Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 125 Luns, 01 de xullo de 2002 Páx. 10.209

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

ESCOLA GALEGA DE ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

RESOLUCIÓN do 26 de xuño de 2002 pola que se convoca un curso de verán sobre a propiedade intelectual na sociedade dixital.

Dentro do Plan de Actividades da Escola Galega de Administración Pública para o 2001 e de acordo coas funcións atribuídas pola Lei 4/1987, do 27 de maio, de creación da escola, e pola Lei 10/1989, do 10 de xullo, de modificación da anterior, convócase, en colaboración co Concello de Sada, un curso de verán sobre a propiedade intelectual na sociedade dixital convocatoria que se desenvolverá conforme as seguintes bases:

1. Obxectivos.

A propiedade intelectual, tan antiga como o propio enxeño do home, tivo unha evolución na que recibiu o impacto dos avances científicos e tecnolóxicos nun proceso de aceleración imparable na nosa época. Desde a pedra ó papiro e logo ó papel, desde o cicel á imprenta, desde a notación musical ó disco, os medios de pór á disposición do espectador ou do lector as obras do enxeño de reproducilas e de divulgalas e polo tanto, de obter un beneficio económico se desenvolveron exponencialmente. No século XX a cinematografía, a radiodifusión, a televisión, o gramófono e o disco, a posibilidade de gravar, primeiro o sonido e logo a imaxe, a irrupción da informática e a súa expansión inverosímil, a aparición da Internet, a Rede, ofrecen unhas expectativas case infinitas e propoñen á vez un cúmulo de incógnitas con non poucos problemas.

Sobre estas e outras cuestións tratará de dar resposta este curso.

2. Contido.

Trataranse estes temas:

-O traballo do actor de cine.

-Cultura e Internet; unha nova revolución. Problemática dos contidos.

-O dereito de autor na Unión Europea: normas vixentes e proxecto de directiva.

-O concepto de obra audiovisual e os seus problemas: o dereito de cita, o plaxio de formatos en TV, os cortes publicitarios, os remate de películas e outros.

-As obras multimedia.

-Os contratos electrónicos.

-Sobre a protección dos programas de ordenador.

-Os videoxogos.

-O dereito penal da propiedade intelectual. O plaxio. Os delictos cometidos a través da Internet.

-Filmación de espectáculos deportivos e dereitos de cadea.

-O dereito de autor como dereito fundamental.

3. Destinatarios.

Persoal ó servicio da Xunta de Galicia e da Administración local galega e interesados en xeral.

4. Desenvolvemento.

-Horario: mañá e tarde.

-Lugar e datas: o curso convocado desenvolverase no auditorio da Casa da Cultura de Sada (A Coruña), sita na avda. do Porto, s/n, da citada localidade, os días 29 e 30 de xullo de 2002.

5. Inscrición.

-Prazo: remata o xoves, día 24 de xullo de 2002.

-Tramitación de solicitudes: as solicitudes irán dirixidas ó director da Escola Galega de Administración Pública, Polígono das Fontiñas, rúa de Madrid, 2-4 - 15707 Santiago de Compostela, segundo o modelo que figura como anexo a esta convocatoria, e presentaranse no rexistro xeral da EGAP ou por calquera das formas previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Admitiranse tamén inscricións por telefax: 981 54 63 30.

-Número de prazas: limitado á capacidade do local.

-Inscrición fóra de prazo: só se admitirán, de quedaren prazas baleiras, coa condición de que se cumpran os requisitos xerais antes indicados.

Os peticionarios poderán obter confirmación da súa posible admisión, chamando por teléfono, o día 26 de xullo, de 8.30 a 14.30 horas, ós seguintes números: 981 54 62 39/44 ou 981 54 60 40.

6. Modificacións.

A EGAP reserva para si a facultade de interpretar e de resolve-las incidencias que puidesen xurdir no desenvolvemento do curso, así como o de cancelalo, se o escaso número de solicitudes non xustificase a súa realización.

7. Certificación de asistencia.

Entregaráselles, ó remate deste curso, a aquelas persoas inscritas que concorresen asiduamente a él, cando a súa asistencia sexa igual ou superior ó 85% das horas lectivas programadas, e expresarase, neste documento, a natureza da actividade e as datas da súa realización.

Santiago de Compostela, 26 de xuño de 2002.

Domingo Bello Janeiro

Director da Escola Galega de Administración

Pública

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA, RELACIÓNS INSTITUCIONAIS

E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA