Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 86 Luns, 06 de maio de 2002 Páx. 6.421

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE INDUSTRIA E COMERCIO

ORDE do 2 de abril de 2002 pola que se convoca e regula o réxime de concesión de axudas para o sector artesanal galego, en réxime de concorrencia competitiva, de acordo coas bases reguladoras establecidas na Orde de 11 de marzo de 2002 (Diario Oficial de Galicia número 55, do 18 de marzo, correción de erros no Diario Oficial de Galicia número 77, do 22 de abril).

Na Orde da Consellería de Industria e Comercio do 11 de marzo de 2002, pola que se establecen as bases reguladoras de axudas e subvencións en materia de industria, enerxía, minería, tecnoloxía e desenvolvemento sectorial, comercio e consumo, publicada no DOG nº 55, do 18 de marzo de 2002 (corrección de erros DOG nº 77, do 22 de abril de 2002), fixábanse os criterios básicos da súa política de fomento de acordo coa previsión efectuada no artigo 4 do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia.

Entre os programas de incentivos recollidos na citada orde figura no punto 9 do artigo 2.A o de Apoio ó sector artesanal galego, desenvolvido no anexo IX desta.

O contido desta orde axústase ó establecido polo Decreto 172/2001, do 12 de xullo, sobre incentivos para o desenvolvemento económico e fomento da actividade empresarial na Comunidade Autónoma de Galicia.

Na súa virtude e en uso das facultades que me foron conferidas.

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

A presente orde ten por obxecto a convocatoria de axudas que se conceden no exercicio de 2002, para o fomento e desenvolvemento do sector artesanal na Comunidade Autónoma de Galicia, a través do apoio tanto ás unidades productivas como ás asociacións de artesáns. A estratexia específica articularase en elementos básicos ou fundamentais como son a creación, mellora ou adecuación das unidades productivas, a mellora no deseño e calidade das produccións, a divulgación e promoción dos productos artesáns ou a formación técnica.

Poderán ser beneficiarios destas axudas os artesáns e obradoiros artesanais, sempre que estean establecidos en Galicia e inscritos no Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia, de acordo co disposto no Decreto 218/2001, do 7 de setembro, polo que se refunde a normativa vixente en materia de artesanía.

Así mesmo, poderán acceder a estas axudas as asociacións artesanais de carácter profesional e legalmente constituídas, con domicilio en Galicia e que conten entre os seus membros con máis de vinte artesáns inscritos no Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia.

Artigo 2º.-Aplicacións orzamentarias.

Para a concesión das axudas, propios dos investimentos que se convocan, destinarase o crédito glo

bal correspondente á aplicación orzamentaria que se menciona:

AplicaciónDenominaciónAno 2000

Euros

08.03.661-D.770.0Axudas a artesanía galega700.000

A cantidade antes citada poderase incrementar en función das peticións presentadas e de acordo coas dispoñibilidades de crédito.

O gasto que se proxecta tramitarase como expediente anticipado e está condicionado á existencia de crédito adecuado e suficiente nos orzamentos do exercicio para 2002, de acordo co disposto no artigo 3 apartado 3 in fine da orde do 27 de novembro de 2000 pola que se modifica a orde do 11 de febreiro de 1998 sobre tramitación anticipada de expedientes de gasto.

Artigo 3º.-Actuacións subvencionables.

3.1. Serán actuacións subvencionables as desenvolvidas por artesáns, obradoiros artesanais, asociacións artesanais e proxectos concertados (coa adhesión mínima de tres obradoiros), incluídas nos seguintes puntos:

a) Proxectos que se destinen a investimentos para a creación e posta en funcionamento de novas instalacións, así como a mellora, ampliación ou modernización das xa existentes. Dentro deste punto atenderanse:

-Obras de reforma, rehabilitación, acondicionamento de locais e obras de nova construcción, que deberán cumprir cos requisitos esixidos legalmente en cada caso, destinadas a talleres ou ó desenvolvemento dunha actividade artesanal. A contía máxima da subvención nestes conceptos será de 12.000 euros.

b) Proxecto de innovación no proceso productivo. Dentro deste punto subvencionaranse:

-Adquisición en réxime de propiedade de maquinaria, ferramentas e equipo auxiliar propio do exercicio dunha actividade artesanal; equipos para procesos de informatización, propios das características da actividade artesanal e instalacións de deseño asistido por ordenador, sendo a contía máxima da subvención, no punto de equipos informáticos, de 1.800 euros.

c) Proxectos que se destinen a divulgar e promover productos artesanais: deseño de imaxes corporativas, realización de catálogos ou outro tipo de soporte publicitario, especificamente concibidos e dirixidos ó fomento da actividade e a potenciación das canles de comercialización dos productos artesáns, sendo a contía máxima da subvención neste punto de 6.000 euros.

d) Adquisición de elementos ou mobiliario básicos que formen parte do deseño dun expositor, cunha contía máxima que se vaia subvencionar de 3.000 euros. Así mesmo, atenderase a participación como expositor con stand propio en feiras de carácter profesional, considerándose subvencionables os gastos que ocasionen os espacios que se contraten, alugueiro ou construcción do stand e transporte do material, cun tope máximo de subvención de 1.800 euros.

e) Os gastos de inscrición en programas formativos de perfeccionamento que teñan relación coa súa actividade, cun máximo de dous asistentes por obradoiro. As actividades de formación non poderán ter unha

duración superior a 100 horas e a contía máxima que se vaia subvencionar non excederá de 600 euros por participante, cantidades que non serán computables para os efectos do 40% que se fixa no artigo 4º desta orde.

f) Proxectos que teñan por finalidade:

-Mellorar, impulsar e potencia-las produccións das actividades artesanais tradicionais de: tecidos en baixo lizo, zoqueiro, toneleiro, selleiro, albardeiro, olería, forxa, follalatería, caldeirería, afiado, cestería e labores de palla.

-Mellora-la comercialización dos productos artesanais mediante o acceso ós novos mercados e o desenvolvemento de novos productos.

-Mellora-la calidade das produccións artesanais mediante a constatación das súas características técnicas.

-Achega-las as actividades artesanais ás novas xeracións, mediante a introducción no seu contorno dos seus valores, dando a coñece-los procesos e actitudes que constitúen as características esenciais das actividades artesanais.

-Introduci-las produccións artesanais na sociedade da información como estratexia acorde cos novos hábitos comerciais.

g) Accións encamiñadas á incorporación do deseño ás novas liñas de producto, posibilitando que se estimule a actividade artesanal como froito da colaboración con axentes externos ós artesáns.

O desenvolvemento de proxectos de deseño de productos vai propiciar que melloren as prestacións destes, a súa adecuación ós mercados, a crecente preocupación ecolóxica, etc.

Neste punto terán a consideración de investimento subvencionable os custos externos derivados da realización de proxectos de deseño de producto, considerándose os honorarios dos consultores de deseño, así como os custos relativos ós materiais necesarios para plasmar en prototipos os deseños froito da colaboración.

Excluiranse os custos non vinculados coas ideas de deseño obxecto de proxecto en desenvolvemento, así como os proxectos nos que non se acredite a existencia de colaboración cun equipo especializado de deseño, entendéndose por tal aquel que desenvolva a dita actividade a título principal.

3.2. A contratación en prácticas, por parte de obradoiros inscritos no Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia, de traballadores desempregados inscritos no momento da contratación no Servicio Público de Emprego, que non tiveran relación laboral coa empresa a través dun contrato de igual modalidade.

Os contratos en prácticas deberán cumpri-las esixencias e formalidades que establece o artigo 11 do Estatuto dos traballadores e as normas regulamentarias de desenvolvemento. As axudas previstas neste punto serán de aplicación ós contratos en prácticas que se realicen desde o 1 de xaneiro ó 15 de outubro de 2002.

Para que os devanditos contratos poidan ser obxecto da subvención deberán concertarse a xornada completa, por unha duración inicial non inferior a doce meses e non poderán supoñe-la sucesión de traballadores en prácticas para ocupa-lo mesmo posto de traballo.

Exclúense deste punto, os contratos realizados co cónxuxe, ascendentes, descendentes e demais parentes por consanguinidade ou afinidade, ata o segundo grao inclusive, do empresario ou dos que teñan cargos de dirección ou sexan membros dos órganos de administración das empresas que revistan a forma xurídica de sociedade, así como as que se produzan con estes últimos.

A contía que se vai percibir por este concepto poderá acada-la cantidade de 3.600 euros por traballador.

3.3. Terán carácter subvencionable as seguintes actuacións que desenvolvan asociacións profesionais artesanais ou proxectos concertados (coa adhesión mínima de 3 obradoiros) que se destinen a:

-Desenvolver accións conxuntas de distribución, comercialización, promoción ou calquera outra fórmula de colaboración empresarial.

-Crear redes de comunicación e transferencia de información con outros lugares do Estado e coa Unión Europea.

-Mellora-la información sobre tendencias de mercado en relación co deseño, coa comercialización de productos artesanais e co desenvolvemento do sector.

Artigo 4º.-Contía das axudas.

As axudas poderán acada-las cantidades máximas indicadas en cada punto das accións subvencionables e, con carácter xeral, ata o 40% do investimento subvencionable, agás as actuacións de formación e contratación, cun máximo de 24.000 euros por entidade.

Non se valorarán, para efectos de investimento, os gastos que se realicen en pagamento de impostos, IVE, taxas, contribucións, licencias, etc., nin outros de carácter tributario, fiscal ou sometido a aranceis, e os investimentos realizados con fórmulas de arrendamento financeiro.

Artigo 5º.-Presentación de solicitudes e documentación.

As solicitudes, que se dirixirán ó conselleiro de Industria e Comercio, presentaranse no rexistro xeral das delegacións provinciais, no dos servicios centrais da Consellería de Industria e Comercio, ou a través dalgunha das formas recollidas no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, entre as que se inclúen os rexistros dos concellos que teñan subscrito convenio de colaboración para a implantación dun sistema intercomunicado de rexistro coa Administración da Comunidade Autónoma de Galicia.

O prazo para a súa presentación será desde o día seguinte ó da publicación da presente orde no Diario Oficial de Galicia ata o 6 de xuño do ano 2002, ámbolos dous incluídos.

As ditas solicitudes presentaranse, conforme os modelos que se xuntan como anexos I, II e III, e acompañaranse da seguinte documentación, todo isto por triplicado exemplar (orixinal ou copia compulsada e dúas copias):

a) Memoria explicativa que conterá antecedentes da entidade solicitante, descrición das actividades profesionais realizadas, con mención expresa do proceso de producción artesá, volume de producción e facturación, descrición detallada dos investimentos por unidade de actuación e efectos esperados.

b) Orzamento desagregado do investimento e, nos casos en que proceda, presentarase: copia do proxecto elaborado pola empresa ou particular que o realice; factura proforma ou contrato de maquinaria ou bens que se pretenden adquirir ou das actuacións que se vai realizar, elaborada pola empresa subministradora. En calquera dos casos, o proxecto ou a factura proforma irá dirixida ó solicitante da axuda e contará coa sinatura e DNI ou CIF/NIF do autor do orzamento.

c) Carta de artesán e certificado de inscrición do obradoiro no Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia, agás cando a axuda que se solicita se destine á creación dun obradoiro artesanal, en que se presentará a copia da carta de artesán. En calquera caso, estes documentos deberán acreditarse documentalmente no momento de presentación da solicitude.

d) Incluirase, segundo anexo III, declaración expresa doutras axudas, cumprimento de obrigas fiscais, de estar ó día nas obrigas coa Seguridade Social e coa Comunidade Autónoma.

e) Licencia fiscal ou último recibo do imposto de actividades económicas (IAE) que ampara a actividade artesanal e NIF/CIF do solicitante. No caso de obradoiros que se constitúan no ano 2002, este requisito deberase acreditar cando se presente a xustificación do investimento.

f) Documento público acreditativo do poder con que actúa o solicitante, de se-lo caso, e fotocopia do seu DNI.

g) As asociacións profesionais artesanais presentarán fotocopia compulsada do CIF, estatutos e certificación ou documento que acredite a súa constitución legal. Así mesmo, certificación emitida polo secretario da asociación onde conste o número de asociados e documento que acredite a inscrición dun mínimo de vinte artesáns no Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia.

h) Para a execución de proxectos concertados a adhesión das empresas plasmarase mediante certificación destas, na que se recolla o seu compromiso na execución dos devanditos proxectos.

i) No caso de acollerse ás axudas á contratación, memoria na que se recolla unha definición precisa dos postos de traballo e o compromiso de contratación dos traballadores. Se os contratos xa foron realizados ó longo do ano 2002, presentarase a memoria, alta na Seguridade Social, DNI de cada traballador contratado e documento acreditativo da súa inscrición como demandante de emprego.

j) De se-lo caso, documentación acreditativa da exención do imposto sobre o valor engadido (IVE) ou do IAE.

Así mesmo, a Dirección Xeral de Tecnoloxía e Desenvolvemento Sectorial poderá solicitar cantos informes técnicos estime oportunos, para a valoración técnica dos proxectos.

Os anexos I, II e III desta orde poderanse obter, ben fotocopiándoos do Diario Oficial de Galicia no que se publique, ou ben na páxina de Internet http://www.xunta.es/conselle/in.

Artigo 6º.-Resolución.

Co obxecto de dar cumprimento ó principio de concorrencia competitiva, conforme co disposto no artigo 3.1 do Decreto 287/ 2000, do 21 de novembro, os servicios técnicos centrais da Dirección Xeral de Tecnoloxía e Desenvolvemento Sectorial emitirán informe razoado de avaliación.

Á vista do informe, o conselleiro de Industria e Comercio ou o delegado provincial, conforme o establecido no Decreto 88/1990, do 15 de febreiro, sobre desconcentración de competencias para a concesión de axudas e subvencións nos delegados provinciais ou territoriais da Xunta de Galicia, dictarán a resolución que proceda.

O prazo máximo para dictar e notificarlles os interesados a resolución expresa será de seis meses contados desde o día seguinte ó da publicación desta orde. O vencemento do citado prazo, sen que se notifique a resolución expresa, lexitima ó interesado para entender desestimada a súa solicitude por silencio administrativo.

Artigo 7º .-Seguimento e obrigas do beneficiario.

A concesión da axuda levará consigo as seguintes obrigas:

Para o caso da creación dun obradoiro artesanal, darse de alta no imposto de actividades económicas (IAE) que ampara a actividade correspondente, e solicitar con anterioridade ó 15 de setembro de 2002, inclusive, perante a Dirección Xeral de Tecnoloxía e Desenvolvemento Sectorial, a inscrición na sección segunda do Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia.

Facer consta-lo financiamento da Consellería de Industria e Comercio, Dirección Xeral de Tecnoloxía e Desenvolvemento Sectorial en tódalas actuacións que se financien con cargo a esta orde, así como en toda referencia que se faga de elas en calquera medio de difusión.

No caso de acollerse ás axudas á contratación, ó mantemento dos postos de traballo creados por un período dun ano. Os obradoiros que se beneficien destas axudas, co fin de garanti-lo mantemento dos postos de traballo creados, deberán presentar dentro do primeiro e último trimestre do ano 2003, unha relación da variación das altas e baixas do persoal adscrito.

No suposto de extinción da relación laboral do traballador polo que se concedese subvención, a cobertura do posto por un novo traballador, que deberá reuni-los mesmos requisitos có traballador substituído, terá que realizarse dentro do mes seguinte ó da baixa, feito que deberá ser comunicado pola empresa beneficiaria á Consellería de Industria e Comercio, dentro dos 10 días seguintes á substitución. Esta nova contratación en ningún caso dará lugar a unha nova axuda. Esta obriga manterase durante un ano desde a data de realización do contrato obxecto de subvención e, en caso de incumprimento, aterase ó disposto no artigo 8 das bases reguladoras.

Os beneficiarios destas axudas deberán conserva-los xustificantes orixinais e o resto da documentación relacionada coa axuda ou subvención outorgada durante un período de cinco anos desde a súa concesión.

Artigo 8º.-Ámbito temporal.

Á presente orde poderán acollerse as actuacións establecidas no artigo 3 desta orde, sempre que se realicen no período comprendido entre o 1 de xaneiro de 2002 e a data de xustificación do investimento recollida no artigo 10 desta orde.

No caso das actuacións recollidas no artigo 3.1º a) as solicitudes deberán presentarse antes de comeza-la execución dos proxectos de investimento.

Artigo 9º.-Modificación da resolución.

Para solicita-la modificación establecida no artigo 7.2 das bases reguladoras que rexen esta convocatoria os beneficiarios terán de prazo ata o día 30 de setembro de 2002.

Artigo 10º.-Xustificación do investimento.

Para o libramento da subvención, o beneficiario deberá presentar na respectiva delegación provincial ou nos servicios centrais da Consellería de Industria e Comercio ou a través dalgunha das formas consideradas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, a documentación xustificativa da realización do investimento que fose obxecto de subvención, tendo de prazo ata o 8 de novembro, inclusive.

A xustificación para efectos de asistencia a programas formativos e feiras farase efectiva mediante a certificación expresa de participación no certame no período prefixado, emitida pola institución ou entidade organizadora, así como da factura xustificativa da contratación do espacio da feira, tendo que presentar igualmente os certificados relacionados no parágrafo anterior.

Esta documentación xustificativa, sen prexuízo do establecido no artigo 15 do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, que se presentará por triplicado exemplar (orixinal ou copia compulsada e dúas copias), constará dos seguintes documentos:

a) Memoria na que se describa a realización do investimento, e na que deberán quedar descritos e identificados os bens adquiridos ou servicios prestados, e os datos e incidencias máis significativos habidos na súa execución.

b) Para todas aquelas actuacións intanxibles, tales como catálogos, soportes publicitarios, estudios ou proxectos achegaranse ademais tres exemplares destes.

c) Documentos acreditativos do investimento (facturas e documentos xustificativos do seu pagamento).

d) Documento de inscrición do obradoiro artesán no Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia (fotocopia compulsada).

e) Declaración de axudas obtidas e solicitadas para o mesmo investimento en calquera outra administración, organismo ou ente público ou privado. No caso de ser beneficiario dalgunha axuda ou subvención para a mesma actuación deberá achegarse a documentación necesaria para a súa valoración para os efectos da súa concorrencia coa axuda outorgada.

f) Certificación expedida pola entidade bancaria de titularidade da conta onde se debe realiza-lo pagamento, na que conste: ordinal bancario, código de banco, código de sucursal e código de conta corrente.

g) Certificado acreditativo de estar ó día nas obrigas coa Seguridade Social.

h) Certificados acreditativos de estar ó corrente nas súas obrigas tributarias e de non ter pendente de pagamento ningunha débeda, por ningún concepto, coa administración pública da Comunidade Autónoma galega. O solicitante poderá acudir á AEAT e á Consellería de Economía e Facenda para solicita-la expedición do certificado correspondente ou cubrir debidamente asinada a autorización que se achega no anexo III para os efectos de que este órgano poida solicitar esta información por vía informática.

i) Último recibo pagado do imposto sobre actividades económicas, ou alta no IAE segundo o disposto no artigo 5.e).

j) Calquera outro documento que se requira na resolución particular de concesión da axuda.

Artigo 11º.-Pagamento das axudas.

A percepción da axuda terá lugar unha vez que os servicios técnicos da Consellería de Industria e Comercio certifiquen, se é o caso, trala inspección correspondente, que se realizou o investimento que foi obxecto de subvención e demais condicións impostas na resolución de concesión. Ademais, o beneficiario deberá presenta-la documentación adicional que lle sexa requirida polos servicios técnicos, co obxecto de determina-lo alcance do proxecto ou actuacións subvencionables.

Artigo 12º.-Incompatibilidades.

As axudas previstas nesta orde serán incompatibles con calquera outra das reguladas por esta consellería.

Polo demais estas axudas serán compatibles con calquera outra das establecidas por calquera administración pública, institución ou ente público sempre e cando non se excedan, en termos de subvención neta equivalente, a porcentaxe do 40% sobre o investimento subvencionable, agás no caso das Pemes, no que poderá acadarse ata o 55%.

Artigo 13º.-Normativa aplicable.

Con independencia do disposto nesta orde, haberá de aterse ó disposto na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, no texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, modificada pola Lei 5/2000, do 28 de decembro, o Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia, o Decreto 172/2001, do 12 de xullo, sobre incentivos para o desenvolvemento económico e fomento da actividade empresarial na Comunidade Autónoma de Galicia e a Orde do 11 de marzo de 2002 pola que se establecen as bases reguladoras de axudas e subvencións en materia de industria, enerxía e minería, tecnoloxía e desenvolvemento sectorial, comercio e consumo (correción de erros DOG nº 77, do 22 de abril de 2002).

Disposición derradeira

Facúltase o director xeral de Tecnoloxía e Desenvolvemento Sectorial para que dicte as disposicións necesarias para a aplicación do disposto na presente orde.

Santiago de Compostela, 2 de abril de 2002.

Juan Rodríguez Yuste

Conselleiro de Industria e Comercio