Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 54 Venres, 15 de marzo de 2002 Páx. 3.486

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

ESCOLA GALEGA DE ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

RESOLUCIÓN do 11 de marzo de 2002 pola que se convocan unhas Xornadas sobre o municipio desde a perspectiva do século XXI.

Dentro do Plan de actividades da Escola Galega de Administración Pública para 2002 e de acordo coas funcións atribuídas pola Lei 4/1987, do 27 de maio, de creación da escola, e pola Lei 10/1989, do 10 de xullo, de modificación da anterior, convócanse unhas Xornadas sobre o municipio desde a perspectiva do século XXI, convocatoria que se desenvolverá conforme as seguintes bases:

1. Obxectivos.

Realizar unha análise exhaustiva da realidade municipal desde diferentes perspectivas (xurídica, política, sociolóxica, económica ...) coa finalidade de coñece-los retos e desafíos que deben afronta-los entes locais no inaugurado século XXI.

2. Contido.

Trataranse estes temas:

-A autonomía local na Constitución española. Proxección administrativa e financeira deste principio constitucional.

-A articulación do ordenamento europeo, estatal e autonómico na configuración do réxime xurídico do municipio.

-As competencias municipais: delimitación legal e realidade práctica.

-A xestión dos servicios locais: novos retos.

-A cooperación provincial na prestación de servicios de competencia municipal: situación actual e perspectivas de futuro.

-A función pública local: situación actual e perspectivas de futuro.

-O financiamento municipal e a suficiencia financeira das facendas locais.

-Estratexias para o desenvolvemento comarcal en Galicia.

-Os pactos locais autonómicos: particularidades da Comunidade Autónoma de Galicia.

-Propostas e iniciativas municipais para o futuro inmediato.

-Relacións das entidades locais co Estado e as comunidades autónomas. Consecuencias para os municipios e as provincias da integración na Unión Europea.

-A situación económico-financeira das entidades locais a través das súas contas. Incidencia da Lei de estabilidade orzamentaria nas entidades locais.

3. Destinatarios.

Persoal ó servicio da Xunta de Galicia e da Administración local galega e interesados en xeral.

4. Desenvolvemento.

-Horario: mañá e tarde.

-Lugar e datas: as xornadas convocadas desenvolveranse no salón de actos da Delegación Provincial da Consellería da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública na Coruña (praza de Pontevedra, s/n, da citada cidade) os días 9 e 10 de abril de 2002.

5. Inscrición.

-Prazo: remata o venres, día 5 de abril de 2002.

-Tramitación de solicitudes: as solicitudes irán dirixidas ó director da Escola Galega de Administración Pública, polígono das Fontiñas, rúa de Madrid, 2-4, 15707 Santiago de Compostela, segundo o modelo que figura como anexo a esta convocatoria, e presentaranse no rexistro xeral da EGAP ou por calquera das formas previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Admitiranse tamén inscricións por telefax: 981 54 63 30.

-Número de prazas: limitado á capacidade do local.

-Inscrición fóra de prazo: só se admitirán, de quedaren prazas baleiras, coa condición de que se cumpran os requisitos xerais antes indicados.

Os peticionarios poderán obter confirmación da súa posible admisión, chamando por teléfono, o día 8 de abril, de 8.30 a 14:30 horas, ós seguintes números: 981 54 62 39/44 ou 981 54 60 40.

6. Modificacións.

A EGAP reserva para si a facultade de interpretar e de resolve-las incidencias que puidesen xurdir no desenvolvemento das xornadas, así como a de cancelalas, se o escaso número de solicitudes non xustificase a súa realización.

7. Certificación de asistencia.

Entregaráselles, ó remate destas xornadas, a aquelas persoas inscritas que concorresen asiduamente a elas, cando a súa asistencia sexa igual ou superior ó 85% das horas lectivas programadas, e expresarase, neste documento, a natureza da actividade e as datas da súa realización.

Santiago de Compostela, 11 de marzo de 2002.

Domingo Bello Janeiro

Director da Escola Galega de Administración Pública

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA, RELACIÓNS INSTITUCIONAIS

E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA