Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 50 Luns, 11 de marzo de 2002 Páx. 3.277

IV. OPOSICIÓNS E CONCURSOS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

RESOLUCIÓN do 20 de febreiro de 2002, da Dirección Xeral de Persoal, pola que se convoca o procedemento de acreditación para o exercicio da dirección nos centros docentes públicos non universitarios.

A Orde do 21 de maio de 1996 estableceu as normas xerais para a realización de convocatorias anuais co fin de que os profesores con destino nos centros públicos docentes no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia poidan solicita-la acreditación para o exercicio da dirección e participar nas eleccións que para estes efectos se convoquen.

Na súa virtude, esta dirección xeral resolveu convoca-lo procedemento de acreditación para o exercicio da dirección nos centros públicos docentes no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, de acordo coas seguintes bases:

Primeira.-Convocatoria.

Convócase procedemento de acreditación para o exercicio da dirección nos centros docentes públicos no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia.

Segunda.-Requisitos de participación.

1. Ser funcionario de carreira, en situación de servicio activo, dos corpos ou escalas sinalados pola Lei orgánica 1/1990, do 3 de outubro.

2. Ter destino nun centro na actualidade dependente da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

Terceira.-Solicitudes.

1. Os participantes no presente procedemento formalizarán a solicitude de instancia axustada ó modelo recollido no anexo I a esta resolución.

2. O prazo de presentación das solicitudes será de vinte días naturais contados a partir do seguinte ó da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

3. A solicitude, xunto coa documentación sinalada no punto seguinte, presentarase na delegación da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria da provincia na que preste servicios o solicitante.

4. Xunto coa solicitude os interesados presentarán:

a) Documentación acreditativa do requisito de formación ou de titulación.

b) Certificación do centro no que exerceu funcións directivas coa especificación do cargo directivo e do tempo de desempeño deste, para a valoración do traballo desenvolvido no exercicio dos cargos correspondentes ós órganos unipersoais de goberno.

Cuarta.-Comisións de acreditación.

1. En cada delegación provincial constituirase unha comisión de acreditación, designada polo delegado provincial correspondente, que estará composta por:

-O inspector xefe do Servicio de Inspección Educativa da respectiva provincia, que actuará como presidente.

-Dous inspectores do servicio de Inspección Educativa da mesma provincia.

-Dous directores de centros públicos docentes da Comunidade Autónoma de Galicia de entre os acreditados para este cargo e que fosen elixidos polos respectivos consellos escolares de centro.

2. As comisións de acreditación serán nomeadas e constituiranse no prazo de cinco días naturais a partir do día seguinte ó da publicación desta resolución.

Por cada comisión titular será nomeada unha comisión suplente.

3. As comisións de acreditación, unha vez constituídas, terán a súa sede oficial nas dependencias da delegación provincial da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

Quinta.-Fases do procedemento.

O procedemento de acreditación consta de dúas fases:

1. Fase primeira.

Nesta fase as comisións de acreditación comprobarán que os aspirantes reúnen os requisitos de formación ou de titulación, previstos no artigo 3.2º a) do Decreto 176/1996, do 17 de maio.

a) A xustificación documental, tanto do requisito de formación como do requisito de titulación, farase da forma indicada no anexo II a esta resolución.

b) As comisións de acreditación, logo da comprobación de que os solicitantes reúnen o requisito de formación ou o de titulación, publicarán nos taboleiros de anuncios das delegacións provinciais a relación provisional de aspirantes que xustificaron estar en posesión do requisito correspondente. Esta publicación realizarase nos cinco días naturais seguintes ó remate do prazo de presentación de solicitudes.

Contra esta resolución, os interesados poderán reclamar ante o presidente da comisión de acreditación, na delegación provincial correspondente, no prazo de dez días naturais a partir do seguinte ó da súa publicación no taboleiro de anuncios.

Unha vez revisadas as reclamacións presentadas, as comisións de acreditación farán pública a relación definitiva dos aspirantes que reúnen o requisito de formación ou de titulación, dentro dos cinco días seguintes ó remate do prazo de reclamación.

Contra a resolución definitiva os interesados poderán interpor recurso de alzada, no prazo dun mes, ante o delegado provincial, que porá fin á vía administrativa.

c) De acordo co establecido no artigo 4.1º da Orde do 21 de maio de 1996, as comisións de acreditación expedirán certificacións acreditativas da formación ou titulación requirida de acordo co modelo recollido no anexo I da citada orde, para os efectos de que os profesores que non superen a segunda fase do procedemento poidan facelo valer en sucesivas convocatorias.

d) A superación da primeira fase é requisito para pasar á segunda fase.

2. Fase segunda.

a) Nesta fase realizarase a valoración do traballo desenvolvido polos solicitantes tendo en conta as obrigas e as tarefas propias do labor docente e do cargo que, se é o caso, desempeñasen.

b) A valoración da práctica docente recollerá, ademais do labor docente, as actividades relacionadas con el, as iniciativas para melloralo, as actividades relacionadas coa coordinación pedagóxica, a participación na vida do centro, a atención ó alumnado e ás súas familias.

c) A valoración do traballo desenvolvido no exercicio dos cargos correspondentes ós órganos unipersoais do goberno considerará a eficacia na organización dos recursos, a participación na elaboración e posta en práctica das liñas educativas do centro, así como as iniciativas adoptadas que contribuísen á mellora da calidade do ensino impartido no centro. Teranse en conta as competencias establecidas en cada cargo e as características e o contexto socio-educativo do centro.

d) A valoración desta segunda fase corresponderá á Inspección Educativa. Cada inspector será o responsable da valoración do profesorado dos centros que teña asignados; a valoración realizarase segundo o procedemento establecido no artigo 6.2º da Orde do 21 de maio de 1996. Os profesores que estean en destinos non relacionados directamente coa docencia serán valorados polos inspectores que determine a Subdirección Xeral de Inspección Educativa.

e) O Servicio Provincial de Inspección Educativa remitiralle ó solicitante, antes do 26 de abril de 2002, por correo certificado e con xustificante de recepción, o informe final no que consignará a puntuación total obtida en cada un dos puntos do baremo do anexo II á citada orde.

O profesor, en caso de desacordo, poderá reclamar ante o inspector xefe do Servicio de Inspección Educativa da respectiva provincia, no prazo de dez días

naturais desde a recepción do informe. As reclamacións serán resoltas nun prazo de cinco días naturais e o resultado da resolución deberalles ser comunicado ós interesados.

Contra esta resolución, poderá interpoñerse recurso de alzada, no prazo dun mes, ante o delegado provincial, que porá fin á vía administrativa.

O inspector responsable da valoración remitiralle á comisión de acreditación correspondente os certificados de valoración, segundo o modelo publicado como anexo III á Orde do 21 de maio de 1996.

Sexta.-Resolución.

1. As comisións de acreditación, á vista dos certificados de valoración da inspección educativa, farán pública nos taboleiros de anuncios das delegacións provinciais, antes do 10 de maio de 2002, unha lista provisional de candidatos que, por teren superadas as dúas fases do procedemento, obteñan a acreditación para o exercicio da dirección.

Contra esta resolución, os interesados poderán reclamar nun prazo de dez días ante a mesma comisión. A comisión de acreditación resolverá no prazo de cinco días.

Unha vez resoltas as reclamacións presentadas, a comisión de acreditación fará pública a resolución definitiva coa relación de candidatos acreditados. Contra a resolución definitiva, os interesados poderán interpor recurso de alzada, no prazo dun mes, ante o delegado provincial, o que esgotará a vía administrativa.

2. O delegado provincial expedirá o documento de acreditación para o exercicio da dirección ó que fai referencia o artigo 2.2º do Decreto 176/1996 ós profesores acreditados pola comisión de acreditación e pertencentes ó seu ámbito provincial, de acordo co modelo do anexo IV á Orde do 21 de maio de 1996.

3. A acreditación para o exercicio da dirección será requisito imprescindible para ser candidato a director nos centros docentes públicos que impartan ensinanzas non universitarias. Así mesmo, permitirá que o interesado poida ser designado director nos termos establecidos no artigo 20 da Lei orgánica 9/1995.

Sétima.-Recurso.

Contra a presente resolución os interesados poderán interpor recurso contencioso-administrativo, no prazo de dous meses, contados a partir da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, perante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

Santiago de Compostela, 20 de febreiro de 2002.

Severino Somoza Gómez

Director xeral de Persoal