Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 127 Mércores, 03 de xullo de 2002 Páx. 10.368

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 28 de maio de 2002, da Delegación Provincial de Pontevedra, pola que se dispón o rexistro, o depósito e a publicación, no Diario Oficial de Galicia, do convenio colectivo da empresa Estiba y Desestiba del Noroeste, S.L.

Visto o texto do convenio colectivo para a empresa Estiba y Desestiba del Noroeste, S.L., con nº de código 3602232, que tivo entrada nesta delegación provincial o día 23-5-2002, subscrito en representación da parte económica pola representación da empresa, e da parte social, polo comité de empresa, con data 10-5-2002. De conformidade co disposto no artigo 90.2º e 3º do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, Real decreto 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo e Real decreto 2412/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servicios da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia, en materia de traballo, esta delegación provincial

ACORDA:

Primeiro.-Ordena-la súa inscrición no libro de rexistro de convenios colectivos de traballo, que consta nesta delegación provincial, e a notificación ás representacións económica e social da comisión negociadora.

Segundo.-Ordena-lo seu depósito no Servicio de Relacións Laborais, Sección de Mediación, Arbitraxe e Conciliación.

Terceiro.-Dispoñe-la súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Vigo, 28 de maio de 2002.

Antonio Coello Bufill

Delegado provincial de Pontevedra

Convenio colectivo da empresa

Estiba y Desestiba del Noroeste, S.L. (Estinorte)

Artigo 1º.-Ámbito de aplicación.

O presente convenio colectivo ten por obxecto regula-las relacións laborais e económicas da empresa Estiba y Desestiba del Noroeste, S.L. (Estinorte) e o persoal ó seu servicio, en calquera centro de traballo onde teña que desenvolve-la súa actividade.

Artigo 2º.-Ámbito persoal.

Afecta este convenio a todo o persoal que actualmente preste servicios na empresa, así como aquel

que ingrese no futuro, xa sexa fixo continuo, fixo descontinuo ou eventual.

Artigo 3º.-Vixencia.

As normas estipuladas no presente convenio entrarán en vixencia a partir do día seguinte á súa sinatura, salvo as económicas que terán efecto a partir do 1 xaneiro de 2002.

Artigo 4º.-Duración.

A duración do convenio será desde o día 1 de xaneiro de 2002 ó 31 de decembro de 2002.

Artigo 5º.-Prórroga.

Se ningunha das partes denunciase o convenio, este prorrogaríase tacitamente de ano en ano, co incremento do IPC.

Artigo 6º.-Denuncia.

A denuncia do convenio presentarase por calquera das partes con tódolos requisitos legais, cunha antelación mínima de dous meses á data do remate da vixencia do convenio ou de calquera das súas prórrogas.

Artigo 7º.-Absorcións e compensacións.

As condicións que se establecen neste convenio absorberanse e compensaranse no computo anual, calquera outra existente no intre da súa vixencia e nas que no futuro poidan establecerse ata onde alcancen.

Artigo 8º.-Condicións máis beneficiosas.

O persoal que con anterioridade ó establecemento do presente convenio viñera desfrutando de condicións máis beneficiosas cás aquí pactadas, conservaraas ad personam.

Artigo 9º.-Vinculación á totalidade.

As condicións pactadas forman un todo orgánico e indivisible e, para efectos da súa aplicación práctica, serán considerados globalmente.

No suposto de que a autoridade laboral competente, no exercicio das facultades que lle son propias, non o aprobara na súa totalidade, quedaría sen efecto práctico, debéndose considerar de novo o seu contido.

Artigo 10º.-Comisión paritaria.

Para a aplicación, interpretación e cantas xestións se deriven deste convenio, créase unha comisión paritaria composta por tres membros do comité de empresa, tres representantes da dirección e o presidente da comisión deliberadora do convenio.

Artigo 11º.-Xornada de traballo.

A xornada de traballo será de 40 horas semanais, de luns a venres, segundo o seguinte horario:

-Traballo a bordo en bodegas frigoríficas. O horario de traballo para esta modalidade será de 8 a 13 e de 15 a 18, cunha hora de repouso por cada unha de traballo efectivo, a excepción dos amanteiros. Se as necesidades do servicio así o esixisen, a xornada anticiparase nunha hora tanto ó comezo como á finalización, avisando o traballador o día anterior.

A anticipación ou superación desta xornada, coa súa correspondente flexibilidade, consideraranse horas extraordinarias.

-Traballo a bordo en bacallaeiros ou buques non frigoríficos. De 8 a 13 e de 15 a 18, con vinte minutos de descanso na xornada de mañá para toma-lo bocadillo.

Poderase anticipar ou atrasa-la xornada da mesma forma que nos buques conxeladores.

Cando finalice o traballo no barco no que preste o servicio e non rematase a xornada laboral, a empresa poderá destina-lo persoal afectado a outro barco, ata o remate desta.

-Traballo en terra de clasificación, elaboración e estiba-desestiba. A xornada laboral de oito horas será flexible nesta actividade por razóns das especiais características que existen neste traballo, o cal se realizará entre as 7 e as 20 horas, avisando o traballador o día anterior. Na clasificación de bacallao haberá vinte minutos de bocadillo.

Artigo 12º.-Xornada estructural.

Poderanse facer xornadas de 7 horas continuadas ou ben partidas. Estas xornadas nunca poderán supera-las 22 horas.

En caso de traballo en buques (non de conxelado), tanto o persoal de elaboración en terra (planta) como o de buque terá dereito a 20 minutos de bocadillo, dos cales 10 minutos serán recuperables.

Artigo 13º.-Horas extraordinarias.

A bordo, pola especial función do traballo, cando sexa necesario realizaranse ata dúas horas extraordinarias que terán carácter estructural e na clasificación e elaboración serán tres horas. A superación destas horas considérase especiais, coa súa correspondente flexibilidade da xornada.

Artigo 14º.-Traballo en sábados (xornada de mañá).

Cando as necesidades así o requiran, conscientes do prexuízo que podería supor a paralización da empresa durante varios días consecutivos, os traballadores vinculados ó presente convenio poderán traballa-los sábados (en xornada de mañá), realizando unha xornada de sete horas e percibirán unha retribución como se de xornada completa se tratase máis un complemento salarial do 50 por 100 do seu salario normal.

Artigo 15º.-Traballo en sábados (xornada de tarde), domingos e festivos.

Polas mesmas causas expostas no artigo anterior, o persoal podrá traballa-los sábados (xornada de tarde), domingos e festivos; percibindo unha retribución do 100 por 100 do salario normal, máis a reducción da xornada normal en dúas horas.

Artigo 16º.-Traballo nocturno.

Cando as necesidades do traballo así o esixan, poderase facer unha quenda de noite, entre as 22 horas e as 6 da mañá. Esta xornada considerarase

de 6 horas e a superación dela considerarase horas extraordinarias; percibindo os traballadores a seguinte retribución:

Persoal de a bordo: 96,16 euros por xornada.

Persoal de terra: 7,21 euros hora.

Garantirase un mínimo salarial de seis horas para o persoal de terra, de maneira que se na quenda de noite non houbese carga de traballo suficiente para cubri-la xornada completa, aboarase o importe salarial correspondente a seis horas, independentemente do número inferior de horas realizadas.

Artigo 17º.-Contratos eventuais por circunstancias da producción.

É o contrato celebrado ó abeiro do artigo 15.1º b) do ET, segundo redacción dada pola Lei 63/1997, do 30 de decembro, e que se concerta cando as circunstancias do mercado, a acumulación de tarefas ou exceso de pedidos así o esixisen, aínda tratándose da actividade normal da empresa.

A duración máxima pode ser de 12 meses nun período de 18 meses, contados a partir do momento en que se produzan as causas.

Os contratos de duración inferior a seis meses poderán prorrogarse cantas veces as partes acorden, dentro deste período máximo, sen limitación temporal ningunha.

Artigo 18º.-Vacacións.

O período anual de vacacions será de 30 días naturais, que se disfrutarán nun ou dous períodos. No caso de fraccionamento, os períodos deberán ser de 15 días cada un.

As vacacións desfrutaranse preferentemente entre xuño e setembro (inclusive), a excepción do persoal que voluntariamente o desexe noutra data.

As datas de desfrute acordaranse entre a empresa e os traballadores.

Cando por necesidades de traballo algún traballador non poida desfruta-las súas vacacions na data prevista, percibirá unha indemnización equivalente a 120,20 euros.

Os traballadores fixos de carácter discontinuo percibirán o importe das súas vacacions en proporción ó tempo efectivamente traballado durante o ano.

Artigo 19º.-Cargos circunstanciais.

Ós traballadores que para unha tarefa determinada se lles conceda unha función de axuda-los capataces percibirán un salario correspondente á súa categoría profesional incrementado en 12,02 euros diarios mentres permaneza no dito cargo, que será de libre designación e destitución por parte da empresa.

Artigo 20º.-Gratificacións extraordinarias.

Todo o persoal da empresa percibirá nos meses de xulio e decembro o importe de 30 días de salario do convenio.

As ditas gratificacións aboaranse en proporción ó tempo efectivamente traballado durante o ano.

Artigo 21º.-Cesamentos.

O persoal que se propoña cesar voluntariamente na empresa, deberá de comunicalo ó xefe desta polo menos con quince días de antelación á data en que se vaia deixar de presta-lo servicio, cesando nas súas funcións sen dereito de recupera-la antigüidade no caso de reingreso.

Artigo 22º.-Réxime disciplinario.

Os traballadores poderán ser sancionados pola dirección da empresa de acordo coa graduación das faltas e sancións que se establecen nos artigos seguintes.

Artigo 23º.-Graduación das faltas.

Toda falta cometida por un traballador clasificarase, atendendo á súa importancia, transcendencia e intención, en leve, grave o moi grave.

Artigo 24º.-Faltas leves.

1. As faltas de puntualidade na asistencia ó traballo sen debida xustificación, cometidas durante tres días consecutivos ou cinco alternos, no período dun mes.

2. Non notificar con carácter previo ou, se é o caso, dentro das vintecatro horas seguintes á falta, a razón da ausencia ó traballo, a non ser que probe a imposibilidade de facelo.

3. O abandono do servicio sen causa fundada, aínda cando sexa por breve tempo. Se, como consecuencia do mesmo, orixinase prexuízo dalgunha consideración á empresa ou fose causa de accidente ós seus compañeiros de traballo, esta falta poderá ser considerada como moi grave, segundo os casos.

4. Pequenos descoidos na conservación do material.

5. Falta de aseo e limpeza persoal.

6. Non comunicar á empresa os cambios de residencia ou domicilio.

7. As discusións sobre asuntos estraños no traballo dentro das dependencias da empresa. Se tales discusións produciran escándalo notorio, poderán ser consideradas como graves ou moi graves.

8. Faltar ó traballo un día ó mes sen causa xustificada.

Artigo 25º.-Faltas graves.

Consideraranse falta graves as seguintes:

1. Máis de tres faltas consecutivas ou cinco alternas non xustificadas de puntualidade na asistencia ó traballo durante un período de trinta días.

2. Ausencia do traballo sen causa xustificada por dous días durante un período de trinta. Chegará unha soa falta cando tivera que relevar un compañeiro ou cando, como consecuencia da mesma, se causase prexuízo dalgunha consideración á empresa.

3. Entregarse a xogos e distraccións nas horas de traballo.

4. A simulación de enfermidade ou accidente.

5. A desobediencia ós seus superiores en calquera materia de traballo. Se implicase quebranto manifesto de disciplina ou dela derivarase prexuízo notorio para empresa, poderá ser considerada como falta moi grave.

6. Simula-la presencia doutro traballador, fichando, contestando ou firmando por el.

7. Neglixencia ou desidia no traballo que afecte a boa marcha do servicio.

8. A imprudencia no acto do traballo, se implicase risco de accidente para o traballador, para os seus compañeiros ou perigo de avaría para as instalacións, poderá ser considerada como moi grave. En todo caso, considerarase imprudencia en acto de servicio o non uso das pezas de roupa e aparellos de seguridade de carácter obrigatorio.

9. Realizar sen o oportuno permiso traballos particulares durante a xornada así como empregar ferramentas da empresa para usos propios.

10. Estar bébedo fóra do acto de servicio, vestindo roupa da empresa, sempre que polo uniforme se poida identifica-la mesma.

11. A reincidencia en tres faltas leves (excluída a de puntualidade), mediando comunicación escrita.

Artigo 26º.-Faltas moi graves.

Consideraranse como faltas moi graves as seguintes:

1. Máis de dez faltas non xustificadas de puntualidade, cometidas nun período de seis meses ou vinte durante un ano.

2. As faltas inxustificadas de asistencia ó traballo durante tres días consecutivos ou cinco alternos nun período de trinta días.

3. A fraude, deslealdade ou abuso de confianza nas xestións encomendadas e o furto ou roubo, tanto á empresa como os compañeiros de traballo ou calquera outra persoa dentro das dependencias da empresa ou durante o traballo en calquera outro lugar.

4. Facer desaparecer, inutilizar, estragar ou causar desperfectos en primeiras materias, útiles, ferramentas, maquinaria, aparellos, instalacións, edificios, utensilios e documentos da empresa.

5. A condena por delicto de roubo, furto ou estafa ou malversacións cometidas fóra da empresa, ou por calquera outra clase de feitos que poidan implicar para esta desconfianza respecto ó autor.

6. A continuada e habitual falta de aseo ou limpeza de tal índole que produza queixas xustificadas dos seus compañeiros de traballo e non atendese a advertencia previa.

7. A embriaguez habitual ou toxicomanía se repercute negativamente no traballo.

8. Viola-lo segredo da correspondencia ou documentos reservados da empresa ou revelar a elementos estraños a ela datos de reserva obrigada.

9. Os malos tratos de palabra ou obra, a falta grave de respecto e consideración os xefes ou ós seus familiares, así como ós compañeiros e subordinados.

10. Causar accidentes graves por neglixencia ou imprudencia.

11. Abandona-lo traballo en postos de responsabilidade.

12. A transgresión da boa fe contractual así como o abuso de confianza no desempeño do traballo.

13. A inxustificada diminución voluntaria e continuada no rendemento de traballo, normal ou pactado.

14. O orixinar rifas ou brigas cos compañeiros de traballo.

15. A acumulación de tres faltas graves.

Artigo 27º.-Réxime de sancións.

Correspóndelle á empresa a facultade de impoñer sancións nos termos estipulados no presente convenio.

A sanción das faltas, calquera que sexa o seu grao, requirirá comunicación escrita ó traballador.

En calquera caso, a dirección dará conta ó Comité de Empresa, ó mesmo tempo que ó propio afectado, de toda sanción que impoña.

Artigo 28º.-Sancións máximas.

As sancións máximas que se poderán impoñer en cada caso, atendendo á gravidade da falta cometida, serán as seguintes:

a) Por falta leve: amoestación verbal, amoestación por escrito, suspensión de traballo e xornal ata dous días.

b) Por falta grave: suspensión de traballo e xornal de tres a quince días.

c) Por falta moi grave: suspensión de traballo e xornal de dezaseis a sesenta días.

Despido.

Artigo 29º.-Prescrición.

A facultade da empresa para sancionar prescribirá para as faltas leves ós 10 días; para as faltas graves ós 20 días e para as moi graves ós 60 días, a partir da data na que aquela tivo coñecemento da súa comisión.

Moaña, 10 de maio de 2002.

ANEXO I

Táboa salarial ano 2002

1. Salario base.

2. Inhábiles.

3. Tóxico, penoso, perigoso.

4. Gratificación voluntaria.

5. Extras xullo e decembro.

6. Vacacións.

7. Transporte.

8. Axudas de custo.

9. Total salario día.

123456789

Estibador especialista16,986,7913,21-2,792,522,106,0150,40
Amanteiro16,986,7913,21-2,792,522,106,0150,40
Enganchador16,986,7913,21-2,792,522,106,0150,40
Estibador15,146,0610,40-2,492,131,256,0143,48
Mozo especializado16,366,54-4,182,691,712,07-33,55
Mozo15,336,13-4,852,521,680,94-31,45