Polo Decreto 192/1993, do 29 de xullo (DOG do 17 de agosto), autorizouse a implantación dos estudios de enxeñeiro químico na Facultade de Química, do Campus de Santiago de Compostela da Universidade de Santiago de Compostela.
Con este decreto créase a Escola Técnica Superior de Enxeñería no Campus de Santiago de Compostela, solicitada por esa universidade, ó tempo que se integra nesta a titulación de enxeñeiro químico, unha vez que ten cumpridos tódolos requisitos previos ó acto formal da autorización por parte da Xunta de Galicia.
Esta creación inscríbese no marco de reorganización dos centros existentes no Sistema Universitario de Galicia e responde á necesidade de transmitir, dun xeito máis organizado e efectivo, unha maior sensibilidade tecnolóxica e as achegas que poden brinda-las tecnoloxías á universidade.
De conformidade coa Lei orgánica 6/2001, do 21 de decembro, de universidades, a Lei 11/1989, do 20 de xullo, de ordenación do sistema universitario de Galicia, a Lei 5/1987, do 27 de maio, do Consello Social da Universidade e do Consello Universitario de Galicia, o Real decreto 557/1991, do 12 de abril, sobre creación e recoñecemento de universidades e centros universitarios, e co Decreto 259/1994, do 29 de xullo, polo que se establece o procedemento para creación e recoñecemento de universidades, centros universitarios e autorización de estudios na Comunidade Autónoma de Galicia; en virtude das atribucións conferidas pola Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, modificada pola Lei 11/1988, do 20 de outubro; a instancia do Consello Social da Universidade de Santiago de Compostela, visto o informe do Consello Universitario de Galicia, por proposta do conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria e logo de deliberación do Consello da Xunta de
Galicia na súa reunión do día dez de maio de dous mil dous,
DISPOÑO:
Artigo 1º
1. Créase a Escola Técnica Superior de Enxeñería no Campus de Santiago de Compostela da Universidade de Santiago de Compostela.
2. Nesta escola impartiranse os estudios conducentes á obtención do título de enxeñeiro químico, xa autorizados, segregándose da Facultade de Química, onde se viñan impartindo.
Disposicións derradeiras
Primeira.-Autorízase o conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria para que, no ámbito das súas competencias, dicte as disposicións necesarias para o desenvolvemento do presente decreto.
Segunda.-O presente decreto entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, dez de maio de dous mil dous.
Manuel Fraga Iribarne
Presidente
Celso Currás Fernández
Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria