Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 163 Luns, 26 de agosto de 2002 Páx. 12.810

VI. ANUNCIOS

OUTROS ANUNCIOS

XESTIÓN URBANÍSTICA DE OURENSE, S.A.

BASES da convocatoria para a cobertura dun posto de avogado.

-Obxecto.

A contratación dun licenciado en dereito, por tempo indefinido e cun período de proba segundo establecido legalmente.

-Presentación de solicitudes.

As solicitudes deberanse presentar en man, no rexistro xeral de Xestur Ourense, S.A., sito na rúa Curros Enríquez, nº 1, planta 8ª, de Ourense, no prazo de 15 días hábiles contados desde o seguinte ó da publicación deste anuncio no DOG e antes das 14 horas, e tamén se publicarán as bases nun diario de difusión xeral. Non se admite a entrega de solicitudes por correo.

-Requisitos esixidos.

Formación académica: licenciado en dereito.

Outros requisitos: formación de especialización en urbanismo e experiencia en dereito administrativo e urbanístico.

Valoraranse coñecementos de galego e outros coñecementos relacionados co posto que se acrediten.

-Documentación que haberá de presentar.

Instancia solicitude segundo modelo das bases se xunta no anexo I.

Documento nacional de identidade.

Título acreditativo da formación esixida, expedido polo Ministerio de Educación e Ciencia.

Diplomas e demais documentos que acrediten os coñocementos e formación non regrada, así como a experiencia reflectida na solicitude polo candidato.

A documentación ten que ser orixinal ou copia compulsada.

-Tramitación e probas.

No prazo máximo de cinco días hábiles desde a finalización do prazo de presentación de solicitudes,

porase ó público no taboleiro de anuncios de Xestur Ourense, S.A. a lista provisional de candidatos admitidos, e habilitarase un prazo de 3 días hábiles para os candidatos que consideren presentar reclamación.

Unha vez resoltas as posibles reclamacións, e no prazo máximo de cinco días hábiles, porase a lista definitiva de candidatos admitidos no taboleiro de anuncios de Xestur Ourense, S.A. e sinalarase o lugar e data para realiza-las probas de selección seguintes:

Probas de coñocemento.

Probas psicotécnicas.

Entrevista persoal.

-Criterios de puntuación.

Para a contratación do candidato elixirase o que obteña mellor puntuación, téndose en conta os criterios seguintes:

Probas de coñocemento: ata 40 puntos.

Proba teórica que consistirá no desenvolvemento duns temas sobre aspectos relacionados directamente coas funcións e obrigas do posto que se vai contratar. O temario sobre o que versará a proba consta no anexo II desta convocatoria.

Currículum: ata 20 puntos.

Que se desagregan como segue:

Cursos de especialización: 10 puntos.

Coñocementos de galego: 3 puntos.

Outros coñocementos: 7 puntos.

Probas psicotécnicas: ata 20 puntos.

Que se obteñen da media ponderada dos test que a seguir se detallan:

Test de habilidades cognitivas (BAS), composto pola súa vez por tres subtest, que avalían: a) Razoamento lóxico-abstracto. b) Razoamento verbal e c) Razoamento matemático.

Cuestionario ocupacional de personalidade (COP).

Entrevista persoal: ata 20 puntos.

Entrevista conductual estructurada. A entrevista céntrase no que unha persoa pode facer e no que fará no posto de traballo.

-Resolución da convocatoria.

As probas de selección faranse a través dunha empresa de selección de persoal, que presentará ó Consello de Administración de Xestur Ourense, S.A. a proposta dos resultados para a súa resolución por este.

Xestur Ourense, S.A. formalizará a contratación no prazo máximo de tres meses contados desde a notificación ó seleccionado.

Ourense, 8 de agosto de 2002.

Juan Carlos Cabanelas Rodríguez

Xerente de Xestur Ourense, S.A.

ANEXO II

Temario de urbanismo que rexerá a proba teórica para a contración dun licenciado en dereito por Xestión Urbanística de Ourense, S.A.

Tema 1. O urbanismo e a ordenación do territorio: concepto. Evolución histórica do urbanismo español ata 1956.

Tema 2. A Lei de réxime do solo e ordenación urbana do 12 de maio de 1956; principios xerais. A reforma de 1975 e o texto refundido do 9 de abril de 1976. A reforma da Lei 8/1990, do 25 de xullo, e o texto refundido do 26 de xuño de 1992.

Tema 3. A distribución constitucional de competencias entre o Estado e as comunidades autónomas en materia de urbanismo e ordenación do territorio. Referencia ás sentencias do Tribunal Constitucional 61/1997, do 21 de marzo, e 164/2001, do 11 de xullo. As competencias das entidades locais na materia.

Tema 4. A ordenación do territorio. A Lei de ordenación do territorio de Galicia. As directrices de ordenación do territorio: concepto, función e alcance normativo.

Tema 5. O ordenamento xurídico urbanístico: os sistema de fontes do dereito urbanístico. As relacións entre as distintas fontes do dereito urbanístico, en particular os criterios de aplicación no suposto de

concorrencia normativa. A incidencia da lexislación sectorial e as normas de ordenación do territorio no ordenamento urbanístico.

Tema 6. Réxime urbanístico do solo. Clasificación, categorización e cualificación do solo: as diversas clases e categorías do solo na Lei 6/1998, do 13 de abril, e na Lei 1/1997, do 24 de marzo, de solo de Galicia.

Tema 7. Dereitos e deberes dos propietarios en cada clase de solo. Problemática das diferentes regulacións do réxime do solo na Lei 6/1998, do 13 de abril, e na Lei 1/1997, do 24 de marzo, do solo de Galicia. Os prazos para o cumprimento dos deberes urbanísticos.

Tema 8. O réxime de valoración do solo na lexislación urbanística.

Tema 9. O planeamento urbanístico: concepto e natureza xurídica. Clases de instrumentos de planeamento. As normas urbanisticas de aplicación directa.

Tema 10. As normas provinciais de planeamento: concepto, determinacións e documentos. As directrices de ordenación do territorio.

Tema 11. O plan xeral de ordenación municipal. Concepto. Obxecto. Determinacións xerais. Determinacións específicas para cada clase de solo. Documentación.

Tema 12. Os proxectos de ordenación do medio rural. Concepto. Obxecto. Determinacións. Documentación.

Tema 13. Os planos especiais. Obxecto, clases e finalidades. Plans especiais de mellora dos núcleos rurais. Plans especiais de mellora do medio rural. Plans especiais de mellora do medio rural. Plans especiais de protección da paisaxe.

Tema 14. Os plans parciais. Obxecto e determinacións. Densidade máxima. Documentación.

Tema 15. Os estudios de detalle. Natureza xurídica e determinacións. Documentación que os integra. Os proxectos de urbanización; natureza xurídica. Distinción cos proxectos de obras ordinarias. O procedemento de elaboración e aprobación dos estudios de detalle e proxectos de urbanización. Os catálogos.

Tema 16. Procedemento de elaboración e aprobación dos distintos instrumentos de planeamento. Suspensión de licencias durante a elaboración e tramitación dos plans. A iniciativa e colaboración dos particulares ou entidades públicas no planeamento: plans de iniciativa particular.

Tema 17. Condicións de entrada en vigor do planeamento. Vixencia, efectos da aprobación dos plans de ordenación: executividade, declaración de utilidade pública, publicidade e obrigatoriedade. Usos e obras provisionais. Edificios fóra de ordenación. Revisión e modificación do planeamento. Suspensión do planeamento.

Tema 18. A xestión urbanística: a execución do planeamento. Execución directa e execución sistemática. Instrumentos de equidistribución de beneficios e cargas na execución do planeamento. Áreas de reparto e aproveitamento tipo. Os polígonos como unidades de execución. A delimitación de polígono.

Tema 19. A reparcelación. Normas xerais. Reparcelación ordinaria. Reparcelación voluntaria. As transferencias de aproveitamentos urbanísticos na Lei de solo de Galicia: problemática da súa subsistencia despois da Lei 6/1998, do 13 de abril. Os procedementos de normalización de predios.

Tema 20. Sistemas de execución. Elección do sistema de actuación. Regras xerais aplicables en polígonos con exceso ou defecto de aproveitamento. Preexistencia de bens de dominio en uso público nos polígonos. Gastos de urbanización.

Tema 21. O sistema de compensación (I); determinacións xerais. As xuntas de compensación: natureza xurídica. Recompensación: natureza xurídica. Requisitos de constitución. Os estatutos e bases de actuación da xunta de compensación; procedemento de parobación e contido. Incorporación de propietarios á xunta de compensación.

Tema 22. O sistema de compensación (II): facultades da xunta de compensación respecto dos terreos

que integran o polígono: supostos. Responsabilidade da xunta de compensación e obrigas dos seus membros. O procedemento abreviado do artigo 137 da Lei do solo de Galicia. O proxecto de compensación: obxecto, determinacións, documentación e procedemento de aprobación. A substitución do sistema de compensación.

Tema 23. O sistema de cooperación. Determinacións xerais. Colaboración dos propietarios.

Tema 24. O sistema de expropiación. Determinacións xerais e formas de xestión. O prezo xusto. O procedemento de taxación conxunta. O procedemento de expropiación individual. A liberación de expropiacións.

Tema 25. Técnicas de obtención de terreos para sistemas xerais e dotacións locais. Supostos de aplicación da expropiación forzosa e a ocupación directa. A expropiación por incumprimento da función social da propiedade no eido do urbanismo.

Tema 26. Instrumentos de intervención no mercado do solo. Os patrimonios municipais do solo. A constitución de dereitos de superficie. A delimitación de áreas suxeitas a dereito de tanteo e retracto.

Tema 27. Disciplina urbanística. Licencias urbanísticas: actos suxeitos e procedemento de concesión. Carácter regrado das licencias. A concesión das licencias por silencio administrativo. Réxime das parcelacións. A relación entre as licencias urbanísticas e outras autorizacións municipais e outras autorizacións municipais, en particular, as licencias demaniais e as licencias de apertura de establecementos.

Tema 28. O deber de mantemento e conservación de edificios e inmobles. As ordes de execución. A declaración de ruína: supostos e procedemento.

Tema 29. A reposición da legalidade urbanística: procedemento. A potestade sancionadora urbanística: infracións, sancións e procedemento. A prescrición das infraccións urbanísticas e da acción para esixi-la reposición da legalidade urbanística. Os delictos urbanísticos e contra a ordenación do territorio.

Tema 30. Suspensión de licencias. Revisión de licencias ou ordes de execución. Procedementos en vía administrativa e en vía xurisdiccional contencioso-administrativa. A responsablidade patrimonial da Administración pola anulación de licencias urbanísticas.

Tema 31. Responsabilidade patrimonial da Administración en materia de urbanismo. Supostos indemnizatorios.

Tema 32. Urbanismo e rexistro da propiedade. A inscrición no rexistro dos actos de natureza urbanística. En particular, a inscrición de instrumentos de equidistribución.