Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 48 Xoves, 07 de marzo de 2002 Páx. 3.117

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 22 de febreiro de 2002 pola que se anuncian cursos de iniciación e de perfeccionamento de lingua galega para mestres e profesores de primaria, secundaria, de ensinanzas especiais e de formación profesional dos centros públicos, privados e privados concertados da Comunidade Autónoma de Galicia.

Tanto a Lei 3/1983, de normalización lingüística, coma o Decreto 247/1995, que a desenvolve no tocante ó ensino non universitario, buscan, por unha parte, que os alumnos vaian acabando cada unha das etapas do ensino cun dominio semellante do galego e do castelán, e, por outra, que o galego sexa a lingua de uso habitual non só da Administración educativa, senón tamén das actividades de relación, organizativas e culturais dos centros educativos.

Para axudar a isto cómpre contar cun profesorado que coñeza e domine o galego dun xeito suficiente non só para imparti-las clases no idioma propio de Galicia, senón tamén para facelo coa calidade que axude a mellora-lo dominio que desa lingua teñen os alumnos.

A promoción e o ensino da lingua galega correspóndenlle á Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, tal e como o determinan os decretos 213/1998, polo que se establece a estructura orgánica da propia consellería, e o 247/1995, antes citado. Consecuentemente, é labor desa consellería a organización dos cursos e das actividades formativas precisas para que o persoal ó seu servicio acade o necesario dominio oral e escrito do idioma galego.

Por todo isto, a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria

DISPÓN:

Artigo 1º

1. Anúncianse cursos de iniciación e de perfeccionamento de lingua galega para mestres e profesores de primaria, secundaria, de ensinanzas especiais e de formación profesional, dos centros públicos, privados e privados concertados da Comunidade Autónoma de Galicia, que se celebrarán naquelas localidades que determine a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, a través da Dirección Xeral de Política Lingüística, segundo as solicitudes presentadas e a súa distribución xeográfica.

2. O gasto ocasionado pola celebración destes cursos financiarase con cargo á partida 07.06.353E.640.2 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2002 por unha contía máxima de 40.568 A (corenta mil cincocentos sesenta e oito euros), e estará condicionado pola existencia de crédito adecuado e suficiente na correspondente lei orzamentaria, actualmente en trámite parlamentario.

En todo caso, a realización dos cursos estará sometida á condición suspensiva de existencia de crédito axeitado e suficiente, tal e como o establece a Orde do 11 de febreiro de 1998 pola que se regula a tramitación anticipada de expedientes de gastos, modificado pola Orde do 27 de novembro de 2000.

3. As retribucións correspondentes son, por analoxía ou similitude, as establecidas na Orde do 18 de xuño de 1990 (DOG do 4 de xullo).

Artigo 2º

1. Os cursos impartiranse durante o ano 2002. A data de comezo, o lugar de celebración e o horario determinaraos a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, a través da Dirección Xeral de Política Lingüística.

2. Os cursos terán unha duración de 75 horas e responderán ós contidos sinalados na Orde do 1 de marzo de 1989, pola que se regulan os cursos de iniciación e de perfeccionamento.

3. A asistencia ás clases é obrigatoria. A ausencia de cada un dos asistentes non poderá ser superior ó 10% da duración total do curso.

4. A avaliación que se realice nestes cursos deberá responder ós principios de formativa e continua e terá en conta o dominio oral e escrito do idioma, para isto efectuaranse as probas necesarias. Ó remate de cada curso, ós asistentes que teñan superadas as distintas fases da avaliación outorgaráselles un certificado coa cualificación de apto.

Artigo 3º

1. As solicitudes presentaranse, utilizando o modelo de formulario que figura como anexo a esta orde, no rexistro das respectivas delegacións provinciais da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, ou ben por calquera dos medios que recolle o artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. O prazo de presentación será o dos vinte días hábiles seguintes ó da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

3. Sobre a admisión das solicitudes resolverá a correspondente delegación provincial da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

Contra esta resolución os interesados poderán interpoñer recurso de alzada perante o conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria no prazo dun mes, contado a partir da súa notificación, segundo o disposto nos artigos 114 e 115 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999.

De non recaer resolución expresa no prazo de seis meses, que se contarán desde a publicación desta convocatoria no DOG, as solicitudes entenderanse desestimadas.

Artigo 4º

1. O número de asistentes a cada curso será de 35 como máximo e de 20 como mínimo.

2. Para acceder ó curso de perfeccionamento será requisito indispensable ter aprobado o curso de iniciación (ou telo validado segundo o establecen as respectivas ordes da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria). Ó formulario de solicitude unirase unha copia compulsada da correspondente certificación ou validación.

Artigo 5º

Tódalas actividades que se realicen nos cursos faranse en galego e ateranse, no tocante á normativa e ó uso correcto do idioma (tal e como determina a disposición adicional da Lei 3/1983, de normalización lingüística), ó establecido pola Real Academia Galega.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Autorízase o director xeral de Política Lingüística para dictar, no ámbito das súas competencias, as resolucións que sexan necesarias para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 22 de febreiro de 2002.

Celso Currás Fernández

Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria