Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 73 Martes, 16 de abril de 2002 Páx. 5.100

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE ASUNTOS SOCIAIS

ORDE do 4 de abril de 2002 pola que se establecen axudas destinadas á prestación de servicios sociais polas corporacións locais.

O Estatuto de autonomía de Galicia, no seu artigo 27.23º, asígnalle á Comunidade Autónoma competencia exclusiva en materia de asistencia social.

A Lei 4/1993, do 14 de abril, de servicios sociais para Galicia, recolle, no seu artigo 74.1º e 74.2º, a obriga de incluír anualmente na redacción dos seus orzamentos as contías necesarias para lles facer fronte ós gastos derivados do exercicio das competencias que o artigo 26 desta lei lle atribúe á Administración autonómica, así como nos artigos 75, 76 e 77 establecen a obrigatoriedade por parte das deputacións e concellos de estableceren nos seus orzamentos unha partida específica destinada ó mantemento dos servicios sociais.

Por outra banda, a Lei 8/1997, do 20 de agosto, de accesibilidade e supresión de barreiras na Comunidade Autónoma de Galicia, prevé axudas e subvencións da dita Comunidade Autónoma, ós entes locais para programas de actuación recollidos na citada lei.

A Consellería de Asuntos Sociais da Xunta de Galicia, de conformidade co Decreto 310/2001, do 17 de decembro, polo que se fixa a estructura orgánica dos departamentos da Xunta de Galicia e o Decreto 402/2001, do 28 de decembro, polo que se fixa a estructura orgánica da Consellería de Asuntos Sociais, ten ó seu cargo competencias en materia de servicios sociais, de acordo co establecido no Estatuto de autonomía de Galicia nos termos sinalados pola Constitución española.

Esta orde regula a convocatoria de axudas e subvencións a corporacións locais para o financiamento de prestacións sociais, de conformidade co establecido no Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia e no Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se establecen os requisitos xerais para as subvencións que conceda a Administración autonómica, normativa á que, en consecuencia, se adaptará a esta orde, atendendo en todo caso, ós principios de publicidade, obxectividade e concorrencia.

Na súa virtude, en uso das facultades que teño atribuídas pola Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, modificada pola Lei 11/1988, e o Decreto 402/2001, do 28 de decembro,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

Esta orde ten por obxecto a convocatoria de axudas ás corporacións locais para o financiamento total ou parcial de servicios sociais.

Artigo 2º.-Servicios sociais subvencionables.

1. Servicios sociais de atención primaria (comunitarios), que constituirán o nivel máis próximo ó usuario e ó seu ambiente familiar e social, desenvolven programas e prestan axudas favorecedoras

da participación, integración e benestar social das persoas ou grupos dentro do seu medio comunitario e que se prestan nos seguintes equipamentos (centros):

-Centros de servicios sociais.

-Centros de acollida.

-Albergues.

-Cantos outros poidan ser de utilidade para o traballo social de atención primaria.

Dentro das actividades que se desenvolverán nos ditos centros de servicios sociais ou servicios sociais de base, serán obxecto de financiamento prioritario os seguintes programas básicos de actuación: información, orientación e asesoramento; de axuda no fogar e apoio á unidade de convivencia; de prevención e inserción social; de aloxamento alternativo; de fomento de cooperación social e todos aqueles que se poidan levar a cabo desde o primeiro nivel de atención.

2. Servicios sociais de atención especializada, dirixidos a sectores da poboación con problemáticas definidas, que precisen dun tratamento particular ou dunha prestación específica e non se poidan resolver desde os servicios sociais de atención primaria, que son os seguintes a título enunciativo:

-Servicios e equipamentos na área da discapacidade.

-Servicios e equipamentos na área das persoas maiores.

-Servicios e equipamentos na área da drogodependencia e alcoholismo.

-Servicios e equipamentos na área para a prevención da delincuencia.

-Programas de accesibilidade e eliminación de barreiras.

-Aqueloutros que respondan de forma estable a situacións carenciais de colectivos específicos.

Artigo 3º.-Destinatarios.

Poderán solicita-las axudas que se regulan nesta orde as corporacións locais galegas que desexen implantar ou xa teñan a titularidade dos centros ou servicios que se mencionan no artigo anterior.

Artigo 4º.-Tipos de axudas.

Os tipos de axudas que se poderán solicitar son as seguintes:

a) De mantemento.

-De servicios sociais de atención primaria.

-De servicios sociais de atención especializada.

b) De realización de programas básicos de actuación.

-De carácter comunitario, destinados á poboación en xeral.

-De carácter especializado, dirixidos a sectores específicos ós que se refire o artigo 1.2º desta orde.

c) De investimento.

-De adquisición de inmobles.

-Construcción de nova planta.

-Reforma, ampliación ou mellora de edificios e instalacións.

-Equipamento e mobiliario.

-De accesibilidade e eliminación de barreiras.

Artigo 5º.-Prórroga.

As subvencións outorgadas ós concellos para o mantemento de servicios sociais de atención primaria durante o exercicio de 2001 considéranse prorrogadas para o exercicio de 2002 conforme os seguintes termos:

a) A contía referente ós gastos de persoal calcularase en función da concedida para o ano 2001, cun incremento igual ó sinalado nos artigos 10, 11 e 12 do proxecto de Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 2002, respecto ó persoal ó servicio da citada comunidade.

b) A contía do programa de axuda a domicilio será a que resulte de multiplicar 901,52 euros polo número de unidades familiares atendidas e xustificadas no ano 2001, sen que en ningún caso o importe resultante supere o da subvención concedida no pasado exercicio para esta finalidade.

c) En todo caso, será necesario para a concesión da axuda do ano 2002, a previa presentación da avaliación do ano 2001, segundo o modelo facilitado para o efecto, que segue as clasificacións e puntos que figuran nas fichas do Sistema de Información de Usuarios de Servicios Sociais (SIUSS).

Artigo 6º.-Financiamento.

1. Para a concesión das axudas reguladas nesta orde, existe crédito adecuado e suficiente con cargo ó proxecto de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para o ano 2002, por un importe total de 13.949.069,69 A sen prexuízo de ulteriores variacións producidas como consecuencia de modificacións orzamentarias, nas aplicacións seguintes:

16.03.212A.460.0 por importe de 12.512.043 euros.

16.03.212D.460.0 por importe de 377.159,61 euros.

16.03.212A.760.0 por importe de 528.987,26 euros.

16.03.212D.760.0 por importe de 230.373,77 euros.

16.02.212A.761.0 por importe de 300.506,05 euros.

2. De conformidade co establecido na orde da Consellería de Economía e Facenda, do 11 de febreiro de 1998, modificada polas ordes do 27 de novembro de 2000 e do 25 de outubro de 2001, posibilita a tramitación anticipada de expedientes de gasto no período de prórroga dos orzamentos, condicionados á existencia de crédito adecuado e suficiente no proxecto de orzamentos do exercicio do ano 2002 aprobados polo Consello da Xunta de Galicia, neste momento en trámite parlamentario.

Artigo 7º.-Solicitudes.

1. As solicitudes formularanse nos modelos oficiais que se facilitarán na Dirección Xeral de Servicios

Comunitarios e Inclusión Social, nas delegacións provinciais ou servicios comarcais, se é o caso, da Consellería de Asuntos Sociais, así como en calquera das oficinas de información administrativa e de atención ó cidadán da Xunta de Galicia, conforme o anexo I para os servicios sociais de atención primaria, e o anexo II para os servicios sociais de atención especializada que incluirán os programas de accesibilidade e eliminación de barreiras.

2. As axudas para servicios sociais de atención primaria efectuaranse nunha única solicitude, incluídas as derivadas da prórroga establecida na disposición adicional primeiram á que se xuntará unha memoria individualizada para cada un dos servicios, programas e investimentos para os que se solicite a subvención.

3. As axudas referidas a servicios sociais de atención especializada, e ós programas de accesibilidade e eliminación de barreiras articularanse, así mesmo, nunha única solicitude, que deberá ir acompañada dunha memoria para cada programa que se vaia desenvolver cos distintos sectores de poboación para os que se solicita atención.

4. A Dirección Xeral de Servicios Comunitarios e Inclusión Social e as respectivas delegacións provinciais da Consellería de Asuntos Sociais prestarán o apoio e asesoramento técnico necesarios e coordinarán as actuacións das corporacións locais da provincia, coa finalidade de que os proxectos que se presenten sexan viables.

5. A solicitude e a documentación requirida presentarase por exemplar duplicado, de conformidade cos modelos normalizados, nas delegacións provinciais da Consellería de Asuntos Sociais, sen prexuízo da resolución ulterior do expediente polos órganos provinciais ou centrais competentes, sendo de aplicación, en todo caso, o disposto no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, segundo redacción dada pola Lei 4/1999.

Artigo 8º.-Documentación.

1. As solicitudes deberán vir xunto coa seguinte documentación xeral:

a) Certificación do órgano correspondente da corporación local, na que conste o seguinte:

-A contía achegada pola corporación local (ou corporacións locais no caso de comparti-lo servicio) ó mantemento e desenvolvemento dos servicios sociais de atención primaria, financiados a través do plan concertado. No caso de solicitar subvención para os servicios sociais de atención especializada, deberá emitirse certificación da contía que achega ós ditos servicios sociais. Terase en conta, en todo caso, o disposto nos artigos 75 e 77 da Lei de servicios sociais.

-O acordo do órgano competente da corporación local, de solicita-la subvención e, no caso de prórro

ga, de que continúa na prestación dos servicios nas mesmas condicións do ano anterior, para garanti-la non supresión dos programas e prestacións dos servicios sociais, ó longo do ano.

-Se a dita solicitude, se é o caso, se fixera mediante resolución da Alcaldía ou Comisión de Goberno, deberá xuntarse certificación do acordo no que se lle dá conta ó Pleno da Corporación local do contido da citada petición.

b) Declaración do peticionario da axuda na que figure o conxunto de tódalas solicitudes efectuadas ou concedidas, para cada un dos proxectos que se vai subvencionar, das distintas administracións públicas competentes.

c) Ficha de solicitude de transferencia bancaria xunto coa certificación bancaria das contas correntes nas que se ingresará, se é o caso, o importe efectivo da subvención concedida.

2. Documentación específica:

a) Para os programas de servicios sociais de atención primaria, que estean relacionados co voluntariado social, cómpre, para a súa concesión, que as entidades locais solicitantes estean incluídas no Plan do Voluntariado de Galicia e no rexistro galego de entidades de acción voluntaria ó abeiro do Decreto 405/2001, do 29 de novembro.

b) Para a subvención relativa á axuda no fogar, os concellos deberán ter aprobado o correspondente regulamento municipal, ó abeiro da Orde do 22 de xullo de 1996 pola que se regula o referido servicio.

c) No suposto de solicitudes nas que se inclúan gastos de investimento, xuntarase, ademais, a seguinte documentación:

Adquisición de bens inmobles:

-Certificado do concello no que acredite participar, como mínimo, cun 30% do orzamento total da obra que se vai realizar.

-Certificado do Rexistro da Propiedade no que se acredite que o inmoble obxecto da adquisición está libre de cargas, así como a titularidade deste por parte do vendedor.

-Documento de opción de compra, no que se indicará a data de caducidade da devandita opción, así como o seu prezo.

Construcción, reforma e adecuación:

-Certificado do concello no que se acredite participar, como mínimo, cun 30% do orzamento total da obra que se vaia realizar.

-Certificado do concello que acredite o dominio do solicitante sobre o inmoble ou, se este é alugado ou cedido, certificado do propietario no que se faga consta-las condicións nas que se efectuou esta, e a súa conformidade coas obras que se pretendan realizar.

-Certificado do concello correspondente no que se fagan constar que os plans urbanísticos aprobados e as ordenanzas municipais en vigor permiten a realización da obra que se proxecta.

-Memoria e orzamento das obras que se van realizar. No caso de axudas para accesibilidade e eli

minación de barreiras, xustificarase o cumprimento do disposto na Lei 8/1997, do 20 de agosto, de accesibilidade e supresión de barreiras na Comunidade Autónoma de Galicia.

Equipamento:

-Orzamento das adquisicións que se pretendan realizar.

Artigo 9º.-Prazo de presentación das solicitudes.

O prazo de presentación das solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ó da publicación desta orde.

Artigo 10º.-Corrección de defectos.

Os órganos responsables da tramitación dos expedientes comprobarán que estes reúnen tódolos requisitos recollidos nesta orde e procederán a reclamarlles por escrito ós interesados, para que nun prazo de dez días acheguen cantos datos, documentos complementarios e aclaracións se consideren necesarios para poder resolve-lo expediente, coa indicación de que, se así non o fixesen, se considerarán desistidos da súa petición, e se procederá conforme o establecido no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 11º.-Comisión de valoración.

1. Unha vez revisados os expedientes e, se fora o caso, completados, remitiranse no caso de solicitudes relativas a servicios sociais de atención primaria á comisión central de valoración e á comisión provincial no caso de solicitudes relativas a servicios sociais de atención especializada.

2. A composición da comisión de valoración será a seguinte:

a) Nos servicios centrais:

-Presidente: director xeral de Servicios Comunitarios e Inclusión Social.

-Vicepresidente: subdirector xeral de Inclusión Social e Cooperación coas Corporacións Locais.

-Vocais: dous funcionarios da dirección xeral designados pola conselleira por proposta do director xeral de Servicios Comunitarios e Inclusión Social. Actuará como secretario un dos vocais.

-Poderá asistir un representante da Intervención Delegada, con voz pero sen voto.

b) Nos servicios provinciais:

-Presidente: secretario da delegación provincial da Consellería de Asuntos Sociais.

-Vicepresidente: xefe do Servicio de Axudas e Programas.

-Vocais: dous funcionarios da delegación provincial da Consellería de Asuntos Sociais designados polo seu titular. Actuará como secretario un dos vocais.

-Poderá asistir un representante da Intervención Territorial, con voz pero sen voto.

Se por calquera causa, no momento en que a comisión de valoración teña que examina-las solicitudes, algún dos seus compoñentes non puidese asistir, será substituído polo funcionario que para o efecto desig

ne o seu presidente e, sempre que fose posible, o dito nomeamento deberá recaer nun funcionario do mesmo servicio có substituído.

3. A comisión de valoración terá en conta os criterios expresados no artigo 7 do Decreto 240/1995, do 28 de xullo, regulador da atención primaria:

-Adecuación á planificación xeral da Xunta de Galicia.

-Sometemento ó control da Administración autonómica das partidas orzamentarias dedicadas ó financiamento dos centros e programas que se van subvencionar.

-Esforzo orzamentario feito polos concellos en materia de servicios sociais.

4. A comisión poderá aceptar a trámite as solicitudes que non acrediten o cumprimento do requisito expresado no artigo 8.2º c) referente á participación do concello no orzamento total da obra que se vaia realizar, sempre que se xustifique adecuadamente, ó xuízo desta.

Artigo 12º.-Resolución.

1. A resolución das axudas, dos servicios sociais de atención primaria, por proposta da comisión de valoración e unha vez fiscalizadas pola Intervención Delegada, corresponderalle á conselleira de Asuntos Sociais, dado que a rede pública municipal de servicios sociais de atención primaria, financiada con cargo ó convenio-programa subscrito co Ministerio de Traballo e Asuntos Sociais, é de ámbito supraprovincial, debendo garantirse unhas prestacións mínimas en condicións de igualdade en todo o territorio da Comunidade Autónoma.

2. A resolución das axudas, dos servicios sociais de atención especializada, por proposta da respectiva comisión provincial de valoración e unha vez fiscalizadas pola Intervención Territorial, corresponderalle ós titulares das delegacións provinciais da Consellería de Asuntos Sociais, conforme o establecido no Decreto 88/1990, do 15 de febreiro, e a Orde do 19 de decembro de 2001, da Consellería de Asuntos Sociais, sobre delegación de competencias en órganos centrais e periféricos da consellería.

3. As resolucións recaídas serán motivadas e notificaranse ás corporacións locais para a execución da axuda outorgada, no prazo de seis meses contados a partir do día seguinte ó da publicación desta orde. Se vencese o prazo máximo para resolver sen que recaese resolución expresa, os interesados poderán entender desestimadas as súas pretensións por silencio administrativo.

4. As resolucións expresas ou presuntas que se dicten ó amparo desta orde poñerán fin á vía administrativa e contra elas poderá interpoñerse recurso potestativo de reposición, no prazo dun mes contado a partir da notificación da resolución, ante o mesmo órgano que as dictou, de acordo co previsto no artigo 116 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, segundo a redacción dada pola Lei 4/1999, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo, de conformidade co

establecido nos artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdicción contencioso-administrativa, no prazo de dous meses a contar desde a súa notificación e sen prexuízo de que os interesados poidan executar calquera outro que estimen oportuno.

Artigo 13º.-Modificación da resolución de concesión.

1. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención, e en todo caso a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións públicas ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

2. Así mesmo, poderá acordarse a modificación da resolución da axuda, por instancia do beneficiario, sempre que se cumpran os requisitos do artigo 12.2º do Decreto 287/2000.

Sen prexuízo do establecido no artigo anterior e con carácter excepcional, poderanse efectuar resolucións complementarias fóra do prazo establecido, cando non fose posible efectualas dentro del, e existan fondos dispoñibles.

3. Será de aplicación ós beneficiarios das axudas recollidas nesta orde, o réxime de infraccións e sancións previsto no Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, conforme o procedemento establecido no capítulo VII do Decreto 287/2000.

Artigo 14º.-Xustificación e pagamento das subvencións.

1. De conformidade co establecido no Decreto 287/2000 e conforme o acordo do Consello da Xunta de Galicia do 4 de abril de 2002, o pagamento das axudas para mantemento e realización de programas poderá realizarse nos seguintes prazos:

a) O primeiro, do 30% da totalidade da subvención, no momento da súa concesión. Para facer efectivo este anticipo, deberá presentarse certificado da corporación local da achega municipal, diferenciando a parte que corresponde á atención primaria da dos servicios especializados.

b) O seguinte 50% da subvención, sempre que se presente certificación emitida polo órgano competente, de que os gastos realizados en persoal, mantemento, axuda a domicilio e realización de programas superan o 80% da cantidade concedida para cada concepto, agás no caso de que nesta data se poida xustificar que o concello realizou un gasto igual ou superior á cantidade concedida para cada concepto; neste caso procederase ó aboamento do 100% da subvención tal como se especifica no punto seguinte.

c) O 20% restante, unha vez presentada polo concello certificación expedida, polo órgano competente, de que foi realizado un gasto igual ou superior

á axuda concedida en cada un dos conceptos subvencionados.

2. En todo caso, o concello deberá emitir nun prazo de 20 días contados a partir da recepción da cantidade correspondente, certificación expedida polo órgano competente, acreditativa de que foi rexistrado na súa contabilidade o ingreso da subvención, figurando co destino final para o que foi concedida.

3. As actuacións subvencionables deberán realizarse dentro deste exercicio. Cando algunha das prestacións non se desenvolva na súa totalidade, por circunstancias que se acreditarán nos documentos correspondentes á avaliación do proxecto financiado, os remanentes de crédito que puidesen existir ó remate do exercicio, quedarán adscritos ó mesmo programa de actuación, de forma improrrogable, para o exercicio inmediato seguinte.

4. Para subvencións de capital, a data límite de xustificación do investimento é o 30 de novembro de 2002.

5. Os beneficiarios no momento da xustificación da execución total do proxecto e, en calquera caso, antes do derradeiro pagamento, presentará unha declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas, tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes, para un mesmo proxecto, das administracións públicas competentes ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades.

6. A falta de presentación de documentación requirida nesta orde entenderase como renuncia á subvención concedida e, logo de audiencia do interesado, procederase conforme o disposto no artigo 42 da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común e ocasionará, ademais, a imposibilidade de prorroga-los proxectos para futuros exercicios.

7. No suposto de subvencións para gastos de investimento, deberase presentar ademais, certificación emitida polo órgano competente da corporación local, sobre a realización do mencionado investimento e expresiva dos importes investidos ou executados na acción subvencionada.

Artigo 15º.-Reintegro das axudas concedidas.

1. Non se poderá esixi-lo pagamento da axuda concedida e procederá ó reintegro total ou parcial da contía percibida xunto ós xuros de demora devengados desde o momento do seu pagamento nos seguintes casos:

a) Incumprimento da obriga de xustificación.

b) Obtención da subvención sen reuni-los requisitos esixidos para a súa concesión.

c) Incumprimento da finalidade para a que foi concedida a subvención.

d) Incumprimento das condicións impostas ás entidades colaboradoras e beneficiarios con motivo da concesión da axuda ou subvención pública.

2. Igualmente procederá ó reintegro do exceso percibido nos supostos no que o importe da axuda, illadamente ou en concorrencia con subvencións ou axudas doutras administracións públicas e doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, supere o custo da actividade que vai desenvolve-lo beneficiario.

3. A tramitación do correspondente expediente de reintegro levarase conforme o procedemento establecido no artigo 20 do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia.

4. As cantidades que teñan que reintegra-los beneficiarios terán a consideración de ingresos de dereito público e será de aplicación para o seu cobro o disposto nos artigos 19 ó 23 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro.

Artigo 16º.-Control.

1. Os beneficiarios someteranse ás actuacións de control que efectúe a Consellería de Asuntos Sociais para o seguimento dos proxectos aprobados, co fin de garantir que as prescricións contidas no convenio-programa para o desenvolvemento das prestacións básicas de servicios sociais sexan respectadas.

2. As corporacións locais beneficiarias de axudas quedan obrigadas a remitir á Consellería de Asuntos Sociais, no prazo dun mes desde que se lles requirise, cantos informes e documentos se consideren precisos para acredita-lo cumprimento da finalidade obxecto da subvención concedida e ó cumprimento dos requirimentos que se establezan en materia de coordinación sociosanitaria.

3. Así mesmo, as entidades locais beneficiarias quedan sometidas ó control financeiro que corresponda á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e ás previstas na lexislación do Consello de Contas.

4. Neste sentido os beneficiarios teñen a obriga de facilitar toda a información que lles sexa requirida pola Intervención Xeral, Consello de Contas ou Tribunal de Contas, no exercicio da súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Autorízase o director xeral de Servicios Comunitarios e Inclusión Social para dicta-las normas que sexan necesarias para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 4 de abril de 2002.

Corina Porro Martínez

Conselleira de Asuntos Sociais