O Estatuto de autonomía de Galicia establece, no seu artigo 31, a súa competencia plena para o regulamento e administración do ensino en toda a súa extensión, niveis e graos, modalidades e especialidades, no ámbito das súas competencias e sen prexuízo do disposto no artigo 27 da Constitución e nas leis orgánicas que o desenvolvan.
A Lei orgánica 1/1990, de ordenación xeral do sistema educativo, dispón que as administracións educativas planificarán as actividades necesarias de formación permanente do profesorado e garantirán unha oferta diversificada e gratuíta destas actividades (artigo 56.3º).
A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, consciente da importancia que ten a formación permanente do profesorado de cara á mellora da calidade do ensino e á potenciación no uso do galego e a renovación da metodoloxía e das técnicas didácticas que se aplican nos centros docentes, e consciente da repercusión e incidencia real que teñen os movementos de renovación pedagóxica e asociacións e fundacións pedagóxicas, en canto a que contribúen ó desenvolvemento deste proceso e potencian a realización de actividades de perfeccionamento, pretende facilita-lo logro destes obxectivos a través da concesión de axudas económicas.
Na súa virtude, esta consellería
DISPÓN:
1. Convócanse axudas económicas para a organización durante o ano 2002 de actividades de formación do profesorado dirixidas a profesores que imparten a súa docencia en niveis non universitarios, que estean homologadas pola Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e que dinamicen o ensino en galego.
2. O importe máximo total das axudas que se concedan é de 90.152 euros, con cargo ó concepto orzamentario 07.04.322I.480.0. A cantidade máxima que se concederá por MRP ou asociación non será superior a 9.100 euros.
O gasto que se proxecta está condicionado á existencia do crédito adecuado e suficiente nos orzamentos do exercicio do ano 2002, en trámite parlamentario.
3. Poderán ser beneficiarios destas axudas os movementos de renovación pedagóxica e as asociacións e fundacións pedagóxicas legalmente constituídas e
recoñecidas cando nos seus estatutos figure como fin preferente a formación do profesorado e desenvolvan as súas actividades na Comunidade Autónoma de Galicia, e sempre que teñan xustificadas as axudas concedidas en anteriores convocatorias.
4. Os movementos de renovación e as asociacións e fundacións pedagóxicas interesadas deberán dirixi-las súas solicitudes, conforme o modelo que figura no anexo I, á Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, Dirección Xeral de Ordenación Educativa e Formación Profesional, S. Caetano s/n, 15771 Santiago de Compostela.
As solicitudes deberán presentarse no rexistro xeral da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, nas súas delegacións provinciais ou nos lugares que determina o artigo 38.4º da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, acompañadas da seguinte documentación:
A. Programa das actividades desenvolvidas ou que van desenvolver, conforme o modelo que figura no anexo II.
B. Orzamento, conforme o anexo IV, tendo en conta os módulos económicos e os conceptos que figuran no anexo III.
C. Copia compulsada dos documentos que acreditan a súa constitución legal.
D. Copia compulsada dos estatutos da entidade.
E. Copia do CIF.
F. Documentación acreditativa da representación que exerce o solicitante.
G. Certificación bancaria da conta corrente.
H. Declaración xurada asinada polo representante legal do movemento de renovación pedagóxica, da asociación ou da fundación indicando se recibe outras axudas para o desenvolvemento da actividade. En caso afirmativo, especifica-la contia e a entidade que a concede.
A documentación das letras C, D, E e F non terá que ser achegada polos movementos de renovación pedagóxica e asociacións e fundacións pedagóxicas que xa recibiran axudas económicas en anos anteriores, sempre e cando non tiveran variación nos seus datos.
De acordo co establecido no artigo 71 da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, para aquelas solicitudes que non acheguen os documentos anteriormente sinalados, requirirase o interesado para que nun prazo de dez días emende as faltas ou remita os documentos preceptivos; de non facelo, considerarase que desistiu da súa petición e arquivarase o expediente.
5. O prazo para a presentación de solicitudes será de sesenta días naturais contados a partir do seguinte ó da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.
6. As actividades (deseño, convocatoria, publicidade, desenvolvemento, certificacións, etc.) faranse en galego e de acordo co Decreto 173/1982, sobre normativización da lingua galega, e coa disposición adicional da Lei 3/1983, de normalización lingüística,
e irán dirixidas fundamentalmente a profesores en activo na Comunidade Autónoma.
7. Financiaranse prioritariamente aquelas actividades que fomenten o ensino en galego e que coincidan basicamente cos obxectivos xerais da política educativa establecidos pola Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, especialmente os definidos no Plan Anual de Formación e que versen sobre os seguintes temas considerados como prioritarios:
a) Deseño e desenvolvemento curricular.
b) Contidos transversais do currículo.
c) Atención á diversidade.
d) Tecnoloxías da información e da comunicación.
e) Educación de adultos.
f) Modalidades, técnicas e instrumentos de avaliación.
g) Xestión e organización de centros educativos.
h) Orientación e titoría.
8. A contía das axudas establecerase en función do número de solicitudes, da adecuación dos proxectos ó establecido no artigo 7 da presente convocatoria e da dispoñibilidade orzamentaria, tendo en conta ademais que, sumadas a outros recursos que se obteñan, non excedan dos gastos orzados para as actividades programadas, e a súa distribución farase en función dunha programación anual de actividades, tendo en conta criterios como: calidade, número de horas de docencia, número de asistentes, etc.
9. Comisión de selección. Constituirase unha comisión de selección integrada por:
Presidente: o subdirector xeral de Ordenación Educativa.
Vocais: o xefe de Servicio de Formación do Profesorado.
O xefe do Servicio de Plans e Programas do Ensino da Lingua Galega da Dirección Xeral de Política Lingüística.
Un funcionario do Servicio de Formación do Profesorado.
Un funcionario da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, que actuará como secretario con voz e sen voto.
Por cada un dos sindicatos da Mesa Sectorial Docente poderá asistir un representante ás sesións da comisión con voz e sen voto. O nome do representante sindical seralle comunicado ó presidente da comisión de selección coa debida antelación.
10. Resolución da convocatoria. Unha vez rematado o proceso de selección, formularáselle a proposta de concesión de axudas ó conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, determinando en cada caso a contía das axudas. A orde de concesión de axudas será publicada no Diario Oficial de Galicia.
Contra esta resolución os interesados poderán interpoñer recurso potestativo de reposición perante o conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, segundo o disposto nos artigos 116 e 117 da Lei 4/1999 (BOE do 14 de xaneiro), de modificación da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.
No suposto de non resolverse expresamente esta convocatoria no prazo de cinco meses desde a súa publicación, e sen prexuízo da súa posterior resolución, as solicitudes entenderanse desestimadas.
11. O pagamento das axudas económicas concedidas farase nun só libramento, unha vez feita a debida xustificación de gastos e da realización da actividade, que se deberá realizar antes do 30 de outubro de 2002 para as actividades realizadas ata o 30 de setembro e antes do 5 de decembro de 2002 para as actividades de outubro a decembro do mesmo ano. A devandita xustificación farase unicamente polos conceptos e módulos que figuran no anexo III e de acordo coas instruccións que figuran no anexo V. A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria poderá completar estas instruccións poñéndoas en coñecemento dos interesados cando se lles comunique a contía da axuda concedida.
12. O importe da axuda, tendo en conta os recursos que xere a actividade e outras subvencións ou axudas para a mesma finalidade, poderá reducirse no suposto de que, á hora de presenta-la xustificación da axuda, houbese unha diminución dos gastos orzados que supoña que a axuda supera a diferencia entre os ingresos e os gastos reais. Tamén poderá diminuírse a contia da axuda se o nº de asistentes á actividade é inferior en máis dun 20% ás previsións manifestadas.
13. Obrigas dos beneficiarios. Son obrigas dos beneficiarios das axudas, segundo o artigo 6 da Lei 8/1999, do 30 de decembro, de medidas fiscais e orzamentarias e de función pública e actuación administrativa, que modifica o artigo 78 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro:
a) Someterse ás actuacións de comprobación que realice a Dirección Xeral de Ordenación Educativa e Formación Profesional e ás de control financeiro que lle corresponden á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma e ó Consello de Contas.
b) Comunicarlle á Consellería de Educación e Ordenación Universitaria a obtención de calquera outra subvención ou axuda para a mesma finalidade, procedente de calquera Administración ou ente público.
14. O incumprimento das condicións establecidas na presente orde constituirá obriga de reintegro, total ou parcial, da subvención ou axuda percibida, consonte os artigos 19 e 20 do Decreto 287/2000, do 21 de novembro.
Calquera alteración das condicións tidas en conta para a concesión das axudas: nº de horas, nº de asistentes e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión, segundo o número 7º do artigo 6 da citada Lei 8/1999.
15. A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria poderá levar a cabo as inspeccións oportunas orientadas a comproba-la veracidade dos datos facilitados, así como a utilización dos fondos concedidos.
16. Autorízase a Dirección Xeral de Ordenación Educativa e Formación Profesional para dicta-las instruccións necesarias para a aplicación e desenvolvemento desta orde.
17. Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 22 de abril de 2002.
Celso Currás Fernández
Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria