Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 101 Martes, 28 de maio de 2002 Páx. 7.743

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

CONSELLERÍA DE POLÍTICA TERRITORIAL, OBRAS PÚBLICAS E VIVENDA

RESOLUCIÓN do 8 de maio de 2002, da Dirección Xeral de Urbanismo, de aprobación definitiva do proxecto de expropiación forzosa, polo procedemento de taxación conxunta, dos bens e dereitos afectados pola execución do polígono 01 do parque empresarial, no concello de Foz.

Antecedentes.

Primeiro.-O Concello de Foz e a empresa pública Xestión Urbanística de Lugo, S.A. (Xestur Lugo), adscrita funcionalmente ó Instituto Galego de Vivenda e Solo, formalizaron con data do 24 de xaneiro de 1995 un convenio co obxectivo de realiza-lo parque empresarial de Foz.

Segundo.-O Plan parcial do parque empresarial de Foz foi aprobado definitivamente polo Pleno do Concello na súa sesión do 28 de xullo de 2000. No devandito plan parcial optouse pola subdivisión do sector en dous polígonos de actuación, dos que o polígono 01 se ía desenvolver polo sistema de expropiación.

Terceiro.-O Concello de Foz, por instancia de Xestur Lugo, mediante resolución de Alcaldía do 25 de maio de 2001, acordou iniciar a tramitación do expediente do proxecto de taxación conxunta e sometelo a información pública polo prazo dun mes, anunciándose no xornal El Progreso do 1 de xuño de 2001 e no DOG nº 130, do 5 de xullo de 2001.

Cuarto.-A taxación foi notificada individualmente ós que aparecían como titulares de bens e dereitos no expediente, dándolles traslado literal das correspondentes follas de aprecio e da proposta de fixación dos criterios de valoración, para que formularan alegacións no prazo dun mes, contado a partir da data de notificación, tal e como sinala o artigo 145.4º da Lei 1/1997, do 24 de marzo, do solo de Galicia (LSG).

Quinto.-O Concello de Foz remitiu o expediente de expropiación forzosa polo procedemento de taxación conxunta dos bens e dereitos afectados pola execución do polígono 01 do parque empresarial tramitado por instancia do propio concello a esta consellería para a súa aprobación definitiva, de conformidade co disposto polo artigo 145.6º da LSG.

Fundamentos xurídicos.

Primeiro.-O proxecto de expropiación forzosa tramitouse polo procedemento de taxación conxunta,

de conformidade co disposto no artigo 145 da Lei do solo de Galicia.

Segundo.-O expediente tramitado conta coa documentación preceptiva esixida polo artigo 145.1º da Lei 1/1997, do solo de Galicia:

-Determinación do seu ámbito territorial, cos documentos que o identifican en canto a situación, superficie e lindeiros.

-Fixación de prezos coa valoración razoada do solo, segundo a súa cualificación urbanística.

-Follas de prezo xusto individualizado de cada predio.

-Follas de prezo xusto que corresponden a outras indemnizacións, se é o caso.

Terceiro.-No Concello de Foz están vixentes unhas normas subsidiarias de planeamento, aprobadas definitivamente con data do 11 de novembro de 1991 e afectadas no ámbito delimitado polo presente expediente por unha modificación puntual aprobada definitivamente o 4 de outubro de 1997 pola que se regula o solo urbanizable e máis concretamente o solo urbanizable con prescrición industrial.

Os terreos obxecto de expropiación encóntranse comprendidos dentro do ámbito do Plan parcial do parque empresarial de Foz que foi aprobado definitivamente polo Pleno do Concello na súa sesión do 28 de xullo de 2000. No devandito plan parcial optouse pola subdivisión do sector en dous polígonos de actuación, dos que o polígono 01 se ía desenvolver polo sistema de expropiación e o polígono 02 polo de compensación. Os terreos afectados están comprendidos no ámbito do polígono 01.

De acordo co convenio formalizado polo concello e Xestur Lugo con data 24 de xaneiro de 1995 co obxectivo de realiza-lo parque empresarial, esta empresa pública aparece como beneficiaria da expropiación.

Á vista do que antecede, e de acordo co establecido no artigo 54 da LSG, en relación co artigo 33 da Lei 6/1998, do 13 de abril, sobre réxime do solo e valoracións (LRSV), resulta acreditada a utilidade pública e a necesidade de ocupación dos bens afectados.

Cuarto.-Os criterios de valoración fixados no proxecto de expropiación axústanse ós establecidos polo título III, artigos 23 e seguintes da Lei 6/1998, sobre réxime do solo e valoracións.

Quinto.-A competencia para aproba-lo expediente de expropiación forzosa polo procedemento de taxación conxunta correspóndelle por delegación ó director xeral de Urbanismo, de acordo co artigo 1 da Orde do 30 de decembro de 1999, do conselleiro de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda (DOG 10 de xaneiro de 2000) pola que se delegan atribucións en materia de urbanismo.

Na súa virtude, vista a Lei 1/1997, do 24 de marzo, do solo de Galicia, a Lei 6/1998, do 13 de abril,

sobre réxime do solo e valoracións, e as demais disposicións aplicables,

RESOLVO:

Primeiro.-Aprobar definitivamente o proxecto de expropiación forzosa polo procedemento de taxación conxunta dos bens e dereitos necesarios para a execución do polígono 01 do parque empresarial do Concello de Foz, para os efectos previstos polos artigos 145 e 146 da Lei 1/1997, do 24 de marzo, do solo de Galicia.

Esta aprobación definitiva do expediente de taxación conxunta implicará a declaración de urxencia da ocupación dos bens e dereitos afectados polo proxecto de expropiación, de conformidade co establecido no artigo 146.1º da Lei do solo de Galicia.

En consecuencia, o pagamento ou depósito do importe da valoración establecida producirá os efectos previstos nos números 6º, 7º e 8º do artigo 52 da Lei de expropiación forzosa, sen prexuízo de que continúe a tramitación do procedemento para a definitiva fixación do prezo xusto (artigo 146.2º da Lei do solo de Galicia).

Segundo.-Notifica-lo contido desta resolución aprobatoria do expediente ó Concello de Foz, a Xestur Lugo e, de xeito individualizado, a tódolos que aparezan como titulares de bens ou dereitos afectados que figuran no expediente, ós que se lles xuntará a correspondente folla de valoración, conferíndolles un prazo de vinte días durante o cal poderán manifestar por escrito ante esta Dirección Xeral de Urbanismo a súa desconformidade coa valoración establecida no expediente aprobado, conforme dispón o artigo 145.7º da Lei do solo de Galicia, advertíndolles que transcorrido o citado prazo de vinte días sen que se formule oposición á valoración, entenderase aceptada a que se fixou no acto aprobatorio do expediente, entendéndose determinado o prezo xusto definitivamente e de conformidade (artigo 145.8º da Lei do solo de Galicia).

Terceiro.-Publicar esta resolución así como a seguinte relación dos bens e dereitos afectados pola expropiación, no Diario Oficial de Galicia e no taboleiro de edictos do concello:

Nº de predio: 1.

Titular: José Palmeiro García.

Bens para expropiar: solo: 194 m.

Valoración: 646,41 euros, 107.554 pesetas.

Nº de predio: 2.

Titular: José Ramón Manín Palmeiro.

Bens para expropiar: solo: 892 m.

Valoración: 2.972,16 euros, 494.525 pesetas.

Nº de predio: 3.

Titulares: herdeiros de Ramona Aguiar.

Bens para expropiar: solo: 1.271 m

Valoración: 4.234,99 euros, 704.643 pesetas.

Así mesmo, a publicación e exposición no taboleiro de edictos do concello servirá de notificación ós pro

pietarios descoñecidos, ós que se ignore o lugar de notificación, ou ben, tramitada a notificación, non se puidese realizar. Todo isto de acordo co disposto no artigo 59.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, do réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Contra esta resolución que pon fin á vía administrativa poderase interpoñer recurso potestativo de reposición ante o conselleiro de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ó da notificación desta resolución (artigo 116 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro) ou recurso contencioso-administrativo perante a sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ó da notificación (artigo 46.1º da Lei 29/1998, da xurisdicción contencioso-administrativa). Para o caso de que se interpoña o recurso potestativo de reposición, ata que sexa resolto expresamente ou se producira a desestimación presunta, non se poderá interpoñe-lo recurso contencioso-administrativo.

Todo isto sen prexuízo de que, no caso de desconformidade coa valoración establecida, os interesados dispoñen dun prazo de vinte días para manifestaren a súa desconformidade como se indicou no punto 2 desta resolución, nos termos establecidos polo artigo 145.8º da Lei do solo de Galicia.

Santiago de Compostela, 8 de maio de 2002.

José Jesús Cudeiro Mazaira

Director xeral de Urbanismo