Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 75 Xoves, 18 de abril de 2002 Páx. 5.253

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 20 de marzo de 2002 pola que se convocan premios extraordinarios das modalidades de bacharelato, correspondentes ó curso 2001/2002.

A orde do Ministerio de Educación e Cultura do 13 de decembro de 1999, pola que se crean os premios nacionais de bacharelato e se establecen os requisitos e o procedemento para a concesión dos premios extraordinarios de bacharelato, establece no seu artigo 3.1º que as comunidades autónomas con plenas competencias en materia educativa poderán convocar e conceder premios extraordinarios de bacharelato nos seus ámbitos territoriais.

Na súa virtude, a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, facendo uso desta habilitación e das atribucións que ten conferidas,

DISPÓN:

Primeiro.-Convócanse premios extraordinarios de bacharelato correspondentes ó curso 2001-2002.

Segundo.-Poderá concederse na Comunidade Autónoma de Galicia un premio extraordinario por cada 1.000 alumnos ou fracción superior a 500, matriculados no segundo curso de bacharelato no curso 2001-2002. Para estes efectos, teranse en conta os alumnos matriculados en centros españois da Comunidade Autónoma de Galicia, tanto de carácter público como privado, de titularidade española, así como os alumnos matriculados na modalidade de ensino a distancia.

Terceiro.

1. Poderán optar ó premio extraordinario de bacharelato os alumnos que cursasen e superasen os dous

cursos (primeiro e segundo) de calquera das modalidades de bacharelato e que os finalizasen no curso académico 2001-2002.

2. Para poder participar nesta convocatoria será necesario que a media das cualificacións obtidas nos dous cursos sexa igual ou superior a 8,75 puntos.

3. Para obte-la nota media computaranse exclusivamente as cualificacións obtidas nas materias comúns, específicas de modalidade e optativas, dos dous cursos de bacharelato.

4. A dita nota será a media aritmética das cualificacións de todas e cada unha das materias a que se refire o punto anterior.

Cuarto.

1. Os alumnos que, reunindo os requisitos indicados, desexen optar ó premio extraordinario, inscribiranse, ata o día 3 de xuño de 2002, no instituto no que se atope o seu expediente académico.

2. Os alumnos e os secretarios dos seus respectivos centros deberán cubri-los modelos de inscrición que se inclúen como anexo I e anexo II a esta convocatoria.

3. De acordo co establecido no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, se a solicitude de inscrición non reunise os requisitos precisos, requirirase o interesado para que, no prazo de dez días, emende a falta ou xunte os documentos preceptivos, indicándoselle que, de non facelo, se considerará como desistido da súa petición, arquivándose esta logo de resolución, que deberá ser dictada nos termos do artigo 42.1º da citada lei.

4. Rematado o prazo de inscrición, os secretarios dos centros remitirán, ata o día 8 de xuño de 2002, ó Servicio Provincial de Inspección Educativa da delegación provincial correspondente da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria as solicitudes de inscrición que estean no seu poder e comunicarán por fax ó citado servicio a lista de alumnos inscritos coa indicación das modalidades de bacharelato cursadas.

Quinto.-A Subdirección Xeral de Inspección Educativa será a encargada de elabora-las probas así como de da-las instruccións necesarias para o seu desenvolvemento.

Sexto.

1. As probas estructuraranse en dúas partes:

Primeira parte:

a) Redacción sobre un tema de carácter xeral, histórico ou literario.

b) Análise dun texto na primeira lingua estranxeira cursada polo alumno e resposta a cuestións de carácter cultural, literario ou gramatical. O exercicio realizarase sen diccionario no idioma correspondente.

Segunda parte:

Desenvolvemento de temas, respostas a cuestións e/ou exercicios prácticos de dúas materias propias da modalidade de bacharelato cursadas polo alumno no segundo curso, a elixir entre tres materias.

2. Cada exercicio de cada parte da proba cualificarase entre 0 e 10 puntos.

A puntuación definitiva será a suma total de cada unha das cualificacións obtidas. Para aspirar ó premio extraordinario os alumnos deberán obter en cada exercicio, alomenos, cinco puntos e unha cualificación total de 32 puntos ou máis. O número de premios propostos non pode ser superior ó que resulte da aplicación do artigo 2º desta orde. No caso de empate terá preferencia o alumno con mellor expediente académico.

3. As probas terán lugar o día 19 de xuño de 2002 nos seguintes centros:

IES Elviña da Coruña.

IES Sanxillao de Lugo.

IES As Lagoas de Ourense.

IES Sánchez Cantón de Pontevedra.

Sétimo.

1. O tribunal encargado de supervisar e avalia-las probas estará constituído por funcionarios dos corpos de inspectores de educación e por profesores de ensino secundario especialistas, todos eles, nas distintas materias obxecto da proba, designados pola Dirección Xeral de Centros e Inspección Educativa.

2. O tribunal fará pública a acta provisional coas cualificacións obtidas polos candidatos nas delegacións provinciais da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

3. Os alumnos examinados, ou os seus pais ou representantes legais, poderán reclamar por escrito contra a cualificación obtida, mediante instancia dirixida ó presidente do tribunal, no prazo de cinco días hábiles a partir do seguinte a aquel no que sexan públicas as cualificacións.

Oitavo.

1. Unha vez resoltas as reclamacións, o tribunal elaborará a acta coa proposta definitiva de adxudicación dos premios extraordinarios.

O orixinal quedará arquivado na Inspección Central e serán remitidas copias del á Dirección Xeral de Centros e Inspección Educativa, Dirección Xeral de Universidades, ós rectorados das universidades de Santiago de Compostela, A Coruña e Vigo, á Secre

taría Xeral de Educación e Formación Profesional do Ministerio de Educación, Cultura e Deporte e ás delegacións provinciais da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

2. De acordo coa proposta feita polo tribunal, o director xeral de Centros e Inspección Educativa concederá os premios extraordinarios de bacharelato, mediante resolución que será publicada no Diario Oficial de Galicia.

3. O prazo máximo para notifica-la resolución deste procedemento será de seis meses desde o día seguinte ó da publicación desta convocatoria, tendo efectos desestimatorios a falta de resolución expresa nese período.

Noveno.-Contra a devandita resolución de adxudicación dos premios, que porá fin á vía administrativa, poderase recorrer mediante recurso potestativo de reposición no prazo dun mes ante o director xeral de Centros e Inspección Educativa, ou ser impugnada mediante a interposición de recurso contencioso-administrativo perante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ó da data da súa publicación.

Décimo.

1. Os alumnos que obteñan premio extraordinario poderán optar, logo de inscrición, ó premio nacional.

2. A obtención do premio extraordinario será anotada no expediente académico do alumno polo secretario do centro no que realizou a inscrición.

3. Nos libros de cualificación dos alumnos estamparase dilixencia na que constará a obtención do premio extraordinario.

4. De acordo co previsto no punto 2º do artigo 25 da Lei 8/1989, do 13 de abril, de taxas e prezos públicos, os alumnos que obteñan o premio extraordinario de bacharelato non estarán obrigados ó pagamento dos prezos públicos por servicios académicos no primeiro curso dos estudios superiores en centro público. No caso de que o premio lles fose concedido con posterioridade ó pagamento das taxas, a universidade poderá optar entre devolverlle ó alumno o seu importe ou descontarllo no primeiro pagamento polo dito concepto que o alumno teña que realizar con posterioridade á concesión do premio.

Décimo primeiro.-Autorízase a Dirección Xeral de Centros e Inspección Educativa para dictar cantas normas sexan oportunas para o desenvolvemento desta orde.

Décimo segundo.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 20 de marzo de 2002.

Celso Currás Fernández

Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria