Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 139 Venres, 19 de xullo de 2002 Páx. 11.427

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

CONSELLERÍA DE FAMILIA E PROMOCIÓN DO EMPREGO, MULLER E XUVENTUDE

RESOLUCIÓN do 11 de xullo de 2002, da Secretaría Xeral da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, pola que se convocan a concorrencia pública as entidades interesadas para a xestión do Centro de reeducación específico Concepción Arenal da Coruña.

Con data do 17 de xuño de 2002 publicouse no DOG o Decreto 204/2002, do 6 de xuño, polo que se crea o Centro de reeducación específico de menores Concepción Arenal (A Coruña). Procede pois que esta consellería, aténdose ó disposto no artigo 45 da Lei orgánica 5/2000, do 12 de xaneiro, reguladora da responsabilidade penal dos menores, promova un procedemento de concorrencia pública para a xestión do dito centro.

Poderán presenta-las súas ofertas aquelas entidades que reúnan os seguintes requisitos:

-Ser unha entidade sen ánimo de lucro legalmente constituída que recolla nos seus estatutos a atención a menores en conflicto social.

-Estar inscrita no Rexistro de Entidades Prestadoras de Servicios Sociais da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude.

-Posuír experiencia debidamente acreditada na xestión dun centro de similares características ó que é obxecto deste convenio, é dicir, na intervención socio-educativa con menores infractores ou ben na xestión e desenvolvemento de programas de inserción socio-laboral ou de intervención socio-educativa con menores en conflicto social.

-Ter solvencia económica, o cal se acreditará mediante informe de institución financeira.

As bases deste procedemento poderán recollerse nas oficinas de rexistro desta consellería, tanto en servicios centrais como nas delegacións provinciais.

Establécese un prazo de 10 días contados desde o seguinte ó da publicación deste anuncio para a presentación de ofertas que poderá facerse nas oficinas de rexistro anteriormente mencionadas ou en calquera dos outros lugares recollidos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, debendo neste último suposto comunica-la dita presentación dentro dos 10 días de prazo. Esta comunicación farase mediante fax enviado ó 981 54 46 34.

O importe deste anuncio será por conta da entidade que resulte conveniada.

Santiago de Compostela, 11 de xullo de 2002.

P.D. (Orde 16-12-1997)

Javier Batán Rodríguez

Secretario xeral da Consellería de Familia

e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude