Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 124 Venres, 28 de xuño de 2002 Páx. 10.113

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

CONSELLERÍA DE POLÍTICA AGROALIMENTARIA E DESENVOLVEMENTO RURAL

AVISO do 22 de maio de 2002, da Delegación Provincial da Coruña, polo que se anuncian os traballos de investigación da propiedade na zona de concentración parcelaria de Liñares-Novela-Pezobre (Santiso-A Coruña).

Ponse en coñecemento dos interesados na concentración parcelaria da zona de Liñares-Novela-Pezobre (Santiso-A Coruña), declarada de utilidade pública e urxente execución polo Decreto 43/1993, do 19 de febreiro (DOG nº 40, do 1 de marzo),

que se anuncia que os traballos de investigación da propiedade para efectos de concentración darán comenzo o día seguinte ó da publicación deste aviso no Diario Oficial de Galicia e prolongaranse por un período de quince días hábiles no lugar habilitado para o efecto na mesma parroquia.

Requírense os propietarios, alugados e parceiros e, en xeral, os cultivadores e titulares de calquera dereito, para que, dentro do indicado prazo, presenten ó persoal encargado dos citados traballos os títulos en que funden os seus dereitos e declaren en todo caso os gravames ou situacións xurídicas que afecten os seus predios ou dereitos.

Requírese tamén a cantos actualmente utilizan augas públicas para que indiquen a leira ou leiras que regan con ela, así como se está inscrito o aproveitamento en Augas de Galicia ó seu favor ou ó doutra persoa, ou, noutro caso, data desde a que veñen utilizando as augas públicas, eles ou os seus causantes, xuntando, en todo caso, as probas que acrediten estas situacións.

Advírtese ós propietarios das leiras que non aparecesen neste período que estas serán consideradas como de descoñecidos e daráselle-lo destino sinalado na Lei 10/1985, do 14 de agosto, de concentración parcelaria para Galicia. Igualmente advírtese que a falsidade destas declaracións dará lugar, con independencia das sancións penais, á responsabilidade por danos e perdas que deriven da dita falsidade ou omisión.

Os traballos de concentración afectarán a totalidade das parcelas pertencentes ás parroquias de Liñares-Novela-Pezobre, do concello de Santiso, polo tanto, os propietarios delas deberán, no seu propio interese, ademais de face-la declaración das súas parcelas, segui-lo desenvolvemento dos traballos de concentración para facer vale-los seus dereitos no momento oportuno.

A Coruña, 22 de maio de 2002.

Jesús Collar Urquijo

Delegado provincial da Coruña