de autonomía para Galicia outórgalle competencia exclusiva sobre o réxime das fundacións de interese galego.

2. De acordo co disposto no artigo 32.2º.c) do Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, correspóndelle a esta consellería a clasificación da fundación e a adscrición á consellería correspondente, quen exercerá plenamente o protectorado sobre ela.

3. Á vista do que antecede, pódense considerar cumpridas as finalidades tanto legais como regulamentarias establecidas para o caso, de acordo coa proposta realizada pola Comisión de Secretarios Xerais na súa reunión do día 10 de setembro de 2002.

Vista a Constitución española de 1978, o Estatuto de autonomía de Galicia (Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril); a Lei 7/1983, do 22 de xuño, e a Lei 11/1991, do 8 de novembro, de reforma da anterior, de réxime das fundacións de interese galego, así como as demais normas de desenvolvemento e de xeral aplicación.

Na súa virtude,

DISPOÑO:

Clasificar como benéfico-social a Fundación Galicia Saúde adscribíndoa á Consellería de Sanidade, que exercerá plenamente o protectorado sobre ela.

Santiago de Compostela, 11 de setembro de 2002.

Jaime Pita Varela

Conselleiro da Presidencia Relacións Institucionais

e Administración Pública

CONSELLERÍA DE CULTURA, COMUNICACIÓN SOCIAL

E TURISMO