Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 127 Mércores, 03 de xullo de 2002 Páx. 10.383

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

UNIVERSIDADE DE VIGO

RESOLUCIÓN do 14 de xuño de 2002 de delegación de competencias.

O artigo 20 da Lei orgánica 6/2001, do 21 de decembro, de universidades, asígnalles ós rectores das universidades a maior parte das competencias que a autonomía universitaria confire ós órganos universitarios. Así mesmo, o artigo 97 dos estatutos da Universidade de Vigo desenvolve especificamente as competencias do rector.

A actividade administrativa da Universidade de Vigo leva consigo unha concentración de funcións na persoa do seu rector que aconsella, dado o seu volume, recorrer á delegación de competencias sen esquece-lo debido respecto dos principios que informan a actividade administrativa e que a nosa constitución recolle no seu artigo 103.1º.

A delegación de competencias permite a axilización administrativa necesaria que redunda en beneficio tanto da Administración coma dos administrados, dentro do máis rigoroso respecto das garantías xurídicas que a tutela dos intereses públicos esixe.

Na súa virtude, facendo uso das facultades que me confire o artigo 13 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común e os estatutos desta universidade e demais disposicións de xeral aplicación, este rectorado decide dicta-la seguinte resolución:

I. Delegación a favor da Secretaría Xeral e dos vicerrectores.

1. Con independencia das competencias que lle recoñecen o artigo 22 da LOU e os artigos 102 e 103 dos estatutos desta universidade:

Deléganse na Secretaría Xeral as seguintes competencias:

a) A dependencia funcional da Asesoría Xurídica, é este o camiño que hai que seguir para o pedimento de consultas e informes, que deba render aquela, ós órganos colexiados e unipersoais, así como ós restantes membros da comunidade universitaria.

b) A sinatura de certificacións supletorias dos títulos.

c) A expedición dos certificados de actos presuntos.

d) A sinatura das resolucións que autoricen ou deneguen as rectificacións das actas académicas.

e) As materias de protocolo.

f) A representación oficial da universidade diante dos poderes públicos en materia xudicial e administrativa.

g) Delegación da sinatura en RR.RR. polas que se resolvan pedimentos de alumnos en relación coa súa actividade académica, agás os relativos ó rendemento académico dos estudiantes.

h) As relativas ós rexistros da universidade.

i) A coordinación da matrícula e a proposta do calendario escolar.

2. Deléganse no vicerrector de Relacións Institucionais as seguintes competencias:

a) As relacións, en representación do rector, coas institucións e empresas de carácter público e privado, así como a sinatura de todo tipo de convenios e protocolos relacionados coas actividades destas, cando así sexa considerado oportuno polo rector.

b) As relacións exteriores da universidade e as relativas á Oficina de Relacións Internacionais (ORI).

c) As de coordinación e control dos centros adscritos.

d) As correspondentes ó acceso dos alumnos á universidade.

e) As referidas á organización, avaliación e seguimento da calidade na universidade.

f) As relacionadas coa orientación e fomento de emprego e iniciativas empresariais, incluíndo a sinatura de convenios de cooperación educativa.

g) As relativas ás tecnoloxías da información e as comunicacións e os seus servicios.

h) As relacionadas con empresas e institucións, incluíndo as cátedras de empresa, e a sinatura de convenios de colaboración en tódalas materias obxecto desta delegación.

3. Deléganse no vicerrector de Investigación as seguintes competencias:

a) A proposta, formalización e contratación de proxectos europeos.

b) O relacionado coas bolsas de estudios, tanto das propias coma das autonómicas, nacionais e internacionais, convocando e resolvendo as primeiras e solicitando e informando as restantes.

c) A promoción e avaliación da investigación.

d) As relativas ó servicio de bibliotecas e de publicacións.

e) As de equipamento de centros de investigación e as de xestión e coordinación dos recursos de investigación.

f) As do terceiro ciclo e doutoramento, con exclusión da sinatura dos títulos de doutor e doutor Honoris Causa.

g) As de política científica e difusión da actividade investigadora.

h) As correspondentes ós institutos universitarios.

i) A de formalización de pólizas de seguros de accidentes dos bolseiros.

j) As de contratos, informes e cursos do artigo 83 da LOU.

k) As correspondentes á Oficina de I+D e relacións con outros centros de I+D.

l) A solicitude de proxectos de transferencia de resultados de investigación.

m) As de transferencias de tecnoloxía e patentes.

4. Deléganse na vicerrectora de Organización Académica e Profesorado:

a) A aprobación dos POD e cadro de persoal docente.

b) A convocatoria dos concursos de profesorado contratado.

c) A aprobación das listas provisionais e definitivas de admitidos nos concursos de persoal docente funcionario e contratado.

d) Tódolos actos relativos á situación administrativa do persoal docente, incluídos os procedementos de xubilación.

e) A presidencia da comisión de reclamacións.

f) As correspondentes ós procedementos de elaboración, aprobación ou modificación de plans de estudios desta universidade.

g) As referencias á organización e desenvolvemento das áreas e departamentos.

h) A oferta de prazas (límite de prazas) e a oferta educativa anual (encargo de docencia).

i) Actualizar e/ou modifica-la normativa de xestión académica, de se-lo caso.

j) As correspondentes ó rendemento académico dos estudiantes da Universidade de Vigo.

5. Deléganse no vicerrector de Planificación as seguintes competencias:

a) A de avaliación das novas infraestructuras.

b) As correspondentes ás actuacións urbanísticas que afecten a Universidade de Vigo.

c) As de coordinación en materias económicas.

d) A presidencia da mesa de contratación.

6. Deléganse no vicerrector de Extensión Universitaria e Estudiantes as seguintes competencias:

a) As de proxección da universidade na vida cultural e deportiva do territorio de influencia da Universidade de Vigo.

b) As correspondentes a servicios sociais, aloxamento e atención e información ó estudiante.

c) As de organización, celebración e seguimento dos cursos de extensión universitaria.

d) As relativas a asociacións universitarias e voluntariado.

e) As relativas á política lingüística.

f) As da presidencia ou representación no xurado de bolsas do MEC e nos procedementos das bolsas compensatorias da Xunta de Galicia, así como en

calquera outra na que se convoquen bolsas para estudiantes.

7. Deléganse no vicerrector de Posgrao e Formación Permanente as seguintes competencias:

a) As referencias á coordinación na aprobación e desenvolvemento das ensinanzas conducentes a titulacións propias da Universidade de Vigo e cursos de posgrao.

b) As relativas a formación continua e permanente e ensinanza non presencial.

c) As relativas ó espacio europeo da educación superior.

d) A coordinación do Campus de Pontevedra.

8. Deléganse no vicerrector de Planificación e Desenvolvemento do Campus de Ourense as seguintes competencias:

a) As de proxección, coordinación e representación da universidade no territorio de influencia da Universidade de Vigo no Campus de Ourense.

b) As relacionadas directamente cos asuntos específicos do campus de Ourense.

II. Delegación a favor do xerente.

9. En canto ó xerente e con independencia das competencias que lle outorga o artigo 23 da LOU e o artigo 115 dos estatutos, deléganse nel as seguintes competencias:

a) As de xefatura de persoal funcionario e laboral de administración e servicios.

b) A de ordenación dos pagamentos.

c) As de negociación colectiva e carreira administrativa.

d) As de contratación administrativa que o Real decreto lexislativo 2/2000, do 16 de xuño (BOE do 21 de xuño) polo que se aproba o texto refundido da Lei de contratos das administracións públicas e o Regulamento de contratación desta universidade lle outorgan ó rector, coas excepcións seguintes:

1º Resolución das adxudicacións e formalización dos contratos administrativos derivados dos procedementos de contratación abertos, restrinxidos e negociados.

2º As resolucións de modificación, suspensión e revogación dos contratos administrativos incluídos no punto anterior.

3º As resolucións de execución forzosa.

e) O mantemento das infraestructuras existentes e a xestión das reformas, melloras e ampliación das infraestructuras dos centros.

III. Delegación a favor dos administradores de centros/campus e do xefe de Servicio de Investigación en materia de contratación.

10. Deléganse nos administradores de centros/campus e no xefe de Servicio de Investigación:

a) A aprobación do gasto e a formalización dos contratos menores relativos ás adquisicións de subministracións, prestacións de consultorías/servicios/asistencias e realización de obras, dos programas de gasto que teñan encomendados, todo iso sen menoscabo das competencias reservadas a outros órganos de contratación polo artigo 8º das normas de execución do orzamento de 2001 e da competencia reservada ó rector no punto 9º desta resolución de competencias.

b) Á súa vez deléganse nos administradores de centros/campus os procedementos negociados de subministración por razón da contía, agás das competencias do punto 9º desta resolución rectoral.

IV. Delegación a favor dos xefes de administración dos centros de Ourense e Pontevedra e dos xefes da Área Académica dos centros de Vigo en materia de xestión académica.

11. Delégase nos xefes de Administración dos centros de Ourense e Pontevedra e dos xefes da Área Académica dos dentros de Vigo a sinatura dos seguintes actos de xestión na tramitación dos procedementos de matrícula ordinaria:

a) Os escritos a que fai referencia o artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro.

b) Os trámites que teñan que efectua-los interesados, conforme o artigo 76 da mesma lei.

c) O pedimento de informes que teñan carácter preceptivo e os facultativos cando o determina unha disposición administrativa de carácter xeral, ou se xulguen necesarios para a resolución do procedemento, de conformidade cos artigos 82 e 83 da citada lei.

d) Propoñe-la aceptación da desistencia ou da renuncia da solicitude de matrícula dos alumnos.

e) Realiza-los trámites que establece o artigo 92 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, relativos á caducidade dos procedementos de matrícula ordinaria.

V. Delegación a favor de decanos/directores de centro en materia académica.

12. Delégase nos decanos/directores de centros a sinatura das resolucións definitivas dos seguintes asuntos:

a) A admisión de alumnos en tituacións sen límite de prazas.

b) A admisión dos traslados dos alumnos para continuación de estudios, unha vez adoptadadas as decisións polas comisións de centros.

VI. Delegación da función de certificación da Secretaría Xeral da universidade no xefe do Servicio de Xestión de Persoal.

13. Delégase no xefe de Servicio de Xestión de Persoal, en relación co persoal universitario, a función de certificación da Secretaría Xeral da Universidade, referida exclusivamente ós seguintes supostos:

a) Certifica-la condición de funcionario ou traballador da universidade, en situación de servicio activo para solicita-la concesión de subvencións de matrícula nos centros de ensino.

b) Certificar ou constata-la situación de servicio activo dos funcioanrnios ou traballadores para que teña efectos en calquera acto da vida administrativa dos interesados, unicamente no ámbito da UVI.

Disposicións xerais

14. Os actos dictados como consecuencia desta delegación non poderán excede-los límites dela xa que, en caso contrario, serán nulos de pleno dereito e, en todo caso, faríase constar expresamente esta resolución rectoral e terían a consideración de actos dictados por esta autoridade.

15. En ningún caso poderán delegarse as competencias que se delegan nesta resolución. O rector, en todo momento, poderá abocar para si todas e cada unha das facultades que se atribúen a esta resolución.

16. Quedan derrogadas tódalas resolucións que se opoñan ou contradigan a esta resolución rectoral e de forma específica a do 3 de marzo de 1999.

17. Esta resolución terá vixencia a partir do día seguinte ó da súa publicación no DOG.

Vigo, 14 de xuño de 2002.

Domingo Docampo Amoedo

Rector da Universidade de Vigo

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA, RELACIÓNS INSTITUCIONAIS

E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA