Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 47 Mércores, 06 de marzo de 2002 Páx. 3.014

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 20 de febreiro de 2002 pola que se aproban as bases que rexerán o concurso público de axudas de desprazamento para a realización de prácticas de campo recoñecidas nos plans de estudios correspondentes ás titulacións autorizadas pola Xunta de Galicia nas universidades galegas.

O Estatuto de autonomía de Galicia, no seu artigo 31, establece como competencia plena da Comunidade Autónoma de Galicia a regulación e administración do ensino en toda a súa extensión, niveis e graos, modalidades e especialidades, no ámbito das súas competencias.

O Real decreto 1754/1987, do 18 de decembro (BOE do 19 xaneiro de 1988, DOG do 17 de febreiro), transferiulle á Comunidade Autónoma competencias en materia de universidades. Estas competencias foron asumidas pola Comunidade Autónoma e asignadas á Consellería de Educación no Decreto 62/1988, do 17 de marzo (DOG do 8 de abril). A Lei 11/1989, do 20 de xullo (DOG do 16 de agosto), de ordenación do sistema universitario de Galicia, determina a cons

titución do sistema universitario de Galicia con tres universidades: a Universidade da Coruña, a de Santiago de Compostela e a de Vigo.

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, a través da Dirección Xeral de Universidades, está a levar adiante unha política de asistencia económica ós estudiantes que queda concretada en diversas accións, co obxecto de favorecer, dentro das limitacións orzamentarias, a calidade, a competencia, a igualdade de oportunidades e a excelencia no rendemento académico.

Estas accións son incompatibles con calquera outra destinada a ese mesmo fin por algunha das administracións públicas competentes ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades.

Polo que antecede, esta consellería

DISPÓN:

Artigo 1º.-Obxecto e solicitude.

Convócanse axudas de desprazamento para a realización de prácticas de campo recoñecidas nos plans

de estudios correspondentes ás titulacións autorizadas pola Xunta de Galicia nas tres universidades galegas, para o curso académico 2001/2002.

Poderán solicitar estas axudas os responsables das universidades, decanos ou directores de centros universitarios das tres universidades galegas: A Coruña, Santiago de Compostela e Vigo, que teñan recollidas nos plans de estudios das titulacións autorizadas e impartidas no seu centro, como mínimo, un 20% de horas prácticas de campo para realizaren os alumnos.

En ningún caso se poderá admitir máis dunha solicitude por titulación por universidade.

Artigo 2º.-Orzamento e contía.

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria financiará estas axudas con cargo á partida orzamentaria 07.05.322C.441.0 dos orzamentos prorrogados da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2002, cunha contía máxima de 34.258 euros.

A contía das axudas será repartida en subvencións individualizadas por centros para cada titulación que se solicite, non podendo superar en ningún caso cada subvención individualizada o teito de 1.953,29 euros.

No caso daqueles centros universitarios ós que no curso académico 2000/2001 se lles concedese unha axuda e non fose xustificada total ou parcialmente, aplicaráselles unha reducción, que será fixada pola comisión avaliadora, sobre o importe concedido.

Artigo 3º.-Solicitudes e documentación.

1. As solicitudes, segundo modelo ED425A que se publica como anexo á presente orde, asinada polos responsables das universidades, decanos ou directores dos centros universitarios correspondentes, presentaranse no rexistro xeral da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, dirixidas á Dirección Xeral de Universidades-Subdirección Xeral de Universidades (edificio administrativo San Caetano, s/n, 15704 Santiago de Compostela) ou ben en calquera dos centros previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, (BOE do 14 de xaneiro) para a presentación de instancias. Se no uso deste dereito a solicitude é remitida por correo, presentarase en sobre aberto para que sexa datada e selada polo funcionario de correos antes de certificala.

2. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ó da publicación desta convocatoria no DOG.

3. As solicitudes deberán ir acompañadas da seguinte documentación:

a) Memoria breve cun máximo de dous folios, na que se indique o tipo de prácticas que se van realizar,

a súa importancia na formación dos alumnos, o lugar onde se realizarán e unha estimación dos custos para os que se solicita a axuda, así como a especificación do período de tempo (inicio e remate) de realización das prácticas.

b) Declaración xurada do conxunto de tódalas solicitudes efectuadas ou concedidas para este fin, das distintas administracións publicas competentes.

Artigo 4º.-Período e selección.

As actividades que se subvencionan nesta convocatoria serán realizadas durante o curso académico 2001/2002.

A selección farase en función do interese das prácticas e a distancia quilométrica desde o centro universitario ata o lugar da súa realización.

Artigo 5º.-Tramitación.

Unha vez comprobado que tódalas solicitudes reúnen os requisitos establecidos nesta orde de convocatoria exporanse as listas provisionais das solicitudes admitidas e excluídas por documentación nos taboleiros de anuncios da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, nas súas delegacións provinciais, e nos vicerrectorados de estudiantes das tres universidades galegas, sinalando, se é caso, as causas de exclusión.

Así mesmo, estas listas tamén poderán ser consultadas na páxina web da Xunta de Galicia- Consellería de Educación e Ordenación Universitaria www.xunta.es/ceoug/dxu/.

As listas provisionais estarán expostas desde o día 25 de abril ó 7 de maio do presente ano. Os interesados poderán, durante ese mesmo prazo, formula-las reclamacións para emendar erros e faltas de documentación ante a Dirección Xeral de Universidades presentando, se é o caso, a documentación necesaria.

Transcorrido este prazo sen que se emenden as causas de exclusión arquivarase o expediente sen máis trámite.

Artigo 6º.-Comisión avaliadora.

A selección dos candidatos será realizada por unha comisión avaliadora integrada por:

* Presidente: o director xeral de Universidades ou, por delegación o subdirector xeral de Universidades.

* Vocais:

-Vicerrector de Estudiantes da Universidade da Coruña.

-Vicerrectora de Estudiantes da Universidade de Santiago de Compostela.

-Vicerrector de Docencia e Alumnado da Universidade de Vigo.

-Un funcionario do Servicio de Apoio e Orientación ós Estudiantes Universitarios.

* Secretario: un funcionario da Dirección Xeral de Universidades, que actuará con voz e voto.

Artigo 7º.-Resolución.

Efectuada a selección pola comisión, esta elevará, a través da Dirección Xeral de Universidades, un informe-proposta ó conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, quen resolverá. Contra esta resolución, que esgota a vía administrativa, os interesados poderán interpoñer recurso potestativo de reposición perante o conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria no prazo dun mes a partir do día seguinte ó da publicación da resolución no DOG, segundo o disposto nos artigos 116 e 117 da Lei 4/1999 (BOE do 14 de xaneiro), de modificación da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou ben directamente o recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

Artigo 8º.-Pagamento.

Para os efectos de pagamento, o decano, director do centro universitario ou persoa competente deberá entrega-la seguinte documentación de conformidade co artigo 15 do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia, na Dirección Xeral de Universidades, antes do 11 de outubro de 2002, os documentos xustificativos nos que se expliquen os gastos realizados con cargo á axuda percibida, e a declaración xurada complementaria do conxunto das axudas solicitadas para a mesma finalidade, tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución, das distintas administracións públicas competentes ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades.

Para o pagamento das axudas convocadas na presente orde, e de acordo co estipulado no artigo 41 da Lei 4/2000, do 27 de decembro, dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia e Decreto 401/2001, do 28 de decembro, polo que se regula a prórroga dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia do ano 2001 para o exercicio de 2002, poderase acordar no momento da concesión un anticipo de pagamento de ata un 80% e librarase

o 20% restante no momento da completa xustificación por parte do beneficiario do cumprimento da finalidade e demais condicións coas que lle foi concedida.

Disposicións adicionais

Primeira.-A concesión de axudas reguladas nesta orde terá como límite global o crédito asignado nos orzamentos para este fin.

Segunda.-O incumprimento total ou parcial de calquera das condicións establecidas na presente orde constituirá causa determinante de revogación da axuda e do seu reintegro polo beneficiario ou solicitante, segundo o disposto nos artigos 4 e 19 do Decreto 287/2000, do 21 de novembro (DOG do 11 de decembro), polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia.

Terceira.-Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención, e en todo caso a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

Cuarta.-Se por calquera causa, no momento en que a comisión avaliadora teña que examina-las solicitudes, algún dos compoñentes non puidesen asistir, será substituído pola persoa que para o efecto se nomee. O dito nomeamento deberá recaer noutra persoa da dirección xeral, ou da universidade correspondente, en virtude da súa representación.

Quinta.-Para os efectos establecidos no artigo 10 do Decreto 287/2000, do 21 de novembro (DOG do 11 de decembro), polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia, o prazo máximo para resolve-las solicitudes correspondentes ás accións especificadas nesta orde será de seis meses, contados a partir da publicación desta convocatoria no DOG.

As solicitudes entenderanse desestimadas de non dictarse resolución expresa no prazo sinalado no parágrafo anterior.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Autorízase o director xeral de Universidades para dicta-las disposicións necesarias para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-A presente orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no DOG.

Santiago de Compostela, 20 de febreiro de 2002.

Celso Currás Fernández

Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria