Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 153 Venres, 09 de agosto de 2002 Páx. 12.230

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

ORDE do 31 de xullo de 2002 pola que se convocan os cursos básico, medio e superior de linguaxe administrativa galega para o cadro de persoal das corporacións locais.

O Estatuto de Autonomía de Galicia no seu artigo 5.1º dispón que a lingua propia de Galicia é o galego.

A Lei 3/1983, do 15 de xuño, de normalización lingüística, no seu artigo 4º.1, establece que, «O galego, como lingua propia de Galicia, é lingua oficial das institucións da Comunidade Autónoma, da súa Administración, da Administración local e das entidades públicas dependentes da Comunidade Autónoma...».

A Lei 5/1988, do 21 de xuño, de uso do galego como lingua oficial de Galicia polas entidades locais, no seu artigo 1, dispón: «As convocatorias de sesións, ordes do día, votos particulares, propostas de acordo, dictames das comisións informativas e actas das entidades locais de Galicia redactaranse en lingua galega».

E no seu artigo 2º, punto 2.1, di: «Correspóndelle á Xunta de Galicia o impulso do proceso de incorporación da lingua galega na Administración local, moi especialmente a través de programas de formación de funcionarios en lingua galega».

A Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia, nos números 1 e 3 do seu artigo 7, dispón respectivamente: «O galego, como lingua propia de Galicia, éo tamén da súa Administración local.

As convocatorias de sesións, ordes do día, mocións, votos particulares, propostas de acordo, dictames das comisións informativas, actas, notificacións, recursos, escrituras públicas, comparecencias xudiciais e tódolos actos de carácter público ou administrativo que se realicen por escrito en nome das corporacións locais redactaranse en lingua galega».

«A Xunta de Galicia impulsará o proceso de incorporación da lingua galega na Administración local, especialmente a través de programas de formación de funcionarios das entidades locais en lingua galega».

Esta consellería, proseguindo coa súa liña de cooperación coas corporacións locais e coa finalidade de impulsa-la normalización lingüística na Administración local, conforme o Decreto 147/2002, do 11 de abril, polo que se establece a estructura orgánica da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais, e como continuación ó Plan Integral de Estudios iniciado en 1990, mediante o que se pretende que en tódalas corporacións locais exista, polo menos, un funcionario que se responsabilice da traducción dos documentos sinalados no artigo 1º da devandita Lei 5/1988, convoca cursos de linguaxe administrativa galega para o persoal das corporacións locais galegas, en colaboración coa Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

Por todo iso, en uso das atribucións que teño conferidas,

DISPOÑO:

Artigo 1º

1. A Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais convoca para o ano 2002, para persoal das corporacións locais de Galicia, os seguintes cursos de linguaxe administrativa galega:

a) Cursos de nivel básico. Para participar nestes cursos haberá que achegar copia compulsada do diploma ou certificación acreditativa de ter aprobado ou validado o curso de iniciación de lingua galega.

b) Cursos de nivel medio. Para participar nestes cursos haberá que achegar copia compulsada do diploma ou certificación acreditativa de ter superado o curso de nivel básico ou de ter aprobado/validado o curso de perfeccionamento de lingua galega.

c) Cursos de nivel superior. Para participar nestes cursos haberá que achegar copia compulsada do diploma ou certificación acreditativa de ter superado o curso de nivel medio.

1. O lugar de realización dos cursos determinarase en función das solicitudes recibidas, unha vez efectuada a selección dos posibles asistentes.

2. Os solicitantes deberán indicar, na solicitude que figura como anexo da orde, o lugar ou lugares onde desexe realiza-lo curso por orde de preferencia.

3. O informe do secretario xeral da entidade que figura na solicitude deberá estar debidamente asinado, coa finalidade de acredita-la súa condición de persoal da entidade local correspondente.

Artigo 2º

O financiamento destes cursos realizarase con cargo á aplicación orzamentaria 13.05.353E 640.3 dos

orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2002, ata un límite de vintesete mil corenta e seis euros (27.046 A).

Artigo 3º

1. A duración dos cursos será a seguinte:

a) Os cursos básico e medio terán unha duración de 75 horas.

b) O curso superior terá unha duración de 90 horas, distribuídas do seguinte xeito:

-70 horas lectivas.

-20 horas prácticas.

1. A inasistencia do dez por cento, como máximo, das horas lectivas programadas, significará a non obtención do correspondente diploma.

Artigo 4º

Os programas destes cursos serán os aprobados pola Comisión Coordinadora para a Normalización Lingüística.

Artigo 5º

Ó remata-lo curso realizaranse as probas oportunas. Ó persoal que as supere, tendo en conta ademais o rendemento ó longo do curso, outorgaráselle unha certificación coa cualificación de apto, expedida, conxuntamente, pola Dirección Xeral de Política Lingüística (Consellería de Educación e Ordenación Universitaria) e pola Dirección Xeral de Administración Local (Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais).

Artigo 6º

A Dirección Xeral de Administración Local poderá modifica-lo desenvolvemento dos cursos para adaptalos ás necesidades da Administración e ás continxencias que poidan xurdir.

Artigo 7º

1. O prazo de presentación de solicitudes será de vinte días naturais, contados a partir do seguinte ó da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

2. As solicitudes presentaranse no rexistro xeral da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais, no das delegacións provinciais desta consellería, ou por calquera outro dos medios ós que se refire o artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

3. O defecto na solicitude seralles notificado ós interesados e daráselles un prazo de dez días para que emenden erros ou omisións. Transcorrido o dito prazo, se non se producise a dita emenda, as peticións serán arquivadas de conformidade co disposto na devandita Lei 30/1992, trala súa modificación pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Administración local para dictar, no ámbito das súas competencias, as resolucións precisas para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 31 de xullo de 2002.

Antonio Pillado Montero

Conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións

Laborais