Examinado o expediente presentado polo centro privado San José de Gondomar (Pontevedra), no que solicita a ampliación de dúas unidades do segundo ciclo de educación infantil.
Resultando que o expediente foi tramitado pola Delegación Provincial de Educación e Ordenación Universitaria de Pontevedra que o envía cos informes correspondentes.
Vistos a Lei orgánica 1/1990, do 3 de outubro, de ordenación xeral do sistema educativo (BOE do 4 de outubro), o Real decreto 1004/1991, do 14 de xuño (BOE do 26 de xuño), o Decreto 133/1995, do 10 de maio (DOG do 22 de maio) e a Orde do 20 de setembro de 1995 (DOG do 15 de decembro), polo que se desenvolve o antedito decreto.
Considerando que o devandito centro privado ten autorización definitiva para impartir educación infantil.
Esta consellería, por proposta da Dirección Xeral de Centros e Inspección Educativa
RESOLVE:
Autoriza-la ampliación de dúas unidades do segundo ciclo de educación infantil ó centro privado San José de Gondomar (Pontevedra), segundo os datos que se relacionan no anexo da presente orde, facendo constar que, para a posta en funcionamento destas, a Delegación Provincial da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, logo do informe da Inspección Educativa, aprobará expresamente a relación do persoal que imparta docencia nas unidades que se amplían.
Contra esta orde, que esgota a vía administrativa, os interesados poderán interpoñer recurso potestativo de reposición perante o conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, no prazo dun mes, a partir do día seguiente ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, segundo o disposto nos artigos 116 e 117 da Lei 4/1999 (BOE do 14 de xaneiro), de modificación da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou ben directamente o recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.
Santiago de Compostela, 27 de xuño de 2002.
Celso Currás Fernández
Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria
ANEXO
Provincia: Pontevedra.
Concello: Gondomar.
Localidade: Borreiros.
Enderezo: O Telleiro nº 14.
Denominación: centro privado San José.
Titular: Misioneras de María Mediadora.
Código do centro: 36015949.
Nivel: educación infantil-2º ciclo.
Unidades de que constaba: 5.
Unidades novas autorizadas: 2.
Composición resultante:
Centro de educación infantil: 7 unidades.
CONSELLERÍA DE POLÍTICA AGROALIMENTARIA E
DESENVOLVEMENTO RURAL