Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 68 Martes, 09 de abril de 2002 Páx. 4.525

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 19 de febreiro de 2002, da Delegación Provincial da Coruña, pola que se dispón o depósito e a publicación, no Diario Oficial de Galicia, do convenio colectivo da empresa Casas Móvil, S.A.

Visto o expediente do convenio colectivo da empresa Casas Móvil, S.A. (código convenio 1501352), que tivo entrada na delegación provincial o día 5-2-2002 (e que foi complementado con data 15-2-2002), subscrito en representación da parte económica polos representantes da empresa Casas Móvil, S.A., e da parte social polos delegados de persoal o día 14-12-2001, de conformidade co disposto no artigo 90.2º e 3º do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, Real decreto 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo e Real decreto 2412/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servicios da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia, en materia de traballo, esta delegación provincial,

ACORDA:

Primeiro.-Ordena-la súa inscrición no libro de rexistro de convenios colectivos de traballo, obrante desta delegación provincial e notificación ás representacións económica e social da comisión negociadora.

Segundo.-Ordena-lo depósito do citado acordo no Servicio de Relacións Laborais, Sección de Mediación, Arbitraxe e Conciliación.

Terceiro.-Dispoñe-la súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

A Coruña, 19 de febreiro de 2002.

P.S. (Decreto 161/2000, do 29 de xuño)

Ana Lado Eiriz

Secretaria provincial da Coruña

Convenio colectivo empresa Casas Móvil, S.A.

Artigo 1º.-Ámbito de aplicación.

As normas deste convenio serán de aplicación a tódolos traballadores da empresa Casas Móvil, S.A. NIF A15123318 sita na estrada de Arteixo, km 3 -ArteixoA Coruña.

Artigo 2º.-Normas complementarias.

En todo o non pactado expresamente neste convenio, será de aplicación a Lei 8/1980, do Estatuto dos traballadores, os convenios colectivos provincial e nacional da industria siderometalúrxica e demais disposicións vixentes.

Artigo 3º.-Vixencia, denuncia e prórroga.

O convenio entrará en vigor con tódolos seus efectos a partir do 1 de xaneiro de 2001, e terá vixencia ata o 31 de decembro de 2001.

Con un mes de antelación ó menos ó termo da súa vixencia, calquera das partes poderá denuncialo, notificándoo á autoridade competente e póndoo en

coñecemento da outra parte, por medio de carta certificada ou outra forma fidedigna. As partes comprométense a constituí-la comisión negociadora no prazo máximo dun mes.

Caso de non ser denunciado, entenderase prorrogado por períodos anuais, ben que as condicións económicas se incrementarán na contía prevista para este ano do IPC.

Artigo 4º.-Complemento de transporte.

Establécese un complemento de transporte de 5.109 pesetas ó mes, segundo as táboas salariais adxuntas, descontándose 243 pesetas por cada día laborable que se falte ó traballo, salvo nos supostos seguintes:

a) En caso de accidente de traballo.

b) En caso de enfermidade, percibirase os sete primeiros días, descontándose o resto.

c) En caso de hospitalización, en canto dure, incluída a convalecencia.

d) Cando a falta ó traballo se deba á aceptación de horas sindicais.

Artigo 5º.-Antigüidade.

a) Establécese un complemento salarial por este concepto de 2.780 pesetas mensuais por cada quinquenio de permanencia na empresa. No conxunto do quinquenio incluiranse o período de aprendizaxe. Os quinquenios comezarán a devengarse a partir do primeiro de mes en que se cumpra.

b) A letra a) do presente artigo 5º non terá efecto para os contratos asinados con posterioridade ó 1 de xaneiro de 1998; manténdose vixente para os asinados con anterioridade a esta data.

Artigo 6º.-Gratificacións extraordinarias.

Establécense dúas gratificacións, unha de Nadal e outra de verán, que se farán efectivas, a primeira delas antes do día 20 de decembro e a segunda antes do 15 de xullo. Consistirán ambas nunha mensualidade de salario, complemento de asistencia e antigüidade, incrementadas, cada paga, en 12.423 pesetas. Este incremento de doce mil catrocentas vinte tres pesetas cada paga extra convense para o exercicio do ano 2001, e será negociable no próximo convenio en función das ratios de productividade conseguidas no ano actual.

Artigo 7º.-Axudas de custo.

Tódolos traballadores que, por necesidades do servicio, teñan que desprazarse a municipios distintos do centro de traballo, percibirán unha axuda de custos de 3.079 pesetas día.

Os días de saída devengarán idéntica axuda de custos, e o de chegada reducirase á metade se pernoita no seu domicilio, a menos que tivese de efectua-las dúas comidas principais fora.

Se os gastos orixinados exceden o importe da axuda de custos, o exceso deberá ser aboado pola empresa, logo de xustificación dos traballadores.

Artigo 8º.-Xornada de traballo.

Será de 1.804 horas efectivas de traballo, en cómputo anual, segundo o calendario oficial de festas.

Se por disposición oficial ou por acordo sectorial se modificase a xornada, automaticamente quedará modificado o convenio neste punto.

Con data 31 de decembro a empresa presentará ós membros do comité de empresa unha proposta de calendario laboral para o seguinte ano.

Artigo 9º.-Premio ou complemento de asistencia e puntualidade.

Para premia-la asistencia e puntualidade, establécese un premio ou complemento para tódalas categorías de 475 pesetas por día de traballo.

Dada a condición deste premio ou complemento:

1. Só se devengará por día efectivo de traballo.

2. Pérdese o premio ou complemento dun día por:

2.1. Unha falta ó traballo.

2.2. Dous atrasos.

2.3. Dúas omisións do ticado ou control de entrada.

2.4. A ausencia ó traballo (total ou parcial) sen xustificar.

3. Pérdese o premio ou complemento do mes por:

3.1. Tres faltas ó traballo (excepto por enfermidade).

3.2. Seis omisións do ticado ou control de entrada.

3.3. Seis atrasos.

3.4. Tres faltas leves.

3.5. Dúas faltas graves.

3.6. Unha falta moi grave.

Para os efectos anteriores considerarase:

1. Atrasos:

1.1. As horas exactas de entrada e saída indicaranse mediante os sinais que a empresa estableza.

Os traballadores deberán encontrarse nos seus postos de traballo ó darse os sinais de principio e fin de xornada.

O incumprimento destes requisitos suporá a consideración de atraso, abandono de posto de traballo ou simulación de presencia doutro traballador.

2. A falta parcial ó traballo:

2.1. Todo ticado ou control de entrada que exceda de trinta minutos sobre o horario de entrada e saída durante a xornada laboral, excepto nas causas xustificadas.

Artigo 10º.-Horas extraordinarias.

Ante a grave situación de paro existente e co obxectivo de favorece-la creación de emprego, ámbalas partes acordan a conveniencia de reducir ó mínimo indispensable as horas extraordinarias consonte os seguintes criterios:

1. Horas extraordinarias motivadas por forza maior, entendendo por tales as que veñan esixidas pola necesidade de reparar sinistros e outros danos extraordinarios e urxentes, así como en caso de risco de perda de materias primas: realización.

2. Horas extraordinarias estructurais: mantemento.

A fin de clarifica-lo concepto de horas extraordinarias estructurais, entenderanse como tales as necesarias por períodos imprevistos ou períodos punta de producción, ausencias imprevistas, cambios

de quenda ou outras circunstancias de carácter estructural derivadas da actividade de que se trate, sempre que non poidan ser substituídos pola utilización das distintas modalidades de contratación previstas legalmente, podendo ser compensadas por un tempo equivalente de descanso, en lugar de seren retribuídas monetariamente, sempre que o traballador o acepte.

A cotización por horas extraordinarias motivadas por causa de forza maior e polas estructurais, realizarase de acordo co previsto no parágrafo 2º do artigo 7 do R.D. 1/1985, do 5 de xaneiro, e a Orde do 15 de xaneiro de 1985.

Tamén en relación ó obxectivo de estimula-la creación de emprego a través da reducción de horas extraordinarias, as partes coincidiron na importancia do estricto cumprimento do artigo 35 do Estatuto dos traballadores.

Terán a consideración de horas extraordinarias as que se realizan sobre a xornada laboral ordinaria. Aboaranse cun incremento de polo menos un 75% que correspondería a cada hora ordinaria.

A iniciativa do traballo en horas extraordinarias corresponderá á dirección da empresa e a libre aceptación do traballador, salvo no referente a horas extraordinarias estructurais ou debidas a causas de forza maior, que se realizarán obrigatoriamente.

O número de horas extraordinarias non poderá ser superior a oitenta ó ano. O Goberno poderá reducir ou suprimi-lo número máximo de horas extraordinarias por tempo determinado, con carácter xeral ou para certas ramas de actividades ou ámbitos territoriais para incrementa-las oportunidades de colocación dos traballadores en paro forzoso.

Non se terá en conta, para efectos da duración máxima da xornada laboral, nin para o cómputo do número máximo das horas extraordinarias autorizadas, o exceso das traballadas para previr ou reparar sinistro ou outros danos extraordinarios e urxentes, sen prexuízo do seu aboamento como se se tratase de horas extraordinarias.

A dirección da empresa informará mensualmente os delegados de empresa sobre o número de horas extraordinarias realizadas, especificando as causas, e, se é o caso, a distribución por seccións. Así mesmo, en función desta información e dos criterios máis arriba sinalados, a empresa e os representantes legais dos traballadores notificarano mensualmente á autoridade laboral, para efectos de dar cumprimento ó establecido na normativa vixente sobre cotización á Seguridade Social.

Artigo 11º.-Vacacións.

Establécese un período anual de trinta días naturais de vacacións, retribuídas pola totalidade das percepcións; non obstante este período poderá fraccionarse cando a empresa e os traballadores ou os seus representantes así o acorden.

As vacacións deberán desfrutalas obrigatoriamente dentro de cada ano natural, non podendo ser compensadas en metálico nin acumuladas por anos sucesivos.

Artigo 12º.-Licencias retribuídas.

A tódolos traballadores que o soliciten logo de xustificación da súa necesidade, seralle concedida licencia sen perda de retribución polos motivos e períodos seguintes:

a) Por casamento do traballador catorce días laborables, en caso de que un dos cónxuxes sexa o propio traballador, e un día natural se o foran irmáns, fillos ou pais.

b) Por nacemento dun fillo tres días laborables, ampliables a un máis cando o traballador necesite realizar un desprazamento para tal efecto.

c) Por falecemento de pais, pais políticos, avós, fillos, netos, cónxuxe e irmáns, tres días laborables, ampliable a un máis cando o traballador teña que realizar un desprazamento.

d) Por falecemento de irmáns políticos e fillos políticos: dous días naturais.

e) Por enfermidade grave de pais, pais políticos, avós, fillos e cónxuxe: dous días laborables.

f) Por enfermidade grave de fillos políticos: dous días naturais.

g) Por traslado do seu domicilio habitual: un día.

h) Por tempo necesario para acudir a consulta médica da Seguridade Social co límite establecido no número cinco do artigo 60 da Ordenanza laboral para as empresas siderometalúrxicas, xustificándoo adecuadamente.

Tamén terán dereito aqueles traballadores que o soliciten a dous días de licencia sen soldo por enfermidade ou defunción de familiares da liña recta ascendente ou descendente sen limitación ou colaterais ata o segundo grao de consanguinidade ou afinidade.

i) Por asuntos propios: dous días laborables ó ano sen dereito a percepción ningunha.

Artigo 13º.-Respecto de dereito, compensación e absorción.

Respectaranse tódolos traballadores as situacións persoais actualmente consolidadas en canto determinen maiores dereitos que os concedidos por este convenio respecto das materias obxecto de regulación.

Artigo 14º.-Percepcións en caso de ILT.

Os traballadores en situación de ILT orixinada por enfermidade común, percibirán unha compensación económica que complete a prestación da Seguridade Social, ata o cen por cen dos conceptos salariais máis antigüidade nos seguintes termos:

a) Nos sete primeiros días de baixa, completarase en todo caso.

b) Desde o día oitavo ata dous meses de baixa, completarase a prestación só a criterio da empresa.

c) A partir dos dous meses ata un ano, a empresa completarao necesariamente.

O empresario poderá verifica-lo estado de enfermidade ou accidente do traballador que sexa alegado por este para xustifica-las súas faltas de asistencia

ó traballo, mediante o seu recoñecemento a cargo do persoal médico.

En caso de accidente laboral, percibirán unha compensación económica que complete a prestación da Seguridade Social ata o cen por cen dos conceptos salariais máis antigüidade desde o primeiro día de baixa.

A negativa do traballador a este recoñecemento poderá determina-la suspensión do complemento.

Artigo 15º.-Aviso previo de cesamento.

Os traballadores que voluntariamente causen baixa na empresa deberán comunicalo cunha anticipación mínima de quince días, en caso contrario poderán descontarse da liquidación os días de atraso na notificación.

Artigo 16º.-Axuda por xubilación.

Os traballadores que se xubilen como mínimo á idade regulamentaria de 65 anos, percibirán un premio consistente nunha mensualidade se levan na empresa de cinco a dez anos de antigüidade, se levase de dez a vinte anos de antigüidade, percibirán dúass mensualidades, se levasen de vinte anos de antigüidade en diante, percibirán unha mensualidade por cada quinquenio, ata un máximo de cinco mensualidades.

Artigo 17º.-Xubilación especial ós 64 anos.

As partes acordan recomendar ós traballadores afectados polo presente convenio a utilización do sistema especial de xubilación ós 64 anos, ó 100 por 100 dos dereitos pasivos, con simultánea contratación doutros traballadores desempregados rexistrados nas oficinas de emprego, en número igual ó de xubilacións anticipadas que se pacten, por calquera das modalidades de contrato vixentes na actualidade, excepto as contratacións a tempo parcial, ou contrato de duración determinada por circunstancias de mercado, acumulación de tarefas ou exceso de pedidos que regula o artigo 15.1º b do Estatuto dos traballadores e tendendo ó máximo legal respectivo, sempre e cando legalmente se estableza tal posibilidade de xubilación especial ós 64 anos, en consonancia co antes sinalado,

Artigo 18º.-Seguro de vida.

A empresa concertará unha póliza ou renovará a xa existente, garantindo ós traballadores ou beneficiarios a percepción de 1.620.000 de pesetas en caso de morte, sexa por morte natural ou por accidente, e en caso de invalidez absoluta.

Os traballadores que causen alta na empresa durante a vixencia deste convenio, serán incluídos no seguro unha vez que superen o período de proba.

A efectividade deste artigo páctase pola vixencia do presente convenio.

Artigo 19º.-Comisión mixta.

Será un órgano de interpretación, arbitraxe e vixilancia do cumprimento do convenio, coas seguintes funcións específicas:

1) Interpretación auténtica do convenio.

2) Vixilancia do cumprimento do pactado.

3) Seguimento da evolución das relacións entre as partes contratantes.

4) Entender en cantas cuestións tendan á maior eficacia práctica do convenio.

As resolucións adoptadas de mutuo acordo terán carácter vinculante. En caso de dúbida, a comisión elevará a consulta á autoridade laboral competente.

Artigo 20º.-Roupa de traballo.

A empresa, ademais de proporcionar ós seus obreiros tódolos elementos de protección que determina a ordenanza de traballo, subministrarán a cada productor dúas fundas de traballo ó seu ingreso na empresa e, transcorrido un ano de servicio, entregarán un máis, e outro cada seis meses, contando desde este ano, debendo ter esta roupa as iniciais ou indicativos da empresa. Así mesmo, facilitaranse dúas toallas ó ano.

Artigo 21º.-Cláusula de revisión.

A revisión das táboas salariais ou outro concepto económico non será modificada nin á alza nin á baixa durante 2001. Calquera modificación económica para o ano 2002 tomará como base o índice de prezos de consumo (IPC), subministrado pola Administración.

Artigo 22º.-Cota sindical.

A empresa procederá ó desconto da cota sindical, nos termos establecidos na Lei orgánica de liberdade sindical.

Artigo 23º.-Cambio de convenio.

As partes comprométense a adherirse ó convenio colectivo provincial para as empresas siderometalúrxicas da provincia da Coruña, por solicitude dunha das partes contratantes, logo notificación á outra parte, cun prazo dun mes de anticipación. Dado que o presente convenio de empresa se concibe como unha totalidade indivisible, unha vez producida a adhesión quedará sen validez en tódolos seus termos, tanto sociais como económicos, sen que os traballadores poidan alega-la subsistencia dalgún deles como condición máis beneficiosa.

Cláusula adicional

Primeira.

As partes comprométense a destinar no próximo convenio colectivo o 60% dos aumentos que se pacten a incrementa-los conceptos e as súas táboas anexas, destinándose o 40% restante a prima-la productividade en función dos datos obtidos.

Segunda.

Coo obxecto de elaborar unha ficha de datos de cada traballador desta empresa, estes deberán achega-lo seguinte:

-Fotografía tipo DNI actual.

-Domicilio do traballador.

-Teléfono da súa casa ou, cando for o caso, un teléfono para avisos de urxencia.

-A ser posible grupo sanguíneo do traballador para casos de transfusións.

-Alerxias a calquera tipo de antibiótico ou medicinas.

Acordos complementarios ó convenio colectivo

Ano de 2001.

Durante a vixencia do convenio colectivo de 2001 páctase expresamente a submisión das partes ás seguintes normas, salvo que su contido fose modificado en sentido máis favorable ós traballadores, por algunha disposición oficial ou pactada.

Norma 1ª.-Traballos de categoría superior.

Tódolos traballadores, en caso de necesidade, poderán ser destinados a categoría superior co salario que corresponde á súa nova categoría, reintegrándose ó seu antigo posto cando cese a causa que motivou o seu cambio.

Este caso non pode ser de duración superior a catro meses ininterrompidos, debendo o traballador, ó cabo deste tempo, volver ó seu antigo posto e categoría.

Cando un traballador realice durante catro meses consecutivos traballos de categoría superior, respectarase o seu salario na categoría superior, ocupando a vacante se lle correspondese de acordo coas normas sobre ascenso ou, en caso contrario, reintegrándose ó seu primitivo posto de traballo, ocupando aquela vacante quen corresponda.

Non obstante o exposto nos parágrafos anteriores, no caso de un traballador ocupar un posto de categoría superior durante doce meses alternos, consolidará o salario desa categoría a partir dese momento, sen que isto supoña necesariamente a creación dun posto de traballo desta categoría.

Os tres parágrafos anteriores non son aplicables nos casos de substitución por servicio militar, enfermidade, accidente de traballo, permisos ou ocupacións de cargos oficiais, caso en que a substitución comprenderá todo o tempo que duren as circunstancias que o motivasen.

Norma 2ª.-Rexistro do persoal.

Establécese a obriga de levar rexistro xeral de persoal dentro de cada empresa.

Como mínimo deberán figurar nel os datos correspondentes a todos e cada un dos seus traballadores que a continuación se detallan:

1. Nome e apelidos.

2. Data de nacemento do traballador.

3. Data de ingreso do traballador na empresa.

4. Cargo ou posto que ocupa.

5. Categoría profesional á que está inscrito.

6. Data de nomeamento ou promoción desa categoría.

7. Salario base correspondente á dita categoría.

8. Número de orde derivado da data de ingreso.

Norma 3ª.-Complemento toxicidade, penalidade ou perigosidade.

A excepcional penalidade, toxicidade ou perigosidade nos traballos quedará normalmente comprendida na valoración de postos de traballo e na fixación dos valores dos incentivos.

Cando non quede comprendida noutros conceptos salariais, aboarase ó persoal que teña de realizar aqueles labores unha bonificación do 20% sobre o seu salario base. A bonificación reducirase á metade se se realiza o traballo excepcionalmente tóxico, penoso ou perigoso durante un período superior a sesenta minutos de xornada, sen exceder de media xornada.

Naqueles supostos nos que moi singularmente concorrese de modo manifesto a excepcional penalidade, a toxicidade e a marcada perigosidade superior ó risco normal da industria, o 20% pasará a se-lo 25% se concorresen dúas circunstancias das sinaladas, e o 30% se fosen as tres.

Se por mellora das instalacións ou procedemento desaparecesen as condicións de penalidade, toxicidade ou perigosidade no traballo, unha vez confirmada a desaparición destas causas pola autoridade competente, deixará de aboarse a citada bonificación, podendo impugnarse a decisión adoptada de acordo co procedemento legal.

A falta de acordo entre empresa e traballadores respecto á cualificación de traballo penoso, tóxico ou perigoso, será resolta pola xurisdicción do social segundo sentencia do Tribunal Supremo do 18 de xullo de 1991.

Norma 4ª.-Participación dos traballadores.

A empresa respectará o dereito de tódolos traballadores a se sindicaren libremente, admitirá que os traballadores afiliados a un sindicato poidan celebrar reunións fóra de horas de traballo, e sen perturba-la actividade normal das empresas, non poderán suxeita-lo emprego dun traballador á condición de que non se afilie ou renuncie á súa afiliación o actividade sindical.

Táboa salarial ano 2001

S. base

x14

C. asis.

x14

C. tpte.

x12

Incent.

x12

S. mesS. ano

Tit. superior151.706 9.960 5.109 29.911 196.685 2.707.502
Tit. medio146.493 9.960 5.109 29.911 191.473 2.634.526
Xefe vendas134.027 9.960 5.109 29.911 179.007 2.460.001
Xefe posvendas134.027 9.960 5.109 29.911 179.007 2.460.001
Xefe advº 1ª134.027 9.960 5.109 29.911 179.007 2.460.001
Xefe advº 2ª131.788 9.960 5.109 29.911 176.768 2.428.653
Oficial advº 1ª121.527 9.960 5.109 24.747 161.344 2.223.043
Oficial advº 2ª116.804 9.960 5.109 19.583 151.456 2.094.945
Oficial advº 3ª110.925 9.960 5.109 16.144 142.138 1.971.371
Aux. advº 1ª110.925 9.960 5.109 16.144 142.138 1.971.371
Aux. advº 2ª108.314 9.960 5.109 16.144 139.527 1.934.820
Contable125.622 9.960 5.109 24.747 165.438 2.280.372
Xefe almacén134.027 9.960 5.109 29.911 179.007 2.460.001
Xefe taller134.027 9.960 5.109 29.911 179.007 2.460.001
Mestre taller133.614 9.960 5.109 24.747 173.430 2.392.257
Vendedor 1ª121.527 9.960 5.109 24.747 161.344 2.223.043
Vendedor 2ª116.804 9.960 5.109 19.583 151.456 2.094.945
Vendedor 3ª110.925 9.960 5.109 16.144 142.138 1.971.371
Oficial 1ª taller115.681 9.960 5.109 24.747 155.498 2.141.201
Oficial 2ª taller113.672 9.960 5.109 19.583 148.323 2.051.087
Oficial 3ª taller111.122 9.960 5.109 16.144 142.335 1.974.127
Dependente111.675 9.960 5.109 21.309 148.052 2.043.845
Dependente menor108.449 9.960 5.109 21.309 144.826 1.998.681
Especialista110.624 9.960 5.109 13.562 139.255 1.936.177

S. base

x14

C. asis.

x14

C. tpte.

x12

Incent.

x12

S. mesS. ano

Chofer camión115.681 9.960 5.109 24.747 155.498 2.141.201
Chofer turismo113.650 9.960 5.109 22.165 150.883 2.081.766
Probador115.681 9.960 5.109 24.747 155.498 2.141.201
Lavado e engr.108.806 9.960 5.109 13.562 137.437 1.910.722
Recepcionista115.681 9.960 5.109 24.747 155.498 2.141.201
Mozo e peón108.783 9.960 5.109 12.698 136.550 1.900.030
Telefonista108.405 9.960 5.109 19.583 143.056 1.977.349

Notas: as pagas extras= (salario base + complemento de asistencia + antigüidade + 12.423) por paga.

Antigüidade 2.780 por quinquenio.