Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 81 Venres, 26 de abril de 2002 Páx. 5.878

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

DECRETO 140/2002, do 4 de abril, polo que se declara a urxente ocupación, para efectos de expropiación forzosa, pola Deputación Provincial de Lugo, dos bens e dereitos necesarios para a realización da obra número 187, Plan Operativo Local de Sober, estrada provincial Sober-Lama dos Campos, alargamento e mellora punto quilométrico 1,71 a 2,86 (concello de Sober).

A Deputación Provincial de Lugo, en sesión celebrada o día catorce de setembro de dous mil un, aprobou o proxecto de obra número 187, Plan Operativo Local Sober, estrada provincial Sober-Lama dos Campos, ensanche e mellora punto quilométrico 1,71 a 2,86, e na sesión do vintenove de outubro de dous mil un acordou solicitar da Xunta de Galicia a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos afectados pola expropiación forzosa ó abeiro do disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa.

Por parte da Deputación Provincial de Lugo foi remitida a documentación complementaria para a correcta tramitación do expediente con data de entrada no rexistro xeral da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais o día dezaoito de marzo de dous mil dous.

Os bens nos que se concreta a declaración de urxente ocupación están determinados no expediente que se someteu a información pública.

A Dirección Xeral de Urbanismo da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda emitiu informe favorable. O dito informe tivo entrada no rexistro xeral da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais o día tres de xaneiro de dous mil dous.

Considérase necesaria a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos precisos para a realización das obras do proxecto técnico sinalado, porque segundo sinala a Deputación Provincial de Lugo, as estradas provinciais que acceden ós canóns do río Sil reciben unha afluencia de visitantes cada vez maior e que con frecuencia fan os desprazamentos en autobús, non sendo as condicións destas estradas moi axeitadas para circulación destes vehículos debido ás fortes pendentes de baixada e ó largo da calzada; a estrada Sober-Lama dos Campos é un destes accesos, que comunica ademais coa estrada que accede ó chamado Cotarro do Castro no punto chamado Os Chancís, onde a deputación vai construír un novo embarcadoiro para atracada das embarcacións que cruzan o encoro de Santo Estevo, polo que se fai imprescindible a actuación.

A competencia para a declaración da urxente ocupación correspóndelle ó Consello da Xunta de Galicia segundo o disposto nos artigos 27.2º e 28.2º do Estatuto de autonomía de Galicia.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais e logo de deli

beración do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día catro de abril de dous mil dous,

DISPOÑO:

Artigo único.-De conformidade co disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa, declárase a urxente ocupación, pola Deputación Provincial de Lugo, para efectos de expropiación forzosa, dos bens e dereitos concretados no expediente administrativo instruído para o efecto e necesarios para a execución da obra número 187, Plan Operativo Local Sober, estrada provincial Sober-Lama dos Campos, ensanche e mellora punto quilométrico 1,71 a 2,86.

Santiago de Compostela, catro de abril de dous mil dous.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Antonio Pillado Montero

Conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais