Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 93 Mércores, 15 de maio de 2002 Páx. 7.154

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

CONSELLERÍA DE INDUSTRIA E COMERCIO

RESOLUCIÓN do 14 de febreiro de 2002, da Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas, pola que se autorizan as instalacións electromecánicas, se aproba o proxecto de execución e se recoñece a condición de instalación acollida ó réxime especial do parque eólico denominado Monte Cabeza.

Examinado o expediente instruído por pedimento de Elecnor, S.A. con enderezo para efectos de notificacións en praza Manuel Gómez Moreno, s/n, edificio Bronce, planta 6ª, CP: 28020-Madrid; 28108, sobre autorización de instalacións do parque eólico denominado Monte Cabeza; resultan os seguintes

Antecedentes de feito.

Primeiro.-Por resolución de 18 de xullo de 2000, da Dirección Xeral de Industria, publicada no DOG do 22 de setembro de 2000 e no BOE do 27 de setembro de 2000, someteuse a información pública a petición de autorización administrativa do parque eólico de Monte Cabeza, non presentadose ningún proxecto en competencia.

Segundo.-O 25 de outubro de 2000, Guillermo Planas Roca, en nome e representación de Elecnor, S.A., solicitou a autorización administrativa, aprobación do proxecto de execución e recoñecemento da condición de instalación acollida ó réxime especial de producción de enerxía eléctrica do parque eólico denominado Monte Cabeza, de 29,9 MW, achegando a documentación establecida para o efecto polo Decreto 2617/1966, do 20 de outubro, sobre autorización de instalacións eléctricas, de aplicación ó presente expediente en virtude do disposto na disposición transitoria undécima do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica e o Decreto 205/1995, do 6 de xullo, polo que se regula o aproveitamento da enerxía eólica na Comunidade Autónoma de Galicia, de aplicación ó presente expediente en virtude do disposto na disposición transitoria

segunda do Decreto 302/2001, do 25 de outubro, polo que se regula o aproveitamento da enerxía eólica na Comunidade Autónoma de Galicia e o Real decreto 2818/1998, do 23 de decembro, sobre producción de enerxía eléctrica por instalacións abastecidas por recursos ou fontes de enerxía renovables, residuos e coxeración.

Terceiro.-O proxecto do parque eólico Monte Cabeza someteuse a información pública para os efectos previstos no Decreto 2617/1966, do 20 de outubro, e no Decreto 205/1995,de 6 de xullo, xa ditos, mediante resolución da Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas do 3 de xaneiro de 2001, publicada no BOP de Lugo do 16 de febreiro, no BOP de Pontevedra do 21 de febreiro, no diario El Progreso do 13 de xaneiro e La Voz de Galicia do 19 de xaneiro, no DOG do 6 de febreiro e nos taboleiros de anuncios dos concellos de Antas de Ulla, Chantada e Rodeiro.

Durante o período de información pública presentáronse as seguintes alegacións:

1. Mª Luisa López Bastos alega que, atendendo ó impacto que a instalación do parque eólico vai ter no entorno, se puxese os veciños en antecedentes respecto do trazado da liña de tensión.

Por outra parte, María Luísa López Bastos, pon de manifesto a súa absoluta desconformidade coa oferta económica que a empresa Elecnor, S.A. realizou ós diferentes propietarios dos terreos nos que se pretende instala-lo parque eólico de Monte Cabeza, toda vez que a oferta realizada pola dita empresa é totalmente desproporcionada en relación á que fixo respecto a outros parques eólicos instalados no ámbito da comunidade autónoma, nos que ademais os xeradores eran dunha potencia moi inferior ós que se pretende instalar.

2. O concello de Antas de Ulla alega que a instalación do parque eólico de Monte Cabeza e máis concretamente o asentamento de varios aeroxeradores no concello de Rodeiro próximos ó límite co concello de Antas de Ulla trae custos ambientais e socioeconómicos para o concello de Antas de Ulla que prexudican especialmente os veciños das parroquias de Agüeda, Cibreiro e Queixeiro e nembargantes non dan lugar ás compensacións económicas habituais.

Por todo iso o Concello de Antas de Ulla fai consta-la a súa total oposición a reparti-la carga dos custos ambientais e socioeconómicos do referido proxecto sen obter a cambio tamén o reparto das compensacións económicas correspondentes derivadas do asentamento dentro do territorio municipal dunha parte dos referidos 23 aeroxeradores, solicitando que se adopten as medidas que resulten oportunas para insta-la empresa a unha modificación do proxecto que permita un reparto equilibrado das cargas e beneficios correspondentes entre tódolos concellos afectados.

Cuarto.-O 23 de xaneiro e o 7 de febreiro de 2002, as delegacións provinciais da Consellería de Industria e Comercio de Pontevedra e Lugo respectivamente, emitiron informe favorable sobre o citado proxecto, coas seguintes características básicas:

Asentamento e coordenadas poligonais:

NomeMunicipiosVértices

Monte CabezaChantada (Lugo)XY

Antas de Ulla (Lugo)1590.0004.731.822

Rodeiro (Pontevedra)2590.0004.731.000

3592.0004.730.000

4590.0004.727.000

5590.5004.724.500

6591.4414.724.548

7591.5004.727.000

8592.8004.729.000

NomeMunicipiosVértices

9592.8004.730.577

10592.4124.730.577

11590.7284.731.417

12590.3804.731.830

Nº de aeroxeradores: 23.

Potencia unitaria por aeroxerador: 1.300 kW.

Potencia total instalada: 29,9 MW.

Altura das torres: 50/60 m.

Diámetro do rotor: 62 m.

Producción anual estimada: 70.265 MWh/ano.

Investimento previsto: 20.662.597 euros (3.438.036.106 ptas).

Características técnicas da infraestructura eléctrica de transformación e interconexión:

-23 centros de transformación (sitos no interior de cada aeroxerador) de 1.600 kVA, 0,69/30 kV, e a súa correspondente paramenta de seccionamento, manobra e protección de M.T.

-Subestación transformadora de tensión 30/132 kV para evacuación de enerxía, dotada de:

Transformador 30/132kV; 30/35MVA.

Interruptor tripolar 145kV-1600A.

Celas interiores de 30kV.

Equipos de control e medida.

Rede colectora subterránea, que percorre o conxunto dos aeroxeradores, interconectándoos coas celas de 30 kV da subestación 30/132 kV que recolle a enerxía do parque.

Quinto.-O 18 de decembro de 2001, a Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental resolveu aproba-la declaración de impacto ambiental do citado parque eólico, na cal se fixan as posicións de 18 aeroxeradores quedando os restantes pendentes de informe sobre o seu posible reasentamento.

Fundamentos de dereito.

Primeiro.-A Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas é competente para resolver este expediente con fundamento no Estatuto de autonomía de Galicia, Real decreto 2563/1982, do 24 de xullo, o Decreto 132/1982, do 4 de novembro e o Decreto 15/2002, do 24 de xaneiro, polo que se establece a estructura orgánica da Consellería de Industria e Comercio, en relación co Decreto 2617/1966, do 20 de outubro, disposición transitoria undécima do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, Decreto 302/2001, do 25 de outubro e o Real decreto 2818/1998, do 23 de decembro, xa citados.

Segundo.-Á vista das alegacións presentadas, da contestación dada a elas por parte da empresa promotora e do resto de documentación que consta no expediente, queda de manifesto que:

1. En relación coa alegación formulada por María López Bastos relativa á oferta económica realizada

pola empresa Elecnor, S.A. ós diferentes propietarios, faise constar que non se pode analiza-la valoración económica da alegación posto que esta se basea nun acordo entre particulares, o cal non ten relación coa tramitación administrativa da solicitude de autorización da instalación.

Por outra parte, no relativo á liña de evacuación de enerxía, esta é obxecto de proxecto separado, non obstante, o trazado aproximado previsto está indicado no apéndice denominado evacuación de enerxía PP.EE Serras do Faro e Farelo, dentro dos estudios de impacto ambiental dos proxectos dos parques eólicos.

2. Con respecto á alegación presentada polo Concello de Antas de Ulla, indícase que no caso particular dos oito xeradores do parque eólico de Monte Cabeza, sitos nas proximidades do límite entre os termos municipais de Rodeiro (Pontevedra) e Antas de Ulla (Lugo), resólvese que o asentamento idóneo desde o punto de vista de aproveitamento enerxético, sitúase en terreos do termo municipal de Rodeiro, dada a configuración orográfica do terreo e tendo en consideración os condicionantes técnicos e de salvagarda do patrimonio arqueolóxico. Non se pode falar, por tanto, de proceder irregular nin de prexuízo inxusto cara ó Concello de Antas de Ulla, xa que a implantación realizouse segundo criterios obxectivos e de natureza fundamentalmente técnica.

Con respecto á compensación territorial e ó reparto socioeconómico, aínda non pode ser analizado neste expediente.

Terceiro.-No expediente instruído para o efecto cumpríronse os trámites procedementais sinalados no Decreto 2617/1966 e no Decreto 205/1995. Así mesmo, a instalación e o seu proxecto de execución reúnen tódolos requisitos técnicos esixibles.

Esta dirección xeral, de acordo co que antecede e no exercicio das competencias que lle atribúen os artigos 11 e 14 do Decreto 2617/1966 e o artigo 13 do Decreto 205/1995,

RESOLVE

-Autorizar a Elecnor, S.A. a instalación dos equipos electromecánicos do parque eólico denominado Monte Cabeza.

-Aproba-lo proxecto de execución da dita instalación.

-Recoñecerlle á instalación, a condición de instalación acollida ó réxime especial do Real decreto 2818/1998, e incluíla no grupo b.2) do artigo 2 do dito real decreto.

Todo iso de acordo coas condicións seguintes:

Primeira.-Elecnor, S.A., para os efectos de garanti-lo cumprimento das súas obrigas, deberá constituír, no prazo dun mes contado desde o outorgamento da presente autorización, unha fianza de

413.251,94 euros, importe do 2% do orzamento que figura no expediente, para garanti-lo cumprimento das súas obrigas, conforme o disposto no artigo 15 do citado Decreto 205/1995, do 6 de xullo.

A dita fianza constituirase na Caixa Xeral de Depósitos da Consellería de Economía e Facenda da Xunta de Galicia, en calquera das formas sinaladas no artigo 1.1º, punto 39 do Decreto 1775/1967, do 22 de xullo, e será devolta unha vez que se formalice a acta de posta en marcha das instalacións.

Segunda.-As instalacións que se autorizan terán que realizarse de acordo coas especificacións e planos que figuran no proxecto presentado pola empresa cun orzamento de 20.662.597 euros (3.438.036.106 pesetas).

Terceira.-O inicio das obras queda condicionado ó informe favorable da Dirección Xeral de Avaliación e Calidade Ambiental, relativo ó reasentamento dos aeroxeradores A-2, A-10, A-12, A-13 e A-15.

Cuarta.-Para introducir modificacións nas instalacións que afecten a datos básicos do proxecto será necesaria a previa autorización desta Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas. Así mesmo, as delegacións provinciais de Industria e Comercio de Lugo e Pontevedra, poderán autoriza-las modificacións de detalle do proxecto que resulten procedentes, debendo comunicar a esta dirección xeral tódalas resolucións que dicten en aplicación da dita facultade.

Quinta.-O prazo para a posta en marcha das instalacións que se autorizan será de doce meses, contados a partir da data de ocupación dos terreos.

Unha vez construídas as instalacións autorizadas, as delegacións provinciais da Consellería de Industria e Comercio de Lugo e Pontevedra inspeccionarán a totalidade das obras e montaxes efectuadas e verificarán o cumprimento dos compromisos contraídos por Elecnor, S.A. no seu plan eólico.

Sexta.-Como requisito necesario para a aplicación á citada instalación do réxime especial, o promotor deberá inscribi-la no Rexistro de Instalacións de Producción de Enerxía Eléctrica en Réxime Especial da Comunidade Autónoma de Galicia, creado pola orde da Consellería de Industria e Comercio do 5 de xuño de 1995 (DOG do 14 de xullo), para o que acreditará o cumprimento das condicións previstas no artigo 12 do Real decreto 2818/1998, presentando a documentación que figure nas instruccións que dicte esta dirección xeral en desenvolvemento da dita orde. O parque conectarase co sistema centralizado que para o réxime especial estableza, se é o caso, a Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas.

Sétima.-Con carácter previo á posta en marcha das instalacións, o órgano competente verificará o cumprimento dos condicionados impostos nesta resolución e na declaración de impacto ambiental do 18 de decembro de 2001, así como aquelas que no seu día se emitan conforme o disposto no artigo 7.1º

do Decreto 442/1990, do 13 de setembro, de avaliación do impacto ambiental para Galicia.

Oitava.-A Administración reserva para si o dereito de deixar sen efecto a presente autorización por calquera das causas establecidas no artigo 34 do Decreto 1775/1967, do 22 de xullo, por incumprimento das condicións impostas ou por calquera outra causa excepcional que o xustifique.

Novena.-Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licencias ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras das instalacións autorizadas.

Contra a presente resolución, que non é definitiva en vía administrativa, cabe interpoñer recurso de alzada ante o conselleiro de Industria e Comercio no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ó da notificación desta resolución, sen prexuízo de que os interesados poidan interpoñer calquera outro recurso que estimen pertinente.

Santiago de Compostela, 14 de febreiro de 2002.

Ramón Ordás Badía

Director xeral de Industria, Enerxía e Minas