Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 85 Venres, 03 de maio de 2002 Páx. 6.325

IV. OPOSICIÓNS E CONCURSOS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

RESOLUCIÓN do 25 de abril de 2002, da Dirección Xeral de Persoal, pola que se fai pública a data do sorteo para determina-la composición dos tribunais que deberán xulga-lo procedemento selectivo de ingreso así como a adquisición de novas especialidades do corpo de mestres.

O punto 23 da Orde do 6 de marzo de 2002 (DOG do 18 de marzo) pola que se convocaba procedemento selectivo de ingreso ó corpo de mestres e adquisición de novas especialidades, establece que os tribunais que xulguen o concurso-oposición estarán integrados por catro vocais, designados por sorteo, entre funcionarios do corpo de mestres que conten coa especialidade correspondente.

Resultando necesario facer pública a data e a hora na que terá lugar o sorteo público, esta dirección xeral

RESOLVE:

Primeiro.-O sorteo para determina-los catro vocais e os seus suplentes correspondentes, que xulgarán o concurso-oposición para ingreso no corpo de mestres e para adquisición da habilitación en novas

especialidades terá lugar entre funcionarios de carreira do corpo de mestres que conten coa especialidade correspondente, en situación de servicio activo en centros dependentes desta consellería, con destino definitivo ou provisional na provincia na que se celebra o sorteo, o próximo día 8 de maio de 2002 ás 9 horas nos seguintes lugares:

-Delegación Provincial da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, r/ Salvador de Madariaga, s/n (zona Monelos), A Coruña.

-Delegación Provincial da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, r/ Ronda da Muralla, 70-5ª planta (edificio administrativo Xunta de Galicia), Lugo.

-Delegación Provincial da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, r/ Concello, nº 13, Ourense.

-Delegación Provincial da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, r/ Montero Ríos, s/n, Pontevedra.

Santiago de Compostela, 25 de abril de 2002.

Severino Somoza Gómez

Director xeral de Persoal