Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 88 Mércores, 08 de maio de 2002 Páx. 6.653

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

ESCOLA GALEGA DE ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

RESOLUCIÓN do 29 de abril de 2002 pola que se convoca un curso de promoción, acollida e orientación de persoas voluntarias e de xestión de proxectos de acción voluntaria en entidades locais.

Dentro do plan de actividades da EGAP para 2002, e ó amparo do convenio subscrito con data do 15 de xaneiro de 2002 para a creación do Centro de Estudios Locais de Galicia, conforme as funcións atribuídas pola Lei 4/1987, do 27 de maio, de creación da escola, e pola Lei 10/1989, do 10 de xullo, de modificación da anterior, convócase un curso de promoción, acollida e orientación de persoas voluntarias e de xestión de proxectos de acción voluntaria

en entidades locais, que deberá desenvolverse de acordo coas seguintes bases:

Primeira.-Obxectivos.

Proporcionarlles ós responsables de programas de voluntariado das entidades locais un modelo teórico e práctico de dirección e administración dos proxectos de acción voluntaria acordes co Plan de Voluntariado de Galicia 2002-2005.

Facilita-la incorporación de habilidades e técnicas que permitan mellora-la acción voluntaria.

Fomenta-lo coñecemento da realidade do sector de acción voluntaria galego para impulsar estratexias que faciliten o seu desenvolvemento dun xeito coordinado e aplicando a metodoloxía do traballo en redes.

Segunda.-Destinatarios.

Persoal de Administración local que realice funcións relacionadas coa materia, especialmente responsables de programas de voluntariado das entidades locais integradas no Plan do Voluntariado de Galicia 2002-2005.

Terceira.-Desenvolvemento.

3.1. Duración: 30 horas.

3.2. Lugares: Santiago de Compostela, na sede da EGAP, e en Ourense.

3.3. Datas: 10, 11, 12, 13, 17, 18, 19, 20, 24 e 25 de xuño de 2002.

3.4. Horario: das 17 ás 20 horas.

3.5. Prazas: 20.

Cuarta.-Solicitudes.

O persoal que desexe participar no curso programado deberá solicitalo coa presentación da instancia que, segundo modelo oficial, figura como anexo desta resolución, e cubrila en tódolos seus epígrafes.

As solicitudes irán dirixidas ó director da EGAP, e presentaranse no rexistro da Escola Galega de Administración Pública; r/ Madrid, 2-4, 15707 Santiago de Compostela, ou tramitaranse por calquera das outras formas previstas no artigo 38.41º.1 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Admitiranse tamén inscricións por telefax: 981 54 63 30, sen prexuízo da necesidade de remisión da solicitude orixinal por correo ordinario.

O prazo de presentación de solicitudes será de 10 días naturais contados a partir do día seguinte ó da data de publicación desta resolución.

Seguidamente, efectuarase a selección dos participantes e esta notificaráselles directamente ós admitidos e publicarase na páxina web: www.egap.xunta.es.

Quinta.-Selección.

Os criterios de selección suxeitaranse ás directrices sinaladas na Resolución do 27 de xuño de 1994, pola que se fan públicos os criterios de participación nas actividades da EGAP (DOG nº 149, do 3 de agosto).

Sexta.-Modificacións.

A EGAP reserva para si a facultade de interpretar e de resolve-las incidencias que puidesen xurdir no desenvolvemento do curso, así como a de anulalo se o escaso número de solicitudes ou outras causas imposililitasen a súa realización. As ditas circunstancias comunicaránselles, de se-lo caso, ós solicitantes.

Sétima.-Certificados de asistencia.

É obrigatoria a asistencia a tódalas sesións do curso. Toda ausencia deberá ser xustificada debidamente polo interesado. A falta de asistencia, aínda que sexa xustificada, a máis do 15% das horas lectivas programadas, impedirá a expedición da certificación de asistencia e dará lugar á baixa no curso coa perda de tódolos dereitos.

Oitava.-Contido.

1. Dimensión conceptual da acción voluntaria: 1.1. Marco social: movementos sociais, solidariedade, participación. Voluntariado: concepto, evolución, articulación. Dinámica social: enfoques sociopolíticos, políticas sociais, tendencias sociolóxicas. Exclusión social e poboación de risco. Necesidades e recursos sociais. O papel da acción voluntaria nos procesos de inclusión social. Itinerarios personalizados. A función do acompañamento social. Áreas de interese xeral obxecto de intervención das persoas voluntarias. 1.2. Marco normativo: normativa internacional e nacional. A Lei 3/2000, do 22 de decembro, do voluntariado de Galicia, e as normas de

desenvolvemento. Dereitos e deberes das persoas voluntarias. O código ético do voluntariado. O recoñecemento das entidades de voluntariado. Rexistro de Entidades de Voluntariado de Galicia. Deberes das entidades de voluntariado coas persoas voluntarias: o seguro de accidentes e responsabilidade civil. O acordo de colaboración. A acreditación e certificación de servicios. 1.3. Marco organizativo: as administracións públicas. Funcións reguladora, promotora, intermediadora e xestora na acción voluntaria. Entes responsables, competencias, procedementos. A Administración local e a súa relación co terceiro sector: promoción de asociacionismo, propicia-la coordinación e traballo en rede. A función de xestión e control como aposta pola calidade e transparencia na xestión. Intermediación metodoloxía. O Plan de Voluntariado de Galicia 2002-2005: medidas e actuacións para operativiza-lo plan. 1.4. Terceiro sector ou sector non lucrativo: fundamentos: asociacionismo, características das ONL

(organizacións non lucrativas), estructura do sector non lucrativo (clasificación sectorial, niveis, etc.). Datos básicos (dimensión, importancia económica, emprego, etc.). Funcións das ONL: promoción, mediación, garantía, grupo de presión e prestación de servicios. Entidades de acción voluntaria: características diferenciais, presencia no terceiro sector, tipoloxía, papel do persoal voluntario, etc. Organización nas ONL: recursos (humanos, materiais, monetarios e metodolóxicos; resultados (servicios, productos, etc.), proceso de transformación, estructura organizativa, cultura organizativa, ciclo vital das ONL, etc. Lei orgánica de asociación. Proceso de constitución dunha asociación. Fiscalidade: código de identificación fiscal, impostos. Control e transparencia económica. Busca de financiamento. Calidade nas ONL. Cómo contribuír ó logro desde a función de inspección e control propia das entidades locais. 2. Dimensión de xestión da acción voluntaria: 1. Planificación: busca e

análise de necesidades obxecto de intervención das persoas voluntarias. Definición e deseño de proxectos operativos de acción voluntaria dentro das entidades locais. Incorporación das persoas voluntarias como coordinadoras de proxectos de acción voluntaria. 2. Acollida de persoas voluntarias. Acción: sensibilización e promoción do voluntariado. Proceso de incorporación, acordo de colaboración e acompañamento. Tarefas e responsabilidades, apoio no desempeño, seguimento. 3. Formación: cultura organizativa, ámbitos de actuación, habilidades e técnicas. 4. Acompañamento e avaliación do proceso: motivación, participación e recoñecemento; desempeño, organización, clima, participación. Dous talleres sobre identificación de necesidades obxecto de intervención dun proxecto de voluntariado. Proxecto de voluntariado aplicado á entidade local específica onde traballa cada membro do curso.

Santiago de Compostela, 29 de abril de 2002.

Domingo Bello Janeiro

Director da Escola Galega de Administración Pública