Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 143 Venres, 26 de xullo de 2002 Páx. 11.646

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE POLÍTICA TERRITORIAL, OBRAS PÚBLICAS E VIVENDA

DECRETO 242/2002, do 27 de xuño, polo que se declara, en concreto, a utilidade pública e se dispón a urxente ocupación dos bens e dereitos afectados polo proxecto de construcción da variante de acceso ó polígono dos Airios no concello das Pontes de García Rodríguez. Clave AC/98/139.3.

Con data do 12 de abril de 1999 o director xeral de Obras Públicas, por delegación do conselleiro de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda aprobou o proxecto de construcción da variante de acceso ó polígono dos Airios no concello das Pontes de García Rodríguez. Clave: AC/98/139.3.

Os bens e dereitos nos que se concreta a declaración de urxente ocupación aparecen recollidos e valorados no citado proxecto.

A competencia para efectua-la declaración de urxente ocupación tena atribuída a Xunta de Galicia en virtude do artigo segundo do Decreto 156/1982 do 15 de decembro, sobre asunción de transferencias en materia de estradas e a súa asignación á Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda, considerándose xustificada na referida declaración pola súa incidencia na seguridade vial. Na actualidade, o acceso ó polígono industrial dos Airios realízase a través da estrada provincial CP-7001 e a confluencia coa estrada C-641 é un punto conflictivo debido a que se situa nunha curva con pouca visibilidade e moi próximo ó cruzamento

coa avda. de Lugo. Ademais, o primeiro treito do dito acceso arranca cunha pendente lonxitudinal de aproximadamente o 16% sen a penas acordo vertical. O obxecto do proxecto é o de executar unha variante que canalice o tráfico pesado de entrada e saída ó polígono industrial dos Airios e, en consecuencia, mellore as condicións de circulación na zona, producindo un ostensible aumento dos niveis de seguridade vial nela.

En virtude de todo o exposto e en aplicación do artigo 28.2º do Estatuto de autonomía de Galicia e dos artigos 10 e 52 da Lei de expropiación forzosa, en relación co previsto no artigo 8 da Lei 25/1988, do 29 de xullo, por proposta do conselleiro de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vintesete de xuño de dous mil dous,

DISPOÑO:

Artigo único.-Declara-la utilidade pública e a urxente ocupación dos bens e dereitos necesarios e que se concretan no expediente administrativo instruído, para efectos de expropiación no proxecto de construcción da variante de acceso ó polígono dos Airios no concello das Pontes de Gacía Rodríguez. Clave: AC/98/139.3.

Santiago de Compostela, vintesete de xuño de dous mil dous.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

José Cuiña Crespo

Conselleiro de Política Territorial,

Obras Públicas e Vivenda