Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 65 Xoves, 04 de abril de 2002 Páx. 4.291

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

INSTITUTO GALEGO DE PROMOCIÓN ECONÓMICA

RESOLUCIÓN do 25 de marzo de 2002 pola que se lle dá publicidade ó acordo do Consello de Dirección do Instituto Galego de Promoción Económica, que aproba a modificación das bases reguladoras das axudas deste instituto para os programas de apoio á continuidade e mellora competitiva da PEME galega.

O Consello de Dirección do Igape, na súa reunión do 13 de xullo de 2001 aprobou as bases reguladoras das axudas do Igape para os programas de apoio á continuidade e mellora competitiva da PEME galega, publicadas mediante Resolución do 13 de xullo de 2001 (DOG nº 142, do 23 de xullo).

Co fin de procurar un acercamento gradual ó proceso de elaboración dos diagnósticos empresariais, estímase conveniente a habilitación dun período transitorio para os anos 2002 e 2003, nos que a presentación dun diagnóstico previo non sexa un requisito imprescindible para acomete-los proxectos de mellora competitiva para as Pemes, incentivando non obstante a súa elaboración a través da axeitada graduación da axuda.

Na súa virtude e de conformidade coas facultades que teño conferidas,

RESOLVO:

Único.- Publica-la modificación das bases reguladoras das axudas do Igape para os programas de apoio á continuidade e mellora competitiva da PEME galega, acordada polo Consello de Dirección do instituto na súa reunión do 5 de marzo de 2002, engadindo nas ditas bases a seguinte disposición:

Disposición transitoria

Coa intención de que as Pemes galegas poidan face-lo esforzo de diagnose e planificación estratéxica progresivamente, habilítase un período transitorio ata final de 2003, no que o diagnóstico empresarial esixido para acceder ás axudas á implantación de melloras competitivas non será obrigatorio. Durante este período, o diagnóstico empresarial formará parte dos criterios preferentes de concesión e, polo tanto, a súa presentación como fundamento das propostas de acción incrementará significativamente a intensidade da axuda que se conceda ós proxectos aprobados.

A presente resolución entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 25 de marzo de 2002.

Margarita Rodríguez Rama

Directora xeral do Instituto Galego

de Promoción Económica