Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 67 Luns, 08 de abril de 2002 Páx. 4.491

VI. ANUNCIOS

OUTROS ANUNCIOS

SOCIEDADE DE IMAXE E PROMOCIÓN TURÍSTICA DE GALICIA, S.A.

ANUNCIO do 8 de marzo de 2002 para a convocatoria dunha praza de persoal laboral fixo para a Sociedade de Imaxe e Promoción Turística de Galicia, S.A.

A Sociedade de Imaxe e Promoción Turística de Galicia, S.A. anuncia a convocatoria para a contratación laboral fixa da seguinte praza:

A. Posto: adxunto/a Área de Edicións e Publicacións (REF: ADE-TUR).

1. Funcións principais: baixo a supervisión do xefe de área, desempeñará labores relacionados coa elaboración de edicións turísticas así como a supervisión das publicacións destinadas á promoción turística, entre outras.

2. Prazas: 1-xornada completa.

3. Requisitos:

-FP II ou equivalente.

-Coñecemento específico sobre recursos turísticos de Galicia.

-Dominio de inglés e galego falado e escrito.

-Dominio de Word'2000, Excel'2000 e Access'2000.

4. Valorarase:

-Coñecemento doutros idiomas.

-Coñecemento de aplicacións informáticas e tratamento de imaxes e/ou maquetación.

-Currículum vitae.

-Experiencia profesional no sector turístico.

-Experiencia profesional en edicións.

5. Probas que hai que realizar:

-Proba oral e escrita de inglés e galego.

-Proba de informática (Word'2000, Excel'2000, Access'2000).

-Proba de coñecementos turísticos (anexo I).

-Entrevista persoal.

B. Documentación que hai que presentar:

-Currículum vitae.

-Fotografía tamaño carné.

-Documentación orixinal ou fotocopia compulsada que acredite a titulación esixida, así como a formación complementaria e/ou experiencia que se desexe xuntar para ser valorada, así como certificado de vida laboral.

C. Lugar e prazo de presentación de solicitudes:

-As solicitudes faranse chegar a Turgalicia-Área Económica e de Persoal. Estrada Santiago-Noia, km 3, A Barcia 15896 Santiago de Compostela, indicando no sobre a referencia do posto ó que se opta.

-O prazo de presentación de solicitudes será de 10 días naturais contados a partir do seguinte ó da publicación deste anuncio no Diario Oficial de Galicia.

D. Selección:

Expirado o prazo de presentación de solicitudes, o comité de selección designado para a praza ofertada publicará as listas previas de admitidos e excluídos no proceso de selección.

O mecanismo de selección desta praza consistirá na realización das probas especificadas no punto A.5. cunha puntuación máxima do 50% sobre o total posible, valoración de méritos cunha puntuación máxima do 40% e unha entrevista persoal cunha puntuación máxima do 10%.

E. Elaboración de listas para a cobertura de prazas temporais:

A lista da praza convocada, ordenada pola suma das puntuacións de cada un dos exercicios superados polos candidatos, con todos aqueles aspirantes que

aprobasen alomenos as dúas primeiras probas do proceso de selección, utilizarase para a cobertura de prazas temporais da mesma categoría, que poidan ir xurdindo na sociedade, conforme o establecido no artigo 7.2º da Lei 10/1996, do 5 de novembro, de actuación de entes e empresas nas que ten participación maioritaria a Xunta de Galicia, en materia de persoal e contratación.

Para a contratación de persoal laboral da lista mencionada no parágrafo anterior, Turgalicia instará o primeiro da lista, mediante telegrama, para que compareza nas súas dependencias, e, se é o caso, acepte a praza ofertada. No caso de non presentarse, entenderase que renuncia a ela, procedéndose por parte da sociedade ó chamamento do seguinte da lista, decaendo, o candidato que renunciou a praza, de tódolos dereitos que puidesen derivarse da súa participación neste proceso.

Os candidatos que sexan chamados para unha contratación serán excluídos das listas durante o tempo de duración do contrato, e, una vez finalizado este, pasarán a ocupa-lo mesmo lugar que tiñan na lista no caso de contratos de duración inferior a seis meses, e pasarán ó derradeiro lugar da lista no caso de contratos superiores a seis meses.

En tódolos contratos temporais superiores a seis meses, establecerase un período de proba.

Santiago de Compostela, 8 de marzo de 2002.

Heriberto Verdés Vilaseca

Director xerente da Sociedade de Imaxe

e Promoción Turística de Galicia, S.A.

ANEXO I

Adxunto/a área de edicións e publicacións

1. Folclore. Romarías e festas populares. Feiras. Crenzas.

2. A gastronomía. Os viños. Principais aspectos da cociña e da viticultura de Galicia. Festas gastronómicas.

3. Áreas naturais no litoral: rías, illas e praias, zonas húmidas e areais, acantilados.

4. Áreas naturais de interior: as montañas, os vales fluviais, os bosques e lagoas.

5. Costa norte e rías altas. Especial significación da Costa da Morte.

6. As rías baixas.

7. A Galicia interior.

8. Arquitectura relixiosa en Galicia. Estilos arquitectónicos.

9. Arquitectura civil e popular. Usos e estilos.

10. Historia de Galicia. Principais feitos históricos.

11. Rutas turísticas. Amplo coñecemento do Camiño de Santiago.

12. Infraestructura turística. Turismo rural, interior e costa.