Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 149 Luns, 05 de agosto de 2002 Páx. 12.013

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

CONSELLERÍA DE INDUSTRIA E COMERCIO

RESOLUCIÓN do 27 de xuño de 2002, da Delegación Provincial de Lugo, pola que se aproba o proxecto de execución, se autoriza e se declara, en concreto, de utilidade pública, para os efectos da urxente ocupación, a L.M.T., C.T. e R.B.T. de Pacios e Acedre, no concello de Pantón. (Expediente 16/2000 A.T.).

Visto o expediente incoado nesta delegación provincial por petición de Unión Fenosa Distribución, S.A. con domicilio para os efectos de notificación na avda. de Arteixo 171, A Coruña, que solicita aprobación do proxecto, autorización administrativa e declaración da utilidade pública da instalación eléctrica de referencia.

Cumpridos os trámites sinalados no artigo 53 da Lei 5/1997, do 27 de novembro, do sector eléctrico, e os ordenados nos capítulos III do Decreto 2617/1966, do 20 de outubro, sobre autorización de instalacións eléctricas, e nos capítulos III e IV do regulamento de aplicación da Lei 40/1966, do 18 de marzo, sobre expropiación forzosa e sancións en materia de instalacións eléctricas, aprobado polo decreto 2619/1966, do 20 de outubro, de aplicación ó presente expediente segundo o establecido pola disposición transitoria primeira da indicada Lei 54/1997, en relación coa disposición transitoria undécima do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro.

Visto que durante o período no que se someteu o expediente ó trámite de información pública se presentaron as seguintes alegacións:

1. Ramón Pérez Martínez que solicita que unha vez se poña en funcionamento a instalación eléctrica obxecto deste expediente se elimine fisicamente a liña antiga.

2. Santiago Ramos Cartea e Autora Rodríguez Argibay que manifestan que o proxecto presentado é moi sinxelo e os planos de localización son de escala 1: 10.000. Así mesmo sinalan que se proxecta un novo trazado cando se podería aproveitar-lo trazado existente ou ben utilizar camiños públicos ou montes veciñais para o mesmo fin. Por último, baseándose en que a afección ocasionada pola imposición da servidume de paso da liña polas súas parcelas as deixarían totalmente inservibles, solicitan a expropiación total dos predios.

3. Jesús González Piñeiro que manifesta que se produciu un cambio de titularidade da parcela a favor da comunidade de herdeiros que el representa e solicita que se lle remita o plano da situación do predio no que recolla o trazado da liña eléctrica sobre el.

Considerando que tales alegacións, vista a contestación a estas por parte da empresa promotora e do resto da documentación que consta no expediente, non impiden continuar coa tramitación do expediente polas seguintes razóns:

1. No referente ó manifestado por Ramón Pérez Martínez por canto a liña antiga será suprimida pola

empresa Unión Fenosa unha vez posta en funcionamento a nova liña obxecto deste expediente.

2. Polo que respecta ó alegado por Santiago Ramos e Aurora Rodríguez Argibay cómpre indicar que o proxecto e os planos de situación e de planta e perfil que constan neste, cumpre cos requisitos establecidos no Decreto 3151/1968, do 28 de novembro, polo que se aproba o Regulamento de liñas eléctricas aéreas de alta tensión, así como o establecido no Decreto 2617/1966, do 20 de outubro, sobre autorizacións de instalacións eléctricas e Decreto 2619/1966, do 20 de outubro, polo que se aproba o regulamento da Lei 10/1966, do 18 de marzo, sobre expropiación forzosa e sancións en materia de instalacións eléctricas e neste sentido emitiron informe favorable os servicios técnicos desta delegación provincial. Por outra banda, a necesidade deste novo proxecto vén ocasionada polo incremento da demanda de enerxía na zona que implica que o trazado antigo non puidese cubri-las necesidades existentes na actualidade. En canto a proposta de utilizar camiños públicos e montes comunais, o alegante fai

unha proposta xenérica e non presenta un trazado alternativo concreto que puidese ser obxecto do correspondente estudio, trazado que en todo caso tería que cumpri-los requisitos establecidos no artigo 26 do devandito Decreto 2619/1966, o cal semella practicamente imposible á vista das características do terreo por onde discorre o trazado proxectado. Por último, no que respecta á proposta de expropiación total das parcelas, cómpre indicar que os alegantes non acreditan en ningún momento os prexuízos económicos derivados da expropiación parcial do predio que determina que a explotación deste sexa antieconómica tal e como esixe o artigo 23.2º do tan reiterado Decreto 2619/1966. Por outra banda, a imposición da servidume de paso non impide ó dono do predio servente, cerca-lo, plantar ou edificar nel, deixando a salvo a servidume (artigo 27 do Decreto 2619/1966). Para maior abundamento débese indicar que a Administración non está obrigada a concede-la expropiación total solicitada xa que

a liña xurisprudencial trazada polo Tribunal Supremo, vén recoñecendo que, se se rexeita a expropiación total, se incluirá no prezo xusto a indemnización por danos e perdas que se produzan como consecuencia da expropiación parcial do predio correspondéndolle ó xurado provincial de expropiación o pronunciamento sobre a existencia ou non dos devanditos danos e, se é o caso, sobre a súa contía (sentencia do T.S. do 12 de marzo de 1993), todo iso en consonancia co artigo 46 da Lei de expropiación forzosa de 1954.

3. En canto ó manifestado por Jesús González Piñeiro por que se tomou nota do cambio de titularidade producido e lle foron remitidos os planos solicitados.

Vista sobre o terreo a traza da liña eléctrica proxectada, obsérvase que a liña ó seu paso polos predios relacionados na información pública, non se dá ningunha das prohibicións ou limitacións sobre os predios en expropiación, ás que se refiren respecti

vamente os artigos 25 e 26 do Decreto 2619/1966, en concordancia co artigo 57 da Lei 54/1997 antes citada.

Sendo competente este organismo, con base no Estatuto de autonomía de Galicia, no Real decreto 2563/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servicios da Administración do Estado á Comunidade Autónoma galega en materia de industria, enerxía e minas, e no exercicio de competencias atribuídas polos Decretos 2617/1966 e 2619/1966,

RESOLVO:

Primeiro.-Autorizarlle a Unión Fenosa Distribución, S.A. o establecemento da dita instalación eléctrica, coas seguintes características principais:

1. Liña media tensión aérea con orixe na L.M.T ó C.T. de Cangas e final no C.T. proxectado de Acedre de 2.207 m de lonxitude a 20 kV sobre apoios de formigón en conductor LA-56.

2. Centro de transformación aéreo de intemperie de Acedre de 100 kVA de potencia e relación de transformación 20.000/380-220 V.

3. Rede de baixa tensión aérea de Acedre de 3.620 m de lonxitude a 380/220 V, sobre apoios de formigón en conductor R.Z.

Segundo.-Declara-la utilidade pública da instalación eléctrica autorizada, coas consecuencias establecidas no artigo 54 da Lei 54/1997, do 27 de novembro, do sistema eléctrico, de necesidade de ocupación dos bens ou de adquisición dos dereitos afectados e de urxente ocupación para os efectos do artigo 52 da Lei de expropiación forzosa. Igualmente, levará implícita a autorización para o establecemento ou paso da instalación eléctrica sobre terreos de dominio, uso ou servicio público, ou patrimoniais do Estado, ou das comunidades autónomas, ou de uso público, propios ou comunais da provincia ou municipio, obras e servicios destes e zonas de servidume pública.

Terceiro.-Prestar aprobación ó seu proxecto de execución denominado L.M.T., C.T., R.B.T. en Pacios e Acedre e o seu anexo, asinados polo enxeñeiro técnico industrial José María Fernández Rey e visado polo Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos Industriais da Coruña co número 984441 e 984411 con data do 3-12-1998 e 26-11-2001 respectivamente, e unha vez cumpridos os trámites que se sinalen no capítulo IV do citado Decreto 2617/1966, e visto o contido dos informes técnicos con data do 30 de xaneiro de 2002.

Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licencias ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios en relación coas instalacións autorizadas.

Cuarto.-En cumprimento do disposto nos artigos 52 da Lei de expropiación forzosa, do 16 de decembro de 1954, e 31 do Regulamento da Lei 10/1966,

do 18 de marzo, acordo que o representante da Administración dea comenzo, en data e hora que a cada interesado se lle notificará individualmente, ó levantamento das actas previas á ocupación dos predios contidos nas relacións publicadas no diario El Progreso con data do 1 de marzo de 2002, Diario Oficial de Galicia con data do 2 de abril de 2002 e no BOP de Lugo do 14 de marzo de 2002, expostas no taboleiro de anuncios desta delegación provincial e no taboleiro de edictos do concello de Pantón. Ata o momento do levantamento das actas previas, poderanse formula-las alegacións, por escrito, que se consideren pertinentes para os efectos de rectificar posibles erros na relación de bens afectados, ante esta delegación provincial.

Esta publicación realízase igualmente para os efectos do artigo 59.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, cando os titulares dos predios propostos sexan descoñecidos ou se ignore o lugar de notificación, e así dirixirlle ó Ministerio Fiscal as dilixencias que se produzan, de conformidade co artigo 5 da Lei de expropiación forzosa, do 16 de decembro de 1954.

Esta resolución non é definitiva na vía administrativa, e contra ela poderase interpoñer recurso de alzada perante o conselleiro de Industria e Comercio no prazo dun mes, contado desde o día seguinte ó da súa notificación/publicación. Tamén se poderá interpoñer calquera outro recurso que se considere oportuno para a defensa dos dereitos e intereses por parte dos interesados.

Lugo, 27 de xuño de 2002.

Jesús Bendaña Suárez

Delegado provincial de Lugo