Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 113 Xoves, 13 de xuño de 2002 Páx. 8.940

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE POLÍTICA AGROALIMENTARIA E DESENVOLVEMENTO RURAL

ORDE do 10 de xuño de 2002 pola que se establece, para os gandeiros da Comunidade Autónoma de Galicia, no período 2002/2003, o procedemento para a adquisición de cantidades de referencia ó fondo nacional coordinado de cotas lácteas e asignación complementaria da reserva nacional.

O fondo nacional de cotas lácteas, concibido dentro da reserva nacional como un elemento básico para a modernización do sector, está constituído na actualidade polas cantidades de referencia adquiridas mediante o programa de abandono indemnizado executado durante o período 2001/2002, de acordo coa disposición adicional terceira do Real decreto 1486/1998, do 10 de xullo, e a orde do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación (MAPA) do 8 de xuño de 2001, programa desenvolvido nesta Comunidade Autónoma mediante a orde da anteriormente denominada Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria, do 24 de agosto de 2001. A distribución das cantidades adquiridas entre os productores de cada Comunidade Autónoma, efectuarase ó abeiro do disposto no segundo parágrafo da alínea 1 a) do artigo 15 do Real decreto 324/1994, do 28 de febreiro, polo que se establecen normas reguladoras do sector do leite e dos productos lácteos e do réxime da taxa suplementaria.

É necesario, por tanto, establece-lo procedemento para que os productores de leite poidan acceder á cota existente no fondo, así como á asignación complementaria de cota da reserva nacional. Neste sentido, a normativa estatal citada xa establece os aspectos básicos como requisitos dos beneficiarios, contías máximas que se solicitarán do fondo, prazo de solicitude, criterios básicos de prioridade, prezo e procedemento de xestión, así como límites máximos das asignacións complementarias da reserva nacional en función das cantidades adquiridas do fondo, quedando pendentes de establecer, no ámbito de comunidade autónoma, determinados aspectos complementarios dos anteriores, ademais dos de carácter procedemental.

De acordo co anterior, o obxecto desta orde é establece-las condicións e procedemento para a adquisición de cantidades de referencia do fondo nacional coordinado de cotas lácteas e para a asignación complementaria de cantidades da reserva nacional, no marco do establecido no Real decreto 1486/1998, do 10 de xullo, sobre modernización e mellora da competitividade do sector lácteo, e da Orde APA/867/2002, do 17 de abril, que instrumenta a asignación de cantidades de referencia do fondo nacional coordinado de cotas lácteas e da complementaria da reserva nacional para o período 2002-2003.

Ó abeiro do disposto no Decreto 50/2002, do 14 de febreiro, polo que se establece a estructura orgánica da Consellería de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural, correspóndelle á Dirección Xeral de Producción e Sanidade Agropecuaria, a través da Subdirección Xeral de Explotacións Agrarias, a xestión das cantidades de referencia do leite nas explotacións situadas en Galicia.

Polo tanto, de acordo co disposto no artigo 30.I.3 do Estatuto de autonomía de Galicia e no uso das facultades que me confire a Lei 1/1983, do 22 de xaneiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, así como o Decreto 50/2002, do 14 de febreiro,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

Esta orde establece o procedemento para a adquisición de cantidades de referencia ó fondo nacional coordinado de cotas lácteas (en diante, o fondo), así como para a asignación complementaria da reserva nacional, para o período 2002/2003, segundo o disposto no Real decreto 1486/1998, do 10 de xullo, sobre modernización e mellora da competitividade do sector lácteo.

Artigo 2º.-Cantidades existentes e prezo.

1. A cantidade existente no fondo correspondente á Comunidade Autónoma de Galicia para o período 2002/2003 é de 5.823.271 quilos/gramos.

2. O prezo de venda das cantidades do fondo establécese en 0,30 euros/quilo/gramo.

3. A cantidade correspondente a productores da Comunidade Autónoma de Galicia existente na reserva nacional ascende a 5.823.271 quilos/gramos.

4. Con cargo ás cantidades sinaladas nos puntos 1º e 3º deste artigo, atenderanse, en primeiro lugar, as correspondentes ós recursos que resulten estimados contra as denegacións do fondo coordinado e asignación complementaria da campaña 2001/2002. Unha vez atendidos os ditos recursos, as cantidades resultantes serán as dispoñibles para a adquisición do fondo e asignación da reserva complementaria regulados nesta orde.

Artigo 3º.-Contido de materia graxa.

O contido representativo de materia graxa ou graxa de referencia, das cotas para entrega a compradores asignadas no fondo nacional será 3,58%, que é o da media das cotas abandonadas no período 2001/2002, e así se deberá ponderar no contido representativo de materia graxa do gandeiro beneficiario.

Artigo 4º.-Beneficiarios.

Poderán ser beneficiarios do fondo, logo do pagamento do importe correspondente, e da asignación complementaria da reserva nacional, aqueles productores que o soliciten, teñan a súa explotación na Comunidade Autónoma de Galicia e cumpran os requisitos establecidos nesta orde.

Artigo 5º.-Limitacións.

1. De acordo co establecido no artigo 15.4º do Real decreto 1486/1998, os gandeiros adquirentes de cantidade de referencia do fondo comprométense a non transferir nin ceder temporalmente tanto a súa cota propia como a adquirida do fondo durante cinco períodos.

2. As cantidades de referencia asignadas da reserva nacional, ó abeiro desta orde, non poderán ser obxecto de transmisión por venda ou arrendamento, nin de cesión temporal ou abandono indemnizado, e serán reintegradas na reserva nacional cando o

productor cese na actividade ou transfira, total ou parcialmente, a súa cota.

Exceptúanse do establecido no parágrafo anterior os casos de transmisión por herdanza, doazón e cambio de titularidade, sempre que se trate da mesma explotación que tiña o productor anterior, quedando as cantidades de referencia procedentes da reserva nacional suxeitas ós requisitos de orixe.

Artigo 6º.-Requisitos para acceder á asignación.

1. Poderán solicita-la asignación de cantidades de referencia do fondo os productores que reúnan os seguintes requisitos.

a) Dispoñer de cota asignada inferior a 400.000 quilogramos o 1 de abril de 2002.

Non obstante, o dito límite será elevado a 500.000 quilogramos no caso de que o total das cantidades que poden solicitar, tódolos gandeiros galegos que cumpran os requisitos establecidos neste artigo sexa menor que as cantidades dispoñibles para Galicia.

No caso de sociedades agrarias de transformación ou de cooperativas de producción, con cantidade de referencia asignada a nome da entidade, o límite anterior aplicarase despois de dividi-la cota asignada á entidade polo número de agricultores a título principal que as integren.

b) Estar incluído nalgunha das categorías de productores recollidas no artigo 34.1º do Real decreto 1486/1998, que se indican a continuación:

1) Que teña a condición de agricultor a título principal, tal como se define no artigo 2.6º do Real decreto 613/2001, do 8 de xuño, para a mellora e modernización das estructuras de producción das explotacións agrarias, ou a acade en virtude da adquisición.

2) Que sexa agricultor mozo, tal como se define no artigo 2.7º do citado Real decreto 613/2001, do 8 de xuño, e acceda por primeira vez á producción de leite.

3) Que se trate de agrupacións de productores agrarios, sociedades agrarias de transformación, cooperativas de producción, comunidades de bens ou sociedades civís.

4) Que a súa explotación estea situada nas zonas agrícolas desfavorecidas definidas no artigo 3 da Directiva 75/268/CEE, do Consello, ou en zonas de recolla con problemas específicos.

5) Que se trate dunha institución de carácter benéfico ou docente.

c) Non se ter acollido ós programas de abandono definitivo da producción de leite, financiados con cargo a fondos da Unión Europea, nacionais ou autonómicos.

d) Non ter transferido cantidades de referencia durante os últimos cinco períodos, incluído o actual.

e) No ter cedido cantidades de referencia durante os últimos cinco períodos, incluído o actual, salvo que xustifique debidamente a existencia dalgunha das causas de forza maior recollidas no artigo 42 do Real decreto 1486/1998. Tamén terá consideración de forza maior calquera outra causa debidamente documentada e así considerada pola Dirección Xeral de Producción e Sanidade Agropecuaria.

f) Ter comercializado, na campaña 2001/2002, alomenos o 90% da súa cantidade de referencia individual.

g) Cumpri-las condicións sanitarias esixibles á producción e comercialización de leite e productos lácteos.

2. Os requisitos expresados na alínea b) anterior deberán cumprirse na data de entrada en vigor desta orde. Pola súa parte, as condicións sanitarias indicadas na alínea g) consideraranse cumpridas, para os productores con entrega a compradores, cando os resultados das análises de leite da explotación efectuados polos laboratorios interprofesionais de análises de leite ou laboratorios autorizados pola Consellería de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural, correspondentes ós meses de marzo, abril e maio de 2002, demostren, nas medias dun deses meses, alomenos, que o contido en xermes/ml é inferior a 100.000 e en células somáticas, inferior a 400.000, que non hai presencia de residuos de substancias farmacoloxicamente activas, e non existe presencia de auga engadida. No caso de explotacións con cota exclusivamente de venda directa, consideraranse cumpridas as esixencias de calidade se a explotación está cualificada sanitariamente de acordo coa normativa vixente.

Artigo 7º.-Clasificación e puntuación das solicitudes.

1. A distribución, entre os productores, das cantidades de referencia do fondo efectuarase de acordo cos criterios de prioridade e da puntuación acadada segundo o baremo establecido no punto 3, tendo en conta a cantidade de referencia dispoñible de cada solicitante e as cantidades máximas previstas no artigo 8.

Para tal fin, os expedientes que cumpran tódolos requisitos sinalados no artigo 6 ordenaranse de acordo cos seguintes criterios de prioridade:

a) Solicitantes que cumpran a condición de ser agricultor a título principal. No caso de persoas xurídicas, alomenos o 50% dos seus membros terán que cumprir esa condición.

b) Resto dos productores.

2. Dentro de cada un dos dous grupos, ordenaranse as solicitudes por orde de puntuación, de maior a menor, conforme o baremo sinalado no punto seguinte, ata que se esgote a cantidade dispoñible.

No caso de que, no mesmo grupo, dous ou máis solicitantes tivesen a mesma puntuación, terán preferencia os productores con menor cantidade de referencia a 1 de abril de 2002 e, de ser igual esta, darase prioridade ó solicitante de menor idade ou con data de constitución da entidade máis recente.

3. No marco do establecido no artigo 15 do Real decreto 1486/1998, as solicitudes para a adquisición de cantidades de referencia do fondo serán puntuadas conforme o seguinte baremo:

a) Por ter aprobado, no período comprendido entre o 1 de xaneiro de 1997 e o día de finalización do prazo de presentación de solicitudes contemplado no artigo 9 desta orde, un plan de mellora da explotación ou unha axuda á primeira instalación de novos agricultores, ó abeiro dos reais decretos 204/1996

e 613/2001, coas melloras realizadas ou en execución: 1 punto.

b) Por ser agricultor mozo no momento de entrada en vigor desta orde: 1 punto. No caso de cooperativas, sociedades agrarias de transformación, sociedades civís, laborais, mercantís ou comunidades de bens, esa puntuación obterase se alomenos o 50 % dos socios ou comuneiros cumpre a condición de agricultor mozo.

c) Se no momento de entrada en vigor desta orde a explotación acredita reuni-la condición de prioritaria, de acordo co establecido na Lei 19/1995, de modernización das explotacións agrarias, e na orde desta consellería, do 16 de xuño de 1998, pola que se crea o Rexistro de Explotacións Agrarias prioritarias da Comunidade Autónoma de Galicia: 2 puntos.

d) Por te-la explotación integrada no control de rendemento leiteiro oficial e cumpri-lo establecido na orde da consellería, do 4 de xullo de 2001, de axudas no programa de mellora gandeira como mínimo, no período do 1-10-2000 ó 30-9-2001: 1 punto.

e) Por ter sido destinatario dunha transferencia de cota doutra explotación para a campaña 2001/2002 ou precedentes, no marco dos reais decretos 2307/1994 ou 1486/1998: 2 puntos.

f) Por ser socio, con anterioridade ó 1 de xaneiro de 2002, de cooperativa, sociedade agraria de transformación ou asociación de productores, que estea dedicada á comercialización de leite ou productos lácteos, ou que participase en programas de asistencia técnica a explotacións leiteiras subvencionadas pola Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria no 2001: 1 punto.

g) Por ter solicitado e non recibir cota da reserva nacional no marco das ordes desta consellería, do 6 de xullo de 2000 e 20 de setembro de 2001 (DOG do 10 de xullo e do 28 de setembro, respectivamente): 1 punto.

h) Por ter solicitado e non recibir cota do fondo nacional de cotas lácteas de acordo co establecido nas ordes da consellería, do 17 de setembro de 1999, 6 de outubro de 2000 e 2 de agosto de 2001 (DOG do 27 de setembro, 16 de outubro e 21 de agosto respectivamente): 3 puntos.

Artigo 8º.-Cantidade máxima a adquirir do fondo.

1. A cantidade de referencia máxima que se poderá adquirir do fondo establécese en función da cantidade de referencia asignada o 1 de abril de 2002, segundo o que a continuación se indica:

a) Se a súa cantidade de referencia asignada é inferior a 150.000 quilos, ata un máximo do 50 por 100 desa cantidade.

b) Se a súa cantidade de referencia asignada está comprendida entre 150.000 e 250.000 quilos, ata un máximo do 50 por 100 da diferencia entre a súa cota e 350.000 quilos.

c) Se a súa cantidade de referencia asignada está comprendida entre 250.000 e 400.000 quilos, ata un máximo do 25 por 100 da diferencia entre a súa cota e 500.000 quilos.

2. Non obstante o anterior, con independencia da cota láctea do gandeiro, non se asignarán cantidades superiores a 15.000 quilos nin inferiores a 5.000 quilos.

3. Nos casos de sociedades agrarias de transformación ou cooperativas de producción con cota asignada, os límites sinalados de acceso ó fondo calcularanse dividindo a cota asignada polo número de agricultores a título principal que as integren, e a cantidade a solicitar será o resultado de multiplicar polo dito número a cantidade que correspondería a cada un, segundo os baremos anteriores.

Artigo 9º.-Presentación das solicitudes.

1. Os productores de leite que teñan a explotación situada na Comunidade Autónoma de Galicia, que reúnan os requisitos establecidos no artigo 6 e estean interesados en obter cantidades de referencia do fondo de cotas para o período 2002/2003 deberán presentar, antes do 14 de setembro de 2002, unha solicitude dirixida ó director xeral de Producción e Sanidade Agropecuaria, de acordo co modelo incluído como anexo I, acompañada da documentación que se indica no artigo seguinte.

2. As solicitudes presentaranse, preferentemente, nas oficinas agrarias comarcais ou en calquera das oficinas previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 10º.-Documentación.

Coa solicitude achegarase a seguinte documentación, xustificativa do cumprimento dos requisitos esixidos ós solicitantes e ás súas explotacións:

1. Se o solicitante é persoa física:

a) Fotocopia do NIF ou CIF do solicitante.

b) Fotocopia cotexada da declaración do IRPF do exercicio 2001, e fotocopia cotexada do recibo da cotización á Seguridade Social do mes de marzo de 2002.

c) Un boletín de análises dun laboratorio interprofesional de análises de leite ou doutro laboratorio autorizado pola Consellería de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural, correspondente á media dun mes do período 1-3-2002 ó 31-5-2002, se o leite da explotación non se analiza no Ligal.

Nas explotacións de cota exclusivamente de venda directa, presentarase copia do comunicado da última campaña oficial de saneamento gandeiro realizada na explotación (folla verde), na que conste a súa cualificación sanitaria.

d) Se é o caso, certificado da cooperativa, SAT ou asociación de productores, xustificativo do indicado na alínea 3 f) do artigo 7, segundo o modelo do anexo II.

2. Se o solicitante é unha comunidade de bens:

a) Fotocopia do CIF.

b) Copia do documento de constitución da comunidade de bens.

c) Certificación do órgano rector da comunidade de bens autorizando o representante para presenta-la solicitude en nome da comunidade, indicando, ademais, a relación nominal e o NIF de tódolos socios.

d) Os documentos indicados nas alíneas a) e b) do punto 1 deste artigo, para os membros da comunidade que reúnan a condición de ATP.

e) Se é o caso, as certificacións indicadas nas alíneas c) e d) do punto 1.

3. Se o solicitante é unha persoa xurídica:

a) Fotocopia do CIF.

b) Copia do documento de constitución da entidade.

c) Copia da certificación expedida polo órgano rector da entidade ou escritura de apoderamento na que conste a identificación da persoa autorizada para a presentación da solicitude e representa-la entidade.

d) Certificación do órgano ou persoa correspondente, acerca dos socios que constitúen a entidade, así como os documentos indicados nas alíneas a) e b) do punto 1 deste artigo, para aqueles socios que reúnan a condición de agricultor a título principal.

e) Se é o caso, fotocopia cotexada do imposto de sociedades do exercicio 2001, e certificado de retencións.

f) Se é o caso, os certificados indicados nas alíneas c) e d) do punto 1 deste artigo.

Artigo 11º.-Tramitación.

1. As solicitudes presentadas remitiranse ós servicios provinciais de explotacións agrarias para a súa comprobación e análise, os cales, tendo en conta os requisitos, prioridades e puntuacións previstas nesta orde, elaborarán un informe, que elevarán, coa proposta correspondente, ó director xeral de Producción e Sanidade Agropecuaria.

2. Recibidas tódalas propostas dos servicios provinciais, a Dirección Xeral de Producción e Sanidade Agropecuaria, segundo os baremos de puntuación e condicións establecidas nesta orde, elaborará unha proposta de asignación que notificará ós interesados e remitirá á Dirección Xeral de Gandería do MAPA.

3. No prazo de 10 días a partir da recepción da proposta, os gandeiros deberán ingresa-lo importe do prezo das cantidades de cota que figuran nela, na conta corrente que para tal efecto se lles notificará na correspondente proposta de asignación, remitíndolle unha copia do xustificante de ingreso ó Servicio Provincial de Explotacións Agrarias.

4. A Dirección Xeral de Producción e Sanidade Agropecuaria, unha vez comprobado o ingreso efectivo en prazo, remitiralle á Dirección Xeral de Gandería do MAPA a relación dos gandeiros incluídos na proposta que non constituíron en prazo o ingreso, para os efectos de que se dicten as correspondentes resolucións nas que se teñan por desistidos, de acordo cos artigos 15.3º do Real decreto 1486/1998, e 6.3º da Orde APA/867/2002, do 17 de abril.

5. Unha vez realizada pola Dirección General de Ganadería do MAPA a asignación de cota ata o límite dos dereitos dispoñibles do fondo, a relación de cantidades asignadas a cada productor será exposta nos taboleiros de anuncios da Dirección Xeral de Producción e Sanidade Agropecuaria, dos servicios provinciais de explotacións agrarias, respecto dos productores de cada provincia, e das oficinas agrarias comarcais, respecto dos do seu respectivo ámbito comarcal.

Artigo 12º.-Desistencia e renuncia.

1. De acordo co previsto no artigo 6.3º, da Orde APA/867/2002, do 17 de abril, os solicitantes que no prazo sinalado non efectúen o ingreso do importe das cantidades adquiridas do fondo teranse por desistidos da súa solicitude.

2. Así mesmo, non terá efecto a renuncia á asignación unha vez efectuado o ingreso das cantidades correspondentes á adquisición de cota do fondo.

Artigo 13º.-Asignación complementaria.

1. Tendo en conta o previsto no Real decreto 1486/1998 e no artigo 8 da Orde APA/867/2002, do 17 de abril, o director xeral de Gandería asignaralles ós gandeiros que obtivesen cota do fondo e que o soliciten, unha cantidade de referencia complementaria da reserva nacional, en función da cota individual que teñan xa asignada e da cota obtida do fondo, cun límite máximo fixado no 100 por 100 da cantidade de referencia adquirida con cargo ó fondo.

2. Estas asignacións complementarias da reserva nacional non modificarán o contido representativo de materia graxa da cota do gandeiro beneficiario.

3. O director xeral de Producción e Sanidade Agropecuaria remitiralle á Dirección Xeral de Gandería do MAPA a proposta de asignación complementaria conxuntamente, se é o caso, coa proposta de asignación de cantidade de referencia do fondo.

4. Unha vez realizada a asignación complementaria, se é o caso, polo director xeral de Gandería do MAPA, conxuntamente coa asignación de cantidades de referencia do fondo, a relación de productores e cantidades exporanse nos lugares indicados no artigo 11.5º desta orde.

Artigo 14º.-Falsidade de datos.

A falsidade dos datos consignados na solicitude ou na documentación presentada dará lugar á anulación da asignación e será sancionada de acordo coa normativa vixente, sen prexuízo das responsabilidades de todo tipo que se puidesen derivar, especialmente as derivadas do réxime da taxa suplementaria.

Artigo 15º.-Inspección e control.

1. A Dirección Xeral de Producción e Sanidade Agropecuaria poderá solicita-la documentación complementaria e realiza-los controis administrativos e inspeccións que considere oportunos co fin de comproba-la veracidade dos datos consignados na documentación presentada.

2. O productor deberá colaborar nas devanditas inspeccións, proporcionando os datos requiridos e facilitando, se é o caso, o acceso á explotación.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Producción e Sanidade Agropecuaria para dicta-las instruccións necesarias para o mellor cumprimento e aplicación do disposto nesta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 10 de xuño de 2002.

Juan Miguel Diz Guedes

Conselleiro de Política Agroalimentaria

e Desenvolvemento Rural

CONSELLERÍA DE CULTURA, COMUNICACIÓN SOCIAL

E TURISMO