Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 83 Martes, 30 de abril de 2002 Páx. 6.083

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

ORDE do 22 de abril de 2002 pola que se anuncian axudas económicas destinadas a subvenciona-la realización de obras e equipamentos por parte das entidades locais de Galicia.

A Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia establece a obrigatoriedade de prestación de determinados servicios públicos polas entidades locais.

Así mesmo, a devandita lei dispón que as funcións de coordinación e axuda desta Comunidade Autónoma se dirixirán preferentemente a acada-lo obxectivo da prestación homoxénea dos ditos servicios.

Por esta razón, a Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais pretende colaborar coas entidades locais na mellora da calidade de vida local, regulando por medio da presente orde, os requisitos e o procedemento que se seguirá para a concesión de axudas económicas destinadas á realización de obras e equipamentos locais, necesarios para a prestación dos servicios públicos ós que se refiren os artigos 80 e 81 da Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia.

Así, o Decreto 161/2000, do 29 de xuño, polo que se establece a estructura orgánica da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais, atribúelle á Dirección Xeral de Administración Local as relacións coas corporacións locais, así como as convocatorias e propostas de adxudicación de axudas e subvencións ás entidades locais que sexan competencia desa dirección xeral.

A orde da Consellería de Economía e Facenda do 11 de febreiro de 1998, pola que se regula a tramitación anticipada de expedientes de gasto, dispón no seu artigo 1 que, entre outros, os expedientes de gasto imputables ó capítulo VII poderán iniciarse, epígrafe 1.3, no período de prórroga dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma, unha vez aprobado o proxecto de orzamentos, sempre que se cumpran os requisitos do punto 1.1 da devandita orde.

Por todo isto,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto e beneficiarios

Pola presente orde establécense as bases para conceder subvencións en réxime de concorrencia competitiva ás entidades locais de Galicia, destinadas á realización das obras e equipamentos locais (bens non consumibles) que sexan necesarios para a prestación dos servicios públicos ós que se refiren os artigos 80 e 81 da Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia.

Artigo 2º.-Crédito

Estas subvencións faranse efectivas con cargo á aplicación orzamentaria 13.05.761.0, Programa 123.A, ata unha contía máxima de seiscentos un mil doce euros (601.012 A), correspondente ós orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o 2002, condicionándose o devandito gasto á existencia de crédito adecuado e suficiente no orzamento do exercicio do ano 2002, neste momento en trámite parlamentario.

A axuda económica que se conceda poderá financiar como máximo ata o 70% do orzamento da obra ou equipamento que se vai realizar, correspondendo o financiamento do importe restante á entidade local beneficiaria da subvención.

O importe máximo ó que poderá ascender cada subvención será de quince mil vintecinco euros (15.025 A). En casos excepcionais, que deberán estar debidamente xustificados poderá superarse a dita cantidade.

Artigo 3º.-Iniciación

1. Os que desexen acollerse ós beneficios desta orde elevarán petición, por medio de instancia dirixida ó conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais, segundo modelo que figura como anexo I desta orde, e presentarana no rexistro xeral da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais, no das delegacións provinciais, ou por calquera outro dos medios a que se refire o artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, no prazo de 30 días naturais, contados a partir do seguinte ó da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

2. A entidade local peticionaria xuntará á solicitude a seguinte documentación:

a) Certificación do acordo da entidade local pola que se aproban as obras ou equipamentos que se van realizar e se aceptan as condicións de financiamento e demais requisitos establecidos na presente orde.

b) Memoria xustificativa da necesidade das obras ou equipamentos para as que se solicita subvención, con expresión da fase, de se-lo caso, á que corresponda.

c) Memoria da obra ou equipamento que se vai a realizar. No caso de obra deberá acompañarse dun proxecto técnico e dun informe de viabilidade del, asinado polo técnico municipal.

d) Orzamento detallado.

e) Declaración de conxunto de tódalas solicitudes efectuadas ou concedidas, para un mesmo proxecto ou actividade, das distintas administracións públicas competentes ou outros entes públicos (anexo III desta orde).

Se algunha documentación das solicitadas no presente artigo xa constara en poder da Dirección Xeral de Administración Local desta consellería, e non se producise desde o momento en que foron presentadas variación que afectara ó contido ou á vixencia desta, non será necesario achegalas novamente, sen prexuízo de que esta dirección xeral reclame do solicitante a documentación que, se é o caso, estime oportuna.

A tramitación e adxudicación das obras ou equipamentos será realizada polas entidades beneficiarias conforme a súa propia normativa, dándolle conta deste acto á Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais.

O defecto na solicitude seralles notificado ós interesados pola Dirección Xeral de Administración Local e daráselles un prazo de dez días para emenda-los erros ou omisións. Transcorrido o dito prazo, se non se producise a dita emenda, as peticións serán arquivadas conforme o disposto na Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 4º.-Instrucción e resolución

Recibidas as solicitudes de subvención e a súa documentación, serán analizadas polos servicios competentes da Dirección Xeral de Administración Local, e o director xeral elevaralle a correspondente proposta ó conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais, quen resolverá.

Artigo 5º.-Notificación

1. A resolución notificaráselles a tódolos beneficiarios da subvención, na forma prevista no artigo 59 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Conforme o disposto no artigo 44.1º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, modificado pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, de non notificarse resolución no prazo de seis meses contados desde a publicación da presente orde no Diario Oficial de Galicia, os interesados poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo. Todo iso sen prexuízo do establecido nos artigos 42 e 43 da devandita lei.

2. Contra esta resolución, os interesados poderán interpoñer recurso potestativo de reposición perante o conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ó da súa notificación, segundo o disposto nos artigos 116 e 117 da Lei 4/1999, de modificación da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

Artigo 6º.-Aceptación

1. O presidente da entidade local beneficiaria disporá dun prazo de quince días, contados a partir da recepción da resolución para comunica-la aceptación das condicións contidas nela.

2. Transcorrido este prazo sen que se comunique a dita aceptación, de non xustificarse suficientemente a concorrencia de circunstancias excepcionais que impidan facelo, a Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais poderá anula-la resolución.

Artigo 7º.-Criterios de avaliación

Na valoración das solicitudes presentadas polas entidades locais teranse en conta os seguintes aspectos:

a) A necesidade das obras ou equipamentos que se van realizar, así como a incidencia que a súa finalidade vai cumprir, especialmente se mellora a calidade de vida dos veciños e atención de servicios esenciais.

b) A situación económica da entidade local estimada pola contía do seu orzamento e pola súa situación financeira.

c) O número de núcleos de poboación existentes.

d) Fomentaranse aqueles proxectos tendentes a logra-la accesibilidade e a supresión de barreiras arquitectónicas.

e) Data de subvención anterior para obras ou equipamentos no mesmo concello.

Artigo 8º.-Libramento de fondos

1. Os beneficiarios das subvencións, unha vez aceptadas estas, quedarán obrigados a destina-los fondos percibidos co obxecto concreto para o que foron concedidos. A Dirección Xeral de Administración Local da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais poderá comprobar, cando o considere conveniente, a execución dos proxectos subvencionados.

2. Os beneficiarios da subvención presentarán facturas orixinais ou fotocopia compulsada do gasto, aprobadas pola corporación, por triplicado na Dirección Xeral de Administración Local antes do 31 de outubro de 2002, inescusablemente, acompañada da correspondente certificación relativa ó acordo de aprobación pola corporación, expedida polo secretario dela, tamén por triplicado. A Dirección Xeral de Administración Local, de atopar conformes as facturas, proporá o libramento de fondos; que en ningún caso superará o 70% do importe dos xustificantes presentados.

3. No caso de subvencionar obras por importe superior a 30.050,61 euros deberá presentarse, en lugar de facturas, certificación de obra en modelo oficial, que figura como anexo II desta orde, xunto á relación valorada, asinada polo técnico corporativo, todo iso por triplicado.

4. Así mesmo, no momento da xustificación da execución total do proxecto e, en calquera caso, antes do derradeiro pagamento, o peticionario presentará unha declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas, tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución, para o mesmo proxecto, das distintas administracións públicas competentes ou das súas entidades vinculadas ou dependentes (Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia).

5. O beneficiario ten a obriga de facilitar toda a información que lle sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas.

6. As cantidades que resultasen sobrantes por causa de renuncia ou non presentación das xustificacións correspondentes por parte das entidades locais beneficiarias poderán adicarse a subvencionar a outras entidades locais que presentaron solicitude de subvención ó abeiro da presente orde.

7. Transcorrido o prazo establecido no parágrafo 2º sen ter presentadas as correspondentes xustificacións poderase entender que a entidade local renuncia á subvención, podendo esta consellería utiliza-lo dito crédito en beneficio doutros posibles beneficiarios.

Artigo 9º.-Modificación das resolucións de concesión.

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da axuda ou, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión, tal e como se establece no Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 10º.-Control

No caso de que o beneficiario da axuda incumprise algunha das condicións ou obrigas estipuladas, a Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais anulará os beneficios concedidos e, conforme o disposto no artigo 78.5º do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, solicitará a devolución das cantidades percibidas, se as houbese, xunto cos xuros de demora debidos por estes, segundo o procedemento que establece o Decreto 287/2000, do 21 de novembro; e se procede, instruirá o correspondente expediente sancionador, conforme o previsto no citado decreto.

Disposición adicional

A teor do disposto na orde da Consellería de Economía e Facenda do 11 de febreiro de 1998, pola que se regula a tramitación anticipada de expedientes de gasto, os expedientes de subvención poderán tramitarse como máximo ata o momento inmediatamente anterior ó da disposición ou compromiso de gasto, mentres non resulten aprobados os créditos adecuados e suficientes que amparen o corrrespondente gasto con cargo ós orzamentos definitivos da Comunidade Autónoma para o ano 2002.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Administración local para dictar, no ámbito das súas competencias, as resolucións precisas para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-En todo o non previsto nesta orde, rexerá o disposto no Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia.

Terceira.-Esta orde entrará en vigor ó día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 22 de abril de 2002.

Antonio Pillado Montero

Conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais