Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 105 Luns, 03 de xuño de 2002 Páx. 8.092

IV. OPOSICIÓNS E CONCURSOS

CONSELLERÍA DE SANIDADE

ORDE do 20 de maio de 2002 pola que se convoca proceso extraordinario de consolidación de emprego para a selección e provisión de prazas de persoal estatutario das institucións sanitarias dependentes do Servicio Galego de Saúde da categoría de azafata.

A Lei 16/2001, do 21 de novembro (BOE nº 280, do 22 de novembro), ten por obxecto a consolidación de emprego a través do desenvolvemento dun proceso extraordinario de selección e provisión de prazas de persoal estatutario no ámbito das institucións sanitarias da Seguridade Social do Sistema Nacional de Saúde.

Para tal fin, no seu artigo 1 habilita os servicios de saúde para realizar, por unha soa vez, as convocatorias extraordinarias de consolidación de emprego, que comprenderán as fases de selección e provisión, nas categorías e especialidades de persoal que cada servicio de saúde determine.

Igualmente, a disposición adicional primeira da citada lei sinala que as comunidades autónomas que antes da entrada en vigor desta teñan transferidas as competencias de xestión da asistencia sanitaria da Seguridade Social, poderán acollerse ó disposto nela de consideralo conveniente ás súas necesidades.

Por outra banda, no seu artigo 2 consagra, como principio xeral, a adecuación dos procedementos de selección, dos seus contidos e probas ás funcións que se van desenvolver nas correspondentes prazas, incluíndo a valoración do coñecemento da lingua oficial distinta da castelá na respectiva Comunidade Autónoma.

Baseándose en todo o anterior, esta consellería, de acordo coas atribucións que lle confire o artigo 15 da Lei 4/1988, do 26 de maio, da función pública de Galicia, en relación co artigo 7 da Lei 1/1989, do 2 de xaneiro, do Servicio Galego de Saúde, e trala negociación no seo da Mesa Sectorial de Negociación do Persoal Sanitario ó servicio da Comunidade Autónoma, dispón convocar proceso extraordinario de consolidación de emprego para a selección e provisión de prazas de persoal estatutario da cate

goría de azafata das institucións sanitarias dependentes do Servicio Galego de Saúde, conforme as seguintes bases:

Primeira.-Normas xerais.

1. Para o presente proceso de consolidación de emprego convócanse 8 prazas da categoría de azafata e resérvase un 3% para seren cubertas por persoas que teñan recoñecida unha discapacidade igual ou superior ó 33%, conforme a normativa vixente.

2. As prazas non cubertas pola quenda de reserva para discapacitados acumularanse á quenda de acceso libre.

3. Os aspirantes só poderán participar nunha das dúas quendas previstas no punto 2 desta base. Se da instancia que presenten non se deducise a súa opción, serán excluídos provisionalmente, a reserva da súa posterior emenda no prazo de 15 días naturais. De non ser así, quedarán definitivamente excluídos. Polo tanto, trala publicación da lista definitiva de admitidos e excluídos, non se permitirá ningún cambio de quenda ou calquera tipo de emenda ou aclaración ó respecto.

4. O feito de figurar na relación de admitidos non prexulga que se lles recoñeza ós interesados a posesión dos requisitos esixidos no procedemento que se convoca.

5. Este proceso rexerase pola Lei 16/2001, do 21 de novembro, pola Lei 30/1999, do 5 de outubro, de selección e provisión de prazas de persoal estatutario dos servicios de saúde, coas seguintes excepcións: artigo 5 (coa excepción do seu punto 8º que continuará vixente), 6, 8, 10 e 11, polo Real decreto lei 1/1999, do 8 de xaneiro, coa excepción dos artigos 12, 13, 14, 15, 16, 17, 29, 30, 31, 32, 33 e 34 e polas presentes bases.

6. Este proceso divídese en dúas fases: a de selección e a de provisión.

Fase de selección:

Segunda.-Selección.

A selección levarase a cabo a través do sistema de concurso-oposición e, en consecuencia, esta fase consta de dúas partes: primeira parte, oposición, e segunda parte, concurso.

Os aspirantes que superen a fase de selección accederán á situación de persoal estatutario en expectativa de destino na que permanecerán ata que obteñan, se é o caso, un destino definitivo como consecuencia da súa participación na posterior fase de provisión prevista nesta orde.

Terceira.-Requisitos dos aspirantes.

Tódolos requisitos esixidos nesta base deberán ser posuídos polos aspirantes de calquera quenda de acceso, na data en que finalice o prazo de presentación de instancias e terán que manterse ata a toma de posesión como persoal estatutario do Servicio Galego de Saúde.

1. Requisitos comúns para tódalas quendas de acceso:

a) Posuí-la nacionalidade española ou a dalgún Estado membro da Unión Europea ou do Espacio Económico Europeo ou te-lo dereito á libre circulación de traballadores conforme o Tratado da Comunidade Europea.

b) Posuí-lo titulo de graduado escolar, formación profesional de primeiro grao ou equivalente ou en condicións de obtelo dentro do prazo de presentación de solicitudes.

c) Posuí-la capacidade funcional necesaria para o desempeño das tarefas que se deriven do correspondente nomeamento.

d) Ter cumpridos os dezaoito anos e non exceder da idade de xubilación forzosa.

e) Non ter sido separado mediante expediente disciplinario do servicio de calquera servicio de saúde ou Administración pública nos seis anos anteriores á convocatoria, nin estar inhabilitado con carácter firme para o exercicio de funcións públicas nin, se é o caso, para a correspondente profesión.

f) No caso dos nacionais doutros estados mencionados na alínea a), non estar inhabilitado, por sanción ou pena, para o exercicio profesional ou para o acceso a funcións ou servicios públicos nun Estado membro, nin ter sido separado por sanción disciplinaria, dalgunha das súas administracións ou servicios públicos nos seis anos anteriores á convocatoria.

g) Aboa-las taxas por dereitos de exame, salvo o previsto no punto 5 da base cuarta para os discapacitados.

2. Reserva para discapacitados:

Os aspirantes desta quenda, ademais dos requisitos xerais, deberán ter recoñecida unha discapacidade igual ou superior ó 33%.

Cuarta.-Solicitude e dereitos de exame.

1. Os que desexen participar no concurso-oposición terán que cubrir necesariamente o modelo de instancia xunto co modelo de autoliquidación de taxas que serán facilitados gratuitamente nos seguintes lugares:

a) No rexistro xeral da Consellería de Sanidade.

b) Na Oficina de Información ó Cidadán da Consellería da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública.

c) Nas delegacións provinciais da Consellería de Sanidade.

d) Nas direccións provinciais do Servicio Galego de Saúde.

e) Nos servicios de persoal dos centros ou complexos hospitalarios do Servicio Galego de Saúde.

f) Nos servicios de persoal das xerencias de Atención Primaria do Servicio Galego de Saúde.

g) Na Casa de Galicia en Madrid, sita na rúa Casado de Alisal, nº 8, 28014.

Así mesmo, para facilita-la súa difusión, enviaranse ás sedes centrais dos servicios de saúde das comunidades autónomas.

2. A instancia terá que cubrirse conforme o establecido nas súas instruccións complementarias.

En todo caso, unha vez que sexa debidamente rexistrada a solicitude e despois de separa-lo exemplar para o interesado, á folla do exemplar para a Administración deberá grampárselle, no espacio reservado na súa parte superior esquerda, o exemplar para a Administración do modelo de autoliquidación de taxas unha vez realizada a transferencia na entidade bancaria correspondente, xunto cunha fotocopia do documento nacional de identidade ou pasaporte.

No caso de acceder pola quenda de reserva para discapacitados, achegarase tamén unha fotocopia compulsada da certificación que recoñeza a devandita condición, para os efectos de quedar exentos de aboa-las taxas por dereitos de exame.

3. O prazo para a presentación das instancias será dun mes contado a partir do día seguinte ó da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

4. As instancias para participar no concurso-oposición poderán presentarse no rexistro xeral dos centros referidos no punto 1 desta base, ou a través de calquera dos procedementos do artigo 38 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

5. Por imperativo legal, conforme o disposto no artigo 31 da Lei 2/2002, do 29 de abril, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para o ano 2002, que modifica o Decreto lexislativo 1/1992, do 11 de abril, polo que se aproba o texto articulado das bases contidas no capítulo III do título II da Lei 13/1991, do 9 de decembro, de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia, deberán satisfacerse dereitos de exame que ascenderán á cantidade de 29,70 A, que serán ingresados mediante transferencia bancaria nalgunha das sucursais das entidades financeiras colaboradoras na recadación.

Os aspirantes que acrediten unha discapacidade igual ou superior ó 33% estarán exentos do aboamento de taxas por dereitos de exame.

6. No caso de erros ou omisións na consignación da categoría, da quenda de acceso, así como de discrepancia co importe autoliquidado, a lista provisional de admitidos e excluídos establecerá unha exclusión provisional, que poderá ser emendada no prazo de 15 días naturais.

7. A simple transferencia do ingreso non suporá, en ningún caso, a substitución do trámite de presentación do modelo de instancia no prazo e na forma prevista nesta base.

8. Os aspirantes con discapacidade, opten ou non opten por participar na quenda reservada para discapacitados, poderán sinalar na instancia as adaptacións de tempo e medios para a realización dos exercicios, cando estas sexan necesarias. As citadas adaptacións non desvirtuarán, en ningún caso, o contido das probas de valoración da aptitude dos aspirantes.

9. En todo caso, o tribunal reserva para si o dereito de esixir que se acredite convenientemente a existencia ou non de calquera requisito de participación dos aspirantes en calquera momento anterior á resolución definitiva do concurso-oposición

10. A consignación de datos falsos na instancia ou na documentación achegada polos aspirantes sancionarase coa anulación da solicitude, sen prexuízo das demais medidas legais que correspondan.

O domicilio que figure na instancia considerarase como o único válido para os efectos de notificacións, sendo responsabilidade exclusiva do aspirante tanto o erro na súa consignación como a comunicación á División de Recursos Humanos do Servicio Galego de Saúde de calquera cambio nel.

Quinta.-Admisión de aspirantes.

1. Expirado o prazo de presentación de instancias, a División de Recursos Humanos do Servicio Galego de Saúde dictará unha resolución declarando con carácter provisional os aspirantes admitidos e excluídos, co motivo da súa exclusión.

2. Esta resolución publicarase no Diario Oficial de Galicia e terá que indica-lo lugar ou lugares onde poderán examinarse as listas de admitidos e excluídos.

3. Os aspirantes excluídos disporán dun prazo de quince días naturais contados a partir do seguinte ó da publicación da resolución no Diario Oficial de Galicia para poder corrixir, se é o caso, o defecto que motivou a súa exclusión.

4. Á vista das peticións de reparación presentadas, a División de Recursos Humanos do Servicio Galego de Saúde publicará na forma descrita no punto 2 desta base as listas definitivas de aspirantes admitidos e excluídos. Para este efecto, a estimación ou desestimación das devanditas peticións entenderanse implícitas na resolución que publique a lista definitiva.

5. Devolveránselle-los dereitos de exame ós aspirantes excluídos definitivamente do concurso-oposición sempre e cando o soliciten no prazo dun mes contado a partir do seguinte ó da publicación no Diario Oficial de Galicia da resolución á que se refire o punto anterior e utilicen para isto o modelo que figura como anexo IV a esta orde, achegando obrigatoriamente copia da súa instancia e do modelo de autoliquidación de taxas.

Sexta.-Tribunal.

1. A División de Recursos Humanos do Servicio Galego de Saúde, mediante resolución que se publicará no Diario Oficial de Galicia, nomeará un tribunal, cunha antelación mínima dun mes ó inicio das probas. Este tribunal será o encargado de velar polo axeitado funcionamento de todo o proceso, impulsándoo tanto na fase de selección coma na posterior de provisión.

Así mesmo, corresponderanlle ó tribunal as funcións relativas á determinación concreta do contido das probas e a cualificación dos aspirantes, tanto na fase de oposición coma na de concurso, así como, en xeral, a adopción de cantas medidas sexan precisas para o correcto desenvolvemento das probas selectivas e a resolución de incidencias, polo que non poderán disolverse ata as correspondentes tomas de posesión dos aspirantes que resulten seleccionados.

2. O tribunal terá a súa sede central, para os efectos de comunicacións e incidencias, na División de Recursos Humanos do Servicio Galego de Saúde, sita en San Lázaro s/n, 15781, Santiago de Compostela.

3. O tribunal estará composto por un mínimo de cinco membros e debe designarse o mesmo número de suplentes. Todos eles, tanto titulares como suplentes, deberán estar en posesión de titulación de igual ou superior nivel académico que a esixida para o ingreso e te-la condición de persoal fixo das administracións públicas ou dos servicios de saúde.

Un vocal será designado polas organizacións sindicais.

O tribunal poderá dispoñe-la incorporación ós seus traballos de cantos asesores estime conveniente. Os devanditos asesores deberán posuír titulación académica de igual ou superior nivel á esixida para o ingreso e limitaranse a presta-la súa colaboración no exercicio das súas especialidades técnicas.

4. Os membros do tribunal deberán absterse de intervir, notificándollo á División de Recursos Humanos do Servicio Galego de Saúde, cando concorran neles algunhas das circunstancias previstas no artigo 28 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou cando nos cinco anos anteriores á convocatoria realizasen tarefas específicas de preparación de aspirantes para o ingreso na mesma categoría estatutaria. O presidente poderá solicitar dos membros do tribunal declaración expresa de non se atopar incurso nas circunstancias ás que se fai referencia neste punto. Así mesmo, os aspirantes poderán recusa-los membros do tribunal cando ó seu xuízo concorran as citadas circunstancias.

5. A División de Recursos Humanos do Servicio Galego de Saúde publicará, se é o caso, no Diario Oficial de Galicia, a resolución pola que se nomean os novos membros que teñan que substituí-los que

perderon a súa condición por algunha das causas previstas, así como os substitutos daqueles.

6. Despois da convocatoria do presidente, constituirase o tribunal coa asistencia da maioría dos seus membros, titulares ou suplentes. A partir da súa constitución, o tribunal requirirá, para actuar validamente, a presencia da maioría dos seus membros, titulares ou suplentes. Por acordo dos seus membros o tribunal poderá acorda-la autoconvocatoria para a seguinte ou seguintes sesións sen necesidade de citación por escrito ós seus membros.

7. O tribunal terá a categoría primeira das previstas no artigo 26 do Decreto 144/2001, do 7 de xuño, sobre indemnizacións por razón do servicio ó persoal con destino na Administración autonómica de Galicia.

Sétima.-Procedemento de selección.

A) Primeira parte: oposición.

1. A oposición, que terá unha puntuación máxima de 100 puntos, consistirá na realización dos seguintes exercicios:

1.1. Contestación, durante un período máximo de dúas horas, dun cuestionario de vinte preguntas con respostas alternativas, máis tres de reserva, relativas a supostos prácticos. Estes supostos versarán sobre os procedementos prácticos máis comúns e habituais utilizados na categoría profesional que se convoca e relacionados co programa recollido no anexo I desta orde.

Este exercicio será valorado de 0 a 95 puntos, sendo necesario alcanzar unha puntuación mínima de 47,5 puntos para superalo.

1.2. Contestación, durante un período máximo de trinta minutos, dun cuestionario de dez preguntas, máis dúas de reserva, con respostas alternativas, mediante o que se evidencie o coñecemento por parte dos aspirantes da lingua galega. Este exercicio, que será obrigatorio pero non eliminatorio, será valorado de 0 a 5 puntos.

Ámbalas dúas probas da oposición serán realizadas no mesmo día.

2. O lugar, a data e a hora de comezo dos exercicios da oposición serán anunciados no Diario Oficial de Galicia cun mínimo de sete días naturais de antelación.

3. Os aspirantes serán chamados para a realización dos exercicios nun chamamento único e serán excluídos do proceso os que non comparezan. En todo caso, para garanti-la unidade de acto non serán tidas en conta causas de forza maior ou calquera outra causa para emenda-la non comparecencia.

4. En calquera momento os aspirantes poderán ser requiridos polo tribunal coa finalidade de acredita-la súa personalidade, debendo concorrer á realización dos exercicios co documento nacional de identidade, pasaporte ou carné de conducir.

5. En calquera momento do proceso selectivo, se o tribunal tivese coñecemento de que algún dos aspirantes non cumpre un ou varios dos requisitos esixidos nesta convocatoria, despois da audiencia ó interesado, deberá propoñe-la súa exclusión á División de Recursos Humanos do Servicio Galego de Saúde. Da mesma forma, o tribunal deberá dar conta das inexactitudes ou falsidades nas que puidesen incorre-los aspirantes, para os efectos procedentes.

6. Os aspirantes disporán dun prazo de dous días hábiles contados a partir do seguinte ó da realización dos exercicios para impugnar algunha ou algunhas das preguntas incluídas nestes.

Se o tribunal, de oficio, ou baseándose nas citadas impugnacións, anulase algunha ou algunhas das preguntas, anunciarao publicamente nos taboleiros de anuncios dos servicios centrais e periféricos da Consellería de Sanidade e do Servicio Galego de Saúde.

7. Trala publicación das puntuacións dos exercicios da oposición, os interesados poderán presentar reclamación ante o tribunal no prazo de cinco días naturais contados a partir do día seguinte ó da devandita publicación.

8. Á vista das reclamacións presentadas e realizadas, se é o caso, as oportunas correccións, o tribunal publicará no Diario Oficial de Galicia, un acordo coas puntuacións definitivas obtidas polos aspirantes nos exercicios da oposición. Para este efecto, a estimación ou desestimación das reclamacións presentadas entenderanse implícitas nesta publicación.

9. Sen prexuízo do carácter eliminatorio, se é o caso, dos exercicios, poderán supera-la oposición un número de aspirantes superior ó de prazas convocadas.

B) Segunda parte: concurso.

1. O concurso consistirá na valoración polo tribunal, conforme o baremo que se publica como anexo II, dos méritos que acrediten os aspirantes que superasen a oposición, referidos ó último día do prazo de presentación de solicitudes da fase de selección establecido na base cuarta. No devandito baremo valorarase a experiencia profesional e a formación.

2. O acordo do tribunal ó que se refire o punto 9 anterior declarará finalizada a oposición e abrirá un prazo de 15 días naturais contados a partir do seguinte a esta publicación para que os aspirantes que superaron a oposición presenten ante o tribunal os seguintes documentos:

I. Fotocopia compulsada dos títulos académicos e certificacións esixidos para a súa participación nestas probas selectivas.

II. Autovaloración dos méritos que o aspirante considera valorables de conformidade co baremo de méritos. En ningún caso esta autovaloración vinculará o tribunal, tendo un carácter meramente orientativo.

III. Documentación orixinal ou fotocopias compulsadas acreditativas dos méritos alegados.

A documentación que estea redactada nun idioma distinto a calquera dos oficiais do Estado español, deberá vir acompañada de copia traducida por traductor xurado.

3. A puntuación máxima que se poderá obter por experiencia profesional será de corenta e cinco puntos. Así mesmo, valorarase a formación continua ou continuada ata un máximo de cinco puntos, polo que a puntuación máxima posible que se poderá obter no concurso será de cincuenta puntos. En ningún caso a puntuación obtida no concurso poderá aplicarse para alcanza-la puntuación mínima da oposición.

4. Respecto ós cursos recollidos no baremo e que aleguen os interesados para a súa valoración na parte de concurso, deberán ter un contido relacionado coas funcións propias da categoría e estar dirixidos directamente á categoría á que se opta.

Os diplomas dos cursos deberán conte-la sinatura do responsable do órgano convocante e/ou do profesional responsable da súa impartición. Así mesmo, deberá constar claramente o número de horas do curso, as datas de comezo e finalización, o seu contido e a localidade onde foi impartido.

Non se valorarán os diplomas relativos á celebración de xornadas, seminarios, simposios e similares.

5. Se algún aspirante non presenta ningún mérito, o tribunal, de oficio, outorgaralle cero puntos no concurso.

6. O tribunal poderá requirir, de oficio, dos interesados ou de calquera Administración pública, a documentación complementaria ou as aclaracións precisas coa finalidade de asegura-la máxima obxectividade na adxudicación da puntuación no concurso.

7. O tribunal só poderá valorar ou solicitar aclaración sobre os méritos alegados en tempo e forma polos aspirantes.

8. En aplicación dos reais decretos 895/1995, do 19 de maio, e 543/2001, do 18 de maio, que desenvolven a Lei 17/1993, do 23 de decembro, sobre o acceso a determinados sectores da función pública dos nacionais dos estados membros da Unión Europea, o tribunal equiparará os méritos valorables que acrediten os aspirantes comunitarios ás puntuacións do baremo de méritos, con suxeición ós principios constitucionais de igualdade de acceso á función pública e non discriminación por razón de nacionalidade.

Oitava.-Resolución do concurso-oposición.

1. Realizada polo tribunal a baremación correspondente, publicarase no Diario Oficial de Galicia o anuncio da súa exposición. Contra a baremación os aspirantes que o consideren oportuno poderán presentar reclamación ante o propio tribunal no prazo de dez días naturais contados a partir do seguinte ó da publicación do citado anuncio.

2. Á vista das reclamacións presentadas e realizadas, se é o caso, as oportunas correccións, o tribunal publicará no Diario Oficial de Galicia o acordo que conteña a relación de aspirantes, por orde de puntuación, indicando a puntuación obtida en cada unha das dúas partes, a de oposición e a de concurso, así como a puntuación total que será a suma de ámbalas dúas. Para este efecto, a estimación ou desestimación das devanditas reclamacións entenderanse implícitas nesta publicación.

3. En caso de empate na puntuación total obtida na fase de selección (concurso-oposición), resolverase a favor do concursante que acredite o maior tempo total de servicios prestados nas institucións sanitarias da Seguridade Social dos servicios de saúde. De persisti-lo empate, resolverase a favor da mellor puntuación nos puntos 1.1 e 1.2 do baremo que figura como anexo II e pola súa orde. De persistir aínda o empate, dirimirase a favor do aspirante con máis puntuación na fase de oposición no seu conxunto e, de persisti-lo empate, pola maior puntuación nos exercicios da fase de oposición atendendo á súa orde de realización. Por último, decidirá a maior idade do aspirante.

Novena.-Incremento de prazas ofertadas a selección.

Unha vez resolto o concurso-oposición, podería darse o caso de que exista entre os que o superasen, persoal estatutario fixo que nese momento estea en activo ou teña reservada praza nas institucións sanitarias dependentes do Servicio Galego de Saúde, na mesma categoría que a obtida mediante a súa participación nesta convocatoria. Neste suposto, o número de prazas ofertadas na fase de selección para o acceso á situación de expectativa de destino será o establecido na base primeira desta convocatoria, incrementado en tantas outras como aspirantes estean nesta última situación.

Décima.-Presentación de documentos.

1. Os aspirantes que superasen a fase de selección disporán dun prazo de vinte días naturais contados desde o seguinte ó da publicación da lista definitiva das puntuacións finais, á que se refire a base oitava, para presentar ante a División de Recursos Humanos do Servicio Galego de Saúde a seguinte documentación:

a) Fotocopia compulsada do documento nacional de identidade ou pasaporte.

b) Declaración de non se achar inhabilitado para o exercicio profesional ou o desempeño de funcións públicas, nin de ter sido separado, mediante expediente disciplinario, do servicio de calquera Administración pública.

c) Certificación expedida polos servicios médicos no centro que determine a División de Recursos Humanos do Servicio Galego de Saúde, acreditativa da capacidade funcional para o desempeño do posto de traballo. A toma de posesión quedará supeditada á superación deste requisito.

2. Os aspirantes que tivesen a condición de persoal fixo das administracións públicas ou dos servicios de saúde estarán exentos de xustifica-las condicións e os requisitos xa acreditados para obte-lo seu anterior nomeamento, debendo presentar certificación do organismo do que dependan, na que se acrediten a súa condición e demais circunstancias que consten no seu expediente persoal.

3. Se á vista da documentación presentada se apreciase que un aspirante seleccionado non cumpre algún dos requisitos esixidos na convocatoria, a División de Recursos Humanos do Servicio Galego de Saúde dictará resolución motivada na que se declarará a perda dos dereitos que puidesen derivarse da súa participación no proceso selectivo.

Décimo primeira.-Declaración da situación de expectativa de destino.

1. Unha vez comprobado o cumprimento dos requisitos dos aspirantes que superasen a fase de selección, a División de Recursos Humanos do Servicio Galego de Saúde, mediante resolución que se publicará no Diario Oficial de Galicia, declararaos en situación de expectativa de destino.

2. Non poderá supera-la fase de selección e, polo tanto, acceder á situación de persoal estatutario en expectativa de destino, un número maior de aspirantes que o das prazas convocadas, salvo o establecido na base novena.

3. Enténdese por expectativa de destino a situación en que se atopan os aspirantes que superasen o concurso-oposición, ata que obteñan, se é o caso, un destino definitivo como consecuencia da súa participación na posterior fase de provisión.

A situación de persoal estatutario en expectativa de destino non outorga dereitos económicos nin dereito ó desempeño dunha praza como persoal estatutario nas institucións sanitarias da Seguridade Social dos servicios de saúde do Sistema Nacional de Saúde, ata que non se obtivese praza definitiva como persoal estatutario fixo mediante a participación e obtención desta na fase de provisión.

4. O persoal con nomeamento estatutario fixo nas institucións sanitarias da Seguridade Social dos servicios de saúde do Sistema Nacional de Saúde, que obtivese a situación de expectativa de destino na mesma ou distinta categoría, seguirá desempeñando provisionalmente a praza que estea a ocupar ata a obtención definitiva da nova por medio da fase de provisión.

5. O persoal que superase a fase de selección, accedendo á situación de expectativa de destino, e tivese anteriormente a condición de persoal estatutario temporal, atopándose ocupando unha praza nas institucións sanitarias da Seguridade Social dos servicios de saúde do Sistema Nacional de Saúde, continuará ocupando esa praza nas condicións previstas nesta, sen prexuízo de que, se é o caso, puidese obter outra definitiva como resultado da súa participación na fase de provisión.

6. Os que como consecuencia da súa participación na fase de selección correspondente a máis dunha categoría profesional ou, no seu caso, especialidade accedesen á situación de persoal estatutario en expectativa de destino en máis dunha categoría ou especialidade, unicamente poderán participar na fase de provisión de prazas nunha soa categoría ou especialidade.

Fase de provisión:

Décimo segunda.-Provisión.

Finalizada a fase de selección iniciarase, mediante resolución da División de Recursos Humanos do Servicio Galego de Saúde que se publicará no Diario Oficial de Galicia, a fase de provisión que se levará a cabo mediante o sistema de concurso, valorándose conforme o baremo que figura como anexo III, os servicios prestados nas institucións sanitarias da Seguridade Social, referidos ó día da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

Décimo terceira.-Requisitos.

1. Deberá participar obrigatoriamente nesta fase de provisión:

a) O persoal que, como consecuencia do proceso de consolidación de emprego, obtivese a situación de persoal estatutario en expectativa de destino prevista na base décimo primeira desta orde. O persoal que estea nesta situación e non participe na fase de provisión considerarase decaído nos seus dereitos, sen que poida adxudicárselle ningunha praza, perdendo a súa situación de persoal estatutario en expectativa de destino.

b) O persoal que estea en situación de reingreso provisional ó servicio activo no Servicio Galego de Saúde deberá participar obrigatoriamente nesta fase de provisión. Se quen desempeñe unha praza con destino provisional non obtén praza definitiva na fase de provisión, solicitando tódalas convocadas na súa categoría, modalidade e área de saúde, poderá optar por obter novo destino provisional nalgunha das prazas que resulten vacantes como consecuencia da resolución da fase de provisión, ou pasar novamente á situación de excedencia voluntaria. O reingresado provisional que non participe nesta fase, ou non obteña praza e non solicitase tódalas da súa categoría, modalidade e área de saúde, será declarado de oficio en situación de excedencia voluntaria.

2. Poderá participar voluntariamente nesta fase de provisión.

a) O persoal estatutario con nomeamento fixo, na mesma categoría que a que se convoca e que estea desempeñando ou teña praza reservada nas institucións sanitarias da Seguridade Social, sexan cales fosen as administracións públicas das que aquela dependa e sexa cal fose a data en que tomase posesión.

b) O persoal en situación distinta á de activo e que non teña reserva de praza, sempre que reúna os requisitos legais e regulamentarios para incor

porarse ó servicio activo o último día do prazo de presentación de solicitudes para participar na fase de provisión, sen que lle sexa esixible ningún prazo de permanencia na mencionada situación.

Os destinos obtidos na fase de provisión serán irrenunciables.

Décimo cuarta.-Solicitudes.

1. A resolución prevista na base décimo segunda desta convocatoria pola que se inicie a fase de provisión, establecerá a relación de prazas ofrecidas por cada centro de xestión, o prazo, a forma, o lugar de presentación de instancias e da documentación acreditativa dos méritos recollidos no anexo III. A solicitude de praza nun centro de xestión supón a petición das prazas convocadas nestes, así como as que queden vacantes no citado centro como consecuencia da resolución da fase de provisión e, polo tanto, susceptibles de seren adxudicadas en resultas.

A documentación que estea redactada nun idioma distinto de calquera dos oficiais do Estado español deberá vir acompañada de copia traducida por traductor xurado.

2. Durante o prazo de presentación de instancias os concursantes poderán retirar ou modifica-las súas solicitudes mediante a presentación dunha nova instancia, que anulará totalmente a anterior.

Décimo quinta.-Resolución do concurso.

1. Finalizado o prazo de presentación de instancias, e á vista dos méritos acreditados polos participantes, a División de Recursos Humanos do Servicio Galego de Saúde publicará no Diario Oficial de Galicia a resolución pola que se aproba a relación provisional das puntuacións obtidas polos participantes.

2. Os interesados disporán dun prazo de quince días hábiles, contados a partir do seguinte ó da publicación da devandita resolución no Diario Oficial de Galicia, para formula-las reclamacións que estimen pertinentes.

3. Á vista das reclamacións presentadas, a División de Recursos Humanos do Servicio Galego de Saúde publicará na forma descrita no punto 1 desta base unha resolución pola que se aproba a relación definitiva das puntuacións obtidas polos participantes e abrirase un prazo de quince días naturais para solicitar praza. Para este efectos, a estimación ou desestimación das devanditas reclamacións entenderanse implícitas nesta resolución.

4. Os interesados procedentes da situación de expectativa de destino deberán solicitar, por orde de preferencia, tódalas prazas ofertadas. No caso de non solicitar tódalas prazas ofertadas, pasarán á situación de excedencia voluntaria, sen que se proceda a valora-la súa solicitude.

5. O persoal con nomeamento estatutario fixo que participe na fase de provisión e que non estea na situación de expectativa de destino, poderá solicita-la praza ou prazas que considere conveniente,

fosen ofertadas ou non, sen que teña obriga de pedir un número determinado delas, sen prexuízo do establecido na base décimo terceira para o persoal que estea en situación de reingreso provisional ó servicio activo.

6. Á vista das prazas solicitadas polos participantes e da puntuación obtida por estes, a División de Recursos Humanos do Servicio Galego de Saúde publicará no Diario Oficial de Galicia a resolución provisional coas prazas adxudicadas.

7. Os interesados disporán dun prazo de quince días hábiles, contados desde o seguinte á devandita publicación, para formula-las reclamacións que estimen pertinentes.

8. Á vista das reclamacións presentadas e realizadas, se é o caso, as correccións oportunas, a División de Recursos Humanos do Servicio Galego de Saúde publicará no Diario Oficial de Galicia a resolución definitiva desta primeira adxudicación de prazas. Para este efecto, a estimación ou desestimación das devanditas reclamacións entenderanse implícitas nesta resolución.

Décimo sexta.-Adxudicación de prazas.

As prazas serán adxudicadas de acordo co baremo de méritos que se publica como anexo III a esta orde.

En caso de empate na puntuación final obtida no concurso, resolverase a favor do concursante que acredite o maior tempo total de servicios prestados nas institucións sanitarias da Seguridade Social dos servicios de saúde. De persisti-lo empate, resolverase a favor da mellor puntuación obtida nos puntos 2.1 e 2.2 do baremo que figura como anexo III e pola súa orde.

De persisti-lo empate, para os aspirantes procedentes da situación de expectativa de destino aplicaranse os criterios de desempate establecidos na base oitava desta orde.

Para os participantes que non procedan da situación de expectativa de destino, no caso de persisti-lo empate, resolverase a favor do aspirante que leve máis tempo desempeñando efectivamente a praza desde a que concursa. De persisti-lo empate resolverase a favor do concursante de maior idade.

Décimo sétima.-Procedemento de resultas.

1. Se como consecuencia da provisión establecida na base anterior, aínda existisen prazas non adxudicadas ou vacantes por resultas, cubriranse de forma centralizada en función da puntuación obtida conforme o baremo de méritos que se publica como anexo III a esta orde. Para iso a División de Recursos Humanos do Servicio Galego de Saúde publicará unha lista coas devanditas prazas e abrirá un prazo de dez días hábiles para que os aspirantes que non fosen adxudicatarios de praza elixan tódalas ofertadas pola súa orde de preferencia.

2. Concluído este procedemento de resultas, se aínda existisen prazas non adxudicadas ou vacantes, para a súa cobertura, seguirase o mesmo procedemento previsto nesta base.

3. En caso de empate utilizaranse os criterios establecidos na base anterior.

Décimo oitava.-Nomeamentos.

Mediante resolución da División de Recursos Humanos do Servicio Galego de Saúde que se publicará no Diario Oficial de Galicia, o persoal en situación de expectativa de destino que obtivese praza na fase de provisión será nomeado persoal estatutario fixo. Aqueles que, estando nesta situación, non obtivesen praza, solicitando tódalas ofertadas, serán nomeados persoal estatutario fixo en situación de excedencia voluntaria, sen que se lles esixa o período mínimo dun ano para solicita-lo reingreso.

Décimo novena.-Asignación de prazas.

Mediante resolución da División de Recursos Humanos do Servicio Galego de Saúde publicarase no Diario Oficial de Galicia a relación definitiva do total dos adxudicatarios, con expresión concreta da praza adxudicada. Esta resolución abrirá o prazo de toma de posesión.

Vixésima.-Toma de posesión.

1. Os adxudicatarios procedentes da fase de selección disporán dun prazo máximo dun mes, contado a partir do seguinte ó da publicación da resolución á que se refire a base décimo novena, para efectua-la toma de posesión. De non se produci-la toma de posesión no prazo indicado sen causa xustificada, quedará sen efecto o nomeamento como persoal estatutario fixo da respectiva categoría e perderán os dereitos derivados da súa participación neste proceso.

Este mesmo prazo aplicarase no caso de que a adxudicación da praza supoña o reingreso ó servicio activo. En ámbolos dous casos este período non será retribuído.

2. Cando o adxudicatario sexa persoal estatutario con praza en propiedade na mesma categoría á que concursou nesta convocatoria e non proceda da fase de selección, deberá cesar na que, se é o caso, desempeñe, dentro dos tres días hábiles seguintes a aquel en que se publique a resolución á que se refire a base décimo novena. Non obstante, o xerente da institución, por necesidades do servicio, poderá ampliar este prazo ata dez días.

A toma de posesión na nova praza deberá efectuarse dentro dos tres días hábiles seguintes ó do cesamento, se as prazas son da mesma localidade; no prazo de quince días hábiles, se son de distinta localidade pero desta área de saúde; ou no dun mes, se pertencen a distinta localidade e área de saúde.

Cando o adxudicatario non tome posesión da praza adxudicada no prazo indicado, perderá tódolos dereitos derivados da súa participación nesta convocatoria. Entenderase que solicita a excedencia volun

taria por interese particular como persoal estatutario e será declarado na devandita situación pola Dirección Provincial do Servicio Galego de Saúde á que pertenza a praza na que tiña que tomar posesión, quen non se incorpore ó destino obtido dentro dos prazos establecidos ou das súas prórrogas que legal ou regulamentariamente procedan. Non obstante, se existen causas suficientemente xustificadas así apreciadas pola División de Recursos Humanos do Servicio Galego de Saúde logo de audiencia do interesado poderá deixarse sen efecto a devandita situación. En tal caso o interesado deberá incorporarse ó seu destino tan pronto como desaparezan as causas que no seu momento o impediron

Vixésimo primeira.-Normas derradeiras.

1. Esta convocatoria e as súas bases vinculan a Administración, os tribunais encargados de xulga-lo concurso-oposición e os que participen nel.

2. Contra esta orde, que pon fin á vía administrativa, poderá interpoñerse recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, contados a partir da súa publicación no Diario Oficial de Galicia. Potestativamente, no prazo dun mes, poderá interpoñerse recurso de reposición ante esta consellería.

3. Así mesmo, cantos actos administrativos sexan producidos polos tribunais ou pola División de Recursos Humanos do Servicio Galego de Saúde poderán ser impugnados polos interesados de acordo co establecido na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

4. Igualmente, a Administración poderá, se é o caso, proceder á revisión das resolucións dos tribunais, conforme o previsto nas leis.

5. Os recursos contencioso-administrativos que se interpoñan contra esta convocatoria e sucesivos actos do proceso selectivo serán anunciados no Diario Oficial de Galicia para os efectos de citación ós posibles interesados.

Santiago de Compostela, 20 de maio de 2002.

José Mª Hernández Cochón

Conselleiro de Sanidade

ANEXO I

Temario da categoría de azafata

I. A Constitución española: os seus aspectos fundamentais en relación co dereito á protección da saúde. A Lei xeral de sanidade: dereitos e deberes dos cidadáns en relación coa saúde.

II. O Estatuto de autonomía de Galicia: competencias da Comunidade Autónoma en materia de sanidade.

III. Funcións propias da súa categoría.

ANEXO II

Baremo de méritos da fase de selección

1. Experiencia profesional.

Valorarase a experiencia profesional obtida no desempeño de postos de traballo das corresponden

tes institucións sanitarias da Seguridade Social como persoal estatutario. Para estes efectos os servicios prestados con contrato laboral, con carácter fixo ou temporal, nas categorías de persoal reguladas no Estatuto xurídico de persoal médico, de persoal sanitario non facultativo e de persoal non sanitario ó servicio das institucións sanitarias da Seguridade Social, terán a consideración de efectuados como persoal estatutario fixo ou temporal na respectiva categoría.

1.1. Por servicios prestados, calquera que fose o momento, nas institucións sanitarias dependentes do Servicio Galego de Saúde:

a) Na mesma categoría profesional á que se concursa con nomeamento fixo ou temporal: 0,3 puntos por mes traballado.

b) En distinta categoría profesional á que se concursa con nomeamento fixo: 0,15 puntos por mes traballado.

1.2. Por servicios prestados, calquera que fose o momento, nas institucións sanitarias da Seguridade Social dependentes doutros servicios de saúde:

a) Na mesma categoría profesional á que se concursa con nomeamento fixo ou temporal: 0,1 punto por mes traballado.

b) En distinta categoría profesional á que se concursa con nomeamento fixo: 0,05 puntos por mes traballado.

A máxima puntuación que se poderá obter por experiencia profesional será de corenta e cinco puntos.

2. Formación.

A puntuación máxima que pode obterse por formación é de cinco puntos.

2.1. Pola asistencia, debidamente xustificada, a cursos de formación e perfeccionamento convocados e impartidos pola Administración estatal, autonómica, universidades, Cruz Vermella, sindicatos e colexios oficiais das distintas profesións ou acreditados ou avalados, sempre que teñan un contido relacionado coas funcións propias da categoría e que estean dirixidos directamente á categoría á que se opta, a razón de:

-De 20 a 60 horas: 0,5 puntos.

-De 61 a 200 horas: 1 punto.

-De 201 horas en diante: 2 puntos.

2.2. Pola asistencia, debidamente xustificada, a cursos de formación continuada realizados en aplicación dos acordos de formación continuada das administracións públicas, sempre que teñan un contido relacionado coas funcións propias da categoría e que estean dirixidos directamente á categoría á que se opta, a razón de:

-De 20 a 60 horas: 1 punto.

-De 61 a 200 horas: 2 puntos.

-De 201 horas en diante: 4 puntos.

ANEXO III

Baremo de méritos da fase de provisión

1. Por ter na data de publicación da fase de provisión nomeamento estatutario fixo nas institucións sanitarias da Seguridade Social na mesma categoría na que se concursa:

a) No Servicio Galego de Saúde: 60 puntos.

b) Noutros servicios de saúde: 20 puntos.

2. Experiencia profesional.

Valorarase a experiencia profesional nas correspondentes institucións sanitarias da Seguridade Social como persoal estatutario con nomeamento fixo ou temporal. Para estes efectos os servicios prestados con contrato laboral, con carácter fixo ou temporal, nas categorías de persoal reguladas no Estatuto xurídico de persoal médico, persoal sanitario non facultativo e persoal non sanitario ó servicio das institucións sanitarias da Seguridade Social, terán a consideración de efectuados como persoal estatutario fixo ou temporal na respectiva categoría.

2.1. Por servicios prestados, calquera que fose o momento, nas institucións sanitarias dependentes do Servicio Galego de Saúde:

a) Na mesma categoría profesional á que se concursa: 0,3 puntos por mes traballado.

b) En distinta categoría profesional á que se concursa: 0,15 puntos por mes traballado.

2.2. Polos servicios prestados, calquera que fose o momento, nas institucións sanitarias da Seguridade Social dependentes doutros servicios de saúde:

a) Na mesma categoría profesional á que se concursa: 0,1 puntos por mes traballado.

b) En distinta categoría profesional á que se concursa: 0,05 puntos por mes traballado.

O cómputo máximo de antigüidade por servicios prestados polo punto 2 será de sesenta puntos. A puntuación obtida no punto 2 poderá acumularse, se é o caso, á conseguida no punto 1 deste baremo.

ANEXO IV

Solicitude de devolución de dereitos de exame

D./Dna..., con DNI nº..., domiciliado/a en..., teléfono de contacto..., optando á categoría de persoal estatutario de..., de conformidade coa base quinta 5 da correspondente convocatoria,

Solicito:

A devolución efectiva dos dereitos de exame, para o que achego necesariamente copia da miña instancia e do modelo de autoliquidación de taxas, na seguinte conta bancaria (especifica-los vinte díxitos):

Asino a presente en (lugar), (data)

(Asinado)

Director xeral da División de Recursos Humanos do Servicio Galego de Saúde.