Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 138 Xoves, 18 de xullo de 2002 Páx. 11.388

VI. ANUNCIOS

OUTROS ANUNCIOS

CONSORCIO PARA O SERVICIO CONTRA INCENDIOS E SALVAMENTO DA COMARCA DO SALNÉS

ANUNCIO.

Aprobado polo Pleno do Consorcio contra Incendios e Salvamento da Comarca do Salnés, en sesión con data do 27-6-2002, os pregos de prescricións técnicas e administrativas para a contratación, mediante concurso con procedemento aberto e tramitación urxente, da concesión para a xestión indirecta do servicio de intervención en emerxencias do consorcio, expóñense estes ó público para efectos de reclamacións durante o prazo de oito días.

Así mesmo, sométese a exposición pública a licitación para a contratación da devandita concesión, coas condicións que se indicarán, facéndose saber que, de presentarse reclamacións contra o prego, quedará interrompido o prazo de presentación de proposicións.

As características da licitación serán as establecidas nos pregos de prescricións técnicas e administrativas aprobados para o efecto, que servirán de base para ela, e que en resumo son as seguintes:

Obxecto, procedemento e tramitación do contrato: o obxecto do contrato é a prestación, en réxime de xestión indirecta, do servicio de intervención en emerxencias na comarca do Salnés, mediante explotación, conservación e mantemento do Parque contra Incendios e Salvamento da Comarca do Salnés. O procedemento de contratación será aberto, mediante concurso e tramitación urxente.

Prazo de execución: duración do contrato: cinco anos, prorrogable ata un máximo de quince, segundo o establecido no prego de prescricións.

Orzamento do contrato: o orzamento do contrato é de 871.467 A anuais, divididos do seguinte xeito: 510.860 A e no referente á sede principal de Ribadumia, e 360.607 A polo que respecta á subsede de Vilagarcía de Arousa.

Para este exercicio de 2002 o prezo de licitación establécese en 212.858 A.

Clasificación do contratista: non se esixe.

Solvencia técnica e financeira: segundo o establecido nos pregos de prescricións técnicas e administrativas aprobados para o efecto, polos procedementos establecidos no TR da LCAP.

Fianzas provisional e definitiva: 2% do prezo anual de licitación para a fianza provisional e 4% para a fianza definitiva.

Lugar e prazo de presentación de proposicións: o lugar de presentación de proposicións será na sede do consorcio, sita no Concello de Ribadumia (avda. de Ribadumia nº 3, Ribadumia, Pontevedra). Tramitación urxente e o prazo de presentación de proposicións será de trece días naturais contados desde a última publicación deste anuncio no BOP ou no DOG.

Mesa de contratación: estará formada pola presidenta do consorcio ou persoa en quen delegue, e dous representantes da Xunta de Galicia e dous representantes da Deputación Provincial de Pontevedra, actuando como secretaria da mesa a secretaria do consorcio ou funcionario en quen delegue.

Apertura de proposicións: terá lugar o terceiro día hábil despois do remate do prazo de presentación de proposicións. No caso de coincidir en sábado procederase á apertura no seguinte día hábil.

Avaliación das ofertas: será o establecido na cláusula 12 do prego de condicións técnicas aprobado para o efecto.

Modelo de proposicións: será o que figura como anexo no prego de condicións administrativas aprobado polo consorcio.

Ribadumia, 4 de xullo de 2002.

Mª Salomé Peña Muñiz

Presidenta do Consorcio para o Servicio contra

Incendios e Salvamento da Comarca do Salnés